Časlaŭ Sipovič

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Časlaŭ Sipovič
Biskup Sipovich u biblijatecy.jpg
Bispo da Igrexa Católica Bielorrusa
(Igrexa Católica)
Biografía
Nacemento8 de decembro de 1914 en Dziedzinek, Polonia
Pasamento4 de outubro de 1981 en Londres
Ordes
Ordenación sacerdotal16 de xuño de 1940
Consagración episcopal4 de agosto de 1960, por Ivan Buchko
Visitador apostólico para os fieis grecocatólicos bielorrusos no exterior
1960 - 1981
PredecesorBoļeslavs Sloskāns (tamén para rusos, letóns e estonianos)
SucesorUladzimir Tarasievič
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

Časlaŭ Sipovič[1] (en bielorruso Часлаў Сіповіч), nado o 8 de decembro de 1914 en Dziedzinka (hoxe na rexión de Viciebsk, Belarús; entón parte do Imperio Ruso), e finado o 4 de outubro de 1981 en Londres (Reino Unido), foi un bispo da Igrexa Católica Bizantina Bielorrusa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos, estudos e sacerdocio[editar | editar a fonte]

Časlaŭ Sipovič naceu o 8 de decembro de 1914 en Dziedzinka, unha pequena vila do noroeste de Belarús, e foi o maior dos oito fillos que tiveron os seus pais, un matrimonio católico. Segundo o seu irmán menor, herdou da súa nai o amor pola lingua bielorrusa.[2]

Manifestou inclinación para o sacerdocio dende moi novo, e en 1928 entrou na escola superior levada por sacerdotes bielorrusos da Congregación dos Padres Marianos na vila de Druja.[2] Nove anos despois, en 1933, deixou os estudos para entrar no noviciado de dita congregación, e logo de facer votos temporais volveu aos estudos. Marchou posteriormente á Universidade de Vilnius para prepararse para o sacerdocio, até que en 1938, nas vacacións de verán, o goberno da Segunda República de Polonia expulsou de Druja aos relixiosos e aos estudantes bielorrusos, por consideralos unha ameaza para o estado.[3] Aos estudantes negóuselles tamén a posibilidade de continuar os seus estudos na Universidade, polo que parte deles marchou a Varsovia, e outra parte a Roma a continuar alí os seus estudos. O mesmo Sipovič foi un deles, e tomou entón a decisión de adoptar o rito bizantino.[4]

En Roma foi ordenado sacerdote o 16 de xuño de 1940[5] por Aleksandr Evreinov, e posteriormente completou os seus estudos de Teoloxía na Pontificia Universidade Gregoriana en 1942, e posteriormente doutorouse no Pontificio Instituto Oriental cunha tese sobre o metropolita de Kiev Yason Smohozhevskyi.[4][6]

Co gallo da Segunda Guerra Mundial chegaron a Italia moitos refuxiados bielorrusos, entre eles dous sacerdotes: Leŭ Haroška e Piotr Tatarynovič. Os tres acudiron á Santa Sé para explicar as necesidades dos bielorrusos, e foi nomeado o letón Boļeslavs Sloskāns visitador apostólico para os bielorrusos.[7] Posteriormente, os sacerdotes dividíronse: Tatarynovič quedou en Roma, Haroška marchou a Francia e Sipovič marchou a Gran Bretaña.

Gran Bretaña[editar | editar a fonte]

Sipovič chegou a Inglaterra o 9 de abril de 1947, e alí fundou a Asociación de Bielorrusos en Gran Bretaña. Colaborou tamén na publicación da revista de espiritualidade bielorrusa "Božym šliacham" xunto con Haroška.[7] En outubro de 1947 foi estabelecida a Misión Católica Bielorrusa de Rito Bizantino en Inglaterra, e el foi nomeado o seu primeiro rector; e en 1954 foi un dos fundadores da Sociedade Anglo-Bielorrusa.[8]

Bispo e visitador apostólico[editar | editar a fonte]

Cartel da Capela Católica Bielorrusa dos Santos Pedro e Paulo, Londres, onde Sipovič finou en 1981.

En xaneiro de 1960 o bispo Boļeslavs Sloskāns, visitador apostólico para os bielorrusos no exterior, anunciou que por mor da súa saúde non podería seguir a exercer dito cargo, e comunicoulle ao papa Xoán XXIII a necesidade dun bispo bielorruso que lle substituíra.[9] Sipovič foi nomeado bispo titular de Mariamme en xullo de 1960,[5] e consagrado bispo en Múnic o seguinte 4 de agosto polo bispo greco-católico ucraíno Ivan Buchko,[5] visitador apostólico para os fieis ucraínos en Europa Occidental.[9]

O 2 de xullo de 1963, sen deixar os seus encargos anteriores, foi nomeado Superior Xeral da Congregación dos Padres Marianos, cargo que ocupou até a súa renuncia o 28 de xullo de 1969.[5] Participou tamén neses anos no Concilio Vaticano Segundo, onde foi parte da Comisión para os Relixiosos e da Comisión para a Reforma da lexislación canónica oriental. Viaxou arredor do mundo, visitando tanto as casas da súa orde relixiosa como as comunidades bielorrusas na diáspora.[9]

Á súa volta, Sipovič dedicouse á creación da Francis Skaryna Byelorrussian Library and Musseum, que abríu as súas portas en 1971.[10] Foi unha figura senlleira da diáspora bielorrusa no Reino Unido, e membro fundador da Asociación de Bielorrusos en Gran Bretaña. Non últimos dez anos da súa vida a súa saúde empeorou, e tivo que reducir as súas viaxes, dedicando moito tempo a escribir, destacando a súa publicación en 1978 dun análise da Liturxia Pontifical de San Xoán Crisóstomo en eslavo eclesial e latín.[10] Logo da institución da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental (Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo) por Paulo VI, foi nomeado membro da mesma.[11]

O bispo Sipovič finou o 4 de outubro de 1981, poucos meses despois dunha operación de próstata que se lle complicara seriamente, e momentos despois de celebrar a Divina Liturxia na capela dos santos Pedro e Paulo. Está enterrado no cemiterio de St Pancras e Islington, en Londres.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tamén Ceslao Sipovic, Ceslaus Sipovich, Ceslaus Sipovitch e Czesław Sipowicz.
  2. 2,02,1 Nadsan, 1981, p.5.
  3. Nadsan, 1981, p.7.
  4. 4,04,1 Nadsan, 1981, p.8.
  5. 5,05,15,25,3 "Bishop Ceslao Sipovic, M.I.C.". Catholic.Hierarchy.org (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 1914. 
  6. Transcrición do nome en lingua ucraína. Tamén citado como Jason (Junosza) Smogorzewski (polaco) e Jason Smaharžeǔski (transcrición do bielorruso).
  7. 7,07,1 Nadsan, 1981, p.9.
  8. Nadsan, 1981, p.10.
  9. 9,09,19,2 Nadsan, 1981, p.11.
  10. 10,010,1 Nadsan, 1981, p.12.
  11. Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo, ed. (1975). "Istituzione e composizione della Commissione" (PDF). Nuntia (Libreria Editrice Vaticana) (1): 11. OCLC 9237479. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Boļeslavs Sloskāns
 Visitador apostólico dos fieis greco-católicos bielorrusos no exterior 
1960 - 1981
Sucesor:
Uladzimir Tarasievič
Predecesor:
Stanislavs Škutāns
 Superior Xeral da Congregación dos Padres Marianos 
1963 - 1969
Sucesor:
Józef Sielski
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Časlaŭ_Sipovič&oldid=4982840"