1I/ʻOumuamua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Órbita de A/2017 U1.

1I/ʻOumuamua, previamente coñecido como A/2017 U1 e antes como C/2017 U1 (PANSTARRS), é un obxecto aparentemente interestelar que pasou a través do Sistema Solar. Foi descuberto nunha órbita altamente hiperbólica por Robert Weryk o 19 de outubro de 2017 mediante observacións feitas polo telescopio Pan-STARRS cando o obxecto estaba a 0,2 UA (uns 30 millóns de km) da Terra. Inicialmente pensouse que era un cometa, pero foi máis tarde reclasificado como un asteroide.

A excentricidade da órbita do obxecto, tras dúas semanas de observacións, estímase en 1,195±0,001, a maior xamais observada no Sistema Solar.[1] O récord anterior tíñao C/1980 E1, cunha excentricidade en saída de 1,057. A excentricidade de 2017 U1 tanto en entrada como en saída, indica que nunca estivo ligado ao Sistema Solar e que se trata de un obxecto seguramente interestelar.

O Centro de Planetas Menores da Unión Astronómica Internacional informa que creou un pequeno comité para a elaboración da nomenclatura de obxectos interestelares que atravesen o sistema solar, sendo este o primeiro obxecto da devandita nomenclatura tal como sinala a comunicación electrónica do 6 de novembro de 2017[2], que sinala as tres nomenclaturas oficiais do obxecto 1I ; 1I/2017 UI; 1I /¨Umuamua; 1I /2017 UI (¨Oumuamua). O número 1 indica que é o primeiro obxecto da serie, a letra I indica que é un obxecto interestelar, o nome Oumuamua, que foi elixido por lo equipo Pan-STARRS, é de orixe hawaiana e reflicte o feito de que este obxecto é coma un explorador ou mensaxeiro enviado dende un pasado distante ata o noso sistema solar ("ou" significa chegar para, e "mua", coa énfase ao colocar un segundo "mua", significa o primeiro). Polo tanto, podemos traducilo ao galego como 1I/"o mensaxeiro de lonxe que chegou o primeiro".

Observacións[editar | editar a fonte]

Animación amosando a traxectoria do obxecto.
Representación artísitca da posible forma do asteroide 1I/'Oumuamua. Considérase que é 10 veces máis longo que ancho.

O obxecto foi detectado cun exceso de velocidade hiperbólica de 26 km/s con respecto ao Sol e na dirección aproximada da estrela Vega, na constelación de Lyra, coincidente máis ou menos co apex solar, a dirección da que é máis probable que veña un obxecto interestelar.[3]

O 26 de outubro de 2017 descubriuse que o obxecto fora observado inadvertidamente no Catalina Sky Survey entre o 14 e o 17 de outubro. Un arco de observación de dúas semanas confirmou a natureza hiperbólica do obxecto.[4] O telescopio William Herschel, en observacións feitas o 25 de outuro, mostrou que o asteroide ten unha coloración vermella como a de múltiples obxectos do Cinto de Kuiper.

Por extrapolación da órbita, calcúlase que hai un século A/2017 U1 estaba a unhas 559 UA do Sol e movéndose a 26 km/s con respecto da nosa estrela. A velocidade do asteroide foi aumentando a medida que se achegaba ao Sol ata chegar a un máximo de 87,3 km/s no seu perihelio o 9 de setembro de 2017[5]. No momento do descubrimento a súa velocidade era de 46 km/s e seguirá diminuíndo ata chegar de novo aos 26 km/s no espazo interestelar, que é unha velocidade similar á das estrelas veciñas do Sol con respecto de este, o cal é outro indicio da súa orixe interestelar. A dirección de escape do asteroide está na dirección xeral da constelación de Pegasus.

Nun Conunicado Oficial do Observatorio Europeo Austral, publicado o 20 de novembro de 2017[6], a ESO notificou as observacións realizadas dende o Very Large Telescope (VLT), cando procedeu a determinar a órbita brillo e cor do 1I. Combinando as imaxes do instrumento FORS no VLT usando catro filtros diferentes dos doutros grandes telescopios, o equipo de astrónomos dirixido por Karen Meech (do Instituto de Astronomía de Hawaii, EE. UU.) descubriu que `Oumuamua varía dramaticamente de brillo nun factor de dez a 1 a medida que xira sobre o seu eixe cada 7,3 horas.

Karen Meech sinala no devandito comunicado que: "Esta variación inusualmente grande no brillo significa que o obxecto é moi alongado: arredor de dez veces máis longo que ancho, cunha forma complexa e complicada. Tamén descubrimos que ten unha cor vermello escuro, semellante a dos obxectos do Sistema Solar exterior, e confirmo que é completamente inerte, sen o mais mínimo rastro de po ao seu redor."

Estas propiedades suxiren que 'Oumuamua é un obxecto denso, posiblemente rochoso ou con alto contido de metal, carece de cantidades significativas de auga ou xeo, e que a súa superficie agora é escura e vermella debido aos efectos da irradiación dos raios cósmicos perante millóns de anos. Estimase que ten polo menos unha lonxitude de 400 metros.

Aínda que os cálculos orbitais preliminares suxeriron que procedía da dirección aproximada da estrela Vega, na constelación setentrional de Lyra, é preciso sinalar que incluso viaxando a unha velocidade vertixinosa de aproximadamente 95 000 quilómetros por hora, o obxecto interestelar 1I/ʻOumuamua tardou tanto en chegar ao sistema solar que Vega non estaba preto desa posición cando o asteroide pasou por alí fai uns 300 000 anos. 1I/ʻOumuamua ben puido ter vagado pola Vía Láctea, sen estar conectado a un sistema estelar, perante centos de millóns de anos antes do seu encontro fortuíto co Sistema Solar.

Outros astrónomos calculan que 1I/ʻOumuamua ten un radio duns 100 metros e unha lonxitude de ata 800 metros segundo informa o periodista cientifico Paul Voosen na revista Science [7].

Natureza asteroidal[editar | editar a fonte]

En tomas de longa duración feitas desde o Very Large Telescope, o obxecto non mostrou a presenza dunha coma, polo que pasou de denominarse C/2017 U1 (a denominación comezando por "C" resérvase aos cometas) a A/2017 U1.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bill Gray of Project Pluto, ed. (26 de outubro de 2017). "Pseudo-MPEC for A/2017 U1 (Fact File)". 
  2. "MPEC 2017-V17 : NEW DESIGNATION SCHEME FOR INTERSTELLAR OBJECTS". www.minorplanetcenter.net. Consultado o 16/11/2017. 
  3. Sky & Telescope (ed.). "Astronomers Spot First-Known Interstellar Comet". Consultado o 1 de novembro de 2017. 
  4. Jet Propulsion Laboratory (ed.). "JPL Small-Body Database Browser: C/2017 U1 (PANSTARRS)". Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2017. Consultado o 1 de novembro de 2017. 
  5. "Solar System’s First Interstellar Visitor Dazzles Scientists". nasa,gov. Consultado o 26/11/2017. 
  6. "eso1737es — Comunicado científico: Observaciones de ESO muestran que el primer asteroide interestelar no se parece a nada visto antes". www.eso.org. Consultado o 20/11/207. 
  7. "Updated: For the first time, astronomers are tracking a distant visitor streaking through our solar system". www.sciencemag.org. Consultado o 20/11/2017. 
  8. International Astronomical Union, ed. (25 de outubro de 2017). "MPEC 2017-U183: A/2017 U1" (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2017. 
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=1I/ʻOumuamua&oldid=4988353"