AC-173

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
AC-173
Tipoloxíaestrada urbana
RedeRede de estradas de Galicia
Lonxitude3,50 km
Localización
Inicio  N-VI  Perillo (Oleiros)
FinAC-172 Mera (Oleiros)
Entrada en Mera pola AC-173.

A AC-173 é unha estrada da rede secundaria de Galicia, que une as localidades oleiresas de Perillo e Mera, ao longo de 3,5 quilómetros, bordeando a costa occidental do concello de Oleiros.[1]

Percorrido[editar | editar a fonte]

A estrada, plenamente urbana, inicia o seu percorrido no lugar de Perillo, Oleiros, no límite coa Ponte da Pasaxe (N-VI). Pasa polos lugares de Santa Cristina, Bastiagueiro (onde separa o edifico central da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña e a súa pista de atletismo),[2] e o Porto de Santa Cruz, até o centro de Mera, onde empalma coa estrada AC-172.

Cambio de titularidade[editar | editar a fonte]

O 4 de agosto de 2017 a Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia dun treito da estrada AC-173 a prol do Concello de Oleiros, para a execución dunha glorieta de enlace da estrada Perillo-Mera (AC-173) coa provincial DP-5812, que une Meirás e Santa Cruz. Con esta actuación levarase a cabo unha reordenación completa do cruzamento das estradas AC-173 e DP-5812, para solucionar os problemas de tráfico existentes neste punto. Para realizar esta infraestrutura, consideráronse factores como os tráficos rodado e peonil ou o desenvolvemento urbano do ámbito da actuación.

O Concello de Oleiros encargouse da redacción do proxecto da rotonda, e da súa remisión á Axencia Galega de Infraestruturas para a súa conformidade. Ademais, xestionou os terreos necesarios e executou as obras.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, tal e como se citou anteriormente, asumiu o compromiso de financiar os gastos de execución das obras, polo que agora fixo efectiva a transferencia de titularidade deste treito, entre Perillo e Santa Cruz, comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 4+300, a prol do Concello de Oleiros. Esta cesión é coherente co seu tránsito ao longo de treitos urbanos e ademais favorecerá a explotación da vía dende o punto de vista municipal.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Construción de beirarrúas na estrada Perillo-Mera (AC-173), en Oleiros Arquivado 05 de setembro de 2018 en Wayback Machine., El Noticiero de Arteixo, 04-05-2010. Consultado o 5 de setembro de 2018.
  2. Campus de Bastiagueiro. Universidade da Coruña. Consultado o 5 de setembro de 2018.
  3. Xunta de Galicia. A Xunta transfire ao concello de Oleiros un treito da estrada AC-173 para a execución dunha glorieta. Consultado o 5 de setembro de 2018.
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=AC-173&oldid=5117958"