A praia dos afogados

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A praia dos afogados
Praia da Madorra - Nigrán - Galiza.jpg
Na praia da Madorra (Panxón) foi descuberto o cadáver de Xusto Castelo
Autor/aDomingo Villar
CubertaRaniero Fernández
OrixeGaliza
Linguagalego
Coleccióncolección literaria n.º 273
Xénero(s)Novela negra
Editorialeditorial Galaxia
Data de pub.abril 2009
Formatorústica
Páxinas504
ISBNISBN 978-84-9865-180-5
Precedido porOllos de auga
Seguido porCruces de pedra

A praia dos afogados é unha novela negra escrita por Domingo Villar, publicada por Editorial Galaxia en 2009. Está protagonizada polo inspector de policía Leo Caldas e é o segundo libro da serie, despois do seu debut con Ollos de auga.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O libro está dividido en 85 capítulos. Os títulos destes capítulos están formados por unha única palabra, da que se da a definición de dicionario ao comezo de cada un deles.

Argumento[editar | editar a fonte]

O inspector de policía vigués Leo Caldas recibe unha chamada onde o avisan da aparición na praia de Madorra, en Panxón, dun cadáver, aparentemente afogado. Crese que é un suicidio, e o inspector non lle dá moita importancia, ata que na autopsia se comproba que o xeito en que ten colocada a brida que lle ata as mans apunta a un asasinato.

Pouco a pouco vaise descubrindo que a súa morte está relacionada co naufraxio do pesqueiro Xurelo, acontecido 12 anos atrás. O barco tripulábano o falecido, Xusto Castelo, O Rubio, xunto con outros dous mariñeiros e mailo patrón. O barco foi a pique preto da illa de Sálvora, unha noite de temporal, e de xeito un pouco estraño. No naufraxio falecera o capitán, mentres que os tres mariñeiros sobreviventes, dos cales dous viven aínda en Panxón, non manteñen relación entre si e gardan un fondo silencio sobre o sucedido.

Ao longo do libro vanse atopando outras pistas que confirman que non foi un suicidio: a chalupa do falecido aparece ao outro lado de Monteferro, lonxe do cadáver; o morto ten un golpe na caluga posiblemente feito á mantenta; e mesmo gravacións dunha cámara de seguridade. Malia á reticencia dos mariñeiros locais para falar do acontecido, Leo Caldas tira dun fío que o leva á desaparición dunha muller en Aguiño a mesma noite do afundimento.

O inspector mirou cara arriba e, entre as pingas que escorrían polo cristal, viu o home peixe no alto do seu pedestal….p. 66

Paralelamente, Leo Caldas segue co seu programa de radio Patrulla nas ondas; tamén ten un papel importante, mesmo na resolución da trama, o seu pai, que está a coidar do seu irmán Alberte, gravemente enfermo no Hospital Xeral de Vigo.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Aparece nomeado varias veces o poeta Carlos Oroza, cliente habitual da mesma taberna á que acode Leo Caldas.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

O libro publicouse simultaneamente en galego e en castelán, en abril de 2009. A casa da edición galega foi Galaxia e a da castelá Siruela. En 2010 publicouse a edición en alemán co título de Strand der Ertrunkenen, traducida por Carsten Regling[1] e a italiana, co título de La spiaggia degli affogati, traducida por S. Cattaneo[2]. En 2011 editouse a tradución ao inglés, co título de Death on a Galician Shore[3]; ao francés, co título de La plage des noyés, traducida por Dominique Lepreux[4]; ao polaco traducida por Marta Kitowska co título de Plaża topielców[5] e ao neerlandés, traducida por Johan Rijskamp co título de Het strand van de verdronkenen[6].

No 2015 estreouse a versión cinematográfica, A praia dos afogados.[7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha do libro en alemán
  2. Ficha en BiTraGa.
  3. "Ficha do libro en inglés". Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2012. Consultado o 07 de abril de 2011. 
  4. Ficha en BiTraGa.
  5. Ficha en BiTraGa.
  6. Ficha en BiTraGa.
  7. IMDb
  8. "O inspector Leo Caldas pasa da novela ao cine con Gerardo Herrero" Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine., artigo no Diario de Pontevedra, 7 de novembro de 2010.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=A_praia_dos_afogados&oldid=5214047"