Abelardo Miguel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Abelardo Miguel
Opatrón.jpg
O patrón
Nome Abelardo Miguel López Leira
Nacemento 1918
Lugar Pontedeume
Falecemento 1991
Lugar Pontedeume
Nacionalidade galego
Eido pintura
Influenciado por Sotomayor, Zuloaga, Julio Moisés e os clásicos barrocos Diego Velázquez e Zurbarán

Abelardo Miguel López Leira, chamado Abelardo Miguel, nado en Pontedeume en 1918 e morto na mesma vila en marzo de 1991, foi un pintor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

É o quinto dunha familia mariñeira de once irmáns, de pais e avós nados en Pontedeume. Mostrará desde neno unhas excelentes aptitudes para o debuxo. En 1934 obtén o 2º galardón do certame de pintura infantil na Asociación de Artistas de Ferrol e en 1935 gaña o primeiro premio de debuxo do Concello da Coruña, que fará que a Deputación da Coruña lle conceda unha bolsa na Academia de Bellas Artes de San Fernando en 1936.

A guerra civil trunca temporalmente a súa carreira, pero en 1950 decide renovar os seus estudos superiores de pintura en San Fernando, que finaliza en 1956, o que lle abrirá as portas do Círculo de Bellas Artes de Madrid. Obterá estes anos o apoio da crítica madrileña, con editoriais eloxiosos como as de Camón Aznar nas que resalta o seu especial valor artístico.

Viaxa a Italia pensionado da Escola Española de Arte de Roma e para completar a súa formación amplía os seus estudos en París e Países Baixos. Configura o seu estilo baseándose na súa técnica ao servizo da captación da realidade máxica e da súa identidade galega. Abelardo recolle as influencias claras de Sotomayor, Zuloaga, Julio Moisés e os clásicos barrocos Velázquez e Zurbarán, cun filtro post impresionista de tradición cezannesca. Centrou a súa vida e obra en Pontedeume.

Non abandonou a pintura ata a súa morte en 1991. En 2003 o concello de Pontedeume concédelle a medalla de ouro local ao Mérito Artístico.[1].En 2008 é nomeado Candidato ao Premio Nacional da Cultura Galega .

Obra[editar | editar a fonte]

Peixeiras.

Abelardo Miguel foi creador dun estilo propio. Bo debuxante e colorista, Abelardo mostra dominio da técnica en todos os temas, que excepcionalmente aparecen de forma illada, xa que tende a unha simbiose de xénero mixto.

A súa temática é predominantemente mariñeira, con bodegóns, mariñas, retratos colectivos, e sobre todo conxuncións de paisaxes e homes. Os seus retratos, segundo Manuel Luis Fidalgo "son modelos arrincados da entraña do pobo e os seus rostros non son reflexo do carácter, senón da profesión". Os seus retratos colectivos recollen a tradición barroca holandesa de retratos de colectivos profesionais. Tamén pintará feiras agrogandeiras.

As súas paisaxes recollen o facho dos paisaxistas coruñeses Corral, Bello Piñeiro, Lloréns e Abelenda, e decántase por ceos luminosos que conxugan o seu azul co verde das augas das rías, pero tamén pinta vistas urbanas de Pontedeume cunha estética achegada ao naif. Segundo María Fidalgo, Abelardo é "o mellor pintor galego de naturezas mortas do século XX", ao alternar naturezas mortas de caza ou flores con outras de terra e mar.

Creou uns arquetipos iconográficos que repite ao longo de toda a súa carreira, como a peixeira, a mariscadora, o ancián pescador, as feiras, as naturezas mortas mariñeiras, que serán claves do selo que identifica tan claramente os seus óleos. Con todo, Abelardo non é un pintor folclorista[2].

Agardando a pesca.

As obras de Abelardo Miguel teñen hoxe un valor antropolóxico engadido: son testemuño dunha realidade histórica xa desaparecida, ao representar traballadores da Galicia agropecuaria e de artesáns mariñeiros, de mulleres que traballan coas mans, de festas e feiras, de paisaxes...

É importante sinalar a incursión do pintor no tema mitolóxico ao realizar na cooperativa agraria de Santa María de Castro, para o que realizará en 1960 un complexo programa iconográfico baseado na Galicia arcádica.

Expuxo na década dos 50 e 60 (Porto, Centro Galego da Habana, Salamanca, Oviedo, León, Lisboa, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol), e obtivo galardóns como o 1º Premio e 1ª Medalla na Feira do Mar en 1961 e a 1ª medalla da Exposición Cara ao Mar en 1973. O milleiro de lenzos que pintou áchanse en coleccións particulares.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El pintor eumés Abelardo Miguel obtendrá la medalla de oro al mérito artístico del Ayuntamiento, La Voz de Galicia, 1 de febreiro de 2003)
  2. Abelardo Miguel. Un pintor esquencido, María Fidalgo, Revista Nazón, nº 8

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fidalgo Martínez de Andión, M. L. (1958). "Abelardo Miguel nació pintor en Pontedeume". Ferrol Diario. 
  • Leyra Domínguez, J. (1987). "Pintura ferrolana". Sociedad Artística Ferrolana. 
  • Fidalgo Casares, M. (2006). "Abelardo Miguel". Gran Enciclopedia Gallega. 
  • Fidalgo Casares, M. (2007). "El programa iconográfico de Abelardo Miguel en Santa María de Castro". Cátedra, revista de estudios eumeses. 
  • Fidalgo Casares, M. "Abelardo Miguel. un pintor esquencido". Revista Nazón (Nº8). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Abelardo_Miguel&oldid=4612517"