Ada Lovelace

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ada Lovelace
Ada Lovelace 1838.jpg
Ada Lovelace en 1838.
Datos persoais
Augusta Ada Byron
Alcume A. A. L.
Nacemento 10 de decembro de 1815
Lugar Londres
Falecemento 27 de novembro de 1852 (36 anos)
Lugar Marylebone, Londres
Causa cancro do útero
Soterrado Church of St. Mary Magdalene, Hucknall
Nacionalidade Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Etnia Pobo inglés
Cónxuxe William King-Noel, 1st Earl of Lovelace (1835–1852)
Fillos Byron King-Noel, Viscount Ockham, Lady Anne Blunt e Ralph King-Milbanke
Actividade
Campo Matemática, programadora, poeta, informática teórica e enxeñeira
Contribucións e premios
Coñecido por Ciencias da computación
Influído por Luigi Menabrea
editar datos en Wikidata ]

Augusta Ada King-Noel, Condesa de Lovelace, nada como Augusta Ada Byron en Londres o 10 de decembro de 1815 e finada na mesma cidade o 27 de novembro de 1852, foi unha matemática e escritora británica coñecida principalmente por ser a primeira programadora do mundo.

Durante a súa ceda madurez, o seu talento matemático conduciuna a unha relación de amizade prolongada co matemático inglés Charles Babbage. Entre 1842 e 1843, traduciu un artigo do enxeñeiro militar italiano Luigi Menabrea sobre a máquina, que complementou cun artigo repleto de notas propias. Estas notas conteñen o que se considera o primeiro programa de computador da historia, sendo o primeiro algoritmo codificado deseñado para que unha máquina o procese. Tamén pensou que os ordenadores tiñan máis capacidade aló do que outros vían, incluíndo neles o propio creador da máquina.

Ela referíase a si mesma como unha científica, poetisa, analista e metafísica.

Biografía[editar | editar a fonte]

Ada Lovelace.

Lovelace naceu como a filla única e lexítima do poeta George Gordon Byron, Lord Byron, e a súa esposa a baronesa Anne Isabella Byron. Todos os outros fillos de Lord Byron foron nados fóra do matrimonio. Byron deixou a súa esposa un mes despois e abandonou Inglaterra definitivamente, falecendo por enfermidade durante a guerra de independencia de Grecia, deixando así orfa de pai a pequena Ada con só oito anos.

A nai de Ada promoveu o interese de Ada nas matemáticas e a lóxica.[1] Cando tiña 13 anos súa nai, que tamén estudara matemáticas de nena, asignoulle o que fora o seu propio titor o doutor William Frend e o doutor William King como profesores de ciencias básicas e matemáticas. A saúde de Ada era feble, chegando a interrumpirse o ritmo dos estudos ao longo de case tres anos a raíz dun sarampelo. A partir dos dezasete a súa saúde mellorou, poidendo ser presentada oficialmente na sociedade londinense da época. Foi durante un destes eventos, o 5 de xuño de 1833[2], cando coñeceu a Charles Babbage.[3] A raíz deste encontro Babbage invitouna a ela e máis a súa nai a presentación do prototipo da súa máquina diferencial.[2]

No 8 de xullo do 1835 Ada casou con Lord William King, 8º barón de King, converténdose na baronesa de King. A súa residencia pasou a ser unha gran propiedade en Ockham Park, xunto con outra no fiorde de Torridon e unha máis en Londres. Pasou a súa lúa de mel na Mansión Worthy, situada en Ashley Combe, preto de Porlock Weir, Somerset. Posteriormente esa casa converteríase na súa casa de retiro de verán. En 1837, o seu home foi gratificado cun título nobiliario pola raíña Vitoria, converténdose Ada deste xeito na condesa de Lovelace.[2]

O matrimonio tivo tres fillos, dous homes e unha muller. A vida de Ada estivo chea de sucesos dramáticos, polémicos e controvertidos; no 1841 a súa nai chegou a contarlle ás súas fillas que o seu pai era o pai de Ada, o cal era falso. A nai de Ada tiña un rencor reservado a Lord Byron e sempre que tiña ocasión aproveitaba para difamar a súa imaxe.[Cómpre referencia]

Nesa mesma década, Ada protagonizou algúns escándalos debidos, en primeiro lugar, ás súas afectuosas relacións con outros homes, as cales desembocaron nunha serie de rumores sobre aventuras amorosas; no segundo lugar a súa paixón polo xogo, grazas á cal conformou no ano 1851 un grupo coa ambiciosa intención de crear un modelo matemático que lles axudase a gañar grandes apostas. O intento foi un estrepitoso fracaso, xerándolle a Ada miles de libras de débeda e provocando que un dos membros do grupo a chantaxease con informar ao seu marido. Finalmente, Ada viuse obrigada a confesarllo.[Cómpre referencia]

Mantivo ademais unha relación secreta e posiblemente ilícita co fillo de Andrew Crosse, John, da que se coñece pouco xa que o propio pai queimou toda a correspondencia que tiveron entre eles trala morte de Ada. Aínda así, esta relación foi o suficientemente forte para que Ada lle deixase en herdanza as únicas reliquias familiares que o seu pai lle deixara a ela. Durante a enfermidade que finalmente a matou no 1852, Ada sentíase moi angustiada por mor de que John, o seu amante, a visitara.[Cómpre referencia]

Máquina analítica de Charles Babbage[editar | editar a fonte]

Ada Lovelace é principalmente lembrada por escribir unha descrición da anterga máquina analítica de Charles Babbage que nunca chegou a construírse, e por desenvolver instrucións para facer cálculos nunha versión inicial da computadora. En 1843 fixo a suxestión da adaptación das tarxetas perforadas á programación. Ada soubo apreciar as ideas de Babbage, e en particular o concepto dunha máquina universal. E o que é máis importante, preveu un atributo que podería facer que potencialmente podería procesar non so números, senón tamén calquera notación simbólica, incluída a notación musical e outras notacións artísticas.

Carta de Ada Lovelace a Charles Babbage onde propón un exemplo de cálculo automatizado.

En 1843, Ada Lovelace traduciu ao inglés un artigo sobre a máquina analítica de Babbage de Luigi Menabrea (enxeñeiro militar italiano que máis tarde chegaría a primeiro ministro de Italia) para a revista científica Scientific Memoirs. Cando llo comunicou a Babbage, este sorprendeuse de que ela mesma non tivera escrito o artigo orixinal, ao que ela replicou que nin se lle pasara pola cabeza (por aquela época as mulleres no adoitaban publicar artigos científicos). Babbage suxeriulle entón que agregase unhas notas ao artigo. Nestas "notas de tradutora", que só firmou coas súas iniciais por medo a ser censurada polo feito de ser muller, descríbense as súas tres maiores achegas:

  1. A explicación da esencia dos ordenadores modernos. Explica Ada: Porén os límites da aritmética víronse superados no momento no que xurdiu a idea de aplicar tarxetas e a máquina analítica non ten nada en común coas meras "máquinas de calcular". Ocupa plenamente un lugar de seu.(...) Ao permitir a un mecanismo combinar símbolos xerais, en sucesións de variedade e alcance ilimitados, establécese un vínculo de unión entre as operacións da materia e os procesos mentais abstractos da rama máis abstracta das matemáticas.[4]
  2. A xeneralización das operacións que pode realizar a máquina analítica. Baseándose na extensión de De Morgan da álxebra dunha lóxica formal sinalou que a máquina analítica podería procesar e executar calquera cosa que se puidese expresar con símbolos: palabras, lóxica, música...[Cómpre referencia]
  3. O funcionamento dun programa ou algoritmo informático. Intentando explicar como a máquina analítica podería calcular números de Bernouilli (unha serie infinita moi complexa) introduciu os conceptos de subrutina (secuencia de instrucións que realizan unha tarefa específica e que poden posteriormente introducirse nun programa máis amplo) e de bloque recursivo (secuencia de operacións que se repite).[5]

Nas súas notas, di que a "máquina analítica" só podía dar información dispoñíbel que xa era coñecida: viu claramente que non podía orixinar coñecemento[4]. O seu traballo perdeuse no esquecemento por moitos anos, atribuíndolle única e exclusivamente o papel de transcritora das notas de Babbage ou incluso dubidando da propia autoría das mesmas. O propio Babbage declarou na súa autobiografía que Ada escribira as notas a partir do material que el lle entregara e que mesmo lle corrixiu un erro matemático[6]. Porén, investigacións posteriores mostran a orixinalidade do seu punto de vista sobre as instrucións necesarias para acadar o funcionamento desta máquina.

Na actualidade recoñécese a Ada Byron como a primeira persoa en describir unha linguaxe de programación de carácter xeral interpretando as ideas de Babbage, pero recoñecéndolle a plena autoría e orixinalidade das súas achegas. Por iso, Ada Byron está considerada a nai da programación informática e desenvolveu a programación analítica.

Ada Byron chamouse a si mesma analista, un concepto realmente moderno para a época.

Morte[editar | editar a fonte]

Ada Lovelace morreu o 27 de novembro do 1852 aos trinta e seis anos a causa dun cancro uterino probablemente complicado polas sangrías realizadas polos seus médicos. A enfermidade durou varios meses, durante os cales a súa nai tomou o control respecto ás súas citas médicas e persoais. A súa nai fixo que deixase de ser materialista e adoptase ideas relixiosas que a levaron a arrepentirse da súa vida anterior.

Foi soterrada por petición propia ao carón do seu pai, no cemiterio da igrexa de Santa María Magdalena, en Hucknall, Nottingham.[7]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Durante a vida de Ada poucos dos seus feitos foron apreciados e só se lle deron a importancia merecida anos despois da súa morte. Non foi até o século XX cando se aproveitaron para os avances da informática.

Moitas foron as mulleres que realizaron grandes tarefas para a informática, mais aínda así Ada Lovelace é a única muller que conta con unha linguaxe de programación que leva o seu propio nome, Ada.

No ano 2001, o autor estadounidense de ciencia ficción Michael F. Flynn publicou a novela In the Country of the Blind, ucronía na que se especula sobre as consecuencias de que se construíra a máquina analítica co programa de Ada.

O seu rostro foi marca de autenticidade nos certificados de licenza do sistema Windows.

En 1997 estreouse o filme sobre a súa vida Conceiving Ada.

No ano 2009, a escritora e tecnóloga social Suw Charman-Anderson fundou o día internacional de Ada Lovelace.[8] Este día celébrase como forma de visualizar os logros das mulleres en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) e co obxectivo de inspirar novas vocacións tecno-científicas entre as nenas e rapazas[9]. A convocatoria está fixada anualmente no segundo martes de outubro. A Comisión Europea fixo coincidir esta data coa da programación da EU Code Week, a Semana Europea da Programación.[9]

A Ada Initiative foi unha iniciativa sen ánimo de lucro que tivo como obxectivo incrementar o número de mulleres na cultura e tecnoloxía abertas.[10]Foi fundada por Mary Gardiner and Valerie Aurora en 2011 e pechou en outubro de 2015.[11]

A empresaria e pioneira do movemento Maker, Limor Fried, alias Ladyada, rendeu homenaxe a Ada Lovelace[12] no nome da súa compañía Adafruit Industries

Ada´s Poetry Generator é unha aplicación para aprender a programar en Scratch inspirado na vida e logros de Ada Lovelace.[9]

A facultade de enxeñaría da Universidade de Deusto concede un premio á muller tecnóga baixo o nome Premio Ada Byron[13]. En 2017 a gañadora foi Regina Llopis Rivas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Charman-Anderson, Suw, ed. (2015). A Passion for Science: Stories of Discovery and Invention. Finding Ada. 
  2. 2,02,12,2 Wolfram, Stephen (2016). "Untangling the Tale of Ada Lovelace". Idea Makers: Personal Perspectives on the Lives & Ideas of Some Notable People. Wolfram Media. ISBN 978-1579550035. 
  3. Green, Cristopher D. "Introduction to Ada Lovelace's Translation of, and Notes to, Luigi F. Menabrea's "Sketch of the analytical engine invented by Charles Babbage, Esq." (1842/1843)". Classics in the History of Psychology. Consultado o 15/02/2018. 
  4. 4,04,1 Menabrea, L.F. (outubro 1842). Note G. "Sketch of The Analytical Engine Invented by Charles Babbage: with notes upon the Memoir by the Translator Ada Augusta, Countess of Lovelace". Bibliothèque Universelle de Genéve (82). 
  5. Isaacson, Walter (2014). Los innovadores. Penguin Random House Grupo Editorial, S.A.U. ISBN 9788499924663. 
  6. Toole, Betty Alexandra (1996). "Ada Byron, Lady Lovelace, an analyst and metaphysician". IEEE Annals of the History of Computing 18 (3): 4–12. ISSN 1058-6180. 
  7. Sixty Symbols (13 de outubro 2015). Ada Lovelace's Tomb (Vídeo) (en inglés). University of Nottingham. Escena en 1:10. Consultado o 17 de febreiro 2018. 
  8. "Meet ALD’s Founder". Finding Ada. Consultado o 17 de febreiro 2018. 
  9. 9,09,19,2 Insituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF) (ed.). "Celebra el Ada Lovelace Day 2017… ¡programando!". Educalab. Consultado o 18 de febreiro de 2018. 
  10. Aurora, Valerie. "An update on the Ada Initiative". LWN.net. Consultado o 17 de febreiro de 2018. 
  11. "Ada Initiative: Supporting women in open technology and culture 2011–2015". Consultado o 17 de febreiro de 2018. 
  12. Garrido Courel, Maite (08 de xullo de 2013). "Ladyada, la heroína del hardware libre". El diario.es. Consultado o 18 de febreiro de 2018. 
  13. "Premio Ada Byron". Consultado o 16 marzo 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Woolley, B. (2002). The Bride of Science: Romance, Reason, and Byron's Daughter. Pan Books ISBN 0-333-72436-4

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Ada_Lovelace&oldid=4887371"