Administración pública

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Por Administración pública, xeralmente, enténdese á organización integrada por un persoal especializado, dotada de medios económicos e materiais públicos que pon en práctica as decisións tomadas polo goberno. Componse de todo o que a fai efectiva: funcionarios e edificios públicos, entre outros. Pola súa función, é o enlace entre a cidadanía e o poder político. Con todo, non só existe Administración Pública no Poder Executivo, senón en gran parte do Estado e ata en entes privados que desempeñan funcións administrativas por habilitación do Estado, coma os colexios profesionais. Do latín "ad-ministrare", que significa servir, ou de "ad manus traher" que alude á idea de manexar ou xestionar.

No entanto, o concepto de Administración Pública pode ser entendido desde dous puntos de vista.

  • Desde un punto de vista formal, enténdese á entidade que administra, ou sexa, ao organismo público que recibiu normativamente a competencia e os medios necesarios para a satisfacción dos intereses xerais.
  • Desde un punto de vista material, enténdese máis ben a actividade administrativa, ou sexa, a actividade deste organismo considerado nos seus problemas de xestión e de existencia propia, tanto nas súas relacións con outros organismos semellantes como cos particulares para asegurar a execución da súa misión.

Tamén se pode entender como a disciplina encargada do manexo científico dos recursos e da dirección do traballo humano enfocada á satisfacción do interese público, entendendo este último como as expectativas da colectividade.

Elementos[editar | editar a fonte]

  • Medios persoais ou persoas físicas.
  • Medios económicos (tributos).
  • Organización; ordenación racional dos medios.
  • Fins.
  • Actuación, que debe ser licita, dentro dunhas competencia do órgano actuante.

Xuridicamente, o concepto de Administración pública úsase máis frecuentemente en sentido formal, referíndose a un organismo complexo e múltiple -sen prexuízo da súa unidade- que realiza unha actividade do Estado. Neste sentido, se dicimos "responsabilidade da Administración" quérese significar que o acto ou feito da Administración é o que responsabiliza ao Estado (ou comunidade autónoma, administración local etc.

Prerrogativas da Administración[editar | editar a fonte]

A Administración posúe unha serie de prerrogativas que a colocan nunha posición superior á do administrado. A xustificación é que a Administración defende os intereses xerais, mentres que o particular defende os intereses particulares ou propios de seu.

Entre as devanditas prerrogativas destacan:

  • A interpretación unilateral dos contratos que asine cos particulares para a xestión indirecta das funcións administrativas (obras, subministracións etc.)
  • A executividade dos actos administrativos (por exemplo, o cobro de multas polo procedemento de prema). É dicir, os actos da administración deben cumprirse, son obrigatorios
  • O principio de autotutela: a administración está autorizada para impoñer unilateralmente as súas decisións aos particulares.
  • O sometemento a unha xurisdición especializada, a xurisdición contencioso administrativa.

A Administración pública en España[editar | editar a fonte]

Segundo o artigo 103 da Constitución, a Administración Pública de España serve con obxectividade aos intereses xerais e actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

A nivel territorial, a Constitución de 1978 divide a Administración pública en tres niveis como consecuencia da definición de estado fortemente descentralizado:

  • Administración Xeral do Estado: é a administración central de todo o Estado español (artigos 97 e seguintes da CE) encargada de levar á práctica o programa do Goberno e de satisfacer os intereses xerais.
  • Administración autonómica: composta por todos aqueles organismos que xestionan competencias atribuídas total ou parcialmente ás rexións e nacionalidades de España (artigos 137 e seguintes da CE).
  • Administración local: comprende as competencias transferidas a municipios, deputacións provinciais ou forais e cabidos insulares (artigos 140 e seguintes da CE).

A pluralidade de Administracións Públicas en España complétase coas Administracións non territoriais que desenvolven actividades concretas con potestades limitadas:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Administración_pública&oldid=4934466"