Agosto na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de agosto na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Agosto tamén designa o tempo da recolleita dos cereais, e a colleita mesma (Real Academia Galega 2013, s. v. agosto).

Denominacións populares do mes de agosto son mes da Nosa Señora e mes da sega (alcume este que comparte con xullo [1]).

Crenzas e supersticións[editar | editar a fonte]

A lúa crecente de agosto é a mellor para que aproveiten os baños a un enfermo (Eladio Rodríguez, s. v. lúa).

Santa Clara -11 de agosto- é avogosa para o bo tempo. Por iso, para asegura-lo sol no día da voda é costume en Santiago e Pontevedra que os padrinos leven ovos a Santa Clara. Tamén, en Santiago, desde hai pouco pídeselle que interceda para conseguir boas notas nos exames.

Léxico[editar | editar a fonte]

  • Agostar significa murcha-las plantas pola calor e a secura propias deste mes, pero tamén se denomina así á acción de ara-la terra inmediatamente trala sega, para que se sequen as plantas daniñas.
  • Agostiño, como adxectivo, califica un animal nacido neste mes ou un froito que madura en agosto.
  • Cereixa agostina é unha variedade de cereixa de pequeno tamaño.
  • Mazá agustina é unha variedade de mazá temperá que madura en agosto.
  • Pera de san Roque é unha variedade de pera [2].

Refraneiro[editar | editar a fonte]

A castaña no agosto quere beber e no setembro comer.
  • A castaña no agosto quere arder, e no setembro beber.
  • A castaña no agosto quere beber e no setembro comer.
  • A castaña quere en agosto arder e en setembro beber.
  • A chuvia no mes de agosto non é chuvia, que é mel e mosto [3][4][5].
  • A chuvia no mes de agosto, non é chuvia que é mosto [3][4].
  • A chuvia por san Lourenzo sempre chega a tempo [6].
  • A sombra quer ser de agosto, i o sol, de setembro [3].
  • Agosto a madura e setembro vendima a uva.
  • Agosto e setembre non duran sempre [3].
  • Agosto e vendimia non son cada día [7].
  • Agosto e vendima non son cada día e si cada ano, uns con proveito e outros con dano [3].
  • Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado [3].
  • Agosto, frío no rostro [7].
  • Agosto madura e setembre vindima as uvas [3].
  • Agosto marchou, o que mallou mallou.
  • Agosto nos farta e agosto nos mata [3].
  • Agosto pasou, quen mallou, mallou [3][7][8].
  • Auga de agosto, azafrán, mel e mosto.
  • Auga de agosto dá mel e mosto [9].
  • Auga de agosto, mel e mosto [10].
  • Auga en agosto, azafrán, mel e mosto [11].
  • Auga por agosto, nin pan nin mosto [10].
  • Cando chove por agosto, chove mel e mosto [12].
  • Ceba o porco dende agosto se queres que estea gordo [13].
  • Ceba o teu porco dende o mes de agosto se queres que teña bo lombo [13].
Ceba o teu porco polo agosto se queres ter bo porco.
  • Ceba o teu porco polo agosto se queres ter bo porco [13].
  • Chuvia na semana da Ascensión cría nos trigos mourón, pro é un regalo San Pedro co seu xerro, San Cristobo co seu cobo, Santa María coa súa regazadiña, Santiago co seu canado, San Lorenzo co seu caldeiro penso, Nosa Señora coa súa ola e San Miguel co seu tonel [14].
  • Chuvia polo agosto é mel e mosto [4].
  • Dálle verzas en agosto se queres ver ó teu home morto.
  • Dios nos libre do polvo de xaneiro e do lodo de agosto [15].
  • De san Xoán, Santiago i agosto, mulleres, non son voso; dende Nadal a marzo, estarei ó voso lado [16].
  • Despois da Peregrina, o inverno vén enriba [17].
  • Despois de Santa María, non tóque-lo porco da ría [18].
  • Deus nos aparte do polvo de maio e da lama do agosto.
  • Deus nos aparte dos polvos de maio e da lama de agosto.
  • Día de san Lourenzo, a terra leva o demo.
  • Eí vén san Lorenzo co caldeiro penso [19]
  • En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo gallo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
  • En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.
  • En agosto, as castañas arder e en setembro beber [7][20].
  • En agosto come as sardiñas ben a gosto [21].
  • En agosto chove mel e mosto.
  • En agosto dá frio no rostro.
  • En agosto está a auga tras do toxo [3].
  • En agosto máis vale que sobre pan que non que falte viño.
  • En agosto, nin muller nin mosto [7].
  • En agosto, nin viño nin mosto.
  • En agosto, nin viño, nin muller nin mosto [3].
  • En agosto, o porco pon o entrecosto [22].
  • En agosto secan as fontes e en setembro arden os montes.
  • En agosto secan as fontes, e en setembro, os montes.
  • En agosto secan os montes, e en setembro, as fontes [3][7].
  • En agosto, sol posto, noite connosco [3].
  • En agosto, sol posto, noite conozo [3][7].
  • En agosto, solposto, non te conozco [8].
  • En agosto, viño mosto [3][7].
  • En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo do can; en santa Mariña, xa pillo a galiña; e en agosto, xa son bo raposo.
  • En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo ó can; en santa Mariña, xa pillo a galiña; e en agosto, xa son bo raposo [23][24].
  • En Santiago e agosto estroupelear, que é tempo do liño mazar.
  • Habendo neboeira o día de San Pedro Fiel, castañas furadas e nabos ruís [25].
  • Home sen fortuna: parto da porca en maio e da muller na seitura.
  • Limpa e arranxa a eira cando está agosto á beira.
  • Lúa de xaneiro non ten compañeiro, senón a de agosto, que lle dá no rosto.
  • Maio come o trigo, e agosto bebe o viño [26].
  • Maio fai o trigo, e agosto o viño [26].
  • Néboa no san Pedro Cid, castañas furadas e nabos ruíns [27]
  • Nin en agosto camiñar, nin en decembro navegar [28].
  • No agosto, a fariña, e no setembro, a fouciña.
  • No agosto, sol posto, noite connosco.
  • Non é bo mosto o que se colle en agosto.
  • Non é bo mosto o que se molla en agosto [29].
  • Non hai lúa coma a de xaneiro nin amor coma o primeiro, senón a de agosto, que lle dá no rostro.
  • O becerriño en agosto ten frío.
  • O cocho no agosto pon o entrecosto [7].
  • O mes de agostiño fai bo viño.
  • O mes de agostiño fai o bo viño.
  • O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.
  • O millo de san Bartolomeu nin é meu nin é teu [30].
  • O millo que barbea dinantes de San Bartolomeu é o meu; o que barbea dispois é dos bois [31].
  • O mosto que se colle en agosto, non é mosto [29].
  • O porco en agosto pon o entrecosto.
  • O porco no agosto pon o entrecosto [13].
  • Ó que en abril come sardiña, aínda en agosto pícalle a espiña [32].
  • O que en agosto non dá cebada, en San Xoán non fai xornada [33]
  • O que en agosto ou setembre non dá cebada, en San Xoán non fai xornada [34].
  • O que en xaneiro non cava os terróns, en agosto queima os collóns.
  • O que non ten pan sementado, agosto fáiselle maio [35]
  • O que queira ter bo entrecosto que cebe no agosto [36].
  • O que queira un bo entrecosto que o meta no mes de agosto.
  • O recío de agosto dá polo rostro [37][38].
  • O vento de abril e a lama de agosto matan o viño anque sea no mosto.
  • Os recíos de agosto son mel e mosto [3].
  • Pasados os Remedios e san Roque, xa non hai sesta nin merendote [39].
  • Poeira en abril, lama en agosto [40].
  • Polo agosto vale máis viña que mosto [3].
  • Polo san Bartolo, a boa fiandeira comeza a súa tea, e a máis lixeira pola Madalena [41].
  • Polo vintecatro de agosto, san Bartolomeu deixa o demo solto [42].
  • Polvo en abril, lama en agosto.
  • Polvo no maio e lama no agosto, anda o tempo descomposto.
  • Polvo no maio e lama no agosto, pon ó labrego de mal rostro.
Por agosto vale máis viño que mosto.
  • Por agosto vale máis viño que mosto.
  • Por santa Mariña deita o pobre a súa galiña.
  • Por santa Mariña deixa o sacho e colle a fouciña.
  • Por santa Mariña mata a túa galiña.
  • Por santa Mariña sementa a nabiña.
  • Porco agostado é medio cebado.
  • Primeiro de agosto, primeiro de inverno.
  • San Bieito rega a eito. Santiago trae o seu canado, santa Mariña a súa cabaciña, e san Roque o seu pipote [43].
  • San Roque dalle ás moscas co palitroque [15].
  • Se chove en agosto, non gastes diñeiro en mosto.
  • Se chove moito en agosto, non gastes diñeiro en mosto.
  • Se chove o día de san Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruís.
  • Se chove o día de san Pedro Fiz, castañas malas e bolecos ruís.
  • Se en agosto e setembre non dás cebada, en todo o ano non poñas albarda.
  • Se en agosto e setembro non hai cebada, no resto do ano non poñas albarda [44].
  • Se en xaneiro tose o neno, non teñas medo; se tose no mes da sega, pode ir pra terra.
  • Se hai neboeiro día San Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruíns.
  • Se o mes de agosto vén craro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados [3].
  • Se queres colle-lo entrecosto, empeza a cebar en agosto.
  • Se queres graxiña, cébao na santa Mariña.
  • Se queres ter bo lombo, ceba o porco desde agosto.
  • Se queres ter un bo porco, cébao no mes de agosto.
  • Vale máis nubrado de agosto ca sol de setembro.
  • Vale máis nubrado en agosto que sol de setembro.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Caseime no mes de agosto/ porque había moito pan,/ o forno da miña sogra/ cría o fiollo no vran.
  • Mala morte mate ós homes/ i o pirmeiro sea o meu;/ o día que me il morrer/ vou ó San Bartolomeu [45].
  • Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ dá castañas en agosto,/ uvas brancas no xaneiro.
  • O creguiño de Sueiro/ mui pequeño se quedou/ que naceu no mes de agosto/ e coa seca non medrou.
  • O día tantos de agosto,/ deste ano que corremos,/ chegounos un bo señor/ recoller cantos galegos.
  • Teño unha flor de silveira/ que me deu o meu amor/ cando viñamos da festa,/ da festa da Conceición [46].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Constantino García González.
  2. San Roque, 16 de agosto.
  3. 3,003,013,023,033,043,053,063,073,083,093,103,113,123,133,143,153,163,17 Eladio Rodríguez González, s. v. agosto.
  4. 4,04,14,2 Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia.
  5. Real Academia Galega 1913, s. v. agosto. No orixinal: chuva, non e chuva.
  6. San Lourenso, 10 de agosto. Rosario Soto Arias 2013.
  7. 7,07,17,27,37,47,57,67,77,8 Real Academia Galega 1913, s. v. agosto.
  8. 8,08,1 Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  9. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: da.
  10. 10,010,1 Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  11. Real Academia Galega 1913, s. v. auga.
  12. Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
  13. 13,013,113,213,3 Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  14. O refrán alude ás chuvias de verán nas que confían os labregos, desde maio (mes no que adoita caer o Día da Ascensión) a setembro (San Miguel).
  15. 15,015,1 Elixio Rivas Quintas (1978).
  16. Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  17. A Peregrina de Pontevedra celébrase o 16 de agosto; noutros lugares celébrase o 2º domingo de agosto e, en Paderne, o 6 de xullo.
  18. Santa María, 15 de agosto. O refrán refírese ó mexillón e outros mariscos e está relacionado co consello de non comer marisco nos meses con r, que comezan, precisamente, ó rematar agosto.
  19. San Lourenzo, 10 de agosto.
  20. Eladio Rodríguez González, s. v. agosto. No orixinal: i en setembro.
  21. Lino Lema Bouzas, 4.
  22. Eladio Rodríguez González, s. v. agosto. No texto: pón.
  23. Refírese ás sucesivas idades do raposo. Eladio Rodríguez González, s. v. marzo. No orixinal: i en agosto.
  24. Real Academia Galega 1913, s. v. agosto. No orixinal: mayo, ja sayo, San Juan, ja fuxo, ao can, ja pillo, ja son, bon.
  25. San Pedro Fiel é unha aglutinación de San Pedro in Vincula e de San Fins, que se celebran conxuntamente o 1º de agosto.
  26. 26,026,1 Eladio Rodríguez González, s. v. maio.
  27. Ver nota a Habendo neboeirao día de San Pedro Fiel.... Elixio Rivas Quintas (1978); no orixinal: niebla.
  28. Lino Lema Bouzas, 6.
  29. 29,029,1 Eladio Rodríguez González, s. v. mosto.
  30. San Bertomeu, 24 de agosto. Rosario Soto Arias 2013.
  31. Crespo Pozo, s. v. espigar.
  32. Lino Lema Bouzas, 7.
  33. Eladio Rodríguez González, s. v. cebada.
  34. Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: qu’en, da, San Juan, jornada.
  35. Eladio Rodríguez González, s. v. pan. No orixinal: tèn.
  36. Eladio Rodríguez González, s. v. entrecosto.
  37. Eladio Rodríguez González, s. v. agosto. No orixinal: da.
  38. Real Academia Galega 1913, s. v. agosto. No orixinal: O rocíu de agosto, da pol-o rosto.
  39. Os Remedios, o segundo domingo de outubro; san Roque, o 16 de agosto.
  40. Eladio Rodríguez González, s. v. abril.
  41. San Bartolo, ou Bertomeu, o 24 de agosto; a Madalena, o 22 de xullo.
  42. Rosario Soto Arias 2013.
  43. San Bieito, 11 de xullo (noutros lugares en marzo ou o 15 de xullo); Santiago, 25 de xullo; Santa Mariña, 18 de xullo; San Roque, 18 de agosto.
  44. Eladio Rodríguez González, s. v. agosto. No orixinal: Si, año.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 92. No orixinal: dia, íl. San Bartolomeu da Fraga é unha parroquia do concello de Lobeira, que celebra a festa o 24 de agosto.
  46. Festa de Santa María a Real de Entrimo, o 15 de agosto. Xaquín Lorenzo Fernández, 152.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico gallego. Pontevedra 1904.
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • CRESPO POZO, José Santiago: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galaico-portugués). 1 (La Región, Orense 1972); 2,3,4 (Ed. do Castro, Sada, 1979/1982/1985).
  • FERRO RUIBAL, Xesús (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SOTO ARIAS, Mª Rosario: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.
  • VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Galaxia, Vigo 1972.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Agosto_na_cultura_popular_galega&oldid=4484275"