Aleksandr Kolchak

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigos de calidade
Este artigo é actualmente un candidato a artigo de calidade. Un artigo de calidade debe servir como demostración dos mellores traballos da Galipedia, e, polo tanto, agárdase que cumpra varios criterios. Por favor, se queres, deixa comentarios na votación.
Aleksandr Vasilevich Kolchak
Vice-AdmiralKolchak.jpg
Nome completo Aleksandr Vasilevich Kolchak
Nacemento 5 de novembroxul./ 17 de novembro de 1874greg., San Petersburgo, Flag of Russia.svg Imperio Ruso
Defunción 7 de febreiro de 1920 (45 anos), Irkutsk, Flag of the Soviet Union.svg Rusia soviética
Servizo Naval Ensign of Russia.svg Armada Imperial
Exército Branco
Rango Almirante (dende 1918)
Mandos Frota do Mar Negro (1916–1917)
Exército Branco (1918–1920)
Batallas/Guerras Guerra ruso-xaponesa
Primeira guerra mundial
Guerra civil rusa
Aleksandr Kolchak Signature.svg

Aleksandr Vasilevich Kolchak (en ruso: Александр Васильевич Колчак), nado en San Petersburgo o 4 de novembroxul./ 16 de novembro de 1874greg.[1][2] e finado en Irkutsk o 7 de febreiro de 1920,[3] foi un mariñeiro, militar e explorador do Ártico ruso, caudillo do movemento antibolxevique coñecido como Movemento branco durante a guerra civil rusa, que dirixiu en Siberia un goberno oposto ao de Lenin desde novembro de 1918 a febreiro de 1920.

Kolchak comezou a súa carreira como oficial, oceanógrafo e hidrólogo da Armada Imperial Rusa e foi membro e logo comandante de varias exploracións polares auspiciadas pola Academia de Ciencias de Rusia.[2] A illa Kolchak, situada no mar de Kara, foi bautizada na súa honra. Durante a guerra ruso-xaponesa (1904-1905) distinguiuse no sitio de Port Arthur cando unha mina lanzada desde o destrutor ao seu mando afundiu o cruceiro xaponés Takasago. Despois da guerra foi un dos renovadores da frota rusa e participou na creación do Estado Maior da Armada, o equivalente da Stavka. Durante os primeiros anos do século XX, alternou os seus estudos científicos e exploracións coas súas tarefas de modernización da Mariña rusa no Estado Maior.

Unha vez comenzada a primeira guerra mundial, tomou parte en diversas accións en defensa do Báltico, a cuxa frota estaba asignado como capitán do buque insignia. En 1916, grazas aos seus actos de heroísmo e habilidades, converteuse no máis novo vicealmirante da Armada Imperial de todos os tempos e obtivo o mando da frota do mar Negro, onde se distinguiu de novo ao lograr controlar este e asegurar os transportes aos exércitos que combatían no Cáucaso. Despois da Revolución de Febreiro de 1917, apoiou ao Goberno provisional ruso, confiando en que axudaría a reforzar a moral e continuaría as operacións militares contra os Imperios Centrais ata a vitoria. A radicalización da situación política fíxolle, porén, abandonar o seu mando a finais do verán.

Debido á Revolución de Outubro e a firma do tratado de paz con Alemaña, aceptou converterse en ministro de Guerra do goberno ruso antibolxevique con sede en Omsk. En novembro de 1918, os social-revolucionarios foron expulsados do goberno antibolxevique de Omsk nun golpe de Estado e Kolchak foi elixido «gobernante supremo» de Rusia.[4] Pese aos seus éxitos militares iniciais, mal apoiado polos seus aliados, cun mando militar mal coordinado e en ocasións insubordinado, unha administración ineficaz, corrupta e percibida como reaccionaria, tensas relacións coa Lexión Checoslovaca e os atamáns cosacos, perdeu o apoio da poboación local, cada vez máis propensa ao levantamento, e de parte das súas propias tropas durante a dura evacuación do inverno de 1919 a través de Siberia. A finais de 1919, os restos do seu exército e centos de milleiros de civís retiráronse en desorde para escapar da ofensiva bolxevique que tomou Omsk en novembro. Atrapado no ferrocarril na retirada e acosado por revoltas, levantamentos e o abandono dos checoslovacos que controlaban o Transiberiano, Kolchak foi arrestado por estes e entregado en Irkutsk aos rebeldes que se levantaran na súa contra, os cales o entregaron aos bolxeviques. Interrogado polas autoridades bolxeviques da cidade, a proximidade de tropas fieis á súa persoa e o temor a que fose rescatado levaron a que se decidise o seu fusilamento pouco despois, en febreiro de 1920.

Considerado un inimigo do pobo, totalmente esquecido como explorador do Ártico polos historiadores e periodistas soviéticos, a súa figura veuse rehabilitada na Rusia postsoviética.[5]

Foi condecorado coas ordes de Santa Ana de primeira clase, San Xurxo de terceira clase, San Vladimiro de terceira clase e Santo Estanislao de primeira clase.

Vida e carreira temperás[editar | editar a fonte]

O Zaryá, a nave da expedición ártica de Toll (1902-03), na que participou Kolchak como terceiro oficial. Catro dos membros da expedición, incluíndo a Toll, perdéronse e Kolchak intentou atopalos sen éxito en 1903 na illa Bennet a bordo dun baleeiro.

Aleksandr naceu na fábrica de armamento de Obukhov,[6] ás aforas de San Petersburgo, o 5 de novembroxul./ 17 de novembro de 1874greg.,[7][nota 1] nunha familia de clase media[8] con tradición na armada, de ideas conservadoras e patrióticas.[9][1] Fillo dun oficial naval[8][6] procedente da pequena nobreza ucraína, Vasili Ivanovich Kolchak, xeneral de división da artillería de mariña retirado,[10] o mozo Aleksandr foi educado para seguir os pasos do seu pai.[11] A súa nai, Olga Ilinichna Posokhova, proviña de Odesa e descendía da nobreza de Kherson.[6] Asistiu á escola secundaria da capital rusa (entón San Petersburgo),[11] graduouse segundo da súa promoción[11] na Academia Naval de San Petersburgo[10] en 1894[8] —tras seis anos de estudos— e uniuse ao 7º Batallón Naval da cidade.[12][13] Aos poucos meses foi transferido ao Extremo Oriente a bordo do cruceiro acoirazado Riurik.[12][13] A finais de 1896, en Vladivostok, trasladouse ao cruceiro Kreiser, no que realizou diversas viaxes polo océano Pacífico.[13] Serviu nesta cidade de 1895 a 1899.[12] O tempo libre que lle deixaban as súas tarefas na armada adicábao aos estudos oceanográficos e chamou a atención do explorador e almirante Makarov.[10][13]

De volta ao oeste, foi destinado á base naval de Kronstadt.[14] Kolchak sempre tivera interese polas exploracións do Ártico,[14] e solicitou unirse á expedición polar do almirante Makarov.[14] Porén, foi destinado ao novo acoirazado Petropavlovsk e máis tarde ao Kniaz Pozharsky durante o verán de 1900, para volver de novo ao Petropavlovsk, asignado á Frota do Pacífico.[14][13] Ao facer escala no Pireo,[14] Kolchak recibiu a noticia de que fora admitido na expedición polar do barón Toll de 1900,[12][15][10][8] e retornou inmediatamente a San Petersburgo.[13] Alí entregouse por completo aos seus estudos no Observatorio Físico Xeral e o Observatorio Magnético de Pavlovsk para prepararse para a expedición.[15][13] A continuación, trasladouse a Oslo para aprender técnicas de exploración con Fridtjof Nansen.[13] A expedición partiu cara á península de Taimyr e as illas do Ártico[11] en xuño de 1900, con Kolchak como participante.[16] Pasou os dous anos seguintes no Ártico.[12][11] Ante a imposibilidade de continuar o avance en barco, Toll decidiu seguir a expedición a pé con tres homes mentres ordenaba o regreso do resto.[17] Tras enfrontarse a considerables dificultades, Kolchak retornou en decembro de 1902 á capital;[18] o outro grupo, Toll incluído, desapareceu nos xeos.[17][15] Kolchak dirixiu voluntariamente unha expedición de rescate[15][8][19] que finalmente descubriu indicios da morte de todo o grupo na primavera de 1903.[17][12][20] Con característica lealdade e valentía,[12] Kolchak pasou dezaoito meses no Ártico tratando de atopar aos membros da expedición e percorreu en bote máis de catrocentos quilómetros.[12]

A frota rusa afundida en Port Arthur durante a guerra ruso-xaponesa. Kolchak participou nas batallas en mar e en terra.

Atopábase en Yakutsk recuperándose dos rigores da expedición, cando en marzo de 1904 estalou a guerra ruso-xaponesa.[21][15][22] Solicitou e obtivo o permiso da Academia de Ciencias para reincorporarse á Armada.[22] Camiño do Pacífico, detívose brevemente para casar en Irkutsk[21] coa que fora a súa prometida durante os últimos catro anos, Sofia Fedorovna Omirova.[23][22] Kolchak presentouse voluntario[23] malia a súa mala saúde,[24] e foi enviado a Port Arthur,[17] onde foi asignado ao cruceiro Askold e posteriormente ao destrutor Amur.[22] Finalmente foi trasladado ao destrutor Serdity, o primeiro buque ao seu mando;[22] distinguiuse na defensa do acoirazado Sebastopol e gañou a Espada da Orde de San Xurxo[24] por despregar o campo de minas que afundiu ao cruceiro xaponés Takasago.[25][21] Cando se intensificou o asedio da base rusa, asignóuselle o mando dunha batería de 75 mm en terra.[26][22] Posteriormente ferido, foi feito prisioneiro cando a cidade se rendeu en decembro de 1904.[25][27] Permaneceu ingresado en Port Arthur ata o seu traslado a un hospital en Nagasaki,[26][22] en abril de 1905.[27] A súa mala saúde, con brotes de pneumonía e reumatismo,[27] conduciu á súa repatriación polo Canadá[26] na primavera de 1905.[22]

Trala guerra e cun permiso de catro meses, a comezos de 1906, adicouse ao estudo do material recollido durante as súas dúas expedicións ao Ártico na Academia de Ciencias.[17][11][27][22] En recoñecemento aos seus esforzos e exploracións, a Sociedade Xeográfica Imperial outorgoulle a Medalla Constantino,[17][21][8][28] admitiuno como membro de pleno dereito e deu o seu nome a unha illa do mar de Kara.[29] Por un tempo foi alcumado Kolchak-Poliarny («Kolchak o Polar»).[30]

Membro do novo Estado Maior da Armada desde abril de 1906[25][26][31] ata 1909, Kolchak converteuse nun dos modernizadores da mariña de guerra rusa,[25] afiliado ao grupo de mozos oficiais reformistas coñecido como «Círculo Naval Petersburgués».[26][31][24][28] Defendeu en balde un ambicioso proxecto de construción naval para o que consideraba unha segura guerra con Alemaña no futuro próximo.[31] Isto levouno a dimitir do seu traballo na Escola naval e no Estado Maior e volver á exploración.[31][32]

Entre 1908 e 1910, estivo ao mando do crebaxeos Vaigach,[33] un dos dous buques de casco metálico construídos para unha nova expedición ártica que debía probar a posibilidade de percorrer o Ártico durante o verán.[34][31][35] Encargouse a preparación da expedición a Kolchak pola súa anterior experiencia na rexión.[28] Chamado de volta á capital imperial en novembro de 1910[33], antes de poder continuar a expedición,[35] para seguir co seu traballo na Armada ante a posibilidade dunha guerra con Alemaña,[34][31][35] formou parte de novo do Estado Maior da Armada desde 1910 ata 1912.[11][31][36] Kolchak convenceu á Duma para que incrementase os orzamentos navais,[34] e tivo boas relacións coa cámara lexislativa.[26][31] O principal cometido de Kolchak no Estado Maior era a modernización[33] da frota e a súa preparación para a guerra con Alemaña.[36]

Esgotado polo seu traballo no Estado Maior, cesou neste para unirse á frota do Báltico tras recibir o ofrecemento do seu comandante en 1912.[31] Fíxose cargo do destrutor Ussuriets, principal buque da sección de minado da frota.[11][37] Tras unha estancia en Libau, principal base da sección de minado, foi nomeado xefe de operacións[31] pola súa capacidade[34] e en 1913 comandante do destrutor Pogranichnik e capitán do cruceiro Rurik.[37] En 1914 deixou o Pogranichnik e mantivo o mando do buque insignia da Frota do Báltico que mandaba o almirante Von Essen, o Rurik.[31][38]

A primeira guerra mundial[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Primeira guerra mundial.
Kolchak lanzando o seu sabre pola borda para que non caia nas mans dos bolxeviques. O seu xesto foi moi apreciado polos círculos opostos á revolución, que lle enviaron unha réplica.[39]

Durante a guerra, Kolchak foi un dos oficiais máis activos da Frota do Báltico.[26] Supervisou os vastos campos de minas da costa,[34] tendidos para protexer a inferior frota rusa dos ataques da alemá,[40] participou nas operacións de minado das bases navais alemás de Kiel e Danzig[34][41][42] e comandou as forzas navais no golfo de Riga.[43][44] En abril de 1915 foi ascendido a capitán.[45] Pola súa participación na defensa de Riga, recibiu a máis alta condecoración militar rusa, a Orde de San Xurxo[26][45] e ascendeu máis tarde a vicealmirante[43][44][11][46][8] en xuño de 1916,[46][47][nota 2] sendo o home máis novo en obter tal rango,[43][8] e déuselle o mando da Frota do Mar Negro[11][46][47][42] (16 de xulloxul./ 29 de xullo de 1916greg.),[43][44] en substitución do almirante Andrai Eberhart.[48]

O obxectivo prioritario de Kolchak era garantir o abastecemento dos exércitos do xeneral Iudenich que estaban no Cáucaso loitando contra os otománs (poucos meses antes da súa chegada ao mar Negro, o asalto combinado das forzas de Iudenich e a Frota do Mar Negro permitiu a captura da importante cidade de Trebisonda), e que os navíos otománs poñían en perigo.[48] Logrou que o Yavuz Sultan Selim (o Göben que, con tripulación e mandos alemáns, se unira á frota otomá) e o Midilli (Breslau) tivesen que abandonar o seu ataque no mar Negro e minou a entrada ao Bósforo.[49] Tamén combateu eficazmente a ameaza dos U-boot alemáns, que tiveron que limitar severamente as súas actividades desde a súa base na cidade búlgara de Varna,[50] e así mellorou notablemente a seguridade dos mercantes rusos que abastecían as frontes caucásica e suroccidental;[49] encargóuselle así mesmo planear a invasión do estreito do Bósforo,[51] que xamais tivo lugar.[43][44][50] A frota de Kolchak tivo grande éxito afundindo barcos carboeiros turcos e, posto que non había liñas férreas que unisen as minas de carbón do leste de Turquía con Constantinopla, causou un gran dano ao esforzo bélico turco.[43] Durante o período de mando de Kolchak, a súa frota logrou unha superioridade total fronte á do inimigo.[44]

O maior desastre que tivo lugar baixo o seu mando foi a explosión do acoirazado tipo dreadnought Emperatriz María no porto de Sebastopol o 7 de novembro de 1916.[52] Levouse a cabo unha coidadosa investigación que indicou que a explosión foi probablemente accidental.[52]

O período revolucionario[editar | editar a fonte]

A comezos de 1917, a situación política do Imperio ruso deteriorábase por momentos, e Kolchak viaxou a Batum para entrevistarse co comandante supremo do Cáucaso, o gran duque Nicolao, sobre o acondicionamento dos portos do Cáucaso e de Trebisonda para abastecer ás forzas rusas na zona.[53] Ao recibir un telegrama coas primeiras noticias da revolución en Petrogrado apresurouse a volver a Sebastopol.[54] Á súa chegada xa se producira a abdicación do tsar Nicolao como consecuencia da Revolución de Febreiro de 1917.[55] A diferenza das revoltas na Frota do Báltico, na que o seu comandante foi asasinado, a reputación de Kolchak e o respecto que inspiraba evitou a repetición destes feitos na do Mar Negro.[44][42]

Ao comezo, convencido da incapacidade do último Goberno tsarista, viu con bos ollos a revolución,[56][57] crendo que daría paso a un gabinete liberal capaz de levar ao país á vitoria militar.[58][59] Kolchak defendía a guerra como catarse purificadora, así como o nacionalismo e o militarismo, aos que consideraba principais virtudes humanas, á vez que se opoñía ao pacifismo, o socialismo e o internacionalismo, que asociaba á democracia occidental, en cuxa conveniencia para ser implantada en Rusia non cría.[57] A súa ideoloxía política era máis próxima a unha monarquía constitucional de tipo británico.[57] As primeiras semanas, antes da radicalización da situación, Kolchak puido traballar conxuntamente cos novos soviets de soldados[60] ata que a axitación fixo que se convencese de que a propaganda entre as tropas minaba o esforzo de guerra.[58][42] Trala Revolución de Febreiro, Kolchak recibiu diversas invitacións de grupos políticos liberais e conservadores para entrar en política grazas á súa fama de patriotismo e liderado durante a guerra.[58]

En abril, a Frota do Mar Negro sumiuse no caos, coa radicalización dos soviets de mariñeiros.[55] En maio, Kolchak viaxou brevemente á capital onde lle ofreceron o mando da Frota do Báltico, para tratar de conter a delicada situación revolucionaria nesta, pero finalmente non foi transferido.[60] Durante a súa estancia en Petrogrado, mostrouse de acordo co uso das tropas que fora ordenado polo gobernador militar da cidade, o xeneral Lavr Kornílov, durante a crise de abril.[58] De volta ao mar Negro, o 9 de xuñoxul./ 22 de xuño de 1917greg., rexeitou entregar a súa espada como esixiron os soviets aos oficiais da frota,[61] que demandaran o desarme[42] dos mesmos crendo que había unha conspiración contrarrevolucionaria entre os oficiais,[39][61] lanzándoa ao mar[39][11][42] e partindo pouco despois á capital para tratar de convencer ao Goberno da necesidade de restaurar a disciplina no exército.[62][nota 3]

O ministro de Defensa, Kerenskii, ó descubrir unha conspiración para converter a Kolchak en ditador, e existindo unha solicitude[63] estadounidense para que este lles asesorase sobre unha posible operación contra Constantinopla, Kerenskii ordenoulle saír do país para que exercese como asesor militar do Reino Unido e os EE. UU.[64] Partiu cara aos Estados Unidos en agosto, a través de Bergen, Londres e Canadá, invitado non polo Goberno estadounidense, senón pola delegación naval americana que estaba de visita en Rusia.[63] O 28 de agostoxul./ 10 de setembro de 1917greg., chegou á capital estadounidense.[63] O Goberno de Washington, que non solicitara a viaxe de Kolchak, non chegou a entender o propósito da súa misión, que resultou un fracaso.[65] Kolchak supuxera polas súas conversas coa delegación naval estadounidense en Rusia que Washington planeaba emprender unha misión anfibia contra os estreitos otománs e desexaba o seu consello nesta operación pero, unha vez nos Estados Unidos, quedou claro que non era así.[66] Por conseguinte, tras varias semanas de visitas a diversos centros da Armada e de asesoramento naval xeral, preparouse para regresar a Rusia.[67] Co Báltico bloqueado polo inimigo, decidiu regresar a Rusia por Asia a finais do mes seguinte.[67] O 26 de outubro a delegación rusa chegou a San Francisco e o 9 de novembro partiu rumbo a Vladivostok nun buque xaponés.[67]

A guerra civil rusa[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Guerra civil rusa.

Primeiras actividades contrarrevolucionarias[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Revolución de Outubro.
Kolchak, xunto ao xeneral Horvat, comandante das tropas rusas do transmanchuriano, e do cónsul ruso en Harbin, Popov. Os seus intentos de reunir unha forza antibolxevique na rexión resultaron infrutuosos polas disputas dos distintos grupos e a oposición do Xapón.

Kolchak atopábase nos Estados Unidos, a punto de embarcar en San Francisco para regresar a Rusia a través do Xapón, cando tivo lugar a Revolución de Outubro, en novembro de 1917.[64][2] Completamente entregado á loita contra os Imperios Centrais, ofreceuse á Royal Navy para continuar a loita.[64][68] A pesar do seu convencemento da necesidade de implantar unha ditadura en Rusia, Kolchak, contrario a encabezar aínda un movemento favorable a esta, preferiu alistarse cos británicos para continuar a guerra,[68] que aceptaron a súa oferta en decembro de 1917.[69] Opúxose firmemente ao Tratado de Brest-Litovsk e estaba decidido a continuar combatendo a Alemaña ata a vitoria militar.[57]

Inicialmente, os británicos pensaron en envialo a Mesopotamia,[64][69] pero ao final o Goberno británico decidiu que sería máis útil para os aliados que axudara a acabar cos bolxeviques e volvera introducir a Rusia na guerra.[64] Camiño de Rusia, en Pequín recibira o encargo británico, que non puido levar a cabo pola oposición xaponesa,[70] de reunir as unidades rusas en Manchuria para apoiar a contrarrevolución.[71][69][2][72][73] Desde finais de abril de 1918 e durante cerca de dous meses tratou sen éxito de reunir as forzas rusas, chinesas e mongolas que estaban na concesión rusa ao longo do ferrocarril transmanchuriano.[74] Durante este período Kolchak tivo que enfrontarse con algúns dos líderes contrarrevolucionarios da rexión, os atamáns cosacos, Grigorii Semionov e Iván Kalmykov, cos que máis adiante mantivo tensas relacións.[70]

O 15 de maio de 1919, como encargado militar do pseudogoberno formado polo xeneral Horvat en Harbin con apoio xaponés,[75] tratou en balde de someter a Semionov, que trala súa entrevista con Kolchak se proclamou independente de Horvat e rompeu con este e Kolchak, quen tratou de que abandonase a súa colaboración co Xapón.[76] Trala disputa con Semionov, Kolchak rompeu a súa anterior inclinación temporal cara ao Xapón.[73] Ante a súa incapacidade de entenderse cos xaponeses Horvat relevouno do seu posto a finais de maio, outorgándolle o mando dunha unidade militar menor.[77] Kolchak tratou de utilizala para marchar sobre Vladivostok pero Kalmykov bloqueoulle o paso.[77]

Derrocamento do Directorio de Omsk e ascenso a gobernante supremo[editar | editar a fonte]

O 30 de xuño, decidiu abandonar a empresa ante a oposición xeneral. De novo enfermo, partiu a descansar ao Xapón, onde renovou os seus contactos cos británicos.[70] No Xapón forxou amizade co xeneral Alfred Knox, antigo agregado militar británico en Rusia e xefe da misión militar británica,[72] que estaba no país camiño de Siberia e que, ademais de ser considerado o máis agudo observador da situación do país, era un home de tendencia autoritaria e hostil aos movementos socialistas.[70] Acompañado de Knox, Kolchak regresou a Rusia[72] e desembarcou en Vladivostok, o 18 de setembro de 1918 .[78]

Kolchak, sentado, acompañado polo xeneral británico Alfred Knox, xefe da misión militar británica, e outros oficiais da mesma nacionalidade, de visita na fronte.

De alí trasladouse a Omsk (13 de outubro de 1918 ),[78] camiño de Crimea onde residía a súa familia e pensaba unirse á loita contra o Goberno soviético.[71] Nesta cidade recibiu o ofrecemento do novo Directorio de converterse no seu ministro de Defensa,[79][78] que aceptou o 4 de novembro de 1918 ,[71][2] coa aprobación de Knox.[80] O Directorio formárase por acordo do Goberno provisional siberiano e do Komuch, conformándose unha inestable alianza de grupos de tendencias liberais, conservadoras e socialdemócratas (socialrevolucionarios e menxeviques),[80] unida polo seu antibolxevismo.[81] Kolchak era a figura máis prestixiosa deste gabinete de catorce homes; o Directorio esperaba xogar a baza do respecto que lle tiñan os aliados, en especial o xefe da misión militar británica, o xeneral Alfred Knox.[82] O seu aspecto marcial, o seu patriotismo, o seu anticuado código de valores que lle daban un aura de integridade nunha cidade corrupta, a súa fama como explorador e como un dos mellores oficiais da mariña, favorecérono.[2]

A pesar de formar finalmente un Goberno os últimos días de outubro, o final do Directorio era inminente; importantes forzas conspiraban xa entón para o seu derrocamento e a proclamación dunha ditadura, coa simpatía de Knox, que, segundo o diario do comandante das forzas do Directorio, o xeneral Boldyrev, xa puxera os seus ollos en Kolchak como candidato ao cargo de ditador.[2] Knox, xa antes de partir de Vladivostok cara a Omsk, comunicara ao director da espionaxe británica que Kolchak era «o mellor ruso para o noso propósito no Extremo Oriente».[72]

Poucos días despois, o 18 de novembro, un oficial cosaco, o esaul Iván Krasílnikov arrestou a Nikolai Avksentiev, Vladimir Zenzinov e a outros dirixentes socialrevolucionarios.[83][84][85] O golpe contou coa connivencia de Knox e a misión militar británica,[4] aínda que a súa participación directa é controvertida.[86][87] Os británicos, que asignaran un batallón das súas tropas como escolta de Kolchak (único ministro que recibiu semellante trato), protexeron ademais os edificios oficiais e patrullaron as rúas da cidade tralo golpe para evitar posibles accións armadas en defensa do Directorio por parte da Lexión Checoslovaca.[88][80][89] Polo xeral, os representantes aliados na zona favorecían a implantación dunha ditadura militar.[87]

Os restantes membros do gabinete nomearon a Kolchak[90] –recentemente chegado dunha inspección da fronte–[83] gobernante supremo[85] (Verjovny Pravítel) con poderes ditatoriais[84][91] e «comandante en xefe das forzas de mar e terra»[4] tras sopesar e descartar ao xeneral Vasili Bóldyrev, comandante das forzas do Directorio.[83][82] Kolchak, que favorecía a implantación dunha ditadura militar, non tomara parte no golpe de Estado,[83] e achábase á mantenta ausente de Omsk.[90] Ao mesmo tempo, o Consello de Ministros ascendeuno a almirante.[89][92] Pouco despois os dirixentes socialrevolucionarios detidos durante o golpe foron deportados,[82] coa condición de que abandonasen a actividade política,[93] mentres que os principais militares que participaran no mesmo eran ascendidos.[94][82][90][85]

As reaccións ao pronunciamento foron variadas,[90] desde a hostilidade de socialrevolucionarios e menxeviques ou dos lexionarios checoslovacos, do primeiro ministro británico ou do presidente estadounidense, pasando polo escepticismo dos partidarios da autonomía de Siberia dentro do Imperio ruso, de Semionov ou dos xaponeses, ou a indiferenza da maioría do campesiñado, ata o apoio entusiasta dos kadetes e os partidos de dereita, os oficiais, os círculos empresariais ou diversos representantes aliados na rexión.[95]

A ditadura: Kolchak e o seu réxime[editar | editar a fonte]

Primeiras medidas[editar | editar a fonte]

Estampa postal emitida en 1919 coa lenda: «Pola Rusia unida − Kolchak, gobernante supremo de Rusia».

Os socialrevolucionarios arrestados durante o golpe foron expulsados de Siberia, e Kolchak publicou o seguinte manifesto:[96]

O Goberno provisional ruso chegou ao seu fin. O Consello de Ministros, tendo todo o poder nas súas mans, investiume a min, o almirante Aleksandr Kolchak, con este poder. Aceptei esta responsabilidade nas circunstancias excepcionalmente difíciles da guerra civil e a completa desorganización do país, e agora fago saber que non vou seguir nin o camiño reaccionario nin o camiño mortal da loita partidista. Os meus principais obxectivos son a organización dunha forza de combate, o derrocamento do bolxevismo, e o establecemento da lei e a orde, de xeito que o pobo ruso poida ser capaz de elixir unha forma de goberno de conformidade cos seus desexos e alcance os altos ideais de liberdade e independencia. Fago un chamamento a vostedes, os cidadáns, para unirse e sacrificalo todo, se é necesario, na loita contra o bolxevismo.

Outra medida aprobada pronto polo novo Goberno foi a privatización de parte do comercio, nacionalizado antes polos bolxeviques, para satisfacción dos Congresos Siberianos de Comercio e Industria, que desencadeou unha onda de especulación e de escaseza de produtos.[97] Os empresarios, que apoiaran o golpe de Estado, mantiveron grande influencia en cuestións económicas na ditadura, tanto desde dentro como desde fóra do Goberno.[97]

Kolchak e os aliados[editar | editar a fonte]

Para gañarse o favor dos aliados e da opinión pública estranxeira a ditadura mantivo unha continua propaganda a favor da democracia, de escasa credibilidade na zona.[98] Tamén como xesto aos aliados, o novo réxime comprometeuse ao pago da enorme débeda exterior rusa,[99][100] que fora rexeitada polo Goberno bolxevique.[98] A misión militar británica converteuse nun dos piares fundamentais do novo réxime siberiano de Kolchak.[101][100] O xeneral Knox quedou como responsable das unidades da retagarda mentres que o xeneral francés Maurice Janin mandaba as tropas estranxeiras da fronte[102] (21 de xaneiro de 1919 ).[103][80] Os británicos convertéronse no primeiro subministrador de armas e diñeiro para o réxime de Kolchak.[100][104] Dada a pronta retirada dos checoslovacos da fronte para pasar a vixiar o Transiberiano[102] a comezos de 1919, o mando e a influencia de Janin quedaron en puramente nominais fronte aos de Knox.[80]

Os oito mil soldados estadounidenses en Siberia tiñan orde de ser estritamente neutrais con respecto aos «asuntos internos de Rusia», limitándose a manter o funcionamento do ferrocarril Transiberiano no Extremo Oriente.[100] O comandante estadounidense, William S. Graves, sentía desagrado polo goberno de Kolchak, ao que consideraba reaccionario e autocrático,[100] unha opinión compartida polo entón presidente dos Estados Unidos, Woodrow Wilson. A pesar dos receos cara á ditadura de Kolchak, os estadounidenses enviáronlle armamento e concedéronlle créditos, pero non recoñeceron oficialmente o seu Goberno.[100]

Os checoslovacos mostráronse hostís a Kolchak desde o comezo.[105] O Consello Nacional Checo aprobou unha moción o 21 de novembro de 1918 que condenaba o seu golpe de Estado e negándose en principio a colaborar co seu réxime.[105] Pronto houbo motíns entre as tropas e Radola Gajda, ao que o consello prohibiulle castigar aos axitadores, abandonou a Lexión e pasouse ao servizo de Kolchak.[106] En xaneiro de 1919, unidades enteiras negáronse a regresar á fronte e a Lexión houbo de pasar á retagarda, encargándose de patrullar o Transiberiano entre Ekaterimburgo, Cheliábinsk e Irkutsk.[106][102]

Naquel momento, preto de cen mil tropas aliadas atopábanse en Siberia, oficialmente enviadas para axudar á Lexión Checoslovaca a restablecer a fronte oriental contra os Imperios Centrais, pero na práctica para loitar contra o Goberno soviético.[107] A Lexión Checa e as misións militares británica, estadounidense, italiana e francesa defendían a retagarda de Kolchak e mantiñan aberta unha ruta de abastecemento de seis mil catrocentos quilómetros, desde Vladivostok a Omsk, ao longo do Transiberiano.[108][102] Kolchak nunca aprobou o repartimento das zonas de vixilancia polos aliados, pero non se opuxo con firmeza a ela porque era unha vía de abastecemento esencial para o seu goberno e os aliados garantían o seu funcionamento.[109]

A finais de 1918, Kolchak enviou ao antigo primeiro ministro liberal do Goberno provisional ruso, o príncipe Georgii Lvov, como representante do seu Goberno, para tratar de obter o recoñecemento internacional deste por parte dos aliados, sen éxito.[108] Os aliados, con todo, si sostiveron a Kolchak militarmente con amplas subministracións: nos seis primeiros meses de 1919, o exército branco do almirante obtivo dos aliados un millón de fusís, quince mil metralladoras, setecentos canóns, oitocentos millóns de cartuchos e roupa e equipo militar para medio millón de homes,[108] aínda que é difícil saber que proporción dese material acabou chegando á fronte.[110] A munición entregada a Kolchak neste período equivalía á produción soviética para todo o ano.[108]

Ditadura e democracia[editar | editar a fonte]

Máis aló da súa fachada constitucional, a ditadura de Kolchak abandonou calquera intento de democracia ou liberdades,[98] impediu que o Consello de Ministros herdado do Directorio exercese control algún sobre as tarefas de goberno e entregou o poder ao exército, que se mostrou, ao contrario do esperado polos seus defensores, como deshonesto e incapaz, utilizando este poder para crear feudos e levar a cabo unha especie de vinganza persoal sobre os que consideraba culpables da perda dos seus antigos privilexios.[111][107] O novo xefe do Estado Maior, o novo coronel Dmitri Lébedev, estendeu aos poucos o control dos militares polos territorios controlados por Kolchak e infiltrouse na administración.[112] O Estado Maior, cun persoal cada vez máis numeroso, empregaba a miles de oficiais que rexeitaban a fronte[113] e entregábanse a inútiles traballos en comités diversos de nulo resultado.[112] A camarilla de Kolchak, reunida informalmente no consello do gobernante supremo,[95] cobrou unha importancia política crecente e acantoou ao Consello de Ministros,[95] que foi perdendo progresivamente influencia durante a primeira metade de 1919.[114]

A aparencia democrática era necesaria para lograr o apoio dos aliados, fundamental para lograr o recoñecemento oficial como Goberno de Rusia (que finalmente non obtivo), conseguir participar na Conferencia de Paz de París, seguir obtendo armamento e abastos para a súa loita contra o Goberno soviético, controlar as actividades desestabilizadoras do Xapón no Extremo Oriente ruso ou mitigar a hostilidade da Lexión Checoslovaca.[115] Kolchak, con todo, albergaba escasas simpatías pola democracia, e negouse a contemplar a convocatoria de eleccións para a futura asemblea constituínte ata logo da guerra, ou a aceptar que participasen nela formacións socialistas.[116][107]

A maioría do gabinete era kadete, ben oficial ou oficiosamente, como o era o programa de goberno e a ideoloxía do réxime.[117] A proximidade do almirante cos kadetes debíase en parte á súa experiencia política, da que el carecía, e a compartir o ideal dunha gran Rusia.[117] Cos reveses militares no verán de 1919 acentuáronse ademais tres características no seu goberno, habituais no pasado: o chovinismo, a xenofobia e o antisemitismo, utilizado como xustificación[118] dos seus erros.[119]

O ditador e o seu contorno[editar | editar a fonte]

Kolchak, no canto de exercer o goberno a través do gabinete, prefería facelo de xeito informal, rodeado de favoritos e conselleiros oficiosos.[120] Teoricamente subordinado ao control do gabinete,[117] podía aprobar «medidas extraordinarias» que lle permitían zafarse de tal control.[121] As forzas máis reaccionarias, ademais, reuníronse en torno a Kolchak,[122] illándoo cada vez máis dos seus ministros.[121] Pronto unha camarilla de aduladores e aproveitados utilizou o poder arbitrario de Kolchak para fundar unha especie de corte ó seu redor.[121] Desde o 3 de decembro de 1918 , calquera ataque contra o ditador quedou penado coa morte, mentres que a «calumnia» quedaba castigada con prisión perpetua.[123] Malia a propaganda, Kolchak, patriota fervoroso, bizarro,[117] e con certa capacidade de atracción das delegacións aliadas,[123] non se mostrou á altura como político, economista[123] ou militar.[124] Privado de astucia política e do necesario carisma para lograr o respaldo popular para a súa causa, o seu pasado de militar e estudoso non o preparara para a moi complicada tarefa de derrotar ao Goberno soviético desde a subdesenvolvida Siberia.[124] O seu programa político reflectía máis a súa fe persoal que o desexo de lograr respaldo entre a poboación.[125] A súa habilidade para tratar cos seus subordinados políticos era nula, afeito a mandar e non a negociar.[125] Entregado e traballador, descoñecía completamente, con todo, a complexidade dunha administración pública e daba a impresión aos que o coñeceron durante a época de ditador de atoparse fóra do seu elemento natural, as forzas armadas.[125]

Máis cómodo en asuntos militares que nos políticos, Kolchak concentrouse intensamente naqueles, descoidando estes e reuníndose soamente de tarde en tarde co gabinete ou o primeiro ministro.[126] Malia o seu descoñecemento total da guerra en terra, Kolchak tratou de dirixir as operacións militares, para desgusto dos seus subordinados.[126] Ao redor dun terzo do seu período de goberno Kolchak achouse ausente da capital, de viaxe pola fronte.[127] Isto non asegurou, con todo, o seu control sobre as forzas armadas, non xa a dos atamáns cosacos que se conducían como reis, senón os exércitos da fronte, mandados por oficiais rivais e en ocasións insubordinados.[117]

Malia o seu título de ditador, o carácter de Kolchak tampouco era habitual en tal posto.[127][117] Con escaso criterio político e militar, era facilmente influenciable e tiña escasa vontade propia.[127] Era moi susceptible ás críticas, a miúdo mal informado e propenso a delegar as decisións, incluso as máis importantes.[117] O seu ministro de Defensa durante o verán de 1919 describiuno así:[128]

Carece de plans, sistema ou vontade propios. E deste xeito era como cera branda que os seus conselleiros e o seu cortexo moldeaban a vontade. Era como un xoguete desvalido en mans daquel que lograse a súa confianza e conseguise facerse coa súa vontade.

Privado da capacidade necesaria, tampouco contou en xeral con conselleiros e colaboradores que a suplisen, rodeado fundamentalmente por aventureiros e aproveitados que coñecían a debilidade do almirante por calquera plan presentado como necesario para a patria ou do movemento.[128] En parte a mediocridade da administración de Kolchak debíase á elección de persoal do propio almirante,[110][117] pero tamén proviña da escaseza de políticos e administradores de talento na rexión.[129]

A saúde de Kolchak tampouco correspondía ás necesidades da ditadura: as súas viaxes polo Ártico, o seu continuo traballo durante anos no Almirantado e a fronte, e a dura impresión das revolucións afectáronlle física e mentalmente.[129] Enfermo cun brote de gripe e pneumonía en decembro de 1918 que case lle custa a vida, soamente reapareceu en público en febreiro e daba a impresión de acharse esgotado e enfermo.[129]

A ditadura e as forzas sociais[editar | editar a fonte]

Billete de 300 rublos do Goberno de Kolchak. A ditadura sufriu graves problemas monetarios e unha grande inflación, que avivou o descontento social.

As vitorias militares do inverno de 1919 atrasaron a promulgación de lexislación, especialmente a social, ata a primavera,[130] dada a concentración do Goberno nos asuntos militares e a contrariedade a tratar temas controvertidos no Movemento Branco.[131] As leis aprobadas finalmente neste ámbito na primavera foron incompletas, contraditorias e provisionais.[131]

Xa a finais de 1919, o representante británico en Siberia, sir Charles Eliot, describía ao seu Goberno o réxime de Kolchak como impopular, sostido unicamente polas clases acomodadas, o exército e os funcionarios, cun exército cheo de oficiais reaccionarios,[132] a miúdo monárquicos, e unha imaxe moito menos liberal que a da súa propaganda entre a poboación.[133] A propaganda dos soviéticos terminou sendo máis efectiva que a do réxime de Kolchak, que daba unha impresión reaccionaria e favorable á restauración do antigo réxime tsarista.[132]

Incapaz de impoñer o control do Goberno central no campo, aquel decidiu non celebrar as eleccións aos zemstvos rurais e prorrogar a súa composición de 1917 tras ser purgados polo exército dos seus membros máis hostís ao novo Goberno.[134] Privados de autoridade real, estes órganos de goberno local quedaron paralizados.[134] O escaso control administrativo do campo quedou en mans do Ministerio do Interior.[134]

Os gobernos municipais das cidades, as dumas municipais, si que celebraron eleccións pero, dada a represión do réxime contra toda oposición e o risco para calquera opositor, rexistraron un nivel moi alto de abstención.[135]

A relación co campesiñado foi mala pola incapacidade da administración de expoñer de forma clara a súa postura sobre a propiedade da terra.[136][137] Os tecnicismos legais que indicaban que a cuestión quedaba posposta á decisión da futura asemblea constituínte, a devolución de parte das terras aos terratenentes e a expropiación polo Estado das terras ocupadas polos campesiños ata a decisión da asemblea produciron o aumento da desconfianza dos campesiños, que vían estas accións como meras manobras que ocultaban a volta á situación anterior ás revolucións.[136][138] Os abusos dos atamáns cosacos, en teoría subordinados a Kolchak pero na práctica a miúdo fóra do seu control,[100][105] influíron tamén enormemente na hostilidade de moitos campesiños cara ao réxime de Kolchak que, coas súas salvaxes accións punitivas contra os pobos que se resistían ás levas ou ao pago de impostos, empeorou a situación.[139][140][138]

Reparación de vías férreas en Siberia en 1919. A principal vía de abastecemento de Kolchak foi o Transiberiano a pesar da súa progresiva deterioración e a súa incapacidade para cubrir simultaneamente as necesidades do exército e da poboación civil.

Tampouco foi boa a relación entre o réxime e as minorías da rexión polo chovinismo ruso de Kolchak, os seus oficiais, e os políticos kadetes, opostos ás ambicións nacionalistas das minorías, ás que opuxeron en todo momento o seu ideal dunha Rusia indivisible.[141][142][143] Aínda que de importancia secundaria en Siberia,[141] a cuestión privou ao Movemento de importantes apoios e frustrou acordos con forzas nacionalistas como o Goberno finlandés, disposto no verán de 1919 a marchar sobre Petrogrado a cambio, entre outras condicións, do recoñecemento oficial da súa independencia, que Kolchak rexeitou conceder.[144][143]

A industria na rexión era escasa, a comezos da primeira guerra mundial Siberia contaba unicamente co 10,5 % das fábricas do país, o 4,3 % dos obreiros e o 2,2 % da produción industrial.[145] As fábricas siberianas adoitaban ser máis pequenas e antigas que as doutras partes do país, tendían a centrarse na explotación das materias primas da rexión e a produción de maquinaria, téxtiles, produtos químicos ou armamento era case nula.[145] O Transiberiano empregaba case a un terzo dos obreiros e o seu mantemento dependía case por completo de fábricas en mans dos soviéticos.[145]

A relación do réxime cos sindicatos foi mala, sendo estes reprimidos militarmente, malia que as súas protestas eran en xeral de carácter económico e non político.[146] O dereito de folga foi prohibido.[147] Xa antes da toma do poder por Kolchak os traballadores siberianos, que aceptaran as insurreccións contra os soviéticos inicialmente, desilusionáranse cos novos gobernos: o período de Kolchak acentuou o descontento[130] e as protestas.[148] O Ministerio de Traballo, en mans dun antigo menxevique, era impotente para aplicar medida algunha ou para frear os abusos dos militares.[147] O exército prefería a prohibición dos sindicatos, pero as relacións cos aliados impediron que fosen disoltos, malia ser sometidos a dura represión.[149]

En economía o Goberno mostrou unha clara preferencia pola empresa privada fronte ás fortes cooperativas da rexión, a pesar do apoio destas e da incapacidade daquelas para resolver os problemas de abastecemento e da produción bélica.[150] Fronte aos douscentos millóns aportados ao esforzo bélico de Kolchak polas cooperativas, as empresas privadas apenas alcanzaron os doce.[151] Nalgúns círculos do Goberno e, especialmente, do exército, asociábase ás cooperativas co bolxevismo.[152]

En parte o descontento da poboación debíase a causas económicas: gran parte dos produtos manufacturados importáronse doutras rexións ou do estranxeiro antes da guerra civil e ata os produtos máis esenciais aumentaran extraordinariamente o seu prezo ante a imposibilidade de importalos usando o Transiberiano, que se reservaba case de forma exclusiva para uso militar.[153] O problema da distribución tamén incluíu aos alimentos, cuxa falta afectou á poboación das cidades, o que facilitou a extensión de epidemias de tifo, escarlatina ou gripe, que creceron ao longo de 1919.[154] As medidas do Goberno para mellorar a situación dos traballadores foron tardías e insuficientes.[155]

Outro grave problema do Goberno foi a cantidade de refuxiados que se concentraron nas cidades, mal preparadas para acollelos: Omsk pasou duns cento trinta mil habitantes en 1917 a máis de medio millón durante o goberno de Kolchak.[155] Aínda que unha minoría vivía na opulencia, a maioría resgardábase en vagóns de tren, hoteis repletos ou chabolas nos arredores da cidade, en condicións similares aos traballadores.[156] A poboación crecera duns quince millóns en 1917 a vinte en 1919, aínda que só Siberia Occidental podía alimentar a sesenta millóns segundo cálculos das cooperativas.[157]

O Goberno, aínda consciente do desafecto dos traballadores debido á súa incapacidade de fornecerlles alimentos e combustible, foi incapaz de resolver a situación debido a diversos factores: a indiferenza do exército ás necesidades dos civís, a ineptitude da administración, a preferencia pola empresa privada fronte ás máis eficientes cooperativas locais, o aumento da poboación ou os problemas de transporte.[158]

Primeiros combates: avances e retrocesos (novembro de 1918 - xaneiro de 1919)[editar | editar a fonte]

Kolchak, rodeado de oficiais das forzas brancas. O primeiro pola esquerda, sentado xunto a el, Radola Gajda, un dos seus máis brillantes comandantes, ao mando do Exército Siberiano. Máis tarde alzouse contra Kolchak, fracasou e foi deportado.

Inicialmente as forzas brancas de Kolchak obtiveron notables éxitos,[159] que ocultaron, porén, a desorde no exército e a corrupción na capital.[130] Dado que Kolchak non dominaba o combate terrestre, deixou a maioría da planificación estratéxica en mans do coronel Dmitri Lébedev, sen experiencia algunha de mando,[159] –promovido a xeneral– e o seu Estado Maior.

O exército norte, ao mando do checo Radola Gajda,[109] que avanzaba desde Ekaterimburgo desde novembro, tomou Perm o 24 de decembro de 1918 [160][161][109] e, tras unha pausa para reorganizarse, despregouse desde esta base estratéxica. O Terceiro Exército Vermello cedeu ao redor de 200 km[109] nun mes de combates librados a preto de 35 graos baixo cero.[160][161] As unidades de Kolchak obtiveron un substancioso botín na cidade,[109] tanto en prisioneiros como en armamento e transporte, e o control dunha importante fábrica de armamento.[160][161] A vitoria militar serviu ademais para desviar a atención das matanzas producidas polo levantamento dos días anteriores en Omsk.[160]

O alborozo inicial, con todo, pronto deu paso a maior sobriedade cando os soviéticos lograron capturar Ufá o 31 de decembro de 1918 .[162] Tras perder as cidades industriais con fábricas de armamento de Izhevsk e Votkinsk en novembro, a toma de Ufá desbaratou os intentos de impedir o acceso dos soviéticos aos Urais.[162] A finais de xaneiro estes tomaron Uralsk e a estratéxica cidade de Oremburgo, que cortaba a conexión ferroviaria entre Samara e Taskent, derrotando para iso aos cosacos locais.[163]

A ofensiva de primavera[editar | editar a fonte]

Aos combates do inverno sucedeulles a planificación dunha nova campaña que comezou en marzo de 1919.[164] O plan consistía en avanzar por tres frontes, establecidas a comezos de xaneiro:

  • Gajda (ao mando do Exército Siberiano, con base en Perm)[165] debía avanzar cara a Viatka.[166] Era o maior dos tres e contaba cuns sesenta mil homes.[109]
  • Janzhin (á cabeza do Exército Occidental)[165][109] debía capturar Ufá. Era a principal forza e incluía os restos do Exército Popular do Komuch e dez mil traballadores das fábricas de munición de Izhevsk e Votkinsk, que se rebelaron contra os bolxeviques en 1918.[166] En total contaba cuns corenta mil soldados.[167]
  • Os cosacos de Dutov[109] e os do Ural,[166] mandados polo tenente xeneral e atamán Tolstov (Exército Meridional),[165] debían liberar Oremburgo e establecer contacto coas unidades de Denikin e illar ás unidades soviéticas en Turquestán.[166]
Soldados do exército de Kolchak, de orixe campesiño e, polo xeral, con escasa instrución militar.

Kolchak lograra reunir cento doce mil homes no campo de batalla[168] contra unha forza de aproximadamente cen mil soldados bolxeviques.[167] A escaseza de industrias en Siberia fixo que as unidades de Kolchak tiveran que ser armadas, vestidas e abastecidas polos aliados, principalmente polos británicos:[169] desde o armisticio ata agosto de 1919, o Goberno do Reino Unido gastou oficialmente 69 285 000 libras nos «brancos» segundo un informe do seu ministerio de Defensa.[170] Malia o seu número, as tropas de Kolchak eran a miúdo levas de campesiños sen instrución militar, alistados nas súas unidades pola forza e moi novas, condición favorecida polos oficiais para evitar aos veteranos da guerra mundial, considerados favorables aos bolxeviques.[171]

Avances dos exércitos de Kolchak na ofensiva de primavera, entre marzo e principios de xuño de 1919.

A ofensiva comezou o 4 de marzo de 1919 .[172] As unidades de Kolchak avanzaron uns 150 km ao longo do ferrocarril Perm-Viatka.[172] O Segundo Exército Vermello foi rexeitado cara ao norte e perdeu Okhansk (7 de marzo), Osa (8 de marzo) e Sarapul o 10 de abril de 1919 .[173]

No centro, o Exército Occidental rexeitou o lento avance do 5.º Exército Vermello e tomou Birks (10 de marzo) e Ufa (14 de marzo) de 1919.[173] A comezos de abril, tomou Belebéi (7 de abril) e Bugulma (10 de abril) e excedeu o seu obxectivo de alcanzar o río Ik.[173] Cambiando os plans ante a inesperada rapidez do avance, Kolchak ordenou continuar o mesmo o 12 de abril de 1919 .[173] O Exército Occidental continuou avanzando ao longo das liñas férreas Ufá-Samara e Ufá-Simbirsk, á vez que tomaba Chistopol xunto ao río Kama a finais de mes, camiño de Kazán.[174]

No sur, a retirada do Quinto Exército Vermello obrigou a facer o mesmo ao Primeiro para evitar ataques no seu flanco esquerdo e evacuou Sterlitamak a comezos de abril.[174] Os cosacos de Oremburgo tomaron mentres Aktiubinsk o 11 de abril, cortaron a liña férrea Oremburgo-Taskent e illaron ás forzas soviéticas en Asia Central.[174]

En menos de dous meses de ofensiva Kolchak avanzara preto de trescentos quilómetros, aumentado a poboación baixo o seu goberno en máis de cinco millóns de persoas, tomado miles de prisioneiros do Exército Vermello e situado ás súas unidades a menos de cen quilómetros de Kazán, Samara ou Simbirsk.[174][161] Os seus exércitos lograran separar en dous ao Grupo de Exércitos Oriental soviético trala toma de Chistopol, o que deixou ao 2º e 3º exércitos (ao norte) illados do 1º, 4º e 5º (ao sur).[174][168] Coa excepción dun saliente no Sur, Kolchak recuperara practicamente a finais de primavera as posicións sostidas polos checoslovacos en agosto de 1918.[175]

As sublevacións antibolxeviques en Simbirsk, Kazán, Viatka e Samara facilitaron o seu avance.[172][166] O recentemente formado Exército Vermello demostrou pouca disposición para o combate, e retirouse permitindo que os brancos avanzasen ata unha liña que se estendía desde Glazov a Uralsk pasando por Oremburgo. Kolchak dominaba por entón un territorio de máis de 300 000 km², habitado por sete millóns de persoas. En abril, o alarmado Comité Executivo Central dos bolxeviques fixo da loita contra Kolchak a súa primeira prioridade, o que permitiu que os soviéticos contasen en xuño cunha vantaxe numérica duns vinte ou trinta mil homes na fronte oriental.[176]

Diversos factores explicaban o avance das forzas de Kolchak: o Grupo de Exércitos Oriental soviético perdera ás súas mellores unidades, trasladadas a outras frontes, o seu avance fora temerario, dividindo as súas forzas; os mandos menores e os comisarios mostráronse mediocres, a disposición do ataque de Kolchak fora inesperada e a superioridade numérica deste ao comezo, notable.[177]

Con todo, segundo chegou o desxeo de primavera a posición de Kolchak dexenerou: os seus exércitos avanzaran máis aló das súas liñas de subministracións, que estaban esgotándose, e o Exército Vermello estaba aumentando enormemente os seus efectivos na zona co recrutamento masivo de novas tropas.[178] A finais de maio o número de efectivos do Grupo de Exércitos Oriental triplicouse ata os 341 424 homes e o seu armamento aumentara tamén.[178]Mikhail Frunze chegou para tomar o mando do 5º Exército soviético.[167]

Contraofensiva soviética de verán (maio - xullo de 1919)[editar | editar a fonte]

O 28 de abril de 1919 , Mikhail Frunze atacou o flanco esquerdo de Janzhin, tomou tras dous días Buguruslán e ameazou con rodear a vangarda do Exército Occidental.[178] Grazas á deserción do comandante da 25ª División soviética, as unidades daquel puideron retirarse ordenadamente tralo río Ik, posición que alcanzaran a mediados de maio.[178]

Máis ao norte, infantes soviéticos tomaban Chistopol o 4 de maio e pechaban así a brecha entre unidades do Grupo de Exércitos.[178]

O 15 de maio caía Belebei e o 7 de xuño a 26ª División do 5º Exército soviético cruzaba o río Bélaya en persecución do Exército Occidental, que abandonou no medio do pánico Ufá,[167] con importantes depósitos de armas e alimentos, dous días despois.[178][179] O intento desesperado de evitar a captura da cidade polos batallóns selectos de Kappel, todos condecorados coa Orde de San Xurxo, que cargaron á baioneta contra as posicións soviéticas de Frunze, fracasou e saldouse con máis de tres mil mortos.[180]

A contraofensiva soviética do verán de 1919 devolveu primeiro ás forzas de Kolchak ás posicións de comezos da primavera e despois arrebatoulles o control dos Urais. O intento de contraofensiva de agosto centrado en Cheliábinsk foi un rotundo fracaso que supuxo o relevo do xefe do Estado Maior, Lébedev.

No norte, porén, o Exército Siberiano de Gajda continuaba o seu avance e tomou Glázov[109] a comezos de xuño.[181] Ante a retirada do Exército Occidental, Gajda quedou exposto e houbo de comezar o repregue;[167] Glázov abandonouse o 13 de xuño.[181] Non puido realizar o desexado enlace coas tropas británicas que avanzaban desde Arjánguelsk.[109] Sarapul fora capturada polo 2º Exército soviético o 2 de xuño.[181] O 6 tomaba Izhevsk, que en dúas semanas producía xa cincocentos fusís diarios para os soviéticos.[180] En dúas semanas, as forzas de Gajda regresaran ao seu punto de partida, Perm.[181]

No sur, onde a fronte mantívose estable de marzo a maio, unidades cosacas lograran atravesar as liñas do 4º Exército soviético avanzando cara a Nikolaevsk, achegándose ás unidades de Piotr Wrangel que asediaban Tsaritsyn e a 40 km de Samara.[181] Tras ameazar brevemente a retagarda do 5º Exército, houberon de retirarse, sendo exiguas para manter as posicións alcanzadas.[181]

Durante o mes de maio, a maioría das unidades baskires desertaron en masa aos soviéticos,[113] aínda que a primeira gran deserción tivo lugar en febreiro, cando dous mil deles cambiaron de bando unha vez que os soviéticos lles garantiron a formación dunha nova república autónoma e Kolchak insistiu en disolver as unidades baskires e integralas no Exército Siberiano.[182]

A finais de xuño, as forzas de Kolchak achábanse aproximadamente onde comezaran a ofensiva de primavera.[181][113] O Comité Central bolxevique, malia a oposición de Trotski e Jukums Vācietis, que temían que Kolchak dispuxese de numerosas reservas, decidiu a finais de xuño e comezos de xullo continuar o avance máis aló dos Urais.[181][183]

O 1 de xullo, durante as celebracións de aniversario da creación do Goberno provisional siberiano, coñeceuse a perda de Perm,[183] abandonada ese mesmo día.[184] As derrotas da fronte agudizaron o esgotamento mental e o nerviosismo de Kolchak, que durante xullo e agosto mostrouse extremadamente nervioso, esgotado, irascible, con ataques de ira.[184] O seu aspecto físico empeorou notablemente.[184]

O 11 de xullo, os soviéticos socorrían á guarnición de Uralsk, longo tempo sitiada.[185] Na fronte central, o 5º Exército tomaba Zlatoust,[183] localidade que controlaba o principal paso dos Urais, o 13 de xullo.[185][186] A cidade fora abandonada apresuradamente con grandes cantidades de material, que caeron en mans dos soviéticos.[185] No norte, trala caída de Perm, Ekaterimburgo[183] capturouse a mediados de mes (14 de xullo).[185][187] Esta cidade sufrira un gran pogrom con dous mil mortos da súa escasa poboación xudía pouco antes de ser tomada polos soviéticos, símbolo do crecente nerviosismo dos partidarios de Kolchak e da súa procura de chibos expiatorios para os seus reveses.[186][118]

En dez semanas, o Exército Vermello avanzara preto de cincocentos quilómetros na fronte norte e seiscentos no centro, o que privou a Kolchak das minas e as fábricas dos Urais, a súa única base industrial.[185][186] O revés militar tamén trouxo consecuencias políticas: o recoñecemento dos aliados ao Goberno de Omsk deixou de suscitarse.[185][183]

As deficiencias organizativas e de estratexia do mando branco, xunto coa escasa calidade das súas tropas, que comezaron a desertar en masa ante as primeiras derrotas,[110] quedaron de manifesto durante a contraofensiva soviética.[188] As desercións para atender os campos e o gran número de baixas entre os soldados novatos reduciron enormemente o tamaño das forzas de Kolchak, que apenas alcanzaba a metade dos sesenta mil homes de marzo dous meses máis tarde.[189] Os intentos de aumentar o recrutamento e de utilizar as últimas reservas fracasaron.[189] Tampouco houbo intento algún por utilizar os prisioneiros de guerra soviéticos, para desesperación da misión militar británica, que os consideraba potenciais recrutas.[190] O mando de Kolchak preferiu executalos en masa ou encerralos en campos de prisioneiros, onde morrían a miúdo de frío e de tifo.[190] A oficialidade, malia exemplos de heroísmo illado, mostrouse en xeral indisciplinada e caprichosa e isto dificultou a execución das ordes.[191]

As derrotas do verán supuxeron ademais un gran contratempo económico para Kolchak: esfumada a posibilidade de ser recoñecido como Goberno oficial de Rusia desapareceron as posibilidades de obter os necesarios créditos dos gobernos aliados.[192] O réxime tivo que seguir sosténdose da única fonte de financiamento da rexión, que xa se mostrou moi xenerosa cos anteriores gobernos antibolxeviques: as cooperativas.[193][194] O Goberno, con todo, coa súa preferencia ideolóxica pola empresa privada, non mantivo boas relacións co sistema cooperativista,[152] a pesar do enorme apoio económico (douscentos millóns de rublos ata outubro de 1919) e moral recibido deste.[195] A retirada militar tamén causou unha crise política no Goberno, cada vez menos seguro da súa vitoria final.[186]

Contraataque en Cheliábinsk[editar | editar a fonte]

Co exército en retirada creuse conveniente reorganizalo[183] pero isto levou semanas de discusións entre os mandos da fronte e o Estado Maior e a dimisión do xeneral Gajda,[187] que esixira a substitución de Lébedev[159] e a obtención para el mesmo do mando de todas as forzas, infrutuosamente.[196]

Mentres se discutía a conveniencia de montar un contraataque continuaba a retirada, evacuándose Ekaterimburgo en completa desorde o 14 de xullo.[197] Malia a oposición dalgúns xenerais, Lébedev, apoiado polo xeneral Konstantín Sákharov e co beneplácito de Kolchak, logrou a aprobación da contraofensiva ao redor de Cheliábinsk.[198] O obxectivo principal de Kolchak era impresionar mediante unha vitoria militar aos representantes aliados, reunidos por entón en Omsk para decidir a continuación do apoio ao seu Goberno.[198]

Os principais primeiros ministros aliados: David Lloyd George, Vittorio Orlando, Georges Clemenceau e o presidente estadounidense Woodrow Wilson en París en 1919. Os reveses militares do verán fixéronlles descartar a posibilidade de recoñecer oficialmente ao Goberno de Kolchak.

O plan consistía en abandonar Cheliábinsk aos soviéticos para, a continuación, rodealos mediante un movemento de pinza formado por dous brazos: o setentrional con seis divisións ao mando de Voisetjovski e o meridional con tres e unha brigada de cabalería ao mando de Kappel.[198] A manobra debía acabar co aprisionamento do 5º Exército soviético nunha bolsa centrada na cidade.[198]

O 27 de xullo, as primeiras unidades soviéticas entraron na cidade,[187] abandonada segundo o plan.[199] O ataque das unidades de Kappel, completamente inexpertas, fracasou, sendo doadamente rexeitadas pola 26ª división soviética, unha unidade de choque.[199] No norte Voisetjovski logrou cortar fugazmente o ferrocarril Cheliábinsk-Ekaterimburgo, antes de ser atacado por unidades do 3º Exército soviético ao mando de Frunze, que o rexeitaron cara a Kurgán e o río Tobol o 2 de agosto.[199] Kolchak perdeu na operación varios miles de homes e numerosos materiais e abastos.[199] O 4 de agosto perdíase tamén Troitsk e con ela todo contacto co Exército Meridional, que comezou a súa retirada cara a Turquestán.[199]

O 2 de agosto, os soviéticos tomaban definitivamente Cheliábinsk, centro agrícola da ladeira oriental dos Urais, e capturaron miles de prisioneiros, converténdose a súa vitoria en proba da ineptitude do alto mando de Kolchak, en mans do incompetente Lébedev.[196] A comezos de agosto as forzas de Kolchak achábanse xa ao leste do Tobol, máis preto de Omsk que dos Urais.[187]

Tralo fracaso da contraofensiva de Cheliábinsk, a comezos de agosto de 1919 os aliados rexeitaron a idea de que Kolchak e o seu Goberno fosen o principal centro do Movemento Branco e abandonaron a idea de recoñecelo como Goberno oficial de Rusia, aínda que esta rexurdiu brevemente durante o outono cos pasaxeiros avances de Yudénich e Denikin.[200] A partir de entón os aliados limitáronse a entregar a axuda xa prometida e soster moralmente ao réxime mentres traspasaban o groso do seu apoio material a Denikin.[200] Os intentos dalgúns elementos do réxime de chantaxear aos aliados con intentos de achegamento a Alemaña fracasaron no seu obxectivo de recuperar a axuda pasada e non contaron co respaldo de Kolchak, que se negou a contemplar a cooperación cos alemáns e os seus partidarios.[201]

Ademais dos reveses na fronte a situación na retagarda era xa no verán preocupante.[202] Os excesos do exército no campo e a crise económica favoreceran o descontento do campesiñado e a aparición de crecentes bandas de partisanos[203] que operaban ao norte e ao sur da liña do Transiberiano e controlaban amplos territorios,[202][204] malia estar en xeral mal armados.[205] As derrotas na fronte acentuaron a represión militar e os excesos, malia as ordes do mando para acabar con estes e, en especial, coa queima de aldeas como práctica de castigo.[202]

Os intentos dos socialistas moderados, considerados polos máis reaccionarios pouco máis que un grupo de «kerenskistas», de reformar o réxime e formar un órgano de control da ditadura, malia tímidos avances a comezos do verán, acabaron fracasando, negándose Kolchak a finais do verán a estudar as súas propostas de reforma.[202]

A contraofensiva de Ishim-Tobol (setembro - outubro de 1919)[editar | editar a fonte]

O xeneral Dieterichs, ao mando da contraofensiva de Ishim-Tobol, que detivo temporalmente o avance soviético. Dieterichs, beato e reaccionario, era, porén, un dos oficiais máis capaces do exército de Kolchak.

Trala súa vitoria na batalla ao redor de Cheliábinsk a comezos de agosto, o Exército Vermello continuou o seu avance durante todo o mes.[206] O 1º e 4º exércitos, agrupados na fronte do Turquestán ao mando de Mikhail Frunze, empuxaron ao Exército Meridional formado polos cosacos de Oremburgo e do Ural cara a Persia e o Sinkiang mentres que o 3º e 5º avanzaban ao longo das liñas férreas Ekaterimburgo-Tiumén-Ishim e Cheliábinsk-Kurgán-Petropavlovsk, respectivamente.[206] A mediados de agosto os soviéticos capturaron Tiumén e Kurgán, abandonadas sen loita polo exército de Kolchak.[206] A finais de mes aqueles atopábanse a 70 km do río Ishim, última barreira natural antes de Omsk.[206] Ante a posibilidade de ter que evacuar a capital, sopesáronse as alternativas militares: ben tratar de rexeitar ao inimigo no Ishim e empuxalo de volta ao río Tobol ou abandonar a capital e formar un novo fronte ao longo do río Obi ou cerca do Baikal.[206] Malia os temores de afundimento militar no caso de que fracasase unha nova ofensiva, optouse por tratar de conservar a capital.[206]

O plan do xeneral Mikhail Dieterichs consistía nun ataque ao centro da fronte que debía comezar o 1 de setembro de 1919 desde o Ishim, combinado cun rápido movemento envolvente no flanco dereito contra o 5º Exército soviético a cargo da cabalería, que debía cortar a retirada cara ao Tobol aos soviéticos.[207] A planificación do ataque foi deficiente[207] e, malia a reorganización do exército a mediados de agosto,[183] este seguiu contando cun exceso de unidades e de mandos para apenas sesenta mil homes.[208] O 3º Exército, formado polos restos do Exército Occidental, contaba cun alto mando capaz de administrar un exército dun millón de homes.[208] Os tres novos exércitos (o 1º e o 2º creados pola división do Exército Siberiano e o 3º do Occidental) contaban con cinco mandos, once cuarteis xerais de corpos de exército e trinta e cinco de divisións e brigadas.[208] Os intentos de mobilizar á burguesía para aumentar o tamaño das unidades fracasou de novo e o recrutamento apenas chegou ao 25% dos obxectivos na maioría das zonas, facendo perigar os preparativos para o ataque.[209] A finais de agosto apenas se reuniron recrutas para formar unha división, aínda que se formaron xa mandos para once.[209] Mentres os oficiais da fronte escaseaban, as unidades de mando na capital seguían sendo xigantescas e desproporcionadas.[209] Eran numerosos os mozos oficiais que podían verse en resplandecentes uniformes día e noite na capital, pero non na fronte.[194]

Os intentos de reunir unha gran forza cosaca para o crucial ataque de flanco planeado por Dieterichs tampouco deron froito.[210] A maioría dos cosacos que non se enrolaran xa nas forzas armadas non mostraron interese en unirse ao exército, tratando de non verse involucrados na guerra civil.[210] O día que debía comezar a ofensiva a forza cosaca apenas reunira sete mil cincocentos homes cando se esperaban polo menos vinte mil.[210] Malia o exiguo da unidade, deuse a orde de comezar o ataque segundo o plan previsto.[210]

A sorpresa fixo que as unidades de Kolchak comezasen avanzando e aproveitasen o excesivo avance dos soviéticos, afastados dos seus centros de mando.[211] Grazas ao traspaso de tropas vermellas da fronte siberiana á meridional, as forzas de Kolchak contaban ademais cunha lixeira vantaxe numérica.[211] O 2º Exército non logrou flanquear ao 2º soviético, pero os cosacos, pola súa banda, si conseguiron ao comezo algunhas vitorias ao sur de Petropávlovsk e derrotaron á 5ª e 35ª divisións do 5º Exército soviético entre o 7 e o 9 de setembro de 1919 .[211] Os avances continuaron durante as dúas semanas seguintes.[212] Os cosacos, con todo, atrasaron repetidas veces o fundamental ataque contra Kurgán que debía cortar a retirada ordenada das unidades soviéticas, para desesperación de Kolchak e do alto mando.[212] Dieterich ordenou á forza cosaca de Ivanov-Rinov atacar en seis ocasións, pero este limitouse a desoír as ordes, polo que foi temporalmente destituído.[212] O 30 de setembro, e ata sen o esperado golpe dos cosacos contra a retagarda soviética, as unidades destes cruzaran o Tobol e perdido Tobolsk, capturado polo 1º Exército de Kolchak, e numerosos homes e material.[213] A reconquista, mentres, era enganosa: cunhas forzas cada vez máis minguadas de pouco máis de vinte mil homes, sen reforzos destacables e cun inimigo que se reforzaba por momentos, a probabilidade de continuar o avance era nulo e a posibilidade de manter a liña do Tobol ata a primavera quedaba en dúbida.[214] A debilidade da fronte facía que o exército fose moi vulnerable a calquera contraataque soviético.[214]

Os intentos do beato Dieterichs de converter a ofensiva nunha cruzada para aumentar o número de recrutas e poder manter a fronte fracasou, tanto no número de soldados obtidos como na súa calidade.[215] Mentres, os soviéticos conseguiron reforzar as súas unidades con varias decenas de miles de homes entre o 1 e o 13 de outubro de 1919 e alcanzaron unha vantaxe de tres a un a mediados de mes.[215] O 14 de outubro recibían a orde de contraatacar e o 18 lograran cruzar o Tobol.[215] O exército de Kolchak comezou entón unha retirada que non se detivo xa ata chegar ao océano.[215]

Retirada e perda da capital[editar | editar a fonte]

Columna de tropas «brancas» en retirada en 1919. A retirada cara a Siberia Oriental trala evacuación de Omsk a mediados de novembro de 1919, en terroríficas condicións, cobrouse a vida de numerosos refuxiados e disolveu as forzas armadas.

O 22 de outubro de 1919 , o 1º Exército abandonou Tobolsk aos soviéticos, mentres o 2º e 3º retrocedían cara a Ishim e Petropávlovsk.[215] Malia a importancia estratéxica desta última, abandonouse o 31 de outubro, do mesmo xeito que a primeira, que se evacuou coas pontes sobre o río intactas o 4 de novembro.[216]

Dieterichs ordenou a evacuación de Omsk, planeando reformar a fronte máis ao leste, o 29 de outubro de 1919 .[217] Kolchak, con todo, decidiu defender a capital e rescindiu a orde, malia que xa parte das unidades marcharan ao leste.[217] Kolchak chamou ás armas á poboación para defender a cidade.[217]

A desautorización de Dieterichs levou á dimisión deste, substituído polo xeneral Sakharov, o 4 de novembro.[218] O mando dos distintos exércitos tamén se reorganizou.[218]

Malia as declaracións optimistas de Sakharov, as misións diplomáticas aliadas abandonaron a cidade o 7 e o Consello de Ministros fixo o mesmo tres días máis tarde.[219] A defensa da cidade fixo que esta volvese ao caos producido polos militares ao comezo da ditadura.[219] Preto de catrocentos prisioneiros políticos do cárcere da cidade foron asasinados e moitos outros abandonados á intemperie.[220]

Kolchak foi dos últimos en abandonar a cidade, a noite do 13 de novembro, en cinco trens que contiñan os restos da reserva de ouro do Imperio.[220][221][222] Na madrugada do día seguinte,[223][224] tras unha marcha forzada de douscentos quilómetros en dous días, unidades do 5º Exército soviético ao mando de Tukhachevski entraban na cidade,[225] onde atopou escasa oposición da guarnición local; logrou o control de Omsk xa pola tarde do mesmo día.[220] Capturaron numeroso material e decenas de miles de prisioneiros.[220][221]

Insurreccións e disgregación do exército[editar | editar a fonte]

Últimos meses do réxime de Kolchak, coa retirada das súas unidades, as revoltas na súa contra e o avance soviético.

Camiño de Irkutsk para reunirse cos seus ministros, Kolchak recibiu a noticia da decisión dos mandos da Lexión Checoslovaca de comezar de inmediato a súa retirada e abandonar as súas actividades a favor do seu Goberno (13 de novembro de 1919 ).[226] Cinco días máis tarde decatábase do levantamento socialrevolucionario contra o seu réxime en Vladivostok, apoiado polo destituído Radola Gajda.[226][227] A oposición, que conspirara contra Kolchak desde facía tempo,[228][227] librouse da represión do gobernador de Kolchak pola protección dos legados aliados, contrarios ao uso das tropas cosacas de Kalmykov na cidade.[229]

O levantamento, ademais da cooperación de Gajda, que informou aos aliados da súa inminencia a comezos de novembro, contou con certa simpatía dos representantes aliados na cidade.[230] O alzamento produciuse o 17 de novembro de 1919 ,[231][232] e logrou ao comezo a adhesión de certas unidades.[230] A sorte do levantamento, con todo, quedou selada ao non lograr este o respaldo dos oito mil lexionarios checoslovacos da cidade, que se declararon neutrais e expresaron o seu desexo de ser evacuados canto antes.[233] As unidades militares xaponesas, coa escusa de «limitar os combates», illaron o centro da insurrección, a estación de ferrocarril da cidade.[233][232] As tropas alzadas quedaron entón sitiadas por Kalmykov e pola mariña, leal a Kolchak.[233]

Tropas da Lexión Checoslovaca. Denigrada por Kolchak a pesar dos seus grandes servizos como garda do Transiberiano, acabou por dar prioridade á súa retirada cara a Vladivostok a finais de 1919 —o que causou desorde na retirada rusa— e entregou ao almirante aos rebeldes de Irkutsk.

Tras unhas curtas negociacións os atacantes bombardearon a estación o 18 de novembro e o esmagamento da rebelión converteuse nunha matanza.[234] Gajda foi rapidamente deportado[235] e os principais dirixentes socialrevolucionarios buscaron a protección do mando estadounidense na cidade.[234]

Mentres, os socialrevolucionarios e o Goberno negociaban en Irkutsk un acordo de colaboración no medio da desconfianza mutua.[236] Kolchak non apoiaba as negociacións, e continuaba a súa lenta retirada ao longo do ferrocarril e alcanzou Taiga o 8 de decembro de 1919 .[237] Alí reuniuse co novo primeiro ministro que tratou de convencelo da necesidade de profundos e rápidos cambios no Goberno, sen éxito.[238] Trala marcha de Kolchak o primeiro ministro logrou destituír a Sakharov, que se opoñía aos cambios propostos por este, como comandante en xefe pola forza.[238]

O 12 de decembro de 1919 o xeneral checoslovaco Jan Syrovy comunicoulle ao seu superior, o xeneral francés Maurice Janin, a necesidade de comezar de inmediato a evacuación da Lexión para evitar un motín. Logrou o beneplácito deste e o consentimento para dar prioridade aos checoslovacos fronte a outros continxentes como o polaco, o serbio, o romanés ou o italiano, que serían evacuados máis tarde.[239] Poucos días máis tarde os checoslovacos fixéronse co control total do Transiberiano, substituído aos xefes de estación e impondo aos rusos a súa orde de evacuación, no que as unidades de Kolchak ían ser evacuadas en último lugar, tralas unidades estranxeiras.[239] Os checoslovacos prohibiron o traslado dos convois rusos ao leste de Novonikoláevsk antes da retirada total checoslovaca, o que atrasou de xeito crucial a retirada rusa[225] e aparcou o convoi de Kolchak en Krasnoiarsk durante varios días.[239] Malia as furibundas protestas rusas, os checoslovacos negáronse a cambiar as ordes, que deixaron máis de 120 trens de refuxiados atascados na liña, sendo capturados polos soviéticos[221] a un ritmo duns 10-20 diarios.[239] Mentres, Kolchak continuou o seu lento avance cara a Irkutsk sempre que llo permitían os checoslovacos.[240][221] En Kranoiarsk quedou detido entre o 17 e o 21 de decembro, negándose Janin a dar prioridade ao seu convoi.[240]

Tras longas conversacións Kolchak conseguiu abandonar a cidade pouco antes de caer en mans dos rebeldes socialrevolucionarios do «Centro Político», que tamén controlaban xa Nizhneúdinsk cando o almirante alcanzou a cidade o 27 de decembro e quedou á vez protexido e detido polas tropas checoslovacas que controlaban a estación.[240] O 24 de decembro de 1919 o «Centro Político» tomara o control de Irkutsk.[235][241]

O 27 de decembro de 1919 , o 5º Exército Vermello capturou Novonikoláevsk, onde os atascos no ferrocarril, que deixaran ao 2º e 3º exércitos bloqueados tras cen quilómetros de trens con refuxiados entre Chulym e a cidade, aceleraran a disolución do exército.[242] Novamente, ao conquistar a cidade os soviéticos fixeron miles de prisioneiros e tomaron abundante material.[242] Semana e media antes, unidades do exército amotinadas en Tomsk e Taiga, asasinaron a algúns oficiais e esixiron a firma da paz cos soviéticos, que avanzaban sobre elas.[242]

O sucesor de Sakharov á fronte dos restos do exército, o xeneral Kappel,[241] tratou en balde de deter o avance soviético en Krasnoiarsk, pero os alzamentos favorecidos polos socialrevolucionarios e os motíns de tropas frustraron os seus esforzos.[243] A multitude de refuxiados, a desorde das súas tropas e o control do ferrocarril polos checoslovacos, que deron total prioridade á evacuación das súas unidades, impediron calquera intento de resistencia.[243] A retirada do exército, mesturada coa dos numerosos refuxiados, foi moi dura no medio do inverno siberiano no percorrido de mil cincocentos quilómetros entre Omsk e Krasnoiarsk.[243] O frío, a falta de asentamentos onde refuxiarse, de transporte para fuxir das unidades soviéticas, a epidemia de tifo e a dura natureza da rexión, infestada de lobos, converteron a marcha en terrorífica.[243]

De novo tras longas negociacións e a promesa de dimisión de Kolchak, os checoslovacos fornecéronlle trens para continuar a súa viaxe e evitar que caese en mans dos rebeldes que controlaban Nizhneúdinsk, pero baixo escolta militar checoslovaca e tendo desarmado a súa garda.[244] Os achegados ao almirante confiaban, unha vez chegados a Irkutsk, en librarse dos checoslovacos, moi hostís ao almirante, e obter o sostén das unidades xaponesas presentes na cidade.[244] O 5 de xaneiro, nun xesto inútil, Kolchak transferira o seu título de gobernante supremo a Denikin,[245] que tamén se achaba xa en retirada.[231]

Detención, últimas operacións militares e morte[editar | editar a fonte]

Co afundimento da administración «branca» e bandas de partisanos e traballadores presentes na liña, a viaxe tornouse cada vez máis tensa.[244] O 12 de xaneiro de 1920 , ante a ameaza de voar a liña e cortar a subministración de carbón aos checoslovacos, estes accederon a que subise ao tren do almirante un representante dos partisanos.[244] Ao día seguinte, houberon de permitir que varias ducias de rebeldes se uniran ao tren.[246] Este chegou finalmente a Irkutsk ás 3 da tarde do 15 de xaneiro[245] e foi recibido por tropas rebeldes do Centro Político, que controlaba precariamente a cidade.[246][231] Detido no seu vagón polos rebeldes, a petición do comandante xaponés das tropas acantonadas na cidade de lograr a súa custodia foi rexeitada por Syrovy, que temía a reacción dos mineiros e dos rebeldes contra a evacuación dos seus homes.[247]Janin aprobou a entrega de Kolchak aos rebeldes,[245] que se lle comunicou esa mesma tarde por azorados representantes checoslovacos.[247] Os aliados prometeran anteriormente asegurar a súa protección e trasladalo onde desexara.[245]

A decisión de Syrovy e Janin foi moi polémica[245] e a miúdo tachada de traizón, pero a actitude das tropas checoslovacas, simpatizantes dos rebeldes, parece que impedira outra alternativa salvo a de enfrontarse a estes e afrontar unha retirada estorbada por eles de miles de quilómetros a través do inverno siberiano.[248] Ante o historial de desprezo de Kolchak, as perspectivas de grandes perdas e unha difícil evacuación, e o rápido avance soviético, a entrega de Kolchak aos rebeldes quedou decidida.[249]

Foi encarcelado xunto á súa amante e algúns dos seus ministros.[250] Durante o seu arresto Kolchak foi sometido á investigación dunha comisión de cinco socialistas, membros dos partidos que se fixeron co control da cidade, do 21 de xaneiro ao 6 de febreiro.[250]

O «Centro Político», en cuxo poder se atopaba Kolchak, contaba, con todo, con escaso respaldo popular e sobrevivía grazas ao apoio checoslovaco; era cada vez máis evidente a súa incapacidade para deter o avance soviético ou evitar a toma do poder nas cidades nas que se sublevou por parte dos bolxeviques locais.[251] Unha delegación socialrevolucionaria tratou, namentres, de interromper o avance dos soviéticos en conversas, aprobadas por Lenin en Tomsk.[252] O acordo co comandante soviético para a creación dun Estado entre os soviéticos e os xaponeses, con todo, quedou invalidado pola perda do poder dos socialrevolucionarios en Irkutsk o 21 de xaneiro,[231] que o entregaron voluntariamente a un comité revolucionario bolxevique antes de disolverse.[252]

Última fotografía coñecida de Kolchak antes da súa execución en Irkutsk ante o avance dos restos do seu exército cara á cidade, que ameazaba con liberalo. As novas autoridades soviéticas da cidade obtiveron permiso para executalo xunto ao seu primeiro ministro para evitar esta posibilidade, malia as anteriores instrucións de Lenin, que pretendía xulgalo.

Un día antes da desaparición do Centro Político, unidades brancas en retirada comezaron a agruparse en Nizhneudinsk e ameazaron con retomar Irkutsk.[252] Estas eran as forzas que Kappel[253] dirixira cara ao norte, afastadas da liña de avance principal dos soviéticos ao longo do Transiberiano, primeiro ao longo do río Ienisei e máis tarde de novo cara ao sur, seguindo o afluente río Kan cara a Kansk.[254] Outras unidades seguiran ao xeneral Serguei Voitsekhovski ao longo da ruta principal onde os soviéticos, acelerando o ritmo de avance, forzaron a rendición de cinco mil polacos da Lexión Polaca, moi desmoralizados, o 8 de xaneiro de 1920 aos que os checoslovacos negáronse a evacuar aos seus feridos e enfermos.[255] Pouco despois as escasas unidades romanesas tamén eran alcanzadas e, tras intentar en balde utilizar os trens en mans dos checoslovacos, rendíanse aos soviéticos.[255] Comezaron entón os combates entre a vangarda soviética e a retagarda checoslovaca.[255] Kappel alcanzou Kansk o 15 de xaneiro de 1920 , dous días despois de que as últimas tropas checoslovacas cruzasen a cidade e, aínda que fracasou no seu intento de retomala de mans dos soviéticos, conseguiu avituallarse e continuar cara ao leste.[255] O 20 de xaneiro, Kappel derrotou ás forzas do Centro Político e os partisanos en Uk e ao día seguinte retomou Nizhneudinsk, onde as unidades superviventes de Voitsejovski reuníronse con el.[255] Comezaron entón as operacións para capturar Irkutsk, liberar a Kolchak e os seus compañeiros, recuperar a reserva de ouro e formar unha nova fronte ao oeste da cidade.[255]

Cela da prisión de Irkutsk onde foi encerrado Kolchak durante a súa detención e ata o seu fusilamento.

Os intentos de negociación entre a nova administración bolxevique da cidade para evitar o asalto e Voitsekhovski (que acababa de suceder a Kappel como comandante en xefe trala morte deste) fracasaron.[256] Ante a imposibilidade de defender Irkutsk de Voitsekhovski e xa claro o obxectivo deste de rescatar a Kolchak, o comité da cidade decidiu executalo.[256][235][253] O 4 de febreiro de 1920 as primeiras unidades «brancas» alcanzaran os suburbios da cidade, malia os intentos de contelas.[256] O día anterior o comité da cidade restaurou a pena de morte e o 6 de febreiro solicitou permiso para a execución de Kolchak e do seu primeiro ministro Pepeliaev da autoridade soviética máis próxima, o presidente do comité militar revolucionario do 5º Exército, Smirnov, que, malia as instrucións de Lenin de capturar vivo a Kolchak para ser xulgado en Moscova,[231][253] deu permiso para as execucións en caso de perigo de liberación por parte de Voitsekhovski.[257]

O 7 de febreiro de 1920 , o xefe local da cheka comunicou a decisión a Kolchak, que en todo momento se mostrou tranquilo e digno, a diferenza de Pepeliáev.[3][253] Unha organización clandestina tratara de liberar ao almirante pero este negouse a abandonar aos seus compañeiros de prisión.[258] Dúas horas máis tarde, ás 4:00 a. m. Kolchak e Pepeliáev foron sacados da prisión e fusilados,[231] o primeiro tranquilo e rexeitando que lle vendasen os ollos, o segundo tendo que ser arrastrado ata o lugar de execución.[258][253] A continuación os seus corpos foron lanzados ao río Ushakovka (afluente do río Angará) a través dun buraco no xeo.[258][235][253][6]

O mesmo día coñeceuse o acordo entre soviéticos e checoslovacos que puxo fin aos combates entre as súas forzas e facilitaba a evacuación dos segundos a cambio da súa estrita neutralidade.[259] Como consecuencia os checoslovacos ordenaron a Voitsekhovski abandonar o asalto de Irkutsk para garantir a neutralidade no ferrocarril e aquel viuse obrigado a retirar as súas unidades, continuar a súa retirada ao leste e rodear a cidade.[260] A finais de febreiro uns doce mil farrapentos superviventes das forzas de Kolchak alcanzaron Chitá, os únicos restos do seu exército.[260]

O 1 de marzo de 1920 , as últimas unidades checoslovacas evacuaron Irkutsk e unha semana máis tarde as primeiras unidades do 5º Exército soviético entraban na cidade.[260] O mesmo mes a reserva de ouro rusa partía de volta a Kazán nun tren cunha pancarta: «Ao querido Vladimir Ilich, a cidade de Irkutsk».[260]

Valoración[editar | editar a fonte]

Tras regresar a Gran Bretaña, o xeneral Knox enviou un informe ao Ministerio de Defensa que se considera un resumo ecuánime de Kolchak e a súa ditadura:[261]

Toda a responsabilidade polo fracaso en Siberia non debe recaer no almirante Kolchak. É certo que o seu carácter tiña trazos que cadraban mal co seu cargo de Gobernante Supremo. Aínda que obstinado, faltáballe a verdadeira forza de carácter e caía con facilidade baixo a influencia de calquera individuo que estivese continuamente na súa compañía. Era demasiado benévolo e permitiu que a maquinaria militar se vise afectada seriamente polas continuas disputas e celos dos seus subordinados no canto de impoñer mediante duras medidas que traballasen de forma honesta e patriótica. Desperdiciou o seu tempo en dirixir operacións militares das que non sabía nada mentres desatendía a administración civil da retagarda. Ademais era un diplomático deficiente e, sendo de carácter tímido, perdeu a lealdade da poboación civil aparecendo de cando en cando en público.

Doutra banda o almirante Kolchak era sen dúbida honesto e profundamente patriótico. Sabía mandar e gañou a reputación de caudillo ao mando da Frota do Mar Negro. En política as súas ideas eran progresistas e estaba verdadeiramente preocupado por mellorar as condicións de vida dos campesiños, que cría acabarían por ser a clase dominante en Rusia. Todos os ingleses que o trataron quedaron impresionados pola súa sinceridade e decisión; sentiron que era o mellor home de Siberia e que merecía o seu apoio.

Se a súa tarefa abafouno non foi culpa do almirante. Para triunfar teríase necesitado polo menos un Napoleón. Hai que recordar que por entón reinaba o caos en toda Siberia e que o seu desenvolvemento era insuficiente. Siberia non contaba con fábricas e Kolchak non puido abastecer ao seu exército ou á poboación civil. Dependía por completo dos abastos enviados polos aliados, que foron insuficientes, e dos créditos estranxeiros, que non conseguiu. O exército quedou, xa que logo, mal equipado e a poboación non tivo as súas necesidades cubertas. Que se fixese tan pouco improvisando e usando do mellor xeito estes recursos debeuse á ausencia total de funcionarios ata minimamente capaces e honestos que administrasen as forzas armadas e o país. O resultado inevitable foi que, malia os esforzos de Kolchak, o exército perdeu paulatinamente a súa capacidade de combate, a poboación civil tornouse cada vez máis descontenta e desleal e finalmente, mostrouse disposta a dar a benvida aos bolxeviques.

En palabras do barón Aleksei von Budberg, ministro de Defensa do Goberno de Kolchak, a falta de capacidade como ditador do almirante deu como resultado:[262]

Decadencia no Exército, ignorancia e incompetencia no alto mando, no goberno inmoralidade, rifas e intrigas de egoístas ambiciosos. Na sociedade en xeral, pánico, egoísmo, subornos e todo tipo de comportamentos escandalosos.

En palabras dun comentarista socialrevolucionario da época, a falta de autoridade real de Kolchak fixo que:[262]

A ditadura de Kolchak era só un símbolo que ocultaba as ditaduras dos ditadorzuelos dos uyezd, gubernias e óblasts, cheos de amor polo seu propio poder aínda que vestisen charreteiras por primeira vez e non mandasen a miúdo máis que unhas ducias de homes. O único que estes ditadores tiñan en común era o seu convencemento de que a salvación de Rusia residía no látego: o látego nos cuarteis, nas aldeas, contra os campesiños e, en especial, contra os traballadores, que todos consideraban como alborotadores bolxeviques.

Tampouco Kolchak soubo gañarse o respaldo da oposición moderada, rexeitando calquera tipo.[263] Segundo o xeneral Graves:[263]

[...] a palabra "bolxevique" aplicábase a calquera que non apoiaba a Kolchak e á clase autocrática que o rodeaba. O significado político da palabra "bolxevique", tal como se usa en Siberia, abarcou a todos os representantes das organizacións dos zemstvos que se opuxeron ás ideas de Kolchak.

Cos reveses militares a partir do verán, a estabilidade e saúde de Kolchak empeoraron sensiblemente e dificultaron as súas tarefas.[263] Segundo o viceministro de educación Georguii Guins, nunha reunión cos ministros para tratar o grave problema do transporte:

Deu un puñazo na mesa, lanzou todo ao chan, colleu unha navalla e púxose a raspar o brazo da súa cadeira.[...] «¡Déixenme en paz!», berrou. Prohíbolles que traten esas cuestións. Hoxe vou presentarme ante o Consello de Ministros e ordenarei que non se aprobe NIN-GUN-HA reforma.

O carácter inestable de Kolchak, a súa incapacidade para escoller subordinados capaces ou para aceptar críticas mostraron a súa incapacidade para o posto.[263]

A falta de control sobre algúns caudillos cosacos causou gran dano ao Goberno, do mesmo xeito que os desmáns doutros oficiais.[264] En palabras do barón Budberg:[264]

Querían crear unha forza para destruír o bolxevismo, pero acabaron por axudarlle ao darlle unha oportunidade impagable de probar que os seus repetidos avisos de que «a hidra da contrarrevolución levantou a súa sanguinaria cabeza» estaban baseados en feitos.

Sobre a estendida corrupción, a decadencia moral, as intrigas e o egoísmo reinante no territorio, Budberg escribiu:[263]

O veleno da atamanshchina e da dozura de vivir fóra da lei penetrou demasiado profundamente en todas partes. Con toda probabilidade devoraranos a todos e pereceremos no seu propio fedor.

En palabras do embaixador norteamericano no Xapón, Roland Morries:[264]

Por toda Siberia [...] desenvólvese unha orxía de arrestos sen cargos, de execucións sen nin sequera a aparencia de xuízos e de confiscacións sen asomo de autoridade.

A derrota de Kolchak foi, principalmente, política, ademais de militar.[265][104] Considérase que a súa ditadura fracasou en aspectos políticos fundamentais: a súa autoridade e lexitimidade non foron amplamente recoñecidas na rexión, o carácter da ditadura non se distinguiu claramente do antigo réxime tsarista, foi incapaz de bosquexar un programa progresista alternativo ao bolxevique, non tivo o arraigo rexionalista necesario e dependeu de xeito excesivo da axuda e influencia de forzas estranxeiras.[266] Os representantes do antigo réxime concentráronse ao redor de Kolchak,[267] dando cada vez máis a aparencia de que o seu Goberno, en caso de vencer, non traería un novo Goberno, senón un retorno ao antigo réxime.[267] En palabras do kadete Nikolai Ustriálov, ministro de Información de Kolchak:[267]

Esta non é a nova Rusia, non é o futuro [...] e nada hai que celebrar no seu triunfo. Esta non é a vangarda dun sistema de goberno renovado, é a retagarda dun pasado que está pasando á eternidade.

Rehabilitación da súa figura[editar | editar a fonte]

Moderno monumento a Kolchak en Irkutsk.

Durante a era soviética Kolchak e os brancos foron considerados inimigos do pobo, e o seu recordo denigrado.[5] Porén, trala caída do réxime comunista houbo unha reivindicación da figura de Kolchak e os seus servizos en interese de Rusia, principalmente na prensa popular conservadora e nacionalista, na que apareceron diversas haxiografías.[5] Os seus partidarios preséntano como un mártir patriota que se sacrificou con valentía para tratar de restaurar a grandeza da súa patria.[5] Oficialmente a súa memoria non foi rehabilitada aínda, tal como sucedeu co tsar Nicolao II, Denikin, Kappel e outros protagonistas da guerra civil e dirixentes brancos. Polo momento, levantáronse varias estatuas e monumentos na honra de Kolchak en diversos puntos da xeografía rusa, entre elas dúas en San Petersburgo e unha en Irkutsk que ten cinco metros de altura. Colocouse tamén, con bastante polémica, unha placa conmemorativa na súa honra na casa onde vivira entre 1906 e 1912 en San Petersburgo.[268] O 15 de xullo de 2005, a illa Kolchak, que recibira o nome de illa Rastorgueev en 1937, recuperou a súa denominación orixinal.[269]

En 2008 realizouse unha superprodución cinematográfica rusa sobre a figura de Kolchak, Almirante,[270] que tivo un notable éxito nos cines rusos (foi a terceira película que máis recadou, e a primeira produción rusa, en 2008).[271] Financiada pola cadea estatal Pierviy Kanal, a película aliñábase cos esforzos do Goberno ruso por reconectar a potencia emerxente co pasado imperial ruso. Considerouse que a película constitúe un esforzo por rehabilitar a figura de Kolchak.[272]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Smele aclara que, aínda que se indican 1873 e 1874 como os anos de nacemento de Kolchak, o seu fillo corroborou 1874 como o ano correcto.[7] Barr indica o día e mes correctos, pero da o ano erróneo.[6]
  2. Weeks e Baylen indican que o nomeamento tivo lugar en outubro,[8] pero o propio Kolchak afirma que se lle comunicou en xullo.[45]
  3. Kolchak dimitira o 6 de xuñoxul./ 19 de xuño de 1917greg.. Partiu á capital sen recibir á delegación de oficiais estadounidenses que acudiran á base naval para colaborar na mellora da frota rusa, pero acabou viaxando con ela a Petrogrado.[42]
  1. 1,01,1 Smirnov 1933, p. 373.
  2. 2,02,12,22,32,42,52,6 Lincoln 1989, p. 240.
  3. 3,03,1 Smele 1996, p. 664.
  4. 4,04,14,2 Ullman 1968b, p. 33.
  5. 5,05,15,25,3 Pereira 1996, p. 179.
  6. 6,06,16,26,36,4 Barr 1981, p. 507.
  7. 7,07,1 Smele 1996, p. 62.
  8. 8,08,18,28,38,48,58,68,78,8 Weeks y Baylen 1976, p. 63.
  9. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 38.
  10. 10,010,110,210,3 Smirnov 1933, p. 374.
  11. 11,0011,0111,0211,0311,0411,0511,0611,0711,0811,0911,10 Pereira 1996, p. 201.
  12. 12,012,112,212,312,412,512,612,7 Smele 1996, p. 63.
  13. 13,013,113,213,313,413,513,613,7 Barr 1981, p. 508.
  14. 14,014,114,214,314,4 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 11.
  15. 15,015,115,215,315,4 Connaughton 1990, p. 6.
  16. Barr 1981, p. 509.
  17. 17,017,117,217,317,417,5 Smirnov 1933, p. 375.
  18. Barr 1981, p. 515.
  19. Barr 1981, p. 516.
  20. Barr 1981, p. 518.
  21. 21,021,121,221,3 Smele 1996, p. 64.
  22. 22,022,122,222,322,422,522,622,722,8 Barr 1981, p. 519.
  23. 23,023,1 Connaughton 1990, p. 7.
  24. 24,024,124,2 Weeks e Baylen 1976, p. 64.
  25. 25,025,125,225,3 Smirnov 1933, p. 376.
  26. 26,026,126,226,326,426,526,626,7 Smele 1996, p. 65.
  27. 27,027,127,227,3 Connaughton 1990, p. 11.
  28. 28,028,128,2 Barr 1981, p. 520.
  29. Rossiyskaya Gazeta, ed. (20 de xullo de 2005). "Колчак на необитаемом острове (Kolchak en una isla desierta)" (en ruso). Consultado o 23 de xullo de 2014. 
  30. Pipes 1993, p. 48.
  31. 31,0031,0131,0231,0331,0431,0531,0631,0731,0831,0931,10 Connaughton 1990, p. 12.
  32. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 23.
  33. 33,033,133,2 Barr 1981, p. 521.
  34. 34,034,134,234,334,434,5 Smirnov 1933, p. 377.
  35. 35,035,135,2 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 24.
  36. 36,036,1 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 25.
  37. 37,037,1 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 26.
  38. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 27.
  39. 39,039,139,2 Smele 1996, p. 68.
  40. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 28.
  41. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 30.
  42. 42,042,142,242,342,442,542,6 Weeks y Baylen 1976, p. 64.
  43. 43,043,143,243,343,443,5 Smirnov 1933, p. 379.
  44. 44,044,144,244,344,444,5 Smele 1996, p. 66.
  45. 45,045,145,2 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 32.
  46. 46,046,146,2 Connaughton 1990, p. 13.
  47. 47,047,1 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 33.
  48. 48,048,1 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 35.
  49. 49,049,1 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 36.
  50. 50,050,1 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 37.
  51. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 34.
  52. 52,052,1 Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 50.
  53. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 51.
  54. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 52.
  55. 55,055,1 Smirnov 1933, p. 381.
  56. Pereira 1987, p. 52.
  57. 57,057,157,257,3 Pereira 1996, p. 109.
  58. 58,058,158,258,3 Smele 1996, p. 67.
  59. Kolchak, Papov & Ovchinnikov 1980, p. 48.
  60. 60,060,1 Connaughton 1990, p. 19.
  61. 61,061,1 Connaughton 1990, p. 20.
  62. Smirnov 1933, p. 382.
  63. 63,063,163,2 Weeks y Baylen 1976, p. 65.
  64. 64,064,164,264,364,4 Smirnov 1933, p. 384.
  65. Weeks y Baylen 1976, pp. 65-66.
  66. Weeks y Baylen 1976, pp. 64-65.
  67. 67,067,167,2 Weeks y Baylen 1976, p. 66.
  68. 68,068,1 Smele 1996, p. 71.
  69. 69,069,169,2 Smele 1996, p. 72.
  70. 70,070,170,270,3 Smele 1996, p. 74.
  71. 71,071,171,2 Smirnov 1933, p. 385.
  72. 72,072,172,272,3 Lincoln 1989, p. 241.
  73. 73,073,1 Morley 1957, p. 204.
  74. Smele 1996, p. 73.
  75. Pereira 1996, p. 53.
  76. Morley 1957, p. 199.
  77. 77,077,1 Morley 1957, p. 206.
  78. 78,078,178,2 Smele 1996, p. 76.
  79. Smele 1996, p. 61.
  80. 80,080,180,280,380,4 Ullman 1968b, p. 34.
  81. Lincoln 1989, p. 237.
  82. 82,082,182,282,3 Lincoln 1989, p. 244.
  83. 83,083,183,283,3 Smirnov 1933, p. 386.
  84. 84,084,1 Pereira 1987, p. 51.
  85. 85,085,185,2 Dotsenko 1983, p. 62.
  86. Smele 1996, p. 97.
  87. 87,087,1 Pereira 1996, p. 104.
  88. Smele 1996, p. 98.
  89. 89,089,1 Dotsenko 1983, p. 63.
  90. 90,090,190,290,3 Pereira 1996, p. 106.
  91. Lincoln 1989, p. 245.
  92. Smele 1996, p. 107.
  93. Smele 1996, p. 113.
  94. Smele 1996, p. 111.
  95. 95,095,195,2 Pereira 1996, p. 107.
  96. Smirnov 1933, pp. 386-387.
  97. 97,097,1 Smele 1996, p. 116.
  98. 98,098,198,2 Smele 1996, p. 109.
  99. Pereira 1987, p. 53.
  100. 100,0100,1100,2100,3100,4100,5100,6 Lincoln 1989, p. 246.
  101. Smele 1996, p. 119.
  102. 102,0102,1102,2102,3 Pereira 1996, p. 122.
  103. Smele 1996, p. 120.
  104. 104,0104,1 Pereira 1996, p. 172.
  105. 105,0105,1105,2 Ullman 1968b, p. 35.
  106. 106,0106,1 Ullman 1968b, p. 36.
  107. 107,0107,1107,2 Lincoln 1989, p. 247.
  108. 108,0108,1108,2108,3 Figes 1998, p. 652.
  109. 109,0109,1109,2109,3109,4109,5109,6109,7109,8109,9 Pereira 1996, p. 123.
  110. 110,0110,1110,2 Figes 1998, p. 655.
  111. Smele 1996, p. 110.
  112. 112,0112,1 Smele 1996, p. 114.
  113. 113,0113,1113,2 Figes 1998, p. 654.
  114. Smele 1996, p. 138.
  115. Smele 1996, p. 186.
  116. Smele 1996, p. 257.
  117. 117,0117,1117,2117,3117,4117,5117,6117,7 Pereira 1996, p. 110.
  118. 118,0118,1 Pereira 1996, p. 139.
  119. Pereira 1996, p. 138.
  120. Smele 1996, p. 123.
  121. 121,0121,1121,2 Smele 1996, p. 124.
  122. Ullman 1968b, p. 164.
  123. 123,0123,1123,2 Smele 1996, p. 125.
  124. 124,0124,1 Smele 1996, p. 126.
  125. 125,0125,1125,2 Smele 1996, p. 127.
  126. 126,0126,1 Smele 1996, p. 128.
  127. 127,0127,1127,2 Smele 1996, p. 129.
  128. 128,0128,1 Smele 1996, p. 130.
  129. 129,0129,1129,2 Smele 1996, p. 131.
  130. 130,0130,1130,2 Pereira 1996, p. 130.
  131. 131,0131,1 Smele 1996, p. 184.
  132. 132,0132,1 Pereira 1996, p. 134.
  133. Ullman 1968b, p. 42.
  134. 134,0134,1134,2 Smele 1996, p. 268.
  135. Smele 1996, p. 272.
  136. 136,0136,1 Smele 1996, p. 282.
  137. Pereira 1987, p. 61.
  138. 138,0138,1 Figes 1998, p. 656.
  139. Smele 1996, p. 385.
  140. Pereira 1987, p. 60.
  141. 141,0141,1 Smele 1996, p. 295.
  142. Pereira 1987, p. 54.
  143. 143,0143,1 Pereira 1996, p. 113.
  144. Smele 1996, p. 304.
  145. 145,0145,1145,2 Smele 1996, p. 330.
  146. Smele 1996, p. 337.
  147. 147,0147,1 Smele 1996, p. 341.
  148. Smele 1996, p. 339.
  149. Smele 1996, p. 344.
  150. Smele 1996, p. 443.
  151. Smele 1996, p. 449.
  152. 152,0152,1 Smele 1996, p. 442.
  153. Smele 1996, p. 362.
  154. Smele 1996, p. 366.
  155. 155,0155,1 Smele 1996, p. 369.
  156. Smele 1996, p. 370.
  157. Smele 1996, p. 375.
  158. Smele 1996, p. 374.
  159. 159,0159,1159,2 Pereira 1996, p. 125.
  160. 160,0160,1160,2160,3 Smele 1996, p. 181.
  161. 161,0161,1161,2161,3 Lincoln 1989, p. 249.
  162. 162,0162,1 Smele 1996, p. 187.
  163. Smele 1996, p. 188.
  164. Smele 1996, p. 212.
  165. 165,0165,1165,2 Smele 1996, p. 226.
  166. 166,0166,1166,2166,3166,4 Figes 1998, p. 653.
  167. 167,0167,1167,2167,3167,4 Pereira 1996, p. 124.
  168. 168,0168,1 Lincoln 1989, p. 250.
  169. Smele 1996, p. 331.
  170. Ullman 1968b, p. 211.
  171. Smele 1996, p. 227.
  172. 172,0172,1172,2 Smele 1996, p. 308.
  173. 173,0173,1173,2173,3 Smele 1996, p. 309.
  174. 174,0174,1174,2174,3174,4 Smele 1996, p. 310.
  175. Ullman 1968b, p. 161.
  176. Pereira 1996, p. 219.
  177. Smele 1996, p. 313.
  178. 178,0178,1178,2178,3178,4178,5 Smele 1996, p. 316.
  179. Ullman 1968b, p. 170.
  180. 180,0180,1 Lincoln 1989, p. 262.
  181. 181,0181,1181,2181,3181,4181,5181,6181,7 Smele 1996, p. 317.
  182. Pereira 1996, p. 132.
  183. 183,0183,1183,2183,3183,4183,5183,6 Pereira 1996, p. 141.
  184. 184,0184,1184,2 Smele 1996, p. 472.
  185. 185,0185,1185,2185,3185,4185,5 Smele 1996, p. 318.
  186. 186,0186,1186,2186,3 Lincoln 1989, p. 263.
  187. 187,0187,1187,2187,3 Ullman 1968b, p. 205.
  188. Smele 1996, p. 319.
  189. 189,0189,1 Smele 1996, p. 320.
  190. 190,0190,1 Smele 1996, p. 322.
  191. Smele 1996, p. 324.
  192. Smele 1996, p. 417.
  193. Smele 1996, p. 438.
  194. 194,0194,1 Pereira 1996, p. 58.
  195. Smele 1996, p. 441.
  196. 196,0196,1 Smele 1996, p. 474.
  197. Smele 1996, p. 480.
  198. 198,0198,1198,2198,3 Smele 1996, p. 481.
  199. 199,0199,1199,2199,3199,4 Smele 1996, p. 482.
  200. 200,0200,1 Smele 1996, p. 487.
  201. Smele 1996, p. 492.
  202. 202,0202,1202,2202,3 Smele 1996, p. 513.
  203. Pereira 1996, p. 144.
  204. Figes 1998, p. 657.
  205. Lincoln 1989, p. 265.
  206. 206,0206,1206,2206,3206,4206,5 Smele 1996, p. 521.
  207. 207,0207,1 Smele 1996, p. 523.
  208. 208,0208,1208,2 Smele 1996, p. 524.
  209. 209,0209,1209,2 Smele 1996, p. 527.
  210. 210,0210,1210,2210,3 Smele 1996, p. 533.
  211. 211,0211,1211,2 Smele 1996, p. 534.
  212. 212,0212,1212,2 Smele 1996, p. 535.
  213. Smele 1996, p. 536.
  214. 214,0214,1 Smele 1996, p. 538.
  215. 215,0215,1215,2215,3215,4 Smele 1996, p. 542.
  216. Smele 1996, p. 543.
  217. 217,0217,1217,2 Smele 1996, p. 544.
  218. 218,0218,1 Smele 1996, p. 545.
  219. 219,0219,1 Smele 1996, p. 548.
  220. 220,0220,1220,2220,3 Smele 1996, p. 549.
  221. 221,0221,1221,2221,3 Lincoln 1989, p. 266.
  222. Figes 1998, p. 659.
  223. Figes 1998, p. 658.
  224. Pereira 1996, p. 142.
  225. 225,0225,1 Pereira 1987, p. 58.
  226. 226,0226,1 Smele 1996, p. 551.
  227. 227,0227,1 Ullman 1968b, p. 234.
  228. Smele 1996, p. 552.
  229. Smele 1996, p. 558.
  230. 230,0230,1 Smele 1996, p. 567.
  231. 231,0231,1231,2231,3231,4231,5 Lincoln 1989, p. 267.
  232. 232,0232,1 Ullman 1968b, p. 251.
  233. 233,0233,1233,2 Smele 1996, p. 568.
  234. 234,0234,1 Smele 1996, p. 569.
  235. 235,0235,1235,2235,3 Ullman 1968b, p. 252.
  236. Smele 1996, p. 579.
  237. Smele 1996, p. 584.
  238. 238,0238,1 Smele 1996, p. 585.
  239. 239,0239,1239,2239,3 Smele 1996, p. 600.
  240. 240,0240,1240,2 Smele 1996, p. 627.
  241. 241,0241,1 Pereira 1996, p. 148.
  242. 242,0242,1242,2 Smele 1996, p. 589.
  243. 243,0243,1243,2243,3 Smele 1996, p. 592.
  244. 244,0244,1244,2244,3 Smele 1996, p. 635.
  245. 245,0245,1245,2245,3245,4 Pereira 1996, p. 149.
  246. 246,0246,1 Smele 1996, p. 636.
  247. 247,0247,1 Smele 1996, p. 637.
  248. Smele 1996, p. 646.
  249. Smele 1996, p. 647.
  250. 250,0250,1 Smele 1996, p. 3.
  251. Smele 1996, p. 648.
  252. 252,0252,1252,2 Smele 1996, p. 653.
  253. 253,0253,1253,2253,3253,4253,5 Pereira 1996, p. 150.
  254. Smele 1996, p. 654.
  255. 255,0255,1255,2255,3255,4255,5 Smele 1996, p. 655.
  256. 256,0256,1256,2 Smele 1996, p. 661.
  257. Smele 1996, p. 662.
  258. 258,0258,1258,2 Smele 1996, p. 665.
  259. Smele 1996, p. 666.
  260. 260,0260,1260,2260,3 Smele 1996, p. 667.
  261. Smele 1996, p. 669.
  262. 262,0262,1 Smele 1996, p. 671.
  263. 263,0263,1263,2263,3263,4 Lincoln 1989, p. 259.
  264. 264,0264,1264,2 Lincoln 1989, p. 258.
  265. Pereira 1987, p. 45.
  266. Pereira 1987, p. 62.
  267. 267,0267,1267,2 Lincoln 1989, p. 260.
  268. "Памятная доска Колчаку установлена в Петербурге на доме, где жил белый адмирал" [Instalouse unha placa conmemorativa na casa onde vivía en San Petersburgo o almirante branco Kolchak.]. tass.ru (en ruso). 12-11-2016. Consultado o 22-11-2017. 
  269. Rossiyskaya Gazeta, ed. (15 de xullo de 2005). "Постановление Правительства Российской Федерации от 15 июля 2005 г. N 433 (Decreto do Goberno n.º 433 de 15 de xullo 2005)" (en ruso). Consultado o 23 de xullo de 2014. 
  270. Almirante en IMDb.
  271. Russian box office rises 47%, Variety, 2 de xaneiro de 2009 (en inglés).
  272. Latest Russian blockbuster fits Kremlin script, Reuters, 6 de outubro de 2008 (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

QR-GL Aleksandr Kolchak.png

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  • Directorio de Omsk

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Aleksandr_Kolchak&oldid=4560781"