Angela Carter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Angela Carter
Nacemento7 de maio de 1940
 Eastbourne
Falecemento16 de febreiro de 1992
 Londres
CausaCancro de pulmón
NacionalidadeReino Unido
Alma máterUniversidade de Bristol
Ocupaciónlingüista, guionista, novelista, tradutora, xornalista, escritora de ciencia ficción, escritora de literatura infantil, autora e escritora
Coñecido/a porNights at the Circus
PremiosJames Tait Black Memorial Prize e John Llewellyn Rhys Prize
editar datos en Wikidata ]

Angela Olive Carter, de solteira Angela Olive Stalker, nada en Eastbourne, Sussex o 7 de maio de 1940 e finada en Londres o 16 de febreiro de 1992, foi unha xornalista e novelista británica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Angela naceu en Eastbourne, no condado de Sussex, ao sur de Inglaterra. Por mor dos bombardeos alemáns durante a segunda guerra mundial, foi evacuada ao norteño condado de Yorkshire, onde pasou varios anos coa súa avoa materna. Ao final da guerra, instalouse coa súa familia en Londres, onde o seu pai, Hugh Alexander Stalker, atopou traballo como xornalista. Na súa adolescencia, Angela tivo problemas de anorexia.

Tras deixar a escola, aos dezanove anos comezou a traballar como xornalista no diario Croydon Advertiser. En 1960 contraeu matrimonio con Paul Carter, e instalouse con el en Bristol. Na universidade desta cidade estudou literatura inglesa. A súa ampla bagaxe literaria é claramente perceptíbel na súa obra, na que abundan referencias a autores clásicos da literatura en lingua inglesa, como Chaucer, Shakespeare, Wordsworth, Coleridge, Blake, Keats, Dickens, Carroll, Stoker e moitos outros.

Carter publicou a súa primeira novela, Shadow Dance, en 1966. Ao ano seguinte apareceu The Magic Toyshop, 1967, na que xa está presente o interese de Carter polos contos infantís de tradición oral e pola psicanálise. A obra foi galardoada co Premio Jon Llwellyn Rhys. Coa seguinte, Several Perceptions, 1968, obtivo o Premio Somerset Maugham, dotado con cincocentas libras, que empregou en viaxar a Xapón, deixando en Inglaterra o seu marido, de quen terminaría por divorciarse en 1972. Viviu durante dous anos en Toquio, onde traballou como camareira nun bar. Reflectiu as impresións da súa estancia na capital xaponesa en varios artigos xornalísticos para New Society, máis tarde recollidos no volume de ensaios Nothing Sacred: Selected Writings (1982).

En 1972, de regreso en Inglaterra, instalouse en Bath, onde escribiu algunhas das súas obras máis coñecidas, como The Infernal Desire Machines of Doutor Hoffman, 1972; Fireworks: Nine Profane Pieces, 1973; The Passions of New Eve, 1977; e The Bloody Chamber and Other Stories, 1979).

Contraeu de novo matrimonio en 1976, con Mark Pearce, e comezou unha frutífera carreira como profesora de escritura creativa. Nas décadas de 1970 e 1980 traballou en varias universidades do Reino Unido, Estados Unidos e Australia, Estas experiencias tiveron unha grande influencia nas súas obras posteriores. Morreu en 1992 de cancro.

Escribiu varios artigos para xornais como The Guardian, The Independent e New Statesman.

Obra[editar | editar a fonte]

As obras máis coñecidas de Angela Carter adoitan considerarse como pertencentes á literatura fantástica. Os seus innovadores procedementos narrativos e as súas frecuentes referencias intertextuais relaciónana co posmodernismo anglosaxón. Gran coñecedora da lingua e a literatura francesas, existe na súa obra unha importante débeda co surrealismo, así como con autores franceses como Sade ou Bataille.

Dúas das súas obras foron levadas ao cine: a novela The Magic Toyshop, en 1987; o seu relato The Company of Wolves, nunha película homónima, en 1984.

Novelas[editar | editar a fonte]

  • Shadow Dance, 1966
  • The Magic Toyshop, 1967
  • Several Perceptions, 1968
  • Heroes and Villains, 1970
  • Love, 1971
  • The Infernal Desire Machines of Doutor Hoffman, 1972
  • The Passions of New Eve, 1977
  • Nights at the Circus, 1984
  • Wise Children, 1993

Antoloxías de relatos breves[editar | editar a fonte]

  • Fireworks: Nine Profane Pieces, 1973
  • The Bloody Chamber and Other Stories, 1979
  • Black Venus, 1985
  • American Ghosts and Old World Wonders, 1993

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Krapoth, Mirjam (2010). Auf der Suche nach Weiblichkeit. Geschlechterkonstruktionen bei Angela Carter. Paderrborn: Verlag Peter Ewers. ISBN 978-3-928243-32-2 (en liña).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Angela_Carter&oldid=4991034"