Anticodón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Estrutura secundaria dun ARNt co anticodón en vermello.

O anticodón é unha secuencia de tres nucleótidos ou triplete que se encontra no extremo do brazo anticodón dos ARNt, e que exerce un importante papel na síntese de proteínas nos ribosomas. A información utilizada directamente para a síntese de proteínas encóntrase nos codóns do ARNm. A sucesión de codóns do ARNm determina a secuencia de aminoácidos da proteína, xa que conforme o ARNm vai pasando polo ribosoma é descodificado. O encargado de traer os aminoácidos ao ribosoma é o ARNt, e o anticodón é fundamental para que se introduza en cada momento o aminoácido correcto que se debe enlazar na cadea proteica en crecemento. Durante a tradución de proteínas o anticodón únese ao codón.

Emparellamento codón-anticodón e cambaleo[editar | editar a fonte]

Posibles emparellamentos de bases da inosina e a guanina, que se apartan dos emparellamentos estándar e orixinan o cambaleo.

Como norma xeral, o codón e o anticodón son complementarios en bases seguindo a complementariedade estándar de Watson e Crick (A-U, G-C), pero hai excepcións debido ao denominado cambaleo no emparellamento de bases [1] .

En xeral, o anticodón é complementario en bases nitroxenadas e antiparalelo con respecto ao codón, e cando o ARNt entra no ribosoma establécense pontes de hidróxeno entre as bases A e U e entre as C e G do codón e do anticodón. Por exemplo, se o codón do ARNm é 5'-UUG-3', o anticodón do ARNt será 3'-AAC-5', porque é o seu complementario. Se no ribosoma está nese momento exposto o codón UUG, en xeral só entraría no ribosoma o ARNt co anticodón AAC de entre as decenas de ARNt que hai na célula.

Pero hai excepcións con respecto a este mecanismo xeral, porque algúns anticodóns poden emparellarse con máis dun codón debido ao fenómeno do "cambaleo no emparellamento de bases". Frecuentemente o nucleótido 5' do anticodón é un nucleótido non habitual nos ácidos nucleicos, pero que aparece ás veces no ARNt, como a inosina ou a pseudouridina. Estes nucleótidos raros poden establecer pontes de hidróxeno estables con varias bases distintas na 3ª posición (3') do codón. Así, a inosina pode emparellarse con A, U ou C. Mesmo os nucleótidos normais poden en certos casos emparellarse sen respectar os pares normais debido á peculiar estrutura secundaria do ARNt; por exemplo, a G pode emparellarse con U [2].

Debido a este fenómeno do cambaleo non ten que haber 61 ARNt distintos nas células, como se requirirían nun emparellamento codón-anticodón de 1 a 1, senón que son suficientes moitos menos. Algúns organismos teñen menos de 45 ARNt distintos. Requírense como mínimo 31.

Recoñecemento do anticodón polas aminoacil ARNt sintetases[editar | editar a fonte]

Un ARNt levará o aminoácido que, segundo o código xenético, corresponda ao codón do ARNm para o cal ten o anticodón axeitado (complementario con ou sen cambaleo). Para que cada ARNt leve o aminoácido correcto deben actuar uns encimas chamados aminoacil ARNt sintetases, que recoñecen un aminoácido determinado e un ARNt determinado (co seu anticodón particular) e unen ambos. O anticodón é fundamental para que o encima recoñeza o ARNt, aínda que tamén é importante o brazo aceptor do aminoácido do ARNt.

Debido á dexeneración do código e ao cambaleo, hai varios ARNt (cos anticodóns apropiados pero distintos) que se unen ao mesmo tipo de aminoácido.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

poto

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Anticodón&oldid=4844276"