Antipirético

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Envase de ibuprofeno xenérico

En medicina e en farmacia denomínase antipirético a calquera fármaco que fai diminuír a febre.[1][2]

Adoitan seren medicamentos que tratan a febre dunha forma sintomática, sen actuar sobre a súa causa. Os exemplos máis comúns son o ácido acetilsalicílico, o ibuprofeno, o paracetamol e o metamizol.

Pero tamén son antipiréticos algúns procedementos físicos, como a aplicación de panos mollados con auga fría sobre o corpo do enfermo, ou os baños deste en agua morna.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Os antipiréticos coñécense tamén polos nomes de antitérmico,[1][2]antifebril,[2] e febrífugo.[1][2]

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Antipirético[editar | editar a fonte]

O termo antipirético está formado polo elemento do grego antigo ἀντι- anti-, que significa "contra", e o adxectivo πυρετικός pyretikós, que significa "febril", "con febre",[3] derivado de πυρετός pyretós, "ardor", "febre",[4] á súa vez tirado de πῡρ πυρός pỹr pyrós, "lume", "fogo".[5]

Antitérmico[editar | editar a fonte]

Así mesmo, antitérmico combina o mesmo primeiro elemento anti- co substantivo do grego antigo θέρμη thermē, "calor", "ardor" (especialmnte "ardor febril"), e o elemento ´-ico, formador de adxectivos.[6]

Antifebril[editar | editar a fonte]

O sinónimo antifebril é de orixe latina, compoñéndose co elemento anti-, calco de grego, e o termo do latín medieval febrilis, "relativo ou pertencente á febre", derivado do latín clásico febris, is, "febre".[7]

Febrífugo[editar | editar a fonte]

Finalmente, febrífugo orixinouse contra 1680 en Francia, baixo a forma francesa fébrifuge, literalmente "que escorrenta a febre", "que fai fuxir á febre", termo derivado do latín febris, "febre", e fugare, "fuxir".[8]

Usos[editar | editar a fonte]

Os medios físicos son, como quedou dito, unha medida antipirética na que non se empregan fármacos. Pero asociados ao paracetamol baixan a febre de forma máis eficiente. As medidas físicas de forma illada só son eficaces durante poucos minutos.

A administración de antipiréticos é un acto habitual na maioría das persoas que teñen febre, sobre todo os nenos. Sábese que a febre é un mecanismo de defensa do corpo, sobre todo para activar o sistema inmunitario para que traballe con máis eficacia.

O aumento da temperatura corporal até os 38 °C chámase febrícula,[9][10] e non é unha febre perigosa que deba ser diminuída con medicación. Débese abordar a enfermidade de fondo, pero debido aos hábitos adquiridos pola poboación e pola comunidade médica, prescríbense e adminístranse antipiréticos máis por ansiedade dos pais e non porque realmente sexan indicados.

A decisión de que antipirético utilizar en cada caso debe fundamentarse no seu mecanismo de acción, farmacodinamia, efectividade e efectos secundarios. Como a maioría das veces o obxectivo é diminuír a temperatura e as molestias do enfermo e, no posíbel, non alterar a resposta inflamatoria, excepto nos casos en que esta sexa exaxerada, recoméndase o paracetamol.

A maioría dos antipiréticos son analxésicos, e poden seenr tamén antiinflamatorios. Os antiinflamatorios non esteroideos, como o ibuprofeno, empréganse nos casos de inflamación e hemorroides.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,11,2 antipirético no Dicionatio da RAG
  2. 2,02,12,22,3 VV. AA. (2002): Dicionario galego de termos médicos. Santiago de Compostela: Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia / Xunta de Galicia. ISBN 84-4533-371-2.
  3. Beekes, Robert (2009): Etymological Dictionary of Greek. Volume 10 do Leiden Indo-European Etymological Dictionary Series (Editor: Alexander Lubotsky). Leyden/Boston: Brill. ISBN 978-90-0417-418-4.
  4. πυρετός en Henry George Liddell & Robert Scott, A Greek-English Lexicon,
  5. pyretic no Online Etymology Dictionary.
  6. thermic no Collins English Dictionary.
  7. antifebrile no Online Etymology Dictionary.
  8. febrifuge no Online Etymology Dictionary.
  9. Diminutivo latino de febris, "pequena febre".
  10. febrícula no Dicionario da RAG.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre medicina é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Antipirético&oldid=5047233"