Antonio Lobato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Antonio Lobato Porras, nado en Oviedo o 7 de setembro de 1965, é un xornalista asturiano, na actualidade traballa na televisión privada española Antena 3 como presentador da Fórmula 1 da mesma.

Biografía[editar | editar a fonte]

Licenciouse en ciencias da información en Madrid. Comezou a súa carreira profesional en 1987, na sección de deportes do diario ABC. Logo continuou na radio, traballando como cronista deportivo, cubrindo acontecementos deportivos como os Xogos Olímpicos de Barcelona 92 ou varias edicións da Volta ciclista a España. Pasou por Radio España primeiro e logo por Onda Cero. De forma paralela ao seu traballo nesta última emisora, debutou en televisión en 1991, como colaborador do programa deportivo Campeones de Telecinco.

Logo de tres anos en Onda Cero, en outubro de 1994 abandonou a radio para incorporarse á redacción de deportes de Informativos Telecinco. En xaneiro de 1997 pasou a presentar a información deportiva na edición do mediodía de Informativos Telecinco e en 1999 foi nomeado subdirector de deportes da cadea.

En 2001 pasou a presentar La tertulia deportiva, espazo de debate deportivo emitido diariamente despois do informativo vespertino.

En 2004 Telecinco adquiriu os dereitos de retransmisión da Fórmula 1 en España e Lobato, que xa retransmitira o Giro de Italia en 1995 para a cadea privada, foi o elixido para realizar a cobertura das carreiras. Iso daría gran popularidade ao xornalista, xa que puido narrar os dous primeiros títulos mundiais dun piloto español, Fernando Alonso, na historia da Fórmula 1. A eclosión de Alonso disparou as audiencias televisivas das retransmisións de Telecinco, que se situaron, desde entón, entre os programas máis vistos do ano en España.[1]

Fixéronse coñecidas algunhas frases súas nos grandes premios, xunto co seu compañeiro de retransmisión, como: "¡Magic Alonso está voando literalmente sobre a pista!", "¡O fillo do vento!", "¡O rei da choiva!", "¡Vai subíndose polas paredes!" entre outras.

En varias ocasións Antonio Lobato intercambiou unhas palabras co rei Juan Carlos I en directo mentres retransmitía as carreiras.

Bautizado popularmente como O calvo de Telecinco,[2] Lobato converteuse nun dos rostros máis carismáticos da cadea privada. Proba diso, en 2006 foi elixido para presentar a retransmisión das Badaladas de Noitevella xunto con Carmen Alcayde.[3] Así mesmo, en 2006 prestou a súa voz para a dobraxe do personaxe Bob Culatas da película Cars en España[4] e para o videoxogo de PlayStation 2 Formula One 2006, facendo de comentarista das carreiras. Ademais, foi membro do xurado dos Premios Príncipe de Asturias dos Deportes desde o ano 2002.

En setembro de 2007 Telecinco reestruturou a súa área de información deportiva e Lobato foi nomeado subdirector de informativos para eventos e retransmisións deportivas da cadea, ademais de seguir dirixindo e narrando o Campionato do Mundo de Fórmula 1.

Desde a tempada 2009 de Fórmula 1 ata 2011, Lobato retransmitiu as carreiras en La Sexta, canle que se fixo cos dereitos de emisión e cos servizos do xornalista.[5]

En novembro de 2010, Lobato foi condecorado co Premio Ondas (xunto co equipo de La Sexta) pola súa cobertura en aberto para a Fórmula 1.[6]

O 16 de febreiro de 2012, anunciouse que Antonio Lobato retransmitirá a tempada 2012 de Fórmula 1 xunto co seu equipo en Antena 3.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Mundo (20/10/2004). "Las retrasmisiones de Fórmula 1 ganan un millón de espectadores al pasar de TVE a Telecinco". Consultado o 29 de outubro. 
  2. Público (14/10/2008). "De 'calvo de Telecinco' a 'calvo de La Sexta'". Consultado o 29 de outubro. 
  3. Vertele.com (13/11/2006). "Antonio Lobato y Carmen Alcayde darán las Campanadas en Telecinco". Consultado o 29 de outubro. 
  4. Telecinco.es (2008). "Los pilotos de Fórmula 1 ponen la voz a los bólidos en Cars". Consultado o 29 de outubro. 
  5. Raúl Piña (29 de outubro de 2008). "Antonio Lobato ficha por La Sexta tras rechazar la contraoferta de Telecinco" (en castellano). El Mundo. Consultado o 29 de outubro de 2008. 
  6. Jacobo Vidal (20 de novembro de 2010). "Antonio Lobato le dedica el Premio Ondas a Fernando Alonso" (en castellano). F1 al día. Consultado o 23 de decembro de 2010. 
  7. "Antena 3 ficha a Antonio Lobato para retransmitir el Mundial de Fórmula 1". Antena 3. 17 de febreiro de 2012. Consultado o 17 de febreiro de 2012. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Antonio_Lobato&oldid=4370797"