Antonio Seoane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento a Antonio Seoane e outros loitadores contra o fascismo no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Antonio Seoane Sánchez, nado en Boiro o 13 de outubro de 1906 e finado na Coruña o 6 de novembro de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a Arxentina cando tiña cinco anos, instalándose no barrio de San Telmo, onde viven miles de emigrantes galegos. Cando medra comeza a traballar no xornal La Prensa. Foi bailarín de tango e directivo da Federación de Sociedades Gallegas, feito que o levaría a relacionarse con moitos galegos do bando republicano, fuxidos da Guerra Civil. En 1939, afiliouse ao PCE co propósito de loitar contra a ditadura franquista.

Volve clandestinamente a España en 1943 e logo de fallarlle os contactos establecidos en Pamplona e Barcelona onde realizou tarefas de axitación e propaganda, pediu instrución a Bos Aires e ordenáronlle dirixirse a Madrid. En 1946 chegou a Galicia como responsábel do Exercito Guerrilleiro de Galicia xunto a José Gómez Gayoso.

En 1948, Julián, como era coñecido dentro do Exercito Guerrilleiro e no Partido Comunista, foi delatado por un infiltrado na guerrilla, e o 10 de xullo é agardado polo Xefe do Servizo de Información da Garda Civil no bar “Barlovento” da cidade de A Coruña, onde é detido por axentes da benemérita, xunto coa súa compañeira Josefina González Cudeiro. O traidor que delatou a Seoane, tamén lles facilitaría información aos fascistas sobre unha reunión que tería lugar a mañá seguinte entre Seoane e Gaioso no domicilio do primeiro, situado no número 23 da rúa Real no centro de A Coruña. Cando Gaioso chega ao domicilio de Seoane é recibido por franquistas que o feren gravemente cun disparo que lle entra pola sen e lle sae por un ollo, consegue fuxir pero ao pouco é detido completamente ensanguentado.

Despois dun Consello de Guerra sumarísimo, son condenados a morte. Seone, como Xefe do Exercito Guerrilleiro de Galicia e Gaioso, como Secretario Xeral do Partido Comunista de Galicia, sendo os máximos responsables, saben que teñen poucas opcións de salvar a vida, pero apelan ás familias para que mobilicen a opinión internacional e exerzan presión sobre a ditadura franquista e conseguir que lles rebaixen as condenas aos outros condenados. A campaña non darán os froitos agardados e o día 6 de novembro de 1948, ás 7 horas e 45 minutos, Seoane e Gaioso son executados no garrote vil, sendo soterrados no Cemiterio Civil de A Coruña, nas tumbas número 98 e 99.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alonso Montero, Xesús (2004). As últimas horas de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, loitadores antifranquistas. Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-134-6. 
  • Alonso Montero, Xesús (2009). Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). Xerais, Crónica. ISBN 978-84-9914-000-1. 
  • Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-231-8. 
  • Santidrián Arias, Víctor Manuel (2003). Historia do PCE en Galicia (1920-1968). Sada: Do Castro. ISBN 978-84-8485-079-3. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Antonio_Seoane&oldid=4462618"