Antonio Valladares de Sotomayor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antonio Valladares de Sotomayor
Nacemento1737
 Rianxo
Falecemento1820
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, escritor e poeta
editar datos en Wikidata ]

Antonio Valladares de Sotomayor, nado en Rianxo o 30 de xullo de 1737[1] e finado en Madrid en 1820, foi un escritor e xornalista galego da Ilustración. Asinou as súas obras con todo tipo de pseudónimos e anagramas.

Traxectora[editar | editar a fonte]

Procedente dunha familia de pequenos fidalgos, marchou a Madrid en 1760. En 1785 era membro da Sociedade Económica de Amigos do País de Osuna. Como xornalista editou os 34 volumes do Semanario Erudito que comprende varias obras inéditas, críticas, morales, instructivas, políticas, históricas, satíricas y jocosas de nuestros mejores autores antiguos y modernos (1787-1791), continuado en 1816 no Nuevo semanario erudito.

A finais da década de 1770 comezou a escribir teatro para gañar a vida, en colaboración con José Ibáñez e José López de Sedano. Nos anos seguintes obtivo os seus primeiros éxitos, chegando a máis de cen pezas dramáticas, incluídas traducións e refundicións. As súas obras tiveron unha grande aceptación popular, pese ás críticas que recibiu de dramaturgos e comediógrafos neoclásicos menos exitosos e elitistas, como Juan Pablo Forner ou Leandro Fernández de Moratín, que veían nel o autor máis representativo da escola de Luciano Francisco Comella. Porén, os primeiros románticos tiveron del unha idea moi diferente, e así Ramón Mesonero Romanos referiuse a el como "home de bastante erudición e bo gusto". Defendeu a ideoloxía da Ilustración e a estética neoclásica entre o pobo.

Obras súas son Vida interior de Felipe II (1788), Historia de la isla de Puerto Rico (1788), Tertulias de invierno en Chinchón (catro tomos, 1815-20) ou La verdad como es en sí, o razones que convencen de la falsa y equívoca expresión que asienta que "peca mortalmente el que hace comedias o concurre a ellas", (impreso en Madrid e reimpreso en Orihuela en 1815), folleto este que foi denunciado á Inquisición e procesado, pero non prohibido.

Entre os xéneros que cultivou no seu teatro está a comedia heroica (Defensa de La Coruña por la heroica María Pita, 1784); a comedia de maxia con El mágico del Mogol (representada en 1782); a comedia lacrimóxena ou comedia sentimental, chamada polos franceses comedie larmoyante, con pezas como La Cándida (estrenada en 1781). Obtivo éxito como sainetista con pezas como El español afrancesado (1777), Los caldereros (1780), Boda a la moda (1782), Cómicos de repente (1782) ou El tonto alcalde discreto, (1820).

Entre 1797 e 1807 imprimiu os nove tomos de La Leandra, novela que acadou tamén grande éxito. Neste xénero tamén se inclúen as Tertulias de invierno en Chinchón (1815-20). En 1804 conseguiu imprimir o Almacén de frutos literarios inéditos, prohibido nada máis saír por Godoy.

Traduciu e adaptou obras de Gresset, Mercier, Fenouillot de Falbaire e Carlo Goldoni. Fixo tamén unha versión de El delincuente honrado de Gaspar Melchor de Jovellanos.

Notas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Antonio_Valladares_de_Sotomayor&oldid=5018445"