Ara de Eiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ara de Eiras. Á dereita, foto manipulada para facilitar a lectura.

A ara de Eiras é un altar romano adicado á divindade Bandua, atopado na parroquia de Eiras, no concello de San Amaro, preto do castro de San Cibrao de Las. Está labrada en granito e conta cunha inscrición en latín distribuída en cinco liñas. Na base de datos Hispania Epigraphica está catalogada como altar votivo co número 16708[1].

Descrición[editar | editar a fonte]

A ara atópase no xardín da familia Tizón e, polo tanto, nunha propiedade privada[1]. É unha peza de grande importancia para o estudo das sociedades do mundo romano na Península Ibérica. Na súa parte superior conserva o oco ou foculus, onde se queimaban as ofrendas. A inscrición latina está gravada con letra capitalis rustica, máis descoidada nas liñas inferiores. Divídese en cinco liñas que van diminuíndo de altura de arriba a abaixo.

Problemas nas súas lecturas[editar | editar a fonte]

A primeira referencia publicada á inscrición da ara data de 1968[2], onde se presenta a fotografía dun baleirado de xeso e aporta as seguintes medidas: alto de 0,44; ancho de 0,28; letras de 0,06. A lectura que acompaña é a seguinte: BANDV/A IANOE/LICA FAE/NIRVSAE/ ARAM V(otum) S(olvit). Ofrécese a seguinte descrición:

Apareció hace ya tiempo en aquellas inmediaciones, en las que es de advertir que se encuentran los castros de San Cibrán y de Eiras, ambos muy romanizados; en la última localidad se hallan con frecuencia tejas, pondus y otros restos que demuestran la existencia de habitaciones romanas.

Como denominador común á maioría dos investigadores figura o convencemento de que o epíteto de Bandua alude ao nome do castro de San Cibrao de Las, aínda que son notables as diverxencias nese posible topónimo que cada investigador achega: *Lansbriga, *Laniobriga, *Laniobriga, *Alaniobriga e, máis recentemente, Lámbrica. A máis estendida é aquela que na segunda liña quixo ver o topónimoLans” lendo "Bandua Lansbricae". A erosión da ara e as dificultades para o seu estudo están na orixe de tanta discrepancia.

Detalle da inscrición da ara de Bandua de Eiras.

González Iglesias, que fotografou a ara en 2007, afirma ver na segunda liña un M, lendo "Lámbrica"[3]. Por outra banda, Vidán Torreira chegou a ler *Palambrigensi, indicando así que viu o M[4].

Posible interpretación[editar | editar a fonte]

Segundo González Iglesias[3] podería lerse así: BANDUA? LAMBRICAE AEMILIUS REBURRINUS VOTUM SOLVIT, o que viría a dicir: “A Bandua de Lambrica Aemilio Reburrino cumpriu o seu voto”. O interrogante indica que a primeira letra ou nexo que vemos na segunda liña non está claro nin é aínda definitiva a súa lectura.

Ara de Bandua de Eiras en 2007.
BANDV
A? LAMB
RICAE AE
MILIVS RE
BURRN V S

A ara está adicada por Emilio Reburrino, ao deus ou deusa prerromana Bandua, unha divindade ancestral que recibía culto en sociedades xa romanizadas. As elites engadiron deuses romanos aos seus cultos, pero non esqueceron os ancestrais. Tanto é así que, en innumerables ocasións, se producen fenómenos chamados de sincretismo, onde se tratan de conciliar cultos antigos coa relixión imposta polos conquistadores.

López Cuevillas opina que Bandua debeu recibir culto na cima do monte de San Trocado[5]:

Os antigos núcleos de poboación tiñan un centro relixioso común que era o adicado ó deus da guerra chamado Bandua, emprazado no cume do Santrocado. A el debían concorre-las xentes dos castros veciños para celebra-las cerimonias dun culto común, que quizais tivese tamén un carácter político.

A epígrafe, ademais de dar o primeiro nome escrito coñecido na contorna, Emilio Reburrino, fala da pertenza de Bandua ao territorio da «cidade fortificada de Lam ou Lámbrica», o castro de San Cibrao de Las, posible centro político, administrativo e relixioso daquel territorio, tendo en conta as súas grandes dimensións en relación con outros establecementos castrexos veciños.

Sobre o lugar de aparición[editar | editar a fonte]

Non hai datos arqueolóxicos que confirmen o lugar de aparición da ara de Eiras. É inmemorial a súa presenza na aldea, na contorna da reitoral, da igrexa e dos pazos de Eiras, onde apareceron evidencias dunha vila romana, restos dun mosaico e tégulas, ademais duns curiosos perpiaños con decoración reticulada nos muros da igrexa. Tamén hai que facer mención á existencia dun pequeno castro sen escavar, do que se conserva o microtopónimo (O Castro).

Aínda quedan bastantes misterios por resolver na epígrafe da ara de Eiras, como a concordancia entre Bandua e Lambrica ou a primeira letra da segunda liña (un a algo diferente das do resto da inscrición), pero a súa pertenza a mans privadas e a inaccesibilidade desta fonte arqueolóxica e histórica fan moi difícil o seu estudo.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • González Iglesias, Felisindo (Marzo de 2009). "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense". Ágora do Orcellón (Vigo) (17): 38–52. ISSN 1577-3205. 
  • González Iglesias, Felisindo (xuño de 2019). "A ara de Eiras e o topónimo Lámbrica". Ágora do Orcellón (Vigo) (35): 17–33. ISSN 1577-3205. 
  • López Cuevillas, Florentino (1982). Prosas Galegas. Vigo: Galaxia. 
  • Lorenzo Fernández, Xaquín, ed. (1968). Inscripciones Romanas de Galicia IV. Provincia de Orense (en castelán). Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. p. 72. 
  • Pérez Outeiriño, Bieito (1987). "A Cidade de San Cibran de Las. Objectivos e resultados das últimas intervencións arqueologicas (1982-1983)". Lucerna. 2ª (Porto: Centro de Estudos Humanísticos) II. 
  • Rivas Fernández, J. C. (1973). "Nuevas aras romanas y rectificaciones interpretativas en torno a otros epígrafes galaico-romanos ya conocidos". Boletín Auriense (en castelán) III. 
  • Rodríguez Colmenero, Antonio (1977). Galicia meridional romana. Universidad de Deusto. 
  • Rodríguez Colmenero, Antonio (1987). Aquae Flaviae I. Fontes epigráficas. Universidad de Chaves. 
  • Rodríguez Colmenero, Antonio (2000). "Sobre un supuesto error epigráfico-histórico. Correcciones al ara de Bandua Aetobricus de Codesedo (Ourense) y a otros epígrafes de su amplio entorno". Cuadernos de Estudios Gallegos (en castelán) (Santiago). XLVII, fascículo 113.  Recoméndase ver a páxina 6 do documento en PDF.
  • Vidán Torreira, Manuel (2004). "Pambre y el enigma del ara de Eiras" (PDF). Nalgures (en castelán) (A Coruña) (I): 335–339. ISSN 1885-6349. 
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Ara_de_Eiras&oldid=5321379"