Arteriosclerose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arteriosclerose
Clasificación e recursos externos
Imaxe histolóxica mostrando os vasos ocluidos por arteriosclerose, un a dereita e outro a esquerda da foto
ICD-10 I70
DiseasesDB 1039
MeSH D001161
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A arterioesclerose é unha doenza dexenerativa que afecta ás arterias de xeito progresivo, crónico e xeneralizado. Prodúcese por unha acumulación de graxa nas camadas internas da arteria que provoca o seu endurecemento e mesmo a calcificación; isto supón o estreitamento da luz pola que pasa o sangue e, en último lugar, a oclusión da arteria. Este proceso de estreitamento produce unha serie de trastornos causados pola diminución da chegada de sangue, que darán lugar os síntomas da enfermidade. A arterioesclerose é a doenza que produce maior número de mortes nos países occidentais, causadas sobre todo porque afecta á circulación do sangue no corazón e no cerebro. Preocupan máis as secuelas e incapacidades que provoca que a mortalidade que causa.

O termo arteriosclerose foi introducido por Lobstein en 1829 e significa 'endurecemento das arterias'. Aínda non se coñece cal é a súa causa.

Fisiopatoloxía[editar | editar a fonte]

Durante a infancia ou adolescencia pódense producir unhas lesións consistentes en estrías de graxa, fundamentalmente colesterol ou derivados, limitadas á capa íntima da arteria. Estas lesións temperás poden retornar máis tarde.

Máis tarde na vida aparecen placas fibrosas localizadas sobre todo nas bifurcacións arteriais e constituídas por un núcleo graxo rodeado dunha cápsula de tecido elástico e coláxeno. Este proceso afecta á capa íntima da arteria e acostúmase asociar a unha disrupción da membrana elástica interna. Representan unha lesión máis permanente e están asociadas coa aparición de síntomas.

As placas fibrosas poden evoluir e tornárense placas complicadas, que afectan a toda a camada íntima e aparecen como incrustacións na camada media. Poden ocasionar complicacións, como calcificación, hemorraxia e/ou ulceración.

Oclusión[editar | editar a fonte]

Como consecuencia do estreitamento da luz arterial pode producirse unha oclusión crónica. Cando se estreitou nun 75% prodúcese unha estenose crítica que pode dar lugar á aparición de sintomas. Debido a que o estreitamento se vai producindo gradualmente, o órgano afectado vaise tamén adaptando á diminución de fluxo sanguíneo, ao tempo que recorre á "circulación colateral", isto é, a outras arterias. As consecuencias son distintas en órganos distintos.

A oclusión aguda prodúcese cando se suprime bruscamente a pasaxe de sangue por unha arteria. Ocasiónaa unha placa de ateroma complicada, ulcerada, da que se forma un trombo ou coágulo. Se isto suceder nunha arteria do corazón, leva a un infarto de miocardio.

Aneurisma[editar | editar a fonte]

Se, en vez de provocar unha oclusión, a arteriosclerose produce un debilitamento da parede arterial, a presión sanguínea acaba por dilatar a arteria, dando lugar a un aneurisma. Os aneurismas son grandes sacos de sangue que van aumentando de tamaño e poden dar lugar a diversas complicacións, especialmente:

Trombose
dentro do saco aneurismático prodúcense unhas turbulencias que ocasionan a formación dun trombo nas paredes do aneurisma. Este trombo vai medrando até obturar todo o saco aneurismático.
Embolización
o trombo formado na parede do aneurisma pódese fragmentar; os anacos que se desprenden son arrastrados polo fluxo sanguíneo e poden chegar a ocluír arterias de calibre máis pequeno.
Quebra
se se sobrepasar o límite de resistencia da parede arterial, esta féndese e provoca unha hemorraxia grave - o que miúdo provoca a morte.

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

A arteriosclerose é a principal causa de morte nos países occidentais, especialmente entre os maiores de 65 anos. Estas mortes débense fundamentalmente a que afecta ao corazón nos homes maiores de 35 anos e en ambos os dous sexos nos maiores de 45. Tamén é a causa do 90% dos infartos cerebrais isquémicos. Un 4% dos maiores de 65 anos padecen dun aneurisma de aorta abdominal. Os factores que predispoñen ou favorecen a aparición da arteriosclerose son:

  • Hiperlipidemia. Exceso de lípidos no sangue, especialmente colesterol e triglicéridos.
  • Hipertensión arterial. Favorece a aparición de lesións aterosclerosas, accidentes vasculares cerebrais e o medre dos aneurismas de aorta abdominal.
  • Tabaco. Factor de risco número un para as lesións nas arterias de extremidades inferiores.
  • Diabetes. Quen a padece tamén terá arteriosclerose a unha idade máis temperá e cunha progresión máis rápida, así como maior propensión (entre dúas e tres veces máis).
  • Hiperuricemia. Exceso de ácido úrico.

Clínica[editar | editar a fonte]

A arteriosclerose é unha doenza xeneralizada e crónica, isto é, se se detecta nunha arteria, moi probabelmente xa hai outras afectadas e segue o seu curso unha vez aparece.

Oclusión[editar | editar a fonte]

  • Afectación cardíaca: cardiopatía isquémica (anxina de peito, infarto de miocardio e morte súbita).
  • Afectación cerebrovascular: infartos cerebrais isquémicos: transitorios (perda de conciencia, crise de visión borrosa, vertixe, paresia, trastornos da linguaxe etc.), permanentes (hemiplexía) ou morte (trombose cerebral).
  • Afectación de extremidades inferiores: dor, normalmente nas canelas, que obriga a parar ao camiñar. A dor pode chegar a ser continua en situación de repouso e chegar a provocar a morte do tecido por gangrena isquémica.

A asterioesclerose pode afectar tamén aos rils, provocando a hipertensión vásculo-renal, ás arterias intestinais (mesentérica), provocando dores abdominais coincidindo coa dixestión ou mesmo un infarto mesentérico.

Aneurisma[editar | editar a fonte]

Os aneurismas non acostuman dar síntomas. Se provocan tromboses ou embolizacións, as síntomas serán de tipo isquémico (déficit de rego arterial); se provocan a ruptura, as síntomas serán de tipo hemorráxico. O máis habitual é que se produzan na arteria aorta abdominal.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

Estudos non invasivos directos[editar | editar a fonte]

  • Doppler: emprego de ultrasóns para coñecer as alteracións do fluxo sangúíneo.
  • Ecografía: os ultrasóns mostran imaxes de determinadas arterias. Hoxe en día os aparellos combinan as dúas técnicas.
  • TAC: técnica radiolóxica que mostra imaxes de gran resolución de cortes en diversos planos do corpo.

Estudos non invasivos indirectos[editar | editar a fonte]

  • Electrocardiograma: en repouso e durante a realización dun esforzo (proba ergométrica), revela a existencia de estenoses (estreiteces das arterias coronarias).
  • Radioisótopos: Talio 201.

Estudos invasivos[editar | editar a fonte]

Inxéctase material de contraste no corpo por punción e radiografíase. Pode ser punción arterial ou venosa. Lévanse a cabo canso se vai seguir unha cirurxía arterial.

Tratamento[editar | editar a fonte]

Preventivo[editar | editar a fonte]

Recoméndase unha vida sana con exercicio moderado, evitar a obesidade e o estrés emocional, ao tempo que se vixían ou detectan a hipercolesterolemia, hipertensión, diabetes, hipeuricemia e se elimina o consumo de tabaco.

Paliativo[editar | editar a fonte]

Sendo unha doenza crónica e progresiva (isto é, que non se cura), pódense paliar os seus efectos.

Cando se detecta unha oclusión, pódense dilatar as estenoses consideradas significativas ou repermeabilízar os segmentos arteriais ocluídos, frecuentemente por medio dun by-pass. Este consiste nunha "ponte" antes e despois do segmento oburado mediante veas do propio corpo ou material protésico. Nas extremidades inferiores pódese ter que recorrer á amputación. Se o que aparece é unha cardiopatía isquémica, pódese realizar unha anxiopastia coronaria, introducindo catéteres cun balón inchábel.

Cando se detecta un aneurisma, o tratamento é sempre cirúrxico e o que se tenta é resecar a masa aneurismática substituíndoa por un conduto novo, que pode proceder do propio corpo ou ser sintético.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Arteriosclerose&oldid=4403707"