Asociación Cultural Cultura do País

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Asociación Cultural Cultura do País, con base en Lugo, ten por obxecto a promoción da cultura propia de Galiza desde unha perspectiva autocentrada, desde a recuperación das tradicións populares até a posta en valor de feitos históricos, personaxes, celebracións e acontecementos da cultura galega, tendo coma principal bandeira a defensa da lingua galega coma elemento simbólico e crucial na conformación da cultura da Galiza.

Descrición[editar | editar a fonte]

O nome "Cultura do País" vén dado pola situación actual de procesos globalizadores que impoñen modelos culturais estereotipados e de orixe foránea,[Cómpre referencia] e pretende que se creen actividades culturais harmoniosas co contorno social que rodea á asociación, que permitan o mantemento de formas culturais propias da Galiza, que reflictan unha identidade propia.

Entre os obxectivos da asociación están os de recuperar e dar a coñecer textos básicos do pensamento galego, creando un espazo de reflexión non só sobre a identidade galega senón tamén da súa incarnación na definición dun concepto de cidadanía galega.

Actividades[editar | editar a fonte]

Organización de charlas-coloquio, obradoiros e actos públicos con persoas destacadas da cultura e especialistas de distintos eidos de traballo cultural. Tamén se poñen en marcha ferramentas de comunicación social monolingües en galego instaladas nas novas tecnoloxías para a difusión da cultura galega e das actividades da asociación entre toda a poboación.

Arde Lucus[editar | editar a fonte]

No ano 2012, a Asociación Cultural Cultura do País adhírese á iniciativa de Trebas Galaicas, consistente na instalación do Castro do Medulio durante a festa do Arde Lucus e participou nas actividades que se celebraron nese espazo para reivindicar o pasado celta e a existencia dunha cultura galaica previa á ocupación romana. A comitiva desta asociación uniuse á de Trebas Galaicas para recrear o asedio do Monte Medulio, resistindo con firmeza a acometida romana[1].

Festa Dandi[editar | editar a fonte]

Celebración na que a asociación conmemora o aniversario da Primeira Asemblea Nacionalista, que tivo lugar en Lugo o 18 de novembro de 1918. Entre os actos relacionados con esta actividade adóitase incluír unha ofrenda floral diante do Hotel Méndez Núñez, unha das sedes[2] da Asemblea.[3][4][5][6][7][8][9]

A xornada acostuma a rematar coa actuación dun grupo musical, acto no que os participantes acoden caracterizados simulando a época entorno ó 1918, xeralmente faise un concurso no que se premia a aquelas persoas que acudan á festa cos mellores vestidos de estética dandi dos anos 20.

Festival de Noso[editar | editar a fonte]

Festival de música organizado con motivo das celebracións do San Froilán co fin de promover a cultura musical galega, que se leva a cabo nos xardíns do Museo Provincial de Lugo.[10]

Na primeira edición do festival (2011) actuaron os grupos Cabraret, Labregos do Tempo dos Sputniks e Medomedá. Contando con David Lombao (xornalista) como presentador do evento.[11] Na segunda edición participaron os John Deeres. A cuarta edición do Festival de Noso compuxérona Sonoro Maxín e Familia Caamagno.[12][13][14]

Letras Galegas[editar | editar a fonte]

Con motivo do Día das Letras Galegas, esta asociación organiza actividades dedicadas a poñer en valor a lingua galega.

No ano 2012[15] organizou conxuntamente con A Mesa pola Normalización Lingüística un concerto co nome de "5.1, en galego, lingua propia", en referencia ó artigo do xornalista Fran P. Lorenzo (5.1: a verdade revolucionaria) que respondía á censura exercida contra un libro de texto de lingua galega polo feito de afirmar no seu interior que a lingua propia da Galiza é o galego, como aparece recollido no artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía. O concerto consistiu nunha actuación do grupo de música electrónica Safari Orquestra e mais o DJ Dr. Think.

Noite da lusofonía[editar | editar a fonte]

O 12 de maio do 2011 tivo lugar a celebración da primeira edición da noite da lusofonía "Noite Angolana", que se organizou conxuntamente entre a Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Asociación Cultural Cultura do País, coa colaboración así mesmo da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Lugo.

A noite da lusofonía ten como obxectivo fortalecer os lazos culturais e lingüísticos que Galiza ten coa comunidade lusófona.

Na primeira edición optouse por dedicarllo a Angola, un país africano no que a lingua portuguesa se estende a preto dun 70% da poboación, froito da colonización portuguesa. No acto levouse a cabo un recital de poesía angolana ó que seguiu a actuación da cantante angolana Aline Frazão.[16]

A segunda Noite[17] da Lusofonía celebrada en colaboración co Departamento de Portugués da EOI, elixiuse dedicarlla a Portugal polo que se enmarcou entre dous acontecementos: o 25 de abril, data da Revolución dos Cravos e mais o 40º Aniversario do concerto do Zeca Afonso en Lugo en 1972. O acto que se titulou "Portugal: Abril Sempre" contou coa actuación do lisboeta Gonçalo Guerreiro, quen presentou unha sesión de fado electrónico.

Ruta Ultreia Mocidade e Patrimonio[editar | editar a fonte]

Esta actividade ten como obxectivo ligar o activismo xuvenil coa defensa e dignificación do patrimonio histórico galego.

Ruta polas "terras dos mouros"[editar | editar a fonte]

A primeira actividade[18] realizouse en colaboración coa Asociación de Defensa do Patrimonio e de Reconstrución Histórica Trebas Galaicas e consistiu nunha ruta polas "terras dos mouros" visitando diferentes puntos de interese nos concellos de Friol, Outeiro de Rei e Begonte. Percorréronse as antas do neolítico, tumbas que durante milenios salientaron na paisaxe galega, sendo a primeira e grande manifestación contundente do pasado máis ancestral de Galicia. Visitáronse, así mesmo, os santuarios de elección de reis celtas como Pena de Rodas, marcador solsticial conectado coa Pena dos Mouros.

Ruta ata Adai "Na procura da fraga sagrada de Lugh"[editar | editar a fonte]

Ruta ata o complexo arqueolóxico de Adai, onde varios elementos presentan reminiscencias do que podería ser a orixe da cidade de Lugo: lo latín Lucus, que fai referencia a unha fraga sagrada ou a un santuario silvestre, con clara referencia ó deus celta Lugh. Alí atópase unha estrutura desas características - a Pena Fita-, que ben podería ser a que deu nome á cidade. Arredor deste espazo pódense atopar, nun radio inmediato, varias pegadas da cultura galaica previa á ocupación romana: unha cista, o Castrillón, petróglifos, ...[19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Asociación Cultural Cultura do País. "Cultura do País no Castro do Medulio: Romani ite domum!". Arquivado dende o orixinal o 29/11/2014. Consultado o 17/11/2014. 
  2. Xulio Pardo de Neyra: "A asemblea nacionalista de Lugo ou a historia dunha inexactitude" Praza Pública, 18/11/2013.
  3. El Progreso. "Aniversario del Manifiesto de Lugo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29/11/2014. Consultado o 18/11/2014. 
  4. Sei o que nos figesteis. "A festa do 18 que se celebrou no 20-N". Arquivado dende o orixinal o 01-11-2014. Consultado o 18-11-2014. 
  5. Asociación Cultural Cultura do País. "22 e 23 de novembro: conmemoración do 95º aniversario do Manifesto de Lugo". Arquivado dende o orixinal o 01/11/2014. Consultado o 01/11/2014. 
  6. Asociación Cultural Cultura do País. "19 de novembro: Aniversario do Manifesto de Lugo". Arquivado dende o orixinal o 01/11/2014. Consultado o 01/11/2014. 
  7. Asociación Cultural Cultura do País. "Aniversario do Manifesto de Lugo: crónica gráfica". Arquivado dende o orixinal o 01/11/2014. Consultado o 01/11/2014. 
  8. Ocio en Galicia. "Conmemoración do 95º aniversario do Manifesto de Lugo". Consultado o 01/11/2014. 
  9. Asociación Cultural Cultura do País. "Sábado 17 de novembro: 94º Aniversario do Manifesto de Lugo". Arquivado dende o orixinal o 01/11/2014. Consultado o 01/11/2014. 
  10. El Progreso. "El Festival do Noso preludia San Froilán con música y fútbol gaélico". Arquivado dende o orixinal o 29/11/2014. Consultado o 18/11/2014. 
  11. Asociación Cultural Cultura do País. "3-2-1... de Noso!". Arquivado dende o orixinal o 02/11/2014. Consultado o 01/11/2014. 
  12. Sermos Galiza. "Festival de Noso e Festiclown no inicio do San Froilán". Consultado o 18/11/2014. 
  13. Deputación de Lugo. "Presentouse a cuarta edición do Festival de Noso que volverá ser o preludio das festas do San Froilán". Arquivado dende o orixinal o 29/11/2014. Consultado o 18/11/2014. 
  14. El Progreso. "El Fetival do Noso preludia San Froilán con música y fútbol gaélico". Arquivado dende o orixinal o 29/11/2014. Consultado o 18/11/2014. 
  15. Asociación Cultural Cultura do País. "Sábado 19 de maio: 5.1, en galego, lingua propia". Arquivado dende o orixinal o 13/11/2014. Consultado o 13/11/2014. 
  16. Asociación Cultural Cultura do País. "Xoves 12 de maio: Noite Angolana". Arquivado dende o orixinal o 01/11/2014. Consultado o 01/11/2014. 
  17. Asociación Cultural Cultura do País. "Xoves 26 de abril: 2ª Noite da Lusofonía". Arquivado dende o orixinal o 12/11/2014. Consultado o 12/12/2014. 
  18. Asociación Cultural Cultura do País. "Domingo 1 de abril: roteiro da Sección Ultreia". Arquivado dende o orixinal o 12/11/2014. Consultado o 12/11/2014. 
  19. Asociación Cultural Cultura do País. "Sábado 16 de xuño: roteiro da Sección Ultreia até Adai". Arquivado dende o orixinal o 13/11/2014. Consultado o 17/11/2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Asociación_Cultural_Cultura_do_País&oldid=4888774"