Awan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Awan foi un reino na rexión de Elam, ao sur de Susa. A dinastía de Awan reinou desde sobre o -2500 ao -2100 e foi contemporánea de Sargón I de Akkad (sobre -2334 – -2279); o seu último rei, Puzur-Inshushinak reinaría ao mesmo tempo que Urnamu de Ur (sobre -2110 – -2094). As fontes sumerias deixaron indicacións das campañas militares que axudan a comprender a historia e xeografía de Elam.

Os reis de Awan dominaron Elam e a súa dinastía foi hexemónica ata preto do -2325, en que foi sometido a imposto por Sargón I de Akkad. Dos sete primeiros reis non se sabe nada e son só unha lista de reis.

O país rebelouse contra o sucesor de Sargón, o seu fillo Rimush, sobre o -2281, baixo a dirección do rei Lukhkhishshan, auxiliado polo rei de Warakshe (tamén sublevado) Sidgau, pero a rebelión foi acorada. Os reis oitavo e noveno son mencionados (en orde inversa) nas informacións das campañas de Sargón e o seu fillo Rimush, campañas que tiñan unha finalidade económica (busca de materiais que non existían en Sumer) e non de conquista permanente.

O rei de Akkad Manishtushu (sobre -2275 – -2260) continuou as loitas ao sur de Elam chegando á zona do golfo Pérsico, que cruzou para establecer unha alianza coas 32 cidades da costa de Arabia. En tempo do rei Naramsin de Akkad (sobre -2260 – -2223) fíxose un tratado entre o rei de Susa, vasalo de Naramsin e o rei de Awan, Khita ou Hita, probabelmente tamén tributario, tratado que é o primeiro texto elamita en caracteres cuneiformes que se coñece pero que ten unha interpretación moi complexa.

Awan recuperou a plena independencia sobre o -2221 e tivo a hexemonía de Elam durante case un século. Na segunda metade do século -XXI os gutis ocuparon o país e o -2116 o rei Utukhengal de Uruk derrotou ao rei guti Tiriqan nunha batalla entre Kish e Nippur, e derrocou ao novo rei guti Sium corenta días despois, apoderándose dos seus dominios. O último rei de Awan, Puzur-Inshunshinak conquistou Susa e despois Anshan e estableceu por primeira vez unha confederación elamita forte que se consolidou co sometemento dos reis de Simashki. Pero os seus sucesores perderon Susa e a dinastía dos Simáshquidas (xurdida do reino de Simashki) estableceu o seu poder en Elam.

Lista de reis[editar | editar a fonte]

  • Tres reis de nome descoñecido (século -XXVI).
  • Peli, sobre -2500.
  • Tata, sobre -2400.
  • Ukku-Takhesh, sobre -2380.
  • Khishur, sobre -2360.
  • Shushun-Tarana, sobre -2350.
  • Napil-Khush, sobre -2330.
  • Kikkusiwe-Temti, sobre -2325.
  • tributario de Akkad, sobre -2325.
  • Lukhkhishshan ou Lukh-Ishshan, sobre -2300.
  • Khishep-Ratep ou Khishepratep, sobre -2300.
  • Khelu, (século -XXIV, sobre –2300 - -2280).
  • Khita, (século –XXIII, quizais sobre -2280 – -2240).
  • Aos guti.
  • Kutikhkhinshushinnak (Puzurinshushinnak), antes do -2100.
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Awan&oldid=4789668"