Barrio das Flores, A Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Barrio das Flores
Parroquia da Resurrección (A Coruña).JPG
Igrexa da Resurrección do Señor, obra de José Antonio Corrales.
ParroquiaOza
ConcelloA Coruña
Poboación4470 hab. (2011)
Situación do Barrio das Flores na cidade da Coruña.

O Barrio das Flores é un barrio da cidade da Coruña. No ano 2001 tiña 4470 habitantes[1], con só 0,17 km² de superficie, a densidade de poboación acada os 26.294,11 hab/km². Está situado na parte sueste do núcleo urbano, cara a onde se foi desenvolvendo durante as décadas de 1960 e 1970, ao incorporar zonas moi variadas.

Toponimia[editar | editar a fonte]

O seu nome ten a súa orixe debido a que nesa zona concentrouse a maior plantación de flores do casco urbano. Aí naceu unha das empresas de arte floral máis prestixiosa e antiga da Coruña, Flores Consuelo Obdulia. En 1901 os seus artífices, Antonio Lagares Canosa e Obdulia Galán Teijido que tiñan unha casa no Campo de Oza, centro do actual barrio das Flores, dedicaron o resto do terreo a sementar sementes traídas de diferentes partes de Europa.[2]

Por este motivo todas as rúas do barrio teñen nome de flor e as prazas nome de árbore.

Deseño[editar | editar a fonte]

Unidade Veciñal nº 3.

Os arquitectos José Antonio Corrales (premio nacional de arquitectura), Andrés Fernández-Albalat, Ignacio Bescansa, Jacobo Losada ou José Luque Sabrini participaron neste proxecto que levantou 2.000 vivendas sobre unha superficie de 17 hectáreas.

O barrio con orientación norte sur ten forma de D, está perfectamente delimitado pola Avenida de Monelos e a Ronda de Camilo José Cela, esta dividido en tres unidades veciñais, coñecidas popularmente como a Termac, Inducosa e Dragados, en referencia ás respectivas empresas construtoras.

Corrales deseñou a Unidade Veciñal nº 3, coñecida como Dragados, unha actuación urbanística baseada na Carta de Atenas de Le Corbusier e executada desde unha perspectiva moderna e funcionalista que ademais de pisos e vivendas unifamiliares ofrecía equipamentos necesarios para a vida cotiá como igrexa ou gardería, nas outras unidades tamén atopábase un ambulatorio da seguridade social, un dos creados na primeira quenda en todo estado español así como o Fogar do Pensionista, aínda en funcionamento, tamén un dos primeiros do estado.

A Unidade Veciñal nº 3 é un conxunto de vivendas resolto en diferentes tipoloxías, non agrupadas en bloques específicos, senón interrelacionados a través de niveis e corredores nos que tamén alóxanse espazos para as garderías, os comercios e incluso algúns locais adicados a oficinas. Estas tipoloxías van desde apartamentos de dous dormitorios ata vivendas de case 150 m² de superficie, incluíndo un pequeno número de vivendas unifamiliares.[3][4]

O barrio non ten tráfico de vehículos interno, as rúas son rúas sen saída e só serven como acceso de servizo aos habitantes dos diferentes bloques de vivendas. Este deseño permite a existencia dun gran parque central, pero dificulta que sexa coñecido polo resto de habitantes da cidade, tamén e complicado o acceso a pé debido ao excesivo número de barreiras arquitectónicas, escaleiras, muros, falta de elevadores etc.

Historia[editar | editar a fonte]

Entrada ao barrio desde a avenida de Alfonso Molina.

A historia do barrio comeza a mediados da década de 1960 cando a Obra Sindical del Hogar decide crear un novo asentamento para unha poboación que crecía debido a instalación de novas industrias como a refinería. Foi construído entre 1964 e 1967. Inaugurouse oficialmente o 19 de agosto de 1967, coa visita do ditador Francisco Franco.

A poboación de clase media-baixa traballadora esta envellecida, e en xeral séguese asociando como un barrio marxinal, opinión baseada en tempos pasados en que determinadas zonas do barrio relacionábanse coa droga e a delincuencia.

Servizos[editar | editar a fonte]

Apenas existen comercios, aínda que debido a súa situación esta preto de case todos os grandes centros comerciais da cidade, así como do CHUAC. Aínda que carece de equipamentos de carácter cultural e ocupacional, no barrio atópase o Centro Down Coruña, o Centro de diminuídos psíquicos, Acopros, que ademais de dar servizo as familias de sordos, é centro de orientación de emprego, e o Centro municipal de información á muller.

No centro do barrio atópase o Polideportivo Municipal do Barrio das Flores

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Barrio_das_Flores,_A_Coruña&oldid=4889273"