Benito Losada Astray

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Benito Losada Astray
La Pequeña Patria, Santiago, 30 de diciembre de 1890, n.º 6 (copped).jpg
Nacemento19 de novembro de 1824
 Santiago de Compostela
Falecemento11 de setembro de 1891
 San Mamede de Ribadulla
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmédico, militar e escritor
editar datos en Wikidata ]

Benito Ramón Hipólito Losada Astray, nado en Santiago de Compostela o 19 de novembro de 1824 e finado en San Mamede de Ribadulla o 11 de setembro de 1891, foi un médico, militar e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Benito Alvarez-Losada Pardo, catedrático de Dereito Penal, e Teresa Astray-Caneda Calvelo. Licenciouse en Medicina e ingresou no Corpo de Sanidade Militar. Exerceu de médico militar no País Vasco durante a guerra carlista e máis tarde en Cuba. Convencido anticlerical, interesouse na política liberal, afiliándose ao partido republicano, o que o levou a participar no levantamento de Solís de 1846. Colaborador de diversas publicacións, como El Heraldo Gallego e Revista Gallega, pódese adscribir á xeración provincialista, polo que forma parte da nómina de poetas tardíos do Rexurdimento.

Consérvase un manuscrito que titula "Os que ensinan a orella" no que arremete implacablemente contra o clero polo seu desexo de exclusividade no ensino público e que lle valeu unha forte campaña de desprestixio por parte dun mozo director dun xornal compostelán, pero ao que veu a darlle a razón o Real Decreto sobre o ensino libre do Ministerio de Fomento, presidido por Pidal.

Casou en Cuba con Adelaida Ferrant Ajuria; non tiveron fillos.

Obra[editar | editar a fonte]

La Pequeña Patria, Santiago, 30 de decembro de 1890, n.º 6.

Unha vez xubilado do seu posto de xeneral médico militar, comezou a dedicarse á creación literaria. Tras o falecemento da súa muller, sumiuse nunha gran tristura que reflectiu nos versos "Recordos". Logo viría a novela curta Votos eternos de estilo romántico. En 1883 rematou outra das súas novelas en castelán Paca, na que narra minuciosamente as longas xornadas dunha viaxe en dilixencia de Santiago a Madrid a mediados do XIX. Consérvase un manuscrito en castelán dun relato tráxico romántico titulado "Mario", que non chegou a publicarse.

Da súa obra destacan Poesías (1878), o seu libro máis romántico; Soazes d’un vello (1886) premio literario de La Voz de Galicia e publicado por esta editorial (Biblioteca Gallega) e posteriormente con "Contiños dá Terra" na terceira parte de Soazes d´un vello. Ten publicada por entregas un novela curta co título "Por un retrato" na revista Galicia da Coruña. Tampouco están publicadas dúas das súas novelas en castelán Lola e Votos Eternos. A lenda "Afronta, daga e vieira" incluída en Soazes d´un vello é un fermoso relato en tempo medieval na que aparecen castelos e paraxes da bisbarra do Ulla, nobres violentos e sufridas heroínas, na que está presente encontros, amores secretos, fuxida fracasada, xuramento, anagnórises, arrepentimento e múltiple desenlace infausto. Pero polo que é máis coñecido Benito Losada é pola trintena de poemas soltos Contiños (1888) de signo costumista e polos seus epigramas. Estas composicións, posúen un marcado carácter picaresco, cheas de alusións maliciosas, o cal motivo algunhas críticas, entre elas de Pardo Bazán, por considerar que resultaban chocarreras e de mal gusto.

Foi Benito Losada un poeta áxil e solto que coñecía ben o galego. Negábase a ser fotografado, como ben recorda o seu amigo Enrique Labarta Pose en versos que escribe na revista da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Só se coñecía a súa imaxe a través do debuxo que figura na portada do número 6 da revista La Pequeña Patria. Finalmente atopouse unha fotografía escrita no reverso que di: "Lector se o nome saber lle agrada direino ao momento Benito Losada".

En 1922 Aubrey Fitz Bell dedicoulle un apéndice de Portuguese Litarature ao renacemento literario galego onde salienta sobre todo o seu populismo porque presenta cadros coloridos, íntimos e interesantes da vida de campo en Galicia. Hai un amplo e detallado estudo biográfico e bibliográfico de Benito Losada Astray de Antonio Couceiro Freijomil (1952) e de Ricardo Carballo Calero (1975). En 1991, con motivo do centenario do seu falecemento, José Filgueira Valverde, dedicoulle un artigo en Faro de Vigo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Benito_Losada_Astray&oldid=4711969"