Benjamin Kennicott

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Benjamin Kennicott
Benjamin Kennicott.jpg
Benjamin Kennicott
Nacemento 4 de abril de 1718
  Totnes (Devon), Inglaterra
Falecemento 18 de setembro de 1783
  Oxford
Nacionalidade Reino de Gran Bretaña
Relixión anglicana
Educado en Universidade de Oxford
Ocupación Cóengo anglicano
Cónxuxe Ann Chamberlayne
Lingua inglés
Coñecido/a por Biblia Kennicott
Estudos Hebreo clásico
Premios membro da Royal Society
editar datos en Wikidata ]

Benjamin Kennicott, nado en Totnes, no condado de Devon (Inglaterra) o 4 de abril de 1718 e finado en Oxford[1] o 18 de setembro de 1783, foi un cóengo e hebraísta inglés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sucedeu a seu pai como mestre dunha escola de caridade, mais a xenerosidade dalgúns amigos facilitou que tivera posibilidades de formarse en mellores condicións. Así, conseguiu ir ao Wadham College da universidade de Oxford en 1744, onde se distinguiu en hebreo e divindade. Mentres estudaba publicou dúas disertacións: On the Tree of Life in Paradise, with some Observations on the Fall of Man, e On the Oblations of Cain and Abel que lle outorgaron o acceso á licenciatura antes do prazo legal.[2]

En 1747 Kennicott foi elixido como socio do Exeter College, de Oxford, e en 1750 conseguiu o equivalente ó mestrado e, pouco despois, en 1753, converteuse en reitor da universidade de Culham, en Oxfordshire. En 1761, recibiu o doutoramento en Divindade en Oxford[3], polo que recibiu da coroa unha pensión de 200£,[4] e en 1764 foi nomeado socio da Royal Society, e en 1767 foi curador Biblioteca Radcliffe e mercou un manuscrito hebreo que posteriormente foi coñecido como Biblia Kennicott.

Tamén foi cóengo da Igrexa de Cristo en Oxford (1770-1783),[1][5] de credo anglicano.

Casou en 1771 Kennicott con Ann Chamberlayne, irmá de Edward Chamberlayne, funcionario do Tesouro, e cuñada de William Hayward Roberts. Ela sobreviviuno moitos anos pois morreu en 1831,[6] e por medio da poetisa Hannah More coñeceu a Hugh Nicholas Pearson e, influída pola súa fe, deixou as propiedades de Chamberlayne, en Norfolk, para dotar as dúas bolsas de axuda para estudos hebraicos e continua-los traballos de Kennicott.

Obra[editar | editar a fonte]

A principal obra de Kennicott é o Vetus Testamentum hebraicum cum variis lectionibus (editado en 2 volumes entre 1776–1780). Antes de que realizala, escribira dúas disertacións tituladas The State of the Printed Hebrew Text of the Old Testament considered publicadas respectivamente en 1753 e 1759, pensadas para combater as ideas contemporáneas sobre a "integridade absoluta" do texto hebreo recibido.

A primeira contén unha comparación entre o Libro de Crónicas XI e dous Libros de Samuel, o V e o XIII, e observacións en setenta manuscritos, cun extracto de erros e varias lecturas. Na segunda, defende as reclamacións do Pentateuco samaritano, ataca as correccións das copias impresas da tradución do arameo e dá conta de manuscritos hebreos da Biblia que se coñecen e cataloga cen manuscritos preservados no Museo Británico e nas bibliotecas de Oxford e Cambridge.

Páxina dunha Biblia hebrea, datada en 1299, na colección Kennicott.

En 1760, Kennicott publicou unha proposta para recompilar tódolos manuscritos hebreos anteriores á data da invención da imprenta. Conseguíronse suscrición por un total de 10.000£ e contouse coa participación de moitos eruditos, entre os que destacou Bruns de Helmstadt que foi especialmente útil para os manuscritos en Alemaña, Suíza e Italia. Entre 1760 e 1769 realizáronse dez informes anuais do progreso do traballo realizado; en total, recompiláronse 615 manuscritos hebreos[1] e 52 edicións impresas da Biblia completas ou parciais e tamén se conseguiron (a miúdo de xeito superficial) citas do Talmud. Todo iso, formou parte da súa principal obra xa citada, Vetus Testamentum hebraicum cum variis lectionibus.

Os materiais así recollidos, unha vez ordenados e dispostos para imprimir superaron os 30 volumes. O texto que se imprimiu foi o de Everard Van der Hooght, aínda que se engadiron outras lecturas ao pé da páxina. O pentateuco samaritano imprimiuse a carón do hebreo en columnas paralelas. A Dissertatio generalis, anexa ao segundo volume, contén un reconto dos manuscritos recompilados e tamén unha revisión do texto hebreo dividido en períodos, e comezando coa formación do canon hebreo tralo regreso dos xudeus do exilio.

O gran traballo de Kennicott foi, en certo sentido, un fracaso e foi bastante criticado[1] por non proporcionar ningún material de valor para a corrección do texto recibido,e ao ignorar os puntos vocálicos pasou por alto aspectos nos que algún resultado (non só gramatical, se non importante) podería terse derivado da compilación dos manuscritos masoréticos e tamén por valorar a estes menos có pentateuco samaritano.

Porén tanto as críticas á obra de Kennecott como a posterior publicación das Variae lectiones de Giovanni Bernardo De Rossi, si foron importantes por amosar que tódolos manuscritos hebreos do Antigo Testamento, calquera que foran as súas semellanzas e diferenzas, foron o resultado dun proceso de edición na antigüidade que protexe ao texto orixinal da investigación, agás indirectamente por medio do estudo de versións e citas. Tamén demostrou a escasa importancia das variacións nos textos masoréticos[7]. O descubrimento dos Rolos ou Manuscritos do Mar Morto, rematou co monopolio da transmisión do Texto Masorético.

A bolsa de axuda Kennicott[editar | editar a fonte]

As tarefas de Kennicott foron perpetuadas pola súa viúva quen creou dúas bolsas universitarias en Oxford para o estudo de hebreo. O fondo orixinalmente consistiu nuns ingresos de 200£ por ano. Hoxe consiste nunha bolsa postdoutoral para un investigador en hebreo antigo, na Biblia hebrea ou temas relacionados.[8]

A bolsa, inicialmente, era concedida a estudantes doutorais para pasar a apoiar ao profesorado do momento. Entre outros, conseguiron a bolsa hebraístas clásicos como Samuel Rolles Driver ou actuais como Katherine Southwood,[9] Daniel Falk.[10] Dende 2008, o valor da bolsa de axuda Kennicott superaba as 19.000£.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,11,21,3 "Kennicott, Benjamin (1718-1783)". iglesiapueblonuevo.es. Consultado o 05-01-2018. 
  2. "Benjamin Kennicott". therodora.com. Consultado o 05-01-2018. 
  3. McKane, William (01-10-1977). "Benjamin Kennicott: An Eighteenth-Century Researcher". The Journal of Theological Studies (Oxford University Press). Volume XXVIII (2): 445–464. doi:10.1093/jts/XXVIII.2.445. 
  4. Baring-Gould, Sabine (2016). Devonshire Characters and Strange Events (EPUB). Library of Alexandria. ASIN B01LYD1YSQ. 
  5. "biblias.com". La Biblia de Kennicott y la importancia de la tradición hebrea en España. Consultado o 05-01-2018. 
  6. Aston, Nigel. Oxford University Press, ed. "Kennicott, Benjamin". Oxford Dictionary of National Biography (edición online). Precisa subscrición. doi:10.1093/ref:odnb/15407. Consultado o 04-01-2018. 
  7. "Kennicott, Benjamin". treccani.it (Enciclopedie on line). Consultado o 05-01-2018. 
  8. "Kennicott Research Fellow - Classical Hebrew". Fraternidade Kennicott, na Universidade de Oxford. Consultado o 04-01-2018. 
  9. "Professor Katherine Southwood". St. John's College. Consultado o 05-01-2018. 
  10. "Daniel Falk". Jewish srudies Program of Pennstate. Consultado o 05-01-2018. 
  11. "Oxford University Gazette". Universidade de Oxford. Consultado o 05-01-2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Benjamin_Kennicott&oldid=4682103"