Betty Ford

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Betty Ford
Betty Ford, official White House photo color, 1974.jpg
Nome completoElizabeth Anne Bloomer
Nacemento8 de abril de 1918
 Chicago
Falecemento8 de xullo de 2011
 Rancho Mirage
SoterradaMíchigan
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterBennington College e Central High School
Ocupaciónbailarina, escritora, autobiógrafa, modelo, feminista e política
CónxuxeGerald Rudolph Ford, Jr.
FillosMichael Gerald Ford, John Gardner Ford, Steven Ford e Susan Ford
PremiosNational Women’s Hall of Fame, Michigan Women's Hall of Fame, Prémio Albert Lasker de seviço à comunidade, Medalla de Ouro do Congreso dos Estados Unidos de América e Medalla Presidencial da Liberdade
Betty Ford Signature.svg
editar datos en Wikidata ]

Elizabeth Anne "Betty" Bloomer Warren Ford, nada en Chicago (Illinois) o 8 de abril de 1918 e finada en Rancho Mirage (California) o 8 de xullo de 2011, foi a esposa do presidente Gerald Ford e exerceu como primeira dama dende 1974 ata 1977. Como tal, Betty Ford participou activamente en política social e estableceu precedentes como esposa presidencial politicamente activa (a revista Time considerouna "a máis activa dende Eleanor Roosevelt"). Na opinión de varios historiadores tivo máis impacto na cultura e a historia que o seu propio marido.

Durante os anos do seu marido no cargo, mantivo un grande índice de aprobación a pesar da oposición dalgúns conservadores republicanos, quen obxectaban os seus puntos de vista máis moderados e liberais en problemas sociais. Betty foi recoñecida por crear conciencia sobre o cancro de mama coa súa mastectomía en 1974 e foi unha defensora apaixonada e activista pola Emenda de Igualdade de Dereitos (EID). A súa postura a favor do aborto e o seu liderado no movemento feminista deulle fama de ser unha das máis francas primeiras damas da historia, vertendo a súa opinión en cada asunto polémico, dende o feminismo ata o sexo, pasando polas drogas.

Ao terminar os seus anos na Casa Branca, continuou facendo presión pola EID e permaneceu activa no movemento feminista. Foi fundadora e primeira Presidenta do Consello de Dirección do Betty Ford Center, que se dedica a axudar a aqueles que padecen de adicción ou abuso de sustancias. Foille outorgada a Medalla de Ouro do Congreso dos Estados Unidos de América.

Infancia, familia e educación[editar | editar a fonte]

Nada en Chicago, Illinois, como Elizabeth Anne Bloomer, era a terceira e única filla muller de William Stephenson Bloomer Sr., viaxante comercial da Royal Rubber Co., e a súa esposa Hortense Neahr. Betty tiña dous irmáns máis vellos, Robert e William Jr., e despois de vivir unha curta tempada en Denver, Colorado, a súa nenez transcorreu en Grand Rapids, Míchigan, onde se graduou de ensino medio superior.

Despois do crac de 1929, cando só tiña once anos, comezou a traballar como modelo infantil de pasarela e a ensinar a outros nenos bailes como o foxtrot, o valse e outros. Estudou danza no Cala Travis Dance Studio, graduándose en 1935.

Cando cumpriu 16, o seu pai morreu por envelenamento con monóxido de carbono, supostamente cando traballaba arranxando o automóbil familiar no garaxe. Se foi accidente ou suicidio, nunca se soubo.[1] En 1933, logo de graduarse do ensino medio, propúxose continuar os seus estudos de danza en Nova York, pero a nai opúxose. En lugar diso, Betty asistiu á Escola de Danza de Bennington durante dous veráns, onde foi alumna de Martha Graham e Hanya Holm.

Carreira[editar | editar a fonte]

Despois de ser aceptada por Graham como alumna, Betty mudouse ao barrio de Chelsea (Manhattan) e traballou como modelo para a firma John Robert Powers con vistas a financiar os seus estudos. Uniuse á compañía auxiliar de Graham e mesmo chegou a bailar no Carnegie Hall.

A súa nai, que casara con Arthur Meigs Godwin, opúxose á súa elección e insistiu en que volvese a casa, mais Betty resistiuse. Ao final chegaron a un acordo: ela volvería á casa por seis meses, e se aínda quería regresar a Nova York pasado ese tempo, a súa nai non se oporía. Betty viuse inmersa na súa vida en Grand Rapids e non regresou a Nova York. Alí converteuse en coordinadora de modas para uns grandes almacéns locais. Tamén organizou o seu propio grupo de danza e ensinou danza en varias localidades de Grand Rapids, Míchigan. Entre aqueles aos que ensinou atopábanse nenos discapacitados.

Matrimonio e familia[editar | editar a fonte]

A "Primeira Familia" no Despacho Oval, 1974.

En 1942 Betty casou con William C. Warren, un vendedor de mobles, a quen coñecía dende que tiña doce anos. Pouco tempo despois Warren comezou a vender seguros e a parella debeu mudarse frecuentemente por mor do seu traballo. Vivindo en Toledo, Ohio, ela traballaba como demostradora nos grandes almacéns de Lasalle & Koch, un traballo que implicaba ser modelo e vendedora á vez. Non tiveron fillos e divorciáronse o 22 de setembro de 1947, sobre a base de incompatibilidade de caracteres.

O 15 de outubro de 1948, Elizabeth Bloomer Warren contraeu matrimonio con Gerald R. Ford, un avogado e veterano da segunda guerra mundial na Igrexa Episcopal de Grand Rapids, Míchigan. Naquel entón, Ford estaba en campaña para o que ía ser o primeiro dos seus trece períodos como membro da Cámara de Representantes, e a voda pospúxose ata pouco antes das eleccións porque, como informou The New York Times, "Jerry era candidato para Representante e non estaba seguro de como os votantes se sentirían ao saber que casaba cunha bailarina divorciada".[2]

Casados durante 58 anos, a parella tivo catro fillos:

  • Michael Gerald Ford (1950)
  • John Gardner Ford (Jack,1952)
  • Steven Meigs Ford (1956)
  • Susan Elizabeth Ford (1957)

Os Ford mudáronse a un suburbio de Washington, D.C., na área de Virxinia e viviron alí durante vinte e cinco anos. Ford deveu no republicano de máis rango na Cámara. Cando Spiro Agnew renunciou en 1973, foi nomeado vicepresidente. Converteuse en presidente en 1974, despois da renuncia de Richard Nixon á causa do escándalo Watergate.

Primeira dama dos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Poder, influencia, e franqueza[editar | editar a fonte]

O Xuíz Supremo Warren Burger toma xuramento ao Vicepresidente Gerald Ford como o 38º presidente dos Estados Unidos no Salón Leste da Casa Branca mentres Betty Ford observa.

Na opinión de The New York Times e dos historiadores presidenciais, "O impacto da Sra. Ford na cultura estadounidense pode ser amplamente maior e máis duradeiro que o do seu propio esposo, quen simplemente serviu os seus 896 días, moitos dos cales dedicou a tratar de restaurar a dignidade da oficina do Presidente". O diario continuou a describila como "un produto, un símbolo dos nosos tempos culturais e políticos... bailando o baile de cadeiras polos corredores da Casa Branca, levando un anel do humor, ou falando a través da súa radio de banda cidadá, con nome en clave Primeira Mamá; unha ama de casa que discute apaixonadamente en favor dos dereitos da muller, unha nai de catro fillos que reflexiona sobre as drogas, o aborto e o sexo premarital en voz alta e sen miramentos".[3]

En 1975, nunha entrevista para a revista McCall's, Betty dixo que se lle preguntou sobre case todo, menos con que frecuencia ela e o presidente tiñan sexo. "E se mo preguntasen, diríao", dixo, engadindo que a súa resposta sería: "tan frecuentemente como é posible".[1]

O presidente e a Sra. Ford no coche presidencial, 1974
Os Ford conversan coa raíña Isabel II e o Duque de Edimburgo no comedor presidencial durante unha visita oficial en 1976

A súa mente estaba aberta aos beneficios do tratamento psiquiátrico, falaba comprensivamente do uso da marihuana e do sexo premarital, e deu a coñecer nunha xira televisada a través da Casa Branca que ela e o presidente compartían a mesma cama. Despois que Betty apareceu en 60 Minutes nunha entrevista na cal discutiu coa súa candidez característica como aconsellaría a súa filla se estivese envolta nun amorío e da posibilidade de que os seus fillos estivesen a experimentar con marihuana, algúns conservadores chamárona "Non Dama" e mesmo demandaron a súa renuncia, mais o seu índice de aprobación estaba ao 75%. Como ela dixo máis tarde, despois da fracasada campaña presidencial do seu marido en 1976, "eu daría a miña vida porque Jerry tivese os meus resultados desa enquisa".[3]

Política social e activismo político[editar | editar a fonte]

Retrato oficial de Betty Ford na Casa Branca, pintado en 1977 por Felix de Cossio

Durante o seu período na Casa Branca, Betty tamén avogou polos dereitos da muller e constituíu unha forza prominente no movemento feminista dos Estados Unidos dos anos 70. Ela apoiaba a proposta emenda de Igualdade de Dereitos e presionou nas lexislaturas estatais para que ratificasen a emenda, e enfrontouse aos opoñentes da emenda. Era tamén activista pola legalización do aborto e o seu activo papel político fixo que a Time a bautizase como "Primeira Dama Combatente" e a seleccionase cono a Persoa do ano en representación da muller estadounidense e ás súas iconas feministas. Por un tempo non estivo claro se Gerald Ford compartía o punto de vista en favor do aborto da súa muller. No entanto, confesoulle ao entrevistador Larry King que el tamén estaba a favor do aborto e que fora criticado por iso dentro das forzas conservadoras do Partido Republicano.

Saúde e conciencia sobre o cancro de mama[editar | editar a fonte]

Semanas antes de que Betty se convertese na primeira dama, someteuse a unha mastectomía debido a un cancro de mama o 28 de setembro de 1974. A súa desinhibición acerca da enfermidade axudou a crear conciencia sobre a mesma, cousa da cal os estadounidenses eran reticentes a conversar. "Cando outras mulleres se fan esta mesma operación non sae nos titulares" díxolle a The Times, "pero o feito de que sexa a esposa do Presidente púxoo nos titulares e puxo fronte ao público esta experiencia particular que eu estaba a vivir. Fixo que moitas mulleres se desen conta de que tamén lles podía ocorrer a elas. Estou segura de que salvei polo menos unha persoa... talvez máis". Os informes de que varias semanas despois da operación de Betty tamén Happy Rockefeller, a esposa do vicepresidente Nelson Rockefeller fora operada de cancro de mama chamaron aínda máis a atención do público sobre o cancro de mama.[4]

Artes[editar | editar a fonte]

Betty foi unha defensora das artes mentres serviu como primeira dama e estivo involucrada na decisión de outorgarlle a Martha Graham a Medalla Presidencial da Liberdade en 1976.

Recoñecendo a derrota en 1976[editar | editar a fonte]

Despois da derrota do seu esposo nas eleccións de 1976, ela pronunciou o seu discurso histórico concedendo a vitoria a Jimmy Carter. Falou en nome do Presidente debido a que el perdera a voz durante os últimos días de campaña.

Carreira despois da Casa Branca[editar | editar a fonte]

Nos anos posteriores á Casa Branca en 1977, Betty Ford continuou levando unha activa vida pública. Ademais de fundar o Betty Ford Center, permaneceu activa nos problemas femininos dando numerosos discursos e prestando o seu nome a organizacións de caridade para a recadación de fondos.

O Betty Ford Center[editar | editar a fonte]

En 1978, a familia Ford forzouna a confrontar o seu alcoholismo e a súa adicción a opioides analxésicos que lle foron prescritos a principios dos anos 60 por problemas cun nervio magoado. Nas súas memorias de 1987 escribiu "gustábame o alcol. Facíame sentir cálida. Adoraba as pastillas. Elas levaban a miña dor e as miñas tensións". En 1982, despois da súa recuperación, estableceu o Betty Ford Center en Rancho Mirage, California, para o tratamento da dependencia química. Escribiu sobre o seu tratamento no seu libro de 1987 Betty Ford - A Glad Awakening. En 2003, publicou outro libro, Healing and Hope — Six Women from the Betty Ford Center Share Their Powerful Journeys of Addiction and Recovery.

En 2005 cedeu o seu posto directivo no centro a favor da súa filla, Susan.

Feminismo[editar | editar a fonte]

Continuou o seu liderado e activismo no movemento feminista despois de que o seu período como primeira dama expirase en 1976 e continuou promovendo e presionando os políticos e as lexislaturas estatais para a aprobación da EID.

En 1977 o presidente Jimmy Carter designouna membro da Comisión Nacional para a Observación do Ano Internacional da Muller. Ese mesmo ano, uniuse ás primeiras damas Lady Bird Johnson e Rosalynn Carter para tomar parte na Conferencia Nacional de Mulleres en Houston, Texas e contrariando a Rosalynn Carter deu o seu total apoio ao Plan de Acción Nacional da Conferencia que incluía temas controvertidos tales como a defensa do aborto, apoiar o coidado de día sufragado polo goberno estatal e apoiar o programa de acción positiva e os dereitos LGBT.

Xa en 1978 a data límite para a ratificación da EID estendeuse desde 1979 a 1982, e en 1981 a presidenta da Organización Nacional de Mulleres Eleanor Smeal anunciou que Betty fora elixida para ser a presidenta da campaña pola EID e a súa conta atrás, con Alan Alda como copresidente. Ao aproximarse a data límite, Betty promoveu marchas, manifestacións, e concentracións pola Emenda de Igualdade de Dereitos con outras feministas como a primeira filla Maureen Reagan, así como actores de Hollywood. Betty era considerada un factor no rexuvenecemento do movemento pola EID así como unha inspiración para que as mulleres continuasen avogando por ela.[5]

Polo seu papel no Movemento de Liberación da Muller, Betty recibiu moitos eloxios da maioría dos estadounidenses e tamén críticas de parte da minoría radical, incluíndo o presidente do grupo Deteñan a EID o congresista R.K. Dornan.

En 2004 reafirmouse a favor do aborto e o seu apoio á decisión do Tribunal Supremo no caso Roe v. Wade. Cría e apoiaba a ratificación da Emenda de Igualdade de Dereitos.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Betty Ford cos ex presidentes Bush e Ford o 23 de abril de 2006
Betty Ford durante o funeral do seu marido Ford a finais de 2006

En 1987, a ex primeira dama someteuse a un procedemento cirúrxico a corazón aberto, pero recuperouse rápido e sen complicacións. En 1991 foille outorgada a Medalla Presidencial da Liberdade polo entón presidente George H. W. Bush e a Medalla de ouro do congreso dos Estados Unidos en 1999. O 8 de maio de 2003 recibiu o prestixioso Premio Woodrow Wilson nos Ánxeles, California polo seu servizo público. Residiu en Rancho Mirage, California, e en Beaver Creek, Colorado, durante tres anos. Gerald Ford faleceu na súa casa de Rancho Mirage dunha insuficiencia cardíaca o 26 de decembro de 2006 á idade de 93 anos. A pesar da súa avanzada idade e a súa fráxil condición física, a señora Ford viaxou a través do país e tomou parte nos funerais levados a cabo en California, Washington, D.C. e Míchigan. Foi profundamente admirada pola dignidade que mostrou á nación neses momentos.

A súa mala saúde e fraxilidade debido ás intervencións cirúrxicas en agosto do 2006 e abril do 2007 por mor de coágulos nas súas pernas, provocaron que desaparecese da vida pública nos últimos anos. Os seus problemas de saúde causaron que non puidese asistir aos funerais da súa vella amiga e ex primeira dama Lady Bird Johnson en xullo do 2007. A súa filla Susan Ford representouna nos funerais.

Viviu en Rancho Mirage ata o día da súa morte, aos 93 anos de idade, sendo unha das primeiras damas máis lonxevas, despois de Bess Truman, Lady Bird Johnson e Nancy Reagan.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 Tucker, Neely, "Betty Ford, Again Putting On a Brave Face", The Washington Post, 29 de decembro de 2006
  2. Jane Howard, "A 38ª Primeira Dama non é un robot", The New York Times, 8 de decembro de 1974
  3. 3,03,1 Tweed, Michael, "Back in View, a First Lady With Her Own Legacy", The New York Times, 31 de decembro de 2006
  4. "Cancro de Mama: Mito e Realidades", Time, 4 de novembro de 1974
  5. "The Feminist Chronicles, 1953-1993 - 1981", Feminist Majority Foundation.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Betty_Ford&oldid=5115900"