Cíes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°13′24″N 8°54′14″O / 42.22333, -8.90389

Illas Cíes
42862-cies.jpg
Illa de San Martiño (ou illa do sur).
Illas Cíes Topographic Map en (with shadows).png
Situación e mapa topográfico das Illas Cíes
Situación
País Galicia Galiza
Provincia Flag Pontevedra Province.svg Pontevedra
Arquipélago Illas Cíes
Mar Atlántico
Coordenadas 42°13′24″N 8°54′14″O / 42.22333, -8.90389
Xeografía
Superficie 4,4635 km²
Longura máxima 7,1 km
Largura máxima 2,0 km
Punto máis alto 197 msnm, Alto das Cíes
Distancia a terra 2,75 km
Demografía
Capital Vigo
Poboación 3 (vixiantes)
Densidade 0 hab./km²

As Illas Cíes, chamadas no pasado Illas de Baiona[1][2][3][4][5][6] forman un arquipélago situado na boca da ría de Vigo, pertencente ás Rías Baixas, na provincia de Pontevedra, Galiza. As illas pertencen ao concello de Vigo, aínda que eclesiasticamente pertencen á parroquia de Santiago de Cangas e Illas Cíes de Cangas[7]. Foron declaradas parque natural en 1980, e están incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza creado o 1 de xullo de 2002[8]. Son tamén unha zona especial de conservación (ZEC) e, polas importantes colonias de aves mariñas, contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves da Rede Natura 2000.[9]

Descrición[editar | editar a fonte]

Praia de Rodas.

O arquipélago está formado por tres illas principais: a illa de Monteagudo (ou illa do Norte), a illa do Faro (ou illa do Medio) e a illa de San Martiño (ou illa do Sur), xunto a pequenos illotes como Boeiro ou Agoeiro, Viños, Carabelos e O Ruzo. As illas de Monteagudo e do Faro están unidas polo chamado Lago dos nenos e a praia de Rodas[10]. Todas elas contan con 433 hectáreas terrestres de superficie, mentres que a superficie mariña protexida incluída no parque é de 2.658 hectáreas[11].

A illa de San Martiño ten unha extensión total de 146 hectáreas. Cunha lonxitude de norte a sur de 2,3 km e unha anchura aproximada dun quilómetro.[12]

No ano 2007 o xornal británico The Guardian elixiu a praia de Rodas, na illa de Monteagudo, como a "praia máis fermosa do mundo"[13]. Amais das praias o seu grande atractivo son os seus cantís e os denominados niños de abellas e as cacholas (cavidades redondeadas producidas na superficie das rochas que acaban fusionándose dando lugar a ocos maiores).

Historia[editar | editar a fonte]

As Illas Cíes dende Vigo

Tense constancia da existencia dun poboado castrexo na aba do monte Faro, datado nos inicios da Idade de Ferro. Tamén se detecta a presenza romana, debido á aparición de cerámicas e as tégulas nun asentamento. Na idade media, existiu na illa do Norte o mosteiro de Santo Estevo e na illa do Sur o de San Martiño.

No século XVI desembarcan nas Cíes o corsario inglés Francis Drake e piratas berberiscos. As continúas invasións provocan o abandono das illas dende o 1700 ata o século XIX, cando se construíu o primeiro faro.

Na segunda década do século XX foron sede dunha factoría baleeira norueguesa. Foi unha zona fortemente afectada polo desastre do afundimento do petroleiro Prestige.

Actualmente, só os gardas forestais e un nativo permanecen na illa durante todo o ano.

En 1961 erixiuse na illa un monólito como homenaxe da provincia de Pontevedra a Francisco Franco no 25 aniversario do seu alzamento nacional. Dito monólito intentouse demoler ás 20:25 horas do 30 de xuño de 2008, pero os operarios da empresa Tragsa usaron pouca dinamita e a demolición foi un fracaso, quedando o monólito inclinado e a demolición postergada para outra ocasión. Finalmente, ás 7:40 do día seguinte, logrou derrubarse. Os restos do monólito, que estaba ancorado á superficie con raís de ferrocarril, serán levados da illa nun buque especial para evitar danar as dunas. Este intento de demolición levouse a cabo de modo apresurado, pois o día 30 de xuño de 2008 remataba a propiedade estatal da illa, ó ser transferida xunto ó resto das illas do Parque nacional das Illas Atlánticas á Xunta de Galicia.

O afundimento do Prestige[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Prestige.
Mascato petroleado polo fuel.

Aos poucos días do afundimento do petroleiro Prestige, o director de Parques Nacionais recoñeceu que, nunha primeira onda, o 85%[Cómpre referencia] do parque nacional resultou afectado. Con posteriores ondas, a cifra chegou ao 90%. As Cíes víronse afectadas nun 30%. As illas que forman o parque foron a barreira natural que freou a entrada do fuel nas Rías Baixas.

O impacto non só afectou o ecosistema, senón que tivo importantes consecuencias económicas e sociais. Isto xerou a maior resposta social ao afundimento dun petroleiro en Galiza.

Hai que diferenciar entre o impacto visual e o impacto ambiental. As imaxes máis espectaculares foron as dos cantís e as aves afectadas, pero tamén se viron afectados os mamíferos mariños e toda a cadea trófica mariña, desde o plancto, que morrerá pola ausencia de luz ou envelenado, até o resto da pirámide, que padecerá os efectos directos do fuel e a falta de alimento.

As tarefas de limpeza tamén supuxeron un atentado ao medio natural pola forma desaxeitada no que se realizaron, arrastrando todo ser vivo que quedaba nas rochas, as crías de moluscos nos areais e invadindo os lugares de nidificación e alimentación das aves.

Aos 6 meses do desastre, o Ministerio de Medio Ambiente recoñecía que o 52%[Cómpre referencia] das praias do parque natural seguían afectadas por capas enterradas de fuel. Un ano despois seguían afectados os fondos mariños coa desaparición de importantes bosques de algas, praias, dunas e cantís, cualificándose de "grave" a situación.[Cómpre referencia]

Calcúlase en décadas o tempo para que os ecosistemas costeiros e marítimos poidan recuperarse.[Cómpre referencia]

Flora[editar | editar a fonte]

Imaxe da lingua dunar que une a Illa de Monteagudo coa de Monte Faro.

As matogueiras da illa compóñense fundamentalmente de especies autóctonas, como o toxo, a xesta, a esparragueira, o trobisco ou a estepa.

O bosque é o que sufriu as maiores alteracións, xa que desapareceron especies autóctonas como a figueira e outras como o cerquiño quedaron reducidas a áreas case testemuñais, ao repoboarse as illas con piñeiros e eucaliptos case nunha cuarta parte da superficie. Os ventos fortes con alto contido en sales dificultan, á súa vez, o desenvolvemento das árbores.

Nas dunas, praias e cantís mantéñense especies, algunhas delas endémicas do litoral galaico-portugués, propias destes medios, cunhas condicións físicas e climatolóxicas moi extremas. Destaca a presenza da herba de namorar (Armeria pungens) e (Armeria maritima), e da camariña (Corema album) en perigo de extinción.

Na zona da lagoa atópase vexetación típica de marismas, como os xuncos.

A flora das Illas Cíes conta cun total de 602 especies vexetais catalogadas, entre elas 415 espontáneas, 44 plantas subespontáneas ou naturalizadas e 143 cultivadas, das cales 15 son híbridas.[14]

Fauna[editar | editar a fonte]

As Cíes dende o océano.

22.000 parellas de gaivotas patiamarelas constitúen a colonia máis grande do mundo e é a especie dominante nas Cíes. Séguena o corvo mariño cristado, con 1.000 parellas, e a gaivota escura, con 20 parellas. En 1960 censáronse 400 parellas de arao dos cons, que na actualidade atópase case extinguido nas illas. Destacan outras especies como o azor, o falcón peregrino, e o gabián entre as aves rapaces, pombas torcaces, pardelas, mascatos, rulas, paxaros carpinteiros e outros paxaros de diferentes clases, que aniñan nas árbores e nos cantís como a choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax). Así mesmo, numerosos e variados tipos de aves invernan ou descansan nas súas viaxes migratorios. No Alto dá Campá (Illa do Faro) e no Faro do Peito (San Martiño), existen observatorios ornitológicos. Tamén hai na Illa do Faro un aula da natureza.

O coello, ourizo cacho e a londra son os únicos mamíferos silvestres con certa presenza actualmente. Tamén hai ratos de campo, musarañas e morcegos, así como algunhas outras especies de pequeno tamaño e en menor cantidade.[Cómpre referencia]

Réptiles, representados por diferentes tipos de lagartos, lagartas e cobras; anfibios (en menor medida pola escaseza de auga), como píntegas e sapos, e invertebrados como os caracois, escaravellos, arañas e bolboretas acaban completando a fauna das illas.

Fondos mariños[editar | editar a fonte]

Faro de Cíes.

Os fondos mariños son dunha gran importancia ecolóxica. Albergan unha gran variedade de crustáceos, gorgonias, poliquetos, moluscos e equinodermos (coma a especie marthasterias glaciallis). Ademais, as tartarugas e os mamíferos mariños tamén se soen achegar ó litoral das illas[10].

Existen diversas e importantes colonias de algas[10]:

  • De cor marrón: coma as saccorhiza polyschides, laminaria ochroleuca, laminaria digitata.
  • De cor verde: coma as leitugas de mar ou as codium tomentosum.
  • De cor azul-verdosa: coma chondria coerulescens.

Tamén hai poboacións salientábeis de esponxas vermellas, laranxas, moradas, brancas e incluso amarelas, coma as do xénero Cliona. E diversas especies de corais, tanto duros coma brandos. Destes últimos citar as mans de morto (alcyonium digitatum).[10]

As poboacións de peixes son tamén salientábeis. Citar as maragotas, os sargos, as cabriñas, as chaparelas ou os symphodus melops.[10]

Turismo[editar | editar a fonte]

Mar de Ons.

Pódese facer unha visita dun día en barco mercando o billete de ida e volta no peirao de Vigo ou Cangas, hai que facer reserva previa, son varias as navieiras que fan a ruta ata o embarcadeiro na praia de Rodas. Tamén se poden pasar varios días no camping da illa.[15] O número de visitantes diarios está limitado a 2200 e 800 campistas.[16] En setembro de 2017 Medio Ambiente da Xunta multou con 930 mil euros ás navieiras que fan a ruta a Cíes por sobrevenda de billetes. Mar de Ons foi multada con 600 mil euros, Illa de Ons (Nabia) con 250 mil euros, Tour Rías Baixas con 40.000 euros e Cruceiro Rías Baixas outros 40.000 euros.[17]

Xurisdición eclesiástica[editar | editar a fonte]

Aínda que a parroquia das Illas Cíes pertencen ao concello de Vigo, as Illas Cíes pertencen de forma eclesiástica ao concello de Cangas. Por iso o encargado de oficiar misa nas Cíes é o párroco de Santiago de Cangas e Illas Cíes, dende 2014 Severo Lobato Iglesias. Isto foi ratificado en Santiago o 23 de xullo de 1985 mediante o seguinte texto:

"En vista dos antecedentes que existen nesta secretaría (de Cámara e Comercio do Arcebispado de Santiago) relativos á xurisdición nas illas Cíes ou de Baiona... tívose a ben dar o seguinte decreto:... Santiago, a 23 de xullo de 1985. En vista dos antecedentes e do que manifesta o Señor Bispo de Tui, consideramos os habitantes das Illas Cíes como fregueses da parroquia de Santiago da vila de Cangas. Polo tanto ordenamos ao Sr. Cura párroco que hoxe e polo tempo que for da mesma que se encargue do pasto espiritual de devanditos habitantes, lles administre os santos sacramentos e demais auxilios cando os precisen e exerza con eles todas as funcións propias de párroco".[18]

A última voda realizada nas Cíes data do 23 de setembro do ano 1984.[7]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Illa de San Martiño, Cíes. 
Cantil. 
Illas Cíes. 
Praia e barcas. 
Desde o alfoz de Vigo. 
Praia de Figueiras. 
Illas Cíes. 
Lago dos Nenos. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. William Faden. Composite Mediterranean. 1785.
  2. Côtes d'Espagne partie de la Galice depuis le Cap Ortegal jusqu'au Cap Silleiro d'après les Plans levés en 1787 par Don Vicente Tofiño officier de la Marine d'Espagne.
  3. Descripcion del Reyno de Galizia de Ojea.
  4. Gallaecia Regnum, Mercator Gerard, século XVI.
  5. Mapa da antiga provincia de Santiago (Reino de Galicia) e proposta de división en partidos xudicias (1813).
  6. Pontevedra por el Coronel, Teniente Coronel de Ingenieros D. Francisco Coello ; auxiliado por D. Pascual Madoz, autor de las notas Estadísticas e Históricas.
  7. 7,07,1 "Cangas mantiene la jurisdicción eclesiástica de Cíes que celebró la última boda en 1984"
  8. Lei 15/2002, de 1 de xullo Arquivado 12 de decembro de 2009 en Wayback Machine., pola que se declara o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galiza, no BOE.
  9. Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia (eds.). "Illas Cíes". 
  10. 10,010,110,210,310,4 Piñeiro C. (Agosto 2014). "Islas Cíes: Paisaje submarino". Quercus 342. 
  11. "Xunta de Galicia. Consellería do Medio Rural.". Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2010. Consultado o 23 de maio de 2010. 
  12. Velo-Antón G. e Cordero-Rivera A. (Xullo 2015). "Salamandra común: poblaciones insulares en Galicia". Quercus 353. 
  13. The Guardian, ed. (16-02-2007). "Top 10 beaches of the world". Consultado o 03-09-2007. 
  14. Catalogan unha nova especie na flora das Illas Cíes
  15. Illas Cíes turismo.gal
  16. La picaresca de las navieras amenaza el paraíso de las islas Cíes elconfidencial.com
  17. Sobreventa de billetes| Las multas a las navieras de Cíes rozan el millón de euros farodevigo.es
  18. Orixinal en castelán: "En vista de los antecedentes que existen en esta secretaría (de Cámara y Comercio del Arzobispado de Santiago ) relativos a la jurisdicción en las Islas Cíes o de Bayona...se ha tenido a bien dar el siguiente decreto:... Santiago, a 23 de julio de 1985. En vista de los antecedentes y de lo que manifiesta el Señor Obispo de Tuy, consideramos a los habitantes de las Islas Cíes como feligreses de la parroquia de Santiago de la villa de Cangas. Por tanto ordenamos al Sr. Cura párroco que hoy y por tiempo que fuere de la misma que se encargue del pasto espiritual de dichos habitantes, les administre los santos sacramentos y demás auxilios cuando los necesiten y ejerza con ellos todas las funciones propias de párroco".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Illas das Cíes no concello de Vigo na Provincia de Pontevedra

Monteagudo | Monte Faro | San Martiño

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Cíes&oldid=4892925"