Calvinismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
A biblia de Xenebra. Unha das primeiras biblias publicada por protestantes, en francés, editada en 1669 en Ámsterdam. A edición recupera a tradución de d'Olivétan de 1535, baseada no texto hebreo e grego.

O calvinismo (ás veces chamado tradición reformada, a fe reformada ou teoloxía reformada) é un sistema teolóxico protestante e un enfoque da vida cristiá que pon o énfase na autoridade de Deus sobre todas as cousas.[1] Esta vertente do cristianismo protestante é así nomeada en relación ao reformador relixioso francés do século XVI Jean Calvin, quen sistematizou moitas das máis coñecidas doutrinas que forman parte da teoloxía reformada.

A tradición reformada foi desenvolvida por teólogos como Martin Bucer, Heinrich Bullinger,[2]Pietro Martire Vermigli,[3]Ulrico Zuinglio,[4]Teodoro de Beza e Guillaume Farel e influíu en reformadores británicos como Thomas Cranmer e John Knox. Con todo, debido á gran influencia e ao papel de Jean Calvin nos debates confesionais e eclesiásticos do século XVII, a tradición chegou a coñecerse co nome de calvinismo. Hoxe en día, o termo designa tamén as doutrinas e prácticas das igrexas reformadas.[5]

No século XXI, o conxunto das Igrexas de inspiración calvinista reúne a uns 75 millóns de persoas.[6]

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Calvino influíu notablemente no desenvolvemento das doutrinas da Reforma protestante. Aos 25 anos, en 1534, empezou a primeira edición da súa obra Institución da Relixión Cristiá, que se publicou en 1536. Esta obra, que foi revisada en diversas ocasións durante a súa vida, ademais da numerosa colección de cartas pastorais e comentarios bíblicos, constitúen a fonte da repercusión que ha ter sobre todas as denominacións do Protestantismo ao longo da súa historia.

O crecemento das igrexas reformadas ou calvinistas pertence á segunda fase da Reforma protestante. Trala excomuñón de Martiño Lutero pola Igrexa católica, Calvino refuxiouse en Xenebra. Asinara a confesión de Augsburgo en 1540, pero a súa repercusión foi máis notable na Reforma Suíza, a cal non era luterana, senón que se baseaba nos ensinos de Ulrico Zuinglio. O ensino e a doutrina protestantes estaban evolucionando de xeito independente a Martín Lutero, baixo a influencia de moitos escritores e reformadores, entre os que destacaba Calvino.

No século XVI, o calvinismo estendeuse polos Países Baixos e algunhas rexións limítrofes de Alemaña, por Francia, Inglaterra, Hungría, Lituania e Polonia. A emigración a norteamérica levou o calvinismo a rexión do Atlántico Medio de Estados Unidos e a Nova Inglaterra, onde a maior parte dos colonos foron calvinistas. Incluían aos puritanos ingleses, os hugonotes franceses, os colonos holandeses da Nova Amsterdam e aos escoceses presbiterianos dos montes Apalaches. Os colonos neerlandeses calvinistas foron os primeiros europeos que colonizaron Suráfrica. Foron coñecidos posteriormente como bóeres ou africáners.

Descrición xeral[editar | editar a fonte]

Numerosos teólogos non necesariamente relacionados coas Igrexas Reformadas contribuíron a desenvolver a cosmovisión calvinista como se coñecen hoxe en día. Entre eles cóntanse o teólogo holandés de orixe flamenga Francisco Gomarus; John Knox, o fundador da igrexa presbiteriana; John Bunyan, un predicador bautista, autor do best seller cristián The Pilgrim's Progress (O Progreso do Peregrino), e o teólogo norteamericano Jonathan Edwards, un dos principais protagonistas durante o resurdimento espiritual denominado Primeiro Gran Avivamento nos Estados Unidos a mediados do século XVIII.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jean-Daniel Benoit, Calvin, directeur d'âmes: Contribution à l'histoire de la piété réformée, Strasbourg, Oberlin, 1947, p. 68
  2. Olivier Fatio, Le calvinisme, in Dictionnaire Historique de la Suisse, Berna, Suíza [1] Consultado o 12 de xaneiro de 2011.
  3. (en inglés) John Patrick Donnelly, Calvinism and Scholasticism in Vermigli's doctrine of man and grace, Tomo 18 de Studies in medieval and Reformation thought, Brill Archive, 1976, págs. 1-2, ISBN 978-90-04-04482-1 [2] Consultado el 12 de xaneiro de 2011.
  4. Ulrich Zwingli, André Gounelle, La foi réformée, Tomo 15 de la Petite bibliothèque protestante, Éditions Olivetan, 2000, págs. 5-6 ISBN 978-2-85304-157-7 [3] Consultado o 12 de xaneiro de 2011.
  5. (en inglés) Benjamin B. Warfield, Calvinism: The Meaning and Uses of the Term, The Works of Benjamin B. Warfield, MI: Baker Book House, Grand Rapids, 1991, páxs. 353-366, Consultado o 16 de xaneiro de 2016.
  6. Major Branches of Religions Ranked by Number of Adherents, en Adherents.com, Consultado o 7 de febreiro do 2016.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • PIRENNE, H: Les villes du Moyen Âge, essai d’histoire économique et sociale (As cidades do medioevo, ensaio dunha historia económica e social), Bruselas, Lamertin, 1927.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Este artigo foi creado a partir da tradución parcial do artigo "Calvinisme" da Wikipedia en francés, baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 3.0.
  • Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Calvinismo&oldid=4751389"