Cabra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Caprino")
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Capra
Rango fósil: plistoceno (hai 2,6 Ma) - actualidade
Capra pyrenaica
Capra pyrenaica
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Caprinae
Xénero: Capra
Linnaeus, 1768
Especies e Subespecies
Véxase o texto
Cabrito doméstico.
Cabeza dunha cabra doméstica mona (sen cornos).

Capra é un xénero de mamíferos artiodáctilos ruminantes da familia dos bóvidos e subfamilia dos caprinos coñecidos comunmente como cabras, cabras montesas ou cabras salvaxes, ou íbices.

O xénero comprende, segundo os autores, de 8 a 10 especies, entre elas a cabra montesa (Capra pyrenaica), o markhor (Capra falconeri) e o íbice ou cabra montesa dos Alpes (Capra ibex).

Porén, existen animais doutros xéneros (que non son Capra), pero da subfamilia dos caprinos, que ás veces se denominan "cabras", como as do xénero Oreammos, ao que pertence a chamada cabra das Montañas Rochosas (Oreamnos americanus).

As verdadeiras cabras salvaxes son orixinarias do centro-oeste de Asia, onde aínda viven a maioría das especies actuais, e desde onde colonizaron partes de Europa e o norte de África.

A cabra doméstica (Capra hircus aegagrus ou Capra aegagrus hircus, segundo os distintos autores) é unha subespecie domesticada da cabra salvaxe (Capra hircus ou C. aegagrus, segundo os autores). A súa domesticación data de hai uns 9.000 anos, durante o neolítico, cando apareceron as primeiras en Mesopotamia, e cuxa distribución actual, tanto na forma doméstica como asilvestrada, é practicamente cosmopolita.

As cabras domésticas son hoxe en día un dos principais animais domésticos en Oriente Medio, no norte e o leste de África e na Europa mediterránea. Non hai que esquecer que en Galicia non pode faltar o cabrito asado (a cría da cabra) en ningunha festa que mereza ese nome.

Características xerais[editar | editar a fonte]

As cabras son animais gregarios que viven en pequenas mandas pero, ao contrario que os seus próximos parentes, as ovellas (xénero Ovis), son animais adaptados a comeren arbustos e matos de poliñas e follas coriáceas, propias de medios secos e/ou montañosos.

Adoitan ser animais moi áxiles, capaces de gabearen con facilidade por pendentes sumamente empinadas, e de saltar dun penedo a outro bastante afastado.

Son caprinos, como as especies do xénero Ovis (que inclúe as ovellas), pero distínguense destas pola presenza de glándulas odoríferas cerca dos pés, nas íngoas e na fronte, pola ausencia doutras glándulas faciais, e pola presenza dunha barba nos machos (as chamadas barbas de chivo) e de calos sen pelo nos xeonllos das patas dianteiras.[1]

As especies salvaxes presentan un marcado dimorfismo sexual, manifestándose grandes diferenzas de tamaño, cor e cornamenta entre machos e femias; porén, as diferentes razas domésticas tenden a suavizar estas diferenzas.

Clasificación[editar | editar a fonte]

O xénero Capra foi establecido por Linneo en 1768, na 10ª edición do seu Systema Naturae.[2]

Especies e subespecies[editar | editar a fonte]

A clasificación do xénero é controvertida. Así, na actualidade, segundo Mammals Species of the Word,[2] e a ADW,[3] recoñécense 8 especies, coas subespecies indicadas:

Xénero Capra
Mapa de distribución das 8 especies do xénero Capra.
Cabra salvaxe
(Capra aegagrus).
  • Capa caucasica
    • C. c. caucasica
    • C. c. cylindricornis
    • C. c. severtzovi
  • Capra falconeri
    • C. f. falconeri
    • C. f. heptneri
    • C. f. megaceros
  • Capra hircus
    • C. h. hircus
    • C. h. aegagrus
    • C. h. chialtanensis
    • C. h. cretica
    • C. h. jourensis
    • C. h.picta
  • Capra ibex
  • Capra nubiana
  • Capra pyrenaica
  • Capra sibirica
  • Capra walie

Porén, para o NCBI serían:

  • Capra aegagrus
    • Capra aegagrus blythi
    • Capra aegagrus cretica
  • Capra caucasica
  • Capra cylindricornis
  • Capra falconeri
    • Capra falconeri heptneri
    • Capra falconeri megaceros
  • Capra hircus
  • Capra ibex
    • Capra ibex ibex
  • Capra nubiana
  • Capra pyrenaica
    • Capra pyrenaica hispanica
    • Capra pyrenaica pyrenaica
  • Capra sibirica
  • Capra walie

E aínda, para outros autores:

  • Capra aegagrus - cabra salvaxe
    • C. a. aegagrus - cabra de Bezoar
    • C. a. blythi - cabra do deserto de Sindh
    • C. a. chialtanensis - cabra de Chialtan
    • C. a. creticus - cabra salvaxe de Creta
    • C. a. hircus - cabra doméstica
    • C. a. turcmenica - cabra barbuda do Turquestán
  • Capra caucasica - cabra do Cáucaso occidental
  • Capra cylindricornis - cabra do Cáucaso oriental
  • Capra falconeri - markhor
    • C. f. heptnerni - markhor de Bukahará
    • C. f. chialtanensis - markhor de Chialtan
    • C. f. megaceros - markhor de cornos rectos
    • C. f. jerdoni - markhor de Solimán
  • Capra ibex - cabra montesa dos Alpes, ou íbice
  • Capra nubiana - cabra nubia
  • Capra pyrenaica - cabra montesa
  • Capra sibirica - íbice siberiano
    • C. s. alaiana - íbice do Quirguisia
    • C. s. hagenbecki - íbice mongol
    • C. s. hemalayanus - íbice do Himalaia
    • C. s. sakeen - íbice de Caxemira
    • C. s. sibirica - íbice do Altai
  • Capra walie - cabra montesa de Etiopía

Domesticación e usos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cabra doméstica.
Cabras rubias nun curral.
Queixo de leite de cabra.

Canda as ovellas, as cabras foron dos primeiros animais domesticados.
O proceso de domesticación comezou no neolítico, polo menos hai 10.000 anos, no que agora é o norte de Irán.[4]

As principais motivacións para emprender este proceso foron o fácil acceso humano á carne, a pel, o pelo e o leite destes animais.

As peles de cabra curtidas utilizáronse até a Idade Media para gardar a auga e o viño (odres ou pelellos) e para transportar eses produtos nas viaxes e nos campamentos militares.[5] En certas rexións tamén se usaron as peles curtidas como pergamiño para escribir.

A produtiviade da cabra en leite/ano/peso é a maior de entre todos os mamíferos domésticos, chegando a producir de 12 a 13 veces o seu peso en leite ao ano (en comparación, a vaca produce entre 5 e 6 veces o seu peso en leite ao ano). A la de certas especies chegou a ter unha elevada cotización no mercado (Angora e Caxemira).[5]

Na actualidade as cabras son un dos principais animais domésticos en Oriente Medio, no norte e o leste de África, na Europa mediterránea e en numerosos países asiáticos e americanos.

No ano 2010 había no mundo 764 500 000 cabezas de gando caprino, sendo as dez principais cabanas as de:[Cómpre referencia]

País Nº de cabezas País Nº de cabezas
China 173 000 000 Nixeria 27 000 000  
India 124 500 000 Irán 26 000 000  
Paquistán 52 800 000 Indonesia 12 450 000  
Sudán 40 000 000 Tanzania 11 700 000  
Bangladesh 34 500 000 Quenia 11 000 000  


Segundo a FAOSTAT (Base de datos estatísticos da FAO), o número total de cabezas de gando caprino no mundo no ano 2013 era de 1 006 millóns, aproximadamente. O 63 % do total concentrábase en 10 países e na Unión Europea (UE). A China era o país con maior censo de gando caprino do mundo, con 183 millóns de cabezas nese ano (o que representaba o 18,2 % do censo mundial), seguida pola India, con 162 millóns; Paquistán, con 65 millóns, e Nixeria, con 58.[6]

Os países nos que máis se incrementou o censo de gando caprino no período 2009 - 2013 foron a India (en máis de 13 millóns de cabezas, o que supón un incremento do censo dun 9 %), Paquistán (máis de 6,6 millóns de cabezas) e Bangladesh (máis de 6,3 millóns). Séguenos Malí, Nixeria e Etiopía. Por outra parte, os países que sufriron unha maior diminución do censo caprino no mesmo período foron a China (que perdeu 16,9 millóns de cabezas), Mongolia (1,7 millóns) e a UE (0,8 millóns).[6]

No conxunto da Unión Europea, en 2008, contábase con 13,2 millóns de cabezas.[7]

En Galicia[editar | editar a fonte]

Cabra doméstica[editar | editar a fonte]

A ampla gama de utiizacións da cabra fixeron desta un animal moi utilizado en Galicia desde o neolítico, especialmente en explotacións de pouca extensión, e por persoas que carecen de terras. A carne do cabrito, moi aprezada, ten un mercado relativamente extenso, e forma parte de menús propios de moitas festas populares.[5] O cabrito, dixo Sueiro, «dásenos moi ben aos galegos (aínda que moitos se empeñen en cultivar o cordeiro)».[8] E o seu mestre Cunqueiro opinaba que

En Galicia priva máis o cabrito que o año, a aínda que o noso non seña país de asados, hai moitas partes nas que o asan moi ben, e hai famosos cabritos, coma os de san Fiz, que vos ofrecen en Arbo ou en Tui, na festa da lamprea ou na da angula, como plato final dos xantares. Nas aldeas, máis que asado, o cabrito póñeno guisado, con patacas, e pimentos morróns de lata.
A. Cunqueiro.[9]

Dentro destas festas ten moita sona a do barrio compostelán de Conxo, que desde o 5 de setembro do ano 2009 está institucionalizada.[10]

Desde hai uns anos estase a recuperar a única raza de cabra de Galicia, a chamada cabra galega. Trátase de animais de perfil recto ou subcóncavo, eumétricos e sublonxilíneos. A súa capa é de cor avermellada, con distintas tonalidades, desde rubia até retinta. É unha raza de gran rusticidade e alta capacidade de adaptación ao medio, máis resistente ás enfermidades que outras razas, moi áxil e alta prolificidade (a maioría dos partos son de 2 ou 3 cabritos cando as condicións son favorábeis).[11]

Evolución da cabana 1962 - 2012
Ano A Coruña Lugo Ourense Pontevedra Total Galicia
1962 4 511 14 187 40 327 10 987 35 136 [5]
1972 9 359 20 969 37 540 16 197 83 975 [5]
2012 4 578 14 350 12 456 3 653 66 421 [12]
Nota: Tendo en conta que o número total de cabezas e caprino en España no ano 2012 era de 2 363 522,[12] a cabana galega representaba tan só o 2,81 % da estatal.

Cabra montesa[editar | editar a fonte]

Á parte da cabra doméstica, en tempos antigos viviu nas serras orientais e sudorientais a cabra montesa autóctona, Capra pyrenaica lusitanica, que se extinguiu a mediados do século XIX. Na actualidade inténtanse repoboar ditas zonas coa subespecie C. p. victoriae.[13]

Nomes galegos[editar | editar a fonte]

O nome galego máis común para este animal é o de cabra, pero tamén se usan os sinónimos godalla e xena.[14] Ademais, o macho recibe o nome particular de cabrón, e tamén os de bode, castrón, chibo e godallo.[15] As crías moi novas e que aínda maman, denomínanse cabritos, e tamén chivos,[16] pero cando xa non maman, chámanse cabuxos.[17] En canto ás cabras silvestres, ou salvaxes, en galego denomínanse cabtras montesas.[14]

A cabra na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Como noutros lugares, a cabra ocupou tradicionalmente en Galicia un lugar destacado nas supersticións. Moita presenza na literatura teñen os aquelarres ou reunións de meigas pesididas polo demo en forma de castrón.

En el arenal de Coiro, cerca de Cangas, se reunían las brujas al pie de una fuente, en el sitio denominado Arenas Gordas, a las doce de la noche de San Juan, San Pedo y Nuestra Señora. [...] van todas montadas en escobas para hacer la corte al Cabrón, señor de todas, durante la noche, pues dicha reunión terminaba a la aurora.
J. Rodríguez López.[18]

Eladio Rodríguez, no seu Diccionario, recolle as seguintes expresións populares relativas a este animal:[5]

  • Coma a cabra que parín pró bo (aplicada a que devolve mal por ben),
  • Mete-las cabras no curral (amedrentar a alguén, ameazalo ou prexudicalo),
  • Quérenche meter as cabras na horta (de significado semellante a anterior).

Así mesmo, o refraneiro popular alude á cabra nestas sentenzas, entre outras:[5]

  • A cabra cega, monte longo
  • A cabra, co vicio, no cu dá cos cornos
  • A cabra da miña veciña dá máis leite que a miña
  • A cabra é tola: por onde vai unha van todas
  • A cabra, pra quen a garda
  • A cabra que moito anda, pouco apaña
  • A cabra vai pola viña: como fai a mai, fai a filla
  • A filla da cabra, que ha ser senón cabrita?
  • Ás veces a cabra polo coitelo laia
  • Cabra coxa non é sana
  • Cabra coxa non precisa corda non solta
  • Cabra morta de fame non a viu naide
  • Cabra, viño e horta, o seu dono á porta
  • Cabras crían trampas e carneiros diñeiros
  • Inda non pariu a cabra e xa o cabrito mama
  • O que ten cabras e fillos nunca está a ben cos veciños
  • Os que cabras non teñen o cabritos venden, de onde lles veñen?
  • Palabra, díxolle o lobo á cabra pra ver si a aloumiñaba
  • Por onde salta a cabra tamén salta o que a mama
  • Sempre a cabra tira ó monte

As cabras na mitoloxía[editar | editar a fonte]

A cabra era un animal moi venerado en Mendes, en Exipto. Estaba prohibido matala, porque crían que Khnum, gran divindade desta cidade, se ocultaba baixo a figura dunha cabra, e por isto se representaba con rostro deste animal. Mentres que en Mendes se reverenciaba á cabra e se inmolaban as ovellas, na Tebaida, pola contra, veneraban as ovellas e sacrificaban as cabras.

Entre os antigos gregos as cabras estaban consagradas a Zeus, en memoria da ninfa Amaltea, que fora a ama de cría. Os lacedemonios inmolábanas a Hera. Os romanos, nas súas medallas, representaban a Xuno Sospita cunha pel de cabra.

Segundo o escritor romano Aulo Xelio puxérase unha cabra branca nun cadro de Homero, porque se lle consagraba un destes animais en sacrificio como a poeta dedicado a Apolo, ao cal se acostumaba inmolar cabras desta cor.[19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Parrini, F.; et al. (2009). "Capra ibex (Artiodactyla: Bovidae)". Mammalian Species 830: 1–12. doi:10.1644/830.1. 
  2. 2,02,1 Wilson & Reeder 2005.
  3. Capra na ADW.
  4. Melinda A. Zeder & Brian Hesse (2000): "The Initial Domestication of Goats (Capra hircus) in the Zagros Mountains 10,000 Years Ago". Science 287 (5461): 2254–2257. Resumo.
  5. 5,05,15,25,35,45,55,6 VV.AA. (!974): Gran Enciclopedia Galega. Tomo IV. Santiago / Gijón: Silverio Cañada. ISBN 84-7286-039-6.
  6. 6,06,1 Informe Nacional de Ovino y Caprino. 2015. Gobierno de Esaña. Ministerio e Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.
  7. Caprins – Enquête cheptel de novembre-décembre 2008 – Résultats européens (en francés)
  8. Sueiro, Jorge-Víctor (1981): "Asado de cabrito" en Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-8533-732-8, p. 159.
  9. Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-181-5, p. 112.
  10. I Festa da cabra. Web oficial de Turismo. Concello de Santiago de Compostela.
  11. A cabra galega, en Cabra Galega.
  12. 12,012,1 >Instituto Galego de Estatística, 11-10-2012.
  13. Díaz d'a Silva & Cartelle 2007, p. 139.
  14. 14,014,1 cabra no Dicionario da Real Academia Galega.
  15. cabrón no Dicionario da Real Academia Galega.
  16. cabrito no Dicionario da Real Academia Galega.
  17. cabuxo no Dicionario da Real Academia Galega.
  18. Rodríguez López, Jesús (1895). Ligeros apuntes sobre las supersticiones de Galicia. Lugo: Imprenta de "El Regional".
  19. Diccionario universal de mitología

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Díaz d'a Silva, J. I. & Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96893-20-7.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Schilling, D.; D. Singer & H. Diller (1987): Guía de los mamíferos de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0784-4.
  • Van den Brink, F. H. & Barrel, P. (1971): Guía de campo de los mamíferos salvajes de Europa occidental. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Cabra&oldid=4646434"