Central térmica de Meirama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Central térmica de Meirama

A central térmica de Meirama é unha central térmica de produción de enerxía eléctrica situada no concello de Cerceda. Pertence ao grupo Gas Natural Fenosa e ten unha capacidade instalada de arredor de cincocentos megavatios (563 MW segundo as últimas informacións da empresa).

A central construíuse aproveitando uns xacementos de lignito xa practicamente esgotados. Este lignito de moi mala calidade, baixo poder calorífico e moitos residuos, entre eles materias sólidas que desgastaban os muíños por atrito e xofre que provocaba moita contaminación, foi sendo paulatinamente substituído por hulla de Wyoming.

A central produce enerxía queimando carbón para producir vapor que fai xirar tres turbinas.

Situación[editar | editar a fonte]

Está situada na parroquia de Meirama, no concello de Cerceda, no límite cos concellos de Ordes e Carral. As instalacións, situadas a 412 m sobre o nivel do mar, ocupan unha extensión de 42 ha. A elección do emprazamento foi levada a cabo pola proximidade do xacemento de lignito pardo que serviu inicialmente de combustible da central.

Maquinaria[editar | editar a fonte]

A central conta cun xerador de vapor (fabricado por Balcke - Dürr e Babcock & Wilcox Española), un circuíto de refrixeración, e un turboalternador (construído por Brown Boveri e La Maquinista Terrestre y Marítima de Barcelona), cunha capacidade de xeración de até 563 MW. A súa construción levouse a cabo entre 1976 e 1980, sendo o seu primeiro acople á rede en outubro de 1980. Desde a data de arranque xerou unha media de 2 941 000 Mwh por ano, acadando unha produción máxima no ano 2000 con 3 724 507 Mwh.

Na actualidade na central leváronse a cabo unha serie de reformas para utilizar, ademais do lignito pardo, combustibles coma a hulla bituminosa e hulla subbituminosa.

Edificio principal[editar | editar a fonte]

Consiste nunha nave metálica de 79,9 de longo e 44,5 m de ancho. Na planta baixa están situadas as turbobombas de auga de alimentación, bombas de condensado, compresores, cabinas de 10 KV, condensador e o equipo de purificación de condensado. Na primeira planta están o tanque de almacenamento de condensado, as bombas de baleiro, o sistema de excitación e regulación de tensión do alternador, o centro de control de motores, a sala de cadros de distribución e a sala de baterías. Sobre esta planta hai unha serie de plataformas con diversos equipos auxiliares, quentadores e válvulas.

Na segunda planta está o turboalternador, os armarios de barras, a sala de control e a sala electrónica. Dispón dunha ponte-guindastre Thomas de 150 toneladas e luz entre eixos de carriles de 32,5 m. A terceira planta inclúe o equipo de ar acondicionado e o laboratorio químico.

Nas zonas anexas ao edificio principal están os tres transformadores monofásicos de saída de máquina Westinghouse 19/220 kV de 227.000 kVA cada un, o transformador auxiliar Westinghouse 19/10 – 6,6 kV de 75.000 kVA, e o trasformador de arranque Westinghouse 220/10 – 6,6 kV de 75.000 kVA.

Zona de caldeira[editar | editar a fonte]

Entre o edificio principal e a caldeira vai instalada unha torre para os ascensores, que serve á súa vez como apoio para as tubaxes que unen a caldeira coa turbina.

Desde o parque de almacenamento aliméntanse mediante cintas 8 moegas de lignito dispostas a ambos os dous lados da caldeira en dous grupos de 4.

Na parte oeste, paralelamente ás moegas de lignito, está situado un edificio con 2 moegas de hulla na parte alta e 2 muíños de hulla na parte baixa. Entre a caldeira e a cheminea están situados os ventiladores e o precipitador electrostático.

Caldeira[editar | editar a fonte]

A caldeira é de circulación forzada, tipo Benson, sen caldeirín, de paredes acuotubulares, fogar equilibrado e requecemento intermedio. Está colgada do teito a través de ancoraxes soporte e xogos de resortes de disco, e desde alí a través de columnas ao fundamento, podéndose dilatar libremente cara a abaixo.

Está construída en forma de torre, coas paredes da cámara de combustión constituídas por tubos en espiral, até chegar á zona en que se sitúan os sobrequecedores e requecedores, onde os tubos se fan verticais.

O ar necesario para a combustión é aspirado da intemperie por dous ventiladores axiais de tiro forzado, cunha capacidade de 460 m³/s, que o impulsan a través de dous prequecedores rexerativos tipo Ljungström, compostos por unha serie de chapas onduladas, cunha superficie de 48.850 m², onde absorben calor dos gases de combustión que abandonan a caldeira cara aos precipitadores electroestáticos.

A auga de alimentación entra na caldeira a través do economizador, situado na zona máis elevada do tiro da caldeira. Baixa desde aquí á parte inferior do fogar e inicia un percorrido ascendente a través dos tubos en espiral que constitúen as paredes do recinto. Nela prodúcese o quecemento á temperatura de evaporación e a evaporación mesma. Posteriormente o vapor vai aos separadores de humidade nos que se produce a separación da mestura auga-vapor para cargas inferiores ao 35 %. De aquí pasa ao sobrequecedor primario situado na zona de convección e ao sobrequecedor final situado na zona de radiación, nos que adquire a temperatura de servizo.

Para controlar esta temperatura utilízanse temperadores situados nas tubaxes de entrada a cada un dos sobrequecedores. O vapor sae do sobrequecedor final á presión e temperatura de servizo cara á turbina, onde expansiona e regresa outra vez á caldeira para elevar novamente a temperatura nos requecedores primario e secundario situados na zona de convección e radiación respectivamente. Entre eles existen temperadores de emerxencia, xa que a temperatura final do vapor requentado é controlada por recirculación de gases. Para vencer as resistencias no percorrido dos fumes, están dispostos, a continuación dos precipitadores, dous ventiladores axiais de tiro inducido.

Os fumes de recirculación para a regulación de temperatura de vapor requentado extraense antes da entrada aos ventiladores de tiro inducido e impúlsanse mediante dous ventiladores radiais á cámara de combustión.

Existe un pequeno calderín (botella de arranque) e dúas bombas de recirculación usadas para cargas inferiores ao 35 %.

Cheminea[editar | editar a fonte]

Central Térmica Meirama 04.jpg

Para asegurar a dispersión dos contaminantes á atmosfera, a central dispón dunha cheminea de 200 m de altura, cun diámetro de 18 m na base e 11 m na coroa. Leva un fuste exterior de formigón e un conduto interior de ladrillo refractario, entre os que se encontra unha zona visitable para a inspección, con iluminación interior e balizamento en cinco niveis, accesibles desde a cámara interior visitable.

Foi construída cunha velocidade elevada de saída de gases para mellorar a sobrelevación do penacho de fumes.

Almacenamento de combustible[editar | editar a fonte]

A central dispón de diversos habitáculos para os diferentes combustibles:

  • Gasóleo para arranques: Tres tanques subterráneos de 50.000 l e un aéreo de 100.000 l.
  • Fuel-oil para arranques e apoio: Dous tanques de 8.000 toneladas cada un.
  • Lignito: Un parque cuberto con capacidade de 260.000 toneladas, propiedade de Limeisa, e 8 moegas de consumo de diario cunha capacidade de 500 toneladas cada unha.
  • Hulla subbituminosa: É acumulada e mesturada co lignito no parque de Limeisa.
  • Hulla Bituminosa: Un parque con capacidade de 200.000 toneladas e 2 moegas de consumo diario cunha capacidade de 650 toneladas cada unha.

Turbina[editar | editar a fonte]

A turbina, cunha capacidade de produción de 563 MWh, consta de catro cilindros en tándem, un de alta presión de fluxo único, un de media presión de duplo fluxo, e dous de baixa presión de duplo fluxo que evacúan a un condensador.

A entrada de vapor á turbina de alta presión ten 174 bar de presión a 538 °C. O vapor sae da turbina de alta presión a 50 bares e 350 °C, sendo requentado de novo na caldeira a 538 °C antes de entrar na turbina de media presión.

Sistema de auga de circulación[editar | editar a fonte]

Este sistema é utilizado para condensar o vapor de escape da turbina. Consiste nun circuíto pechado composto dunha torre de refrixeración de tiro natural e dúas bombas que impulsan a auga contida na cántara da torre de enfriamento a través dos tubos do condensador, e retorna á torre para caer en forma de finas gotas á devandita cántara.

A auga que circula por este sistema extrae a calor do vapor de escape da turbina, condensándoo. Esta calor cedida á auga de circulación é enviada á atmosfera na torre de refrixeración de tiro natural. A auga de circulación é impulsada por bombas de tipo 65 APH, verticais e en etapa única, cunha capacidade de 18.168 m³/h e 1,6 bares de presión de descarga.

A torre de refrixeración está construída cunha lámina hiperbólica de formigón armado de 108 m de altura e 48 m de diámetro na marxe superior, 71,8 m na marxe inferior e 45,5 m na marxe máis estreita, cun espesor da lámina entre 0,7 e 0,15 m. A lámina é soportada por 27 diagonais duplas de apoio de 60/60 cm localizadas nunha cántara de 12.000 m³ de capacidade.

Proxecto Fausto[editar | editar a fonte]

O Proxecto Fausto aborda a adaptación da caldeira Central Térmica de Meirama para a utilización de hulla importada, cun maior poder calorífico e unha maior calidade ambiental que o lignito pardo, así como a construción dunha liña de ferrocarril para facilitar o transporte do carbón desde o porto da Coruña até a Central.

Coa avaliación e comparación dos impactos ambientais asociados á produción de enerxía entre a situación actual e futura mediante a metodoloxía de Análise de Ciclo de Vida, conseguirase unha diminución dun 50 % na xeración de residuos, dun 20 % da emisións de CO2, do 74 % de SO2, do 50 % de NOx e do 50 % de cinza e escoura. A redución no conxunto das categorías de impacto ambiental será do 45 %[Cómpre referencia].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Meirama.
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Central_térmica_de_Meirama&oldid=4678324"