Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°25′56″N 08°38′12″O / 42.43222, -8.63667

Vista interior.
Vista exterior.

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) é un centro de ensino público xestionado pola Secretaría Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta de Galicia. Asume as competencias vinculadas ó fomento e promoción da cultura física e o deporte en Galicia. Foi fundado en 1987.

Características[editar | editar a fonte]

Está dirixido por Xulio Ventín Rivas, atleta e adestrador e responsable do sector de probas combinadas da Federación Galega de Atletismo. A subdirectora é Pilar López Graña, doutora en Educación Física e profesora de Educación Física no IES de Poio e adestradora da SD Teucro na tempada 2005-06.

Oferta 170 prazas, 90 delas con servizo de aloxamento (aínda que ten capacidade para 104 persoas residentes). Imparte 9 modalidades deportivas: atletismo, loita, judo, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tenis e tríatlon.

Hai tres grupos: o de tecnificación, con 100 prazas, está destinado a novas promesas menores de 19 anos. O grupo de rendemento, con 40 prazas, oriéntase a deportistas de 19 anos en adiante. Outras 30 prazas están destinadas a deportistas de elite galegos que precisan dos servizos ou instalacións do CGTD.

Achega a formación integral aos mozos e mozas galegas con potencial para a práctica do deporte de alto nivel, facilitando a integración no sistema educativo (desde 3º da ESO a 2º de Bacharelato) e no entorno social ao tempo que contan cos medios necesarios para poderen desenvolver as súas preparacións específicas conforme a criterios científicos.

En colaboración coas diferentes federacións deportivas galegas, o centro prepara os programas de tecnificación deportiva, dirixidos fundamentalmente á formación de deportistas de entre 14 e 18 anos.

Instalacións[editar | editar a fonte]

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva ten a súa sede en Pontevedra, nos terreos do Estadio da Xuventude e adxacentes. Conta con 7 edificacións.

O pavillón polideportivo cuberto conta cun tatami e un ximnasio auxiliar. A piscina climatizada, de 6 rúas, mide 25 x 12 m. A pista de atletismo, de 8 rúas, é de material sintético (esta pista foi remodelada no ano 2015). O campo é de herba natural, e posúe bancadas para 300 persoas e sistema de videofinish. No edificio multiúsos sitúanse a balsa climatizada de piragüismo, os hangares de piragüismo e remo, o ximnasio, a zona de remoergómetros, a sala para medicina do deporte, sala de fisioterapia, sala de loita e a sauna.

O edificio principal alberga a conserxería, aulas, a aula multimedia, as oficinas e a cafetaría. A residencia ten 48 habitacións dobres e 8 individuais (104 prazas), todas elas con baño. Conta con comedor para 140 persoas, biblioteca e diversas salas. O IES conta con laboratorio e diversas aulas.

Deportistas de sona[editar | editar a fonte]

Polo centro pasaron figuras galegas do deporte como David Cal, Javier Gómez Noya ou Teresa Portela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Centro_Galego_de_Tecnificación_Deportiva&oldid=4891346"