Cividade de Terroso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Coordenadas: 41°24′45″N 08°43′14″O / 41.41250, -8.72056

Cividade de Terroso
Cividade de Terroso.jpg
Freguesía Terroso
Concello Póvoa de Varzim
País Portugal
Cronoloxía
Datas de ocupación século IX a.C. a século II d.C.
Data da descuberta Xa coñecida na Idade Media
Períodos de escavación 1906 - 1907
1980 ata actualidade.
Estado actual En proceso de escavación. Visitable.
Extensión estimada 12 ha.
Véxase tamén
Castros de Portugal
Entrada da Cividade no seu aspecto actual.

A Cividade de Terroso foi un importante poboado da cultura castrexa do noroeste da Península Ibérica, localizado na Póvoa de Varzim, en Portugal. A Cividade, coñecida na Idade Media como Montis Teroso, foi erguida no coto do monte da Cividade, na freguesía de Terroso, na Póvoa de Varzim, a menos de 5 quilómetros da costa, no límite oriental da cidade contemporánea.

Situada no extremo sur da rexión da cultura castrexa, a Cividade prosperou grazas a estar fortemente amurallada e pola súa localización próxima ao mar, que posibilitaba o comercio coas civilizacións do mar Mediterráneo. Este comercio atraeu as olladas dos romanos, polo que a cividade pereceu no final da Guerra Lusitana gañada por Roma, ao levar Décimo Xunio Bruto (139-136 a.C.) a guerra cara o norte, onde acharon aliados os restos lusitanos.

Historia[editar | editar a fonte]

O poboado da Cividade de Terroso foi construído no decurso da Idade de Bronce, entre os anos 900 e 800 a.C. , como consecuencia do movemento de poboacións residentes na planicie fértil de Beiriz e na varcia da Póvoa de Varzim. Isto está apoiado no descubrimento de foxas ovoides, escavadas en 1981 por Armando Coelho, tendo sido recollidos fragmentos de catro vasos do período anterior ao inicio do poboamento da cividade. Así, forma parte dos castros máis antigos, tal como os castros de Santa Luzia ou o de Roriz.

O castro mantivo relacións comerciais coas civilizacións do Mediterráneo, principalmente durante o dominio cartaxinés do sueste da Península Ibérica.

Durante as guerras púnicas, os romanos tomaran coñecemento da riqueza da rexión castrexa en ouro e estaño. Viriato, que lideraba as hostes lusitanas, impedía o crecemento do imperio romano entre Texo e Douro. No entanto, o seu asasinato no 139 a.C. abriu camiño para as lexións romanas.

Décimo Xunio Bruto conduciu unha campaña, entre 139 e 136 a.C, para dominar a rexión castrexa, que as fontes romanas personifican nos galaicos, sendo a primeira vez que aparecen co seu nome en Apiano, acabando por destruír a Cividade por completo. Os feitos do comandante romano tiveron eco en Roma, onde pasou a ser coñecido polo cognome Callaicus.

Algún tempo máis tarde, a Cividade foi reconstruída e fortemente romanizada, dando así inicio á última fase urbana do castro.

A rexión castrexa, até o extremo setentrional da Gallaecia, foi incorporada ao Imperio Romano e totalmente pacificada durante o dominio de César Augusto. Na planicie litoral, constrúese unha villa romana, propiedade dunha familia romana, os Euracini á que se xuntaría o pobo castrexo que regresa á vida na planicie, xurdindo así a Villa Euracini. A actividade pesqueira desenvolveuse coa cetaria, un complexo fabril romano de salga e transformación de peixe. Así, a partir do século I da nosa Era e durante o período imperial, efectúase o progresivo abandono da Cividade.

Escavacións modernas[editar | editar a fonte]

O castro durante as primeiras escavacións en 1906

A citania é citada por diversos autores entre o século XVI e o XIX. No inicio do século XX, Rocha Peixoto incentiva o seu amigo António dos Santos Graça para subsidiar traballos de arqueoloxía na Cividade.

Os traballos comezan o 5 de xuño de 1906 con 25 traballadores e proseguiron até outubro do mesmo ano, interrompidos polo mal tempo. Reanudáronse en maio de 1907 pata rematar nese mesmo ano. Os materiais obtidos consérvanse nos museos na cidade do Porto.

Despois da morte de Rocha Peixoto, en 1909, pedras da Cividade foron usadas para pavimentar algunhas rúas da Póvoa de Varzim, especialmente Rua Santos Minho e Rua das Hortas. Ocasionalmente, grupos de scouts da Mocidade Portuguesa e outros, nas décadas de 1950 e 1960, acaban facendo escavacións salvaxes. Estes atentados arqueolóxicos continuaron mesmo despois da clasificación da Cividade como "Imóvel de Interesse Público" en 1961.

Primeiro equipo arqueolóxico

En 1980, a Cámara Municipal da Póvoa de Varzim convidou a Armando Coelho para a realización de traballos arqueolóxicos que se desenvolveron no verán dese ano. Máis tarde, o municipio adquire os terreos da acrópole e constrúe o polo arqueolóxico da Cividade de Terroso na súa entrada. Actualmente o arqueólogo é José Flores, que recentemente escribiu o libro Subtus Montis Terroso - Património Arqueológico no Concelho da Póvoa de Varzim Câmara Municipal da Póvoa de Varzim.

En 2005, grupos de arqueólogos portugueses e galegos comezaron a estudar a hipótese de que esta cividade e outras seis fosen clasificadas como Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

Sistema defensivo[editar | editar a fonte]

Ruínas dunha das murallas da Cividade de Terroso.

A Cividade foi erixida a 152 metros de altitude, o que permite unha excelente posición de vixilancia de toda a rexión en roda. Un dos lados, o norte, estaba bloqueado polo monte de São Félix, onde xurdira un castro, o castro de Laundos, que serviría de posto avanzado.

A Cividade de Terroso é un dos castros máis fortemente fortificados, dado que a acrópole estaba circundada por tres cinturas de murallas. Estas murallas terían sido construídas en momentos diferentes, debido ao crecemento do propio poboado.

As murallas estaban compostas de grandes bloques sen argamasa e estaban adaptadas ás características dadas polo relevo do monte. As caras de acceso máis fácil (Sur, Leste e Oeste) posuían murallas altas, anchas e resistentes, mentres que as que se encontraban en terreo con declives abruptos eran menos coidadas, limitándose a reforzar as particularidades locais.

Reforzo da muralla no suroeste

Iso pode ser facilmente visíbel nas estruturas descubertas no Leste que presentan un forte sistema defensivo, que atinxe 5,30 metros de espesor, mentres que a Nordeste, a muralla foi construída aproveitando o granito natural que foi apenas coroado por un muro de pedras.

A entrada, que interrompía a muralla, presenta un laxeado de cerca de 1,70 metros de anchura. O perímetro defensivo parece ter sido complementado por un valado de cerca de un metro de profundidade e un metro de anchura, conforme foi detectado canda a construción dunha casa no Norte do monte.

Estrutura urbana[editar | editar a fonte]

Planta da Cividade segundo as escavacións de 1906, feita polo arquitecto Arthur Cruz.

Nas escavacións realizadas no inicio do século XX, a Cividade parecía ter unha estrutura caótica, mais datos recentes distáncianse cada vez máis desta idea, dado que estes denotan unha organización espacial con características propias cuxa organización provén de niveis de ocupación máis antigos ignorados nas primeiras escavacións.

Cada un dos cuadrantes da Cividade está dividido en núcleos en torno dun patio familiar, case sempre laxeado e divididos por dúas rúas principais, que se cruzan. Algunhas casas posuían un adro.

No seu apoxeo, o castro tería preto de 12 hectáreas e habitaban nel varios centos de persoas.

Fases[editar | editar a fonte]

Construcións e chan enlousado

A Cividade pasou por varias fases de urbanización: durante os primeiros séculos, as pequenas habitacións eran construídas a base de elementos vexetais mesturados con barro.

As primeiras construcións en pedra só comezaron a tomar forma no século V a.C., grazas ao progreso tecnolóxico, coa fabricación de picos de ferro, unha tecnoloxía que só estaba dispoñíbel na Asia Menor, mais que acabou por ser traída á Península Ibérica coa colonización fenicia no litoral atlántico durante os séculos VIII e VII a.C.

As construcións desta época son, tipicamente, circulares con diámetros entre 4 e 5 metros e con paredes de 30 a 40 cm de espesor. As pedras de granito eran fracturadas ou lascadas, para posteriormente seren colocadas en dúas fiadas, coa face máis lisa para o exterior e interior da casa. O espazo entre as dúas pedras era reenchido con pequenas pedras e argamasa de xabre, dándolle así unha estrutura robusta ás paredes.

Interior dunha estrutura con desaugadoiro

Na última fase da Cividade, a fase romana (con inicios despois de 138-136 a.C.), logo da destrución en época de Décimo Xunio Bruto, dáse unha reorganización urbana, recorrendo a novas técnicas construtivas e con alteración de formas e dimensións. Aparecen estruturas cuadrangulares, en substitución das circulares tipicamente castrexas. As coberturas deixan de ser de orixe vexetal e pasan a ser feitas con tégula.

As pedras usadas nesta fase para a construción dos habitáculos eran cuadrangulares, escuadradas; manténdose o esquema de dúas fiadas, mais o espazo interior era máis ancho e preenchido con xabre ou barro e pedras de pequeno ou medio tamaño, resultando en paredes máis grosas, con anchos de 45 a 60 cm.

Núcleos familiares[editar | editar a fonte]

Recreación dunha casa patio ou núcleo familiar

Os núcleos familiares, compostos de catro a cinco unidades circulares, envolvían un patio laxeado, onde converxían as portas das diferentes divisións. Estes patios centrais tiñan un papel importante na vida familiar e era onde se desenvolvían as actividades diarias familiares. Estes núcleos serían pechados con chave, revelando preocupación pola privacidade das familias.

O interior das construcións da segunda fase, anterior á romana, posuía solos finos de barro ou xabre. Algúns destes solos eran decorados cunha impresión de cordas, deseños ondeados e impresión de círculos, especialmente nas lareiras. Na fase de influencia romana, estes solos tornáranse máis coidados, densos e espesos.

Rueiros[editar | editar a fonte]

Cardium do poboado

Os núcleos familiares eran divididos por arruamentos, esbozos de rúas, estreitos con espazos algo públicos. Os dous arruamentos principais tiñan a orientación típica romana do Decumanus e Cardium. O Decumanus era un arruamento que seguía a muralla do Nacente para Poñente e curvaba lixeiramente para Suroeste a partir do encontro co Cardium (arruamento Norte-Sur), terminando na entrada da Cividade. O acceso exterior realizábase por un suave descenso até o camiño que aínda hoxe é utilizado para acceder á Cividade.

Estes arruamentos principais dividían o poboado en catro partes. Cada unha desas partes estaba composta por catro ou cinco núcleos familiares.

Nalgúns puntos da Cividade foran descubertos vestixios de esgotos ou caneiros que servirían para encamiñar as augas das chuvias.

Economía[editar | editar a fonte]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Construción circular

A poboación vivía principalmente dos proveitos tirados da agricultura, especialmente o cultivo de cereais como o trigo e a cebada, e de leguminosas (a faba) e a landra.

O cuncheiro encontrado na Cividade mostra que comían lapas, mexillóns e ourizos de mar, crus ou cocidos, especies que son aínda hoxe bastante comúns. A pesca non debeu ter sido regular, dada a falta de evidencias arqueolóxicas, mais o descubrimento de anzois e pesos de rede -poutas-, revela que xa pescaban peixes de tamaño considerábel como o mero, a quenlla e o robalo.

A cebada era cultivada para producir unha especie de cervexa, que as fontes clásica din zythos. A cervexa era desconsiderada por gregos e romanos, que a consideraban bebida de bárbaros, dado que estaban habituados ao requinte dos viños. As landras eran trituradas para elaborar unha sorte de fariña.

A recolección de plantas silvestres, froitos, sementes e raíces era un complemento alimenticio, comendo e recollendo amoras silvestres, leitaregas, trevos e até algas mariñas. Algúns destes vexetais son aínda usados pola poboación local. Os romanos introduciran o hábito do consumo do viño e do aceite.

Os animais usados polos castrexos, conforme documentos clásicos e rexistros arqueolóxicos, confirman a existencia de cabalos, porcos, vacas, e ovellas que serían aproveitados en todas as súas capacidades. Debemos salientar que debido a un estatuto na sociedade, os cabalos, tal como os cans, non eran utilizados para alimentación [Cómpre referencia].

As aves de galiñeiro están pouco documentadas durante o período castrexo, mais tornáranse frecuentes durante o período romano.

Malia estar tamén pouco documentada na Cividade, a caza debe ter sido algo usual, dado que se sabe a partir de fontes clásicas, tales como Estrabón e Plinio que a rexión era bastante rica en fauna, desde cabalos salvaxes, osos, veados, corzos, xabaríns, raposas, castores, coellos, lebres e variadas aves, e que serían unha fonte de alimentación accesíbel e rendíbel.

Artesanía[editar | editar a fonte]

A cerámica da Cividade posuía motivos diversos, conforme ilustrara Arthur Cruz.

As cerámicas encontradas na Cividade de Terroso tiñan, moitas delas, identidade propia. A olaría era vista como un traballo masculino e foron encontradas en gran número e variedade, mostrando que era un produto barato, importante e accesíbel.

Con todo, as formas das cerámicas da Cividade, son practicamente idénticas ás encontradas noutros castros do mesmo período. A decoración dos vasos era de tipo incisivo, aínda que existisen tamén vasos espalutados e estampados. Aparece tamén a aplicación de cordóns de barro, en forma de corda, revestidos ou non de incisións.

Nos vasos estampados son frecuentes os deseños en "S", designados de palmípedes, que podían ser acompañados por outros motivos estampados ou incisos. Outras formas decorativas, que poden aparecer mesturadas e con técnicas diversas, inclúen círculos, triángulos, semicírculos, liñas, en zigzag, cun total de cerca de dúas centenas de motivos diferentes.

A actividade téxtil estaba bastante xeneralizada e era vista como unha actividade feminina e tamén foi progresando, en especial no período romano, tendo sido encontrados algúns pesos de tear e decenas de cosoiros. A descuberta de tesoiras veu reforzar a idea da cría sistemática de ovellas para aproveitar a la.

Metalurxia na Cividade de Terroso.

Foran detectados numerosos vestixios de actividades metalúrxicas, e descubertas grandes cantidades de escoiras de fundición, fíbulas, fragmentos de obxectos de ferro e residuos doutros metais, sobre todo chumbo, cobre/bronce, estaño e talvez ouro. Foran encontrados "grampas" para reparación de cerámicas, alfinetes, fíbulas, stili e agullas de cobre ou de bronce, revelando que o traballo en bronce e as súas ligas era unha das actividades máis comúns da Cividade. O ferro era usado para moitos obxectos do día a día, sendo encontrados varios cravos, mais tamén anzois ou ganchos e unha punta dunha fouce ou puñal.

Xunto á porta da muralla (no suroeste do poboado) foi identificado un taller, dado que no local foron encontrados varios vestixios desta actividade, tales como pingos e escoiras de fundición de diversos metais, mineiros e outros sinais, principalmente a utilización do lume con altas temperaturas.

A ourivaría contribuíu a dar unha imaxe da Póvoa de Varzim como un dos locais de referencia da arqueoloxía protohistórica do Noroeste peninsular. Especialmente co achado das arracadas de Laundos e do colar articulado e arracadas da Estela. Na Cividade foron recollidos algúns testemuños do traballo en ouro e prata por Rocha Peixoto. En toda a serra de Rates son visíbeis as explotacións mineiras ancestrais: castrexas e romanas, dado que esta serra posuía ouro e prata, esenciais para a fabricación de xoias.

En 1904, un pedreiro que construía un muíño na cima do Monte de São Félix, preto do pequeno e próximo Castro de Laundos, encontrou un púcaro con xoias dentro, estas xoias foran compradas por Rocha Peixoto, que as levou ao Museo do Porto. As xoias revelaron o uso dunha técnica evolucionada, moi semellante á que se utilizaba no Mediterráneo, especialmente co uso de placas e soldaduras, filigranas e granulados.

Relixión e ritos funerarios[editar | editar a fonte]

Vista parcial do poboado

Sabemos que os pobos castrexos adoraban diversas divindades, mais os achados arqueolóxicos aquí non permiten sacar conclusións relixiosas, a excepción dalgúns vestixios funerarios.

O ritual funerario da Cividade, común a outros pobos prerromanos do territorio portugués, consistía no rito da incineración, depositando as cinzas dos seus mortos en pequenas foxas circulares, con paramentos de albanelaría no interior das casas.

Posteriormente, as cinzas pasaban a ser depositadas no exterior das casas, mais dentro do núcleo familiar.

En 1980, a descuberta dunha cista funeraria, e dun vaso enteiro acampanado e fragmentos doutro sen cobertura evidencian a violación do achado. Este vaso era moi semellante a outro encontrado no castro de Laundos, este último con xoias no seu interior, o que leva a supor que estas xoias tiñan o mesmo contexto funerario.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Armando Coelho Ferreira da Silva: A Cultura Castreja no Noroeste de Portugal. Museu Arqueológico da Citânia de Sanfins, 1986.
  • Carlos A. Brochado de Almeida: Alteraçôes no povoamento indígena no início da Romanizaçâo. Ponto da situaçâo no Conventus Bracaraugustanus, in Boletín Avriense, tomo XXXIII, Ourense. 2003.
  • José Manuel Flores Gomes & Deolinda Carneiro: Subtus Montis Terroso: Património Arqueológico no Concelho da Póvoa de Varzim, Câmara Municipal da Póvoa de Varzim, 2005.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Cividade_de_Terroso&oldid=4740014"