Claro José Sendón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Claro José Sendón
Nacemento18 de abril de 1897
 Muros
Falecementonovembro de 1937
 Nova York
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Claro José Sendón Lamela, nado en Louro (Muros) o 18 de abril de 1897 e finado en Nova York en novembro de 1937, foi un propagandista anarquista e anarcosindicalista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Pío Sendón Sieira e María Lamela García. A principios dos anos vinte emigrou a Arxentina. En Buenos Aires traballou de estibador no porto e vendendo periódicos. Despois marchou a Estados Unidos, á zona de Filadelfia e máis tarde a Nova York, onde traballou de mariñeiro e camareiro. Colaborou en Cultura Proletaria, e invitado por José Villaverde, en ¡Despertad!, as súas "Crónicas de Yanquilandia", no semanario da Confederación Regional Galaica (CRG), Solidaridad Obrera, e de cando en vez no voceiro da FAI, Tierra y Libertad. Participou nas actividades do grupo anarquista Floreal e nos actos dos centros sociais da colonia de emigrantes galegos de Brooklyn, Newark, Yonkers e New Jersey.

Coa proclamación da Segunda República Española regresou a Galicia fins de 1932. Estableceuse na Coruña e afiliouse á CNT. Membro da Federación Anarquista Ibérica (FAI), opúxose á moderación de José Villaverde Velo, pero defendeuno das calumnias lanzadas por Federico Urales. Dedicouse ao labor propagandística nas comarcas de Muros e Noia onde a súa oratoria agresiva e marcadamente anticlerical fíxose moi popular. Tamén participou en mitins e conferencias por toda a provincia da Coruña, Madrid e Barcelona. En febreiro de 1933 foi director de Solidaridad Obrera da Coruña. A partir de agosto o comité da CNT chamouno a Madrid para incorporarse á redacción do periódico CNT, ata o seu encarceramento en decembro e colaborou co Comité Pro Presos "Nacional". Tralo fracaso da folga xeral revolucionaria de 1934 regresou á Coruña, axudou á reorganización do CRG participando no Comité Galaico. En 1934 publicou en La Novela Ideal a obriña Amor que se afirma.

Trasladouse a Lousame, e entrou a traballar como peón nas minas de San Fins por mediación de Enrique Fernández Maneiro, amigo seu e dirixente do Sindicato Minero y de Profesiones Varias. Foi despedido e converteuse en mestre dos fillos dos mineiros e desenvolveu labor orgánica na Federación Comarcal de Noia. A fins de 1935 fixo unha xira propagandística por Galicia con Jaime Baella Pérez e Federica Montseny e a comezos de 1936 interviu en Vilagarcía, Barrio, Chica, Cruceiro, Escarabote, Viveiro e O Carril. En maio de 1936 marchou a Huelva para axudar ao Sindicato de Industria Pesquera. Empregouse de novo como mineiro en Riotinto e cando estalou a sublevación do 18 de xullo de 1936, loitou contra as forzas da Garda Civil ata que as tropas franquistas ocuparon Huelva a comezos de agosto.

Fuxiu nun pesqueiro a Casablanca, e de alí pasou a Orán (Alxeria). En outubro de 1936 volveu a Madrid para traballar na redacción do xornal CNT. Despois foi a Valencia para integrarse na Confederación Levantina da CNT e chegou a ser delegado da Regional Levantino no Comité Nacional da CNT, militando con Federica Montseny. Escribiu no voceiro da CNT levantina, Fragua Social, e continuou unha relación moi estreita con outros camaradas galegos refuxiados alí, como o militante do Sindicato de Transportes Luís Chamorro, ou o cariñense Manuel Pita Armada, alma da colectivización da industria conserveira do porto almeriense de Adra. A mediados de xullo de 1937 a CNT decidiu aproveitar a súa experiencia dos Estados Unidos para envialo xunto con Serafín Aliaga Lledó, Juan López Sánchez e Avelino González Mallada a unha xira de propaganda polo continente americano. Claro Sendón estivo nun acto na cidade de México no que participou tamén Lázaro Cárdenas. Nos Estados Unidos Avelino González faleceu nun accidente automobilístico e Sendón morreu en Nova York, a finais do mes de novembro, a causa da tise.

Asinou moitos artigos co pseudónimo Clarín Libertario, que apareceron en Castilla Libre, Fragua Social, Indomable, Juventud Libre, El Luchador, Solidaridad e Umbral.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pereira, Dionisio (2006). Asociación Cultural Barbantia, ed. "Claro José Sendón, un vagabundo galego e libertario". Barbantia (2). 
  • Sendón, Pepe (2014). Alvarellos, ed. Falando Claro. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Claro_José_Sendón&oldid=4624471"