Claudio Rodríguez Fer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Claudio Rodríguez Fer
Claudio Rodríguez Fer.jpg
Nacemento6 de abril de 1956
 Lugo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta, dramaturgo, ensaísta, catedrático de universidade, escritor, crítico literario e narrador
CónxuxeCarmen Blanco García
Premioshonorary doctor of the University Rennes 2 e Premio da Crítica Española
editar datos en Wikidata ]

Claudio Rodríguez Fernández, coñecido como Claudio Rodríguez Fer, nado en Lugo o 6 de abril de 1956, é un profesor e escritor galego que cultiva a poesía, a narrativa, o teatro, o estudo, o ensaio e o guión para audiovisuais.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a escribir poesía xa de rapaz baixo a influencia de seu pai, un home progresista, súa nai mestra e coa lectura dos abundantes libros que tiña súa tía. En 1966 comezou o bacharelato no Instituto Masculino de Lugo e, en 1970, a súa militancia antifranquista no movemento estudantil. Tamén comezou a colaborar regularmente en El Progreso de Lugo, con artigos e críticas de cine. Tamén inicia o seu labor cine-clubístico organizando exhibicións universitarias e redactando folletos para o Club Cultural Valle-Inclán e o Cine-Club Marcos da Portela[1]. Desde 1974 (ese curso universitario comezou en xaneiro e rematou no verán), estudou Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Lugo e, a partir de 1976, na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1978. Axiña aprobou as oposcións de profesor agregado de Lingua e Literatura Españolas de ensinanza media por oposición libre en Salamanca e catedrático das mesmas materias por oposición libre en Madrid[2], exercendo en Lugo, Santiago de Compostela e Chantada.

Exercendo na USC no Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística, área de Literatura Española,[3] foi nomeado director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, onde custodia o arquivo e a biblioteca persoais doados polo autor ourensán[4], e codirixe a revista de investigación Moenia[5]. Foi profesor das Universidades da Cidade de Nova York, de París Este Marne-La Vallèe, da Alta Bretaña en Rennes e da Bretaña Sur en Lorient.[6]

A súa tese de doutoramento (1990, USC) titulouse A literatura galega en Galicia durante a guerra civil'[7] e deu orixe a diversos libros[Cómpre referencia]. Coordina con Carmen Blanco García Unión Libre, Cadernos de vida e culturas,[8] e promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.[9]

Deuse a coñecer cos pioneiros poemarios eróticos, enmarcados na natureza e nas cidades de Galicia, Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de ternura (1981)[10], Historia da lúa (1984), A boca violeta (1987) e Cebra (1988)[11], libros reunidos en Vulva (1990) e antologados en A muller núa (1992), catro deles ilustrados por Carmen Blanco García. A eles seguiron outros máis nómades, a miúdo escritos fóra de Galicia, mais igualmente caracterizados por un vitalismo erótico radicalmente libertario e pola súa conexión co concepto surrealista do amour fou, así como por ser ilustrados por Sara Lamas: Extrema Europa (1996), A unha muller descoñecida (1997), Viaxes a ti (2006) e Unha tempada no paraíso (2010), este cunha ampla introdución de Olga Novo.

A súa temperá conexión co cine orixinou Cinepoemas (1983, ampliado en 2016 con edición gráfica de Cristina Fiaño), e a súa paixón pola música motivou A muller sinfonía (Cancioneiro vital) (2018). Tamén realizou e publicou mostras de poesía visual, como Criptografías (2018, con prefacio de Antonio Gamoneda, labor reunido na exposición antolóxica na Fundación Granell Corpoética (2018)[12], cuxo catálogo se publicou con textos de Lily Litvak, Olga Novo, Manuel Fernández Rodríguez e Antonio Gamoneda e deseño de Cristina Fiaño. No Centro de Arte Moderno de Madrid expuxo Corpoética infinita (2019). Con obras do multiartista Eugenio Granell realizou o libro de artista Rastros de vida e poesía (2000) e Icebergs (Micropoemas reunidos) (2015).

Lugo blues (1987), con fotos de Eduardo Ochoa, A loita continúa (2004) e Ámote vermella (2009),[13] con gravados de Sara Lamas, [14]compoñen a súa triloxía poética sobre, respectivamente, a memoria histórica da súa cidade natal, de Galicia e da muller libre e represaliada.

Reuniu toda a súa obra poética verbal (os seus doce primeiros libros) en Amores e clamores (2011)[15], obra subdividida en "Ciclo Vulva", "Triloxía da memoria" e "Ciclo nómade", e toda a súa obra narrativa en Contos e descontos (2011)[16], incluíndo os inéditos "Prometeo adolescente" e "O neno que non quería ir á guerra", así como os xa publicados Meta-relatos (1988), con fotos de Eduardo Ochoa, e Os paraísos eróticos (2010)[17], con debuxos de Sara Lamas.

Así mesmo, dirixiu diversos congresos e encontros e participou en decenas de actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas, tendo intervido publicamente en espazos culturais e universitarios de Europa, América e África. Entre outros recoñecementos, no campo da poesía, recibiu o Premio da Crítica Española por Tigres de ternura (1981)[18] e o Día da Poesía Galega 2016 do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (Uruguai)[19]; no campo da investigación, por dúas veces o Premio Antón Losada Diéguez, concretamente por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil; no campo académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela e o Doutoramento Honoris Causa da Universidade da Alta Bretaña en Rennes,[20] e, no campo cívico, a Presidencia de Honra da Asociación Memoria do Exilio dos Republicanos Españois en Brest e o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda.

Foi traducido a numerosos idiomas en antoloxías e revistas de linguas románicas, xermánicas, eslavas e orientais, así como en edicións exentas, como, en castelán, Icebergs (Micropoemas reunidos) (2015) e Anarquista o nada (Poemas de la memoria libertaria) (2016); en inglés, Tender Tigers (2012), Rosalía’s Revolution in New York (2014) e Deathless Loves (2015); en francés Voyages à toi (2008), La pièce bretonne (2014), Les amours profonds (2016) e Dialogues impossibles (2018); en italiano, L'ansia di avere le ali (2015); en grego, Πύλες απειράριθμες (2017); en bretón, Muioc'h kalz eget mil bloaz (2000); en romanés, Dincolo de pădure (2018); en catalán, Bellesa o barbàrie (2019); en portugués, Uma temporada no paraíso (2019), etc. O seu poema "A cabeleira",[21] sucesivamente reeditado en edicións políglotas, foi traducido a máis de sesenta linguas en A cabeleira multilingüe (2017), mais tamén existe edición políglota do seu poema Pai meu (Amén, camarada) (2017). O mesmo poeta introduciu e traduciu Musgo / Moss, de Emily Dickinson (2015).

Foi obxecto de tres libros: Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996, Ed. Positivas) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999[22] e ampliado 2008), de Olga Novo, quen tamén o analizou na introdución de Unha tempada no paraíso, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (1998, Ed. do Castro) de Natalia Regueiro.

É parella de Carmen Blanco García, con quen ten unha filla, Mariña.[23]

Obra[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Poemas de amor sen morte (1979), Antonio Ubago, Granada.
  • Tigres de ternura (1981), Reprografía 1846, Santiago, ISBN 978-84-300-6871-5; Tender Tigers (2012), Toxosoutos, en edición bilingüe galego-inglés, con tradución de Kathleen March
  • Cinepoemas (1983), Edicións Xerais de Galicia, ISBN 9788475071060; reedición gráfica de Cristina Fiaño (2016, Ouvirmos)
  • Historia da lúa (1984), Galaxia, ISBN 978-8471544650.
  • A boca violeta (1987), Sotelo Blanco, Leliadoura, ISBN 978-8486021566.
  • Lugo blues (1987), Concello de Lugo.
  • Vulva (1990), Libros da Cebra, Santiago de Compostela, ISBN 9788440482518.
  • Cebra (1991), El Guadalhorce, Málaga.
  • A muller núa (1992), Biblioteca 114, El Correo Gallego, ISBN 978-8485553457
  • Extrema Europa (1996), Ed. Positivas,
  • A unha muller descoñecida (1997), S. C. Valle-Inclán, Colección Esquío.
  • Rastros de vida e poesía (2000), con serigrafías de Eugenio Granell, El Gato Gris, Valladolid.
  • Moito máis que mil anos / Muioc'h kalz eget mil bloaz (2000), SKRID, en edición bilingüe galego-bretón de María Lopo.
  • A vida. Gravados sobre corpo (2002), carpeta de autor, Taller de Gravado Augatinta, Lugo.
  • A loita continúa (2004), Xerais, 96 páx. ISBN 978-84-9782-162-9.
  • Viaxes a ti (2006), Taller de Gravado Augatinta, Lugo; Voyages à toi (2008, Espiral Maior), en edición bilingüe galego-francés con tradución de María Lopo e Annick Boilève-Guerlet
  • Ámote vermella (2009), Xerais, ISBN 978-84-9782-953-3.
  • Unha tempada no paraiso (2010), Toxosoutos, con estudo de Olga Novo, Uma temporada no paraíso (2019), Valer, edición bilingüe galego-portugués de Saturnino Valladares.
  • Amores e clamores (Poesía reunida) (2011), Ediciós do Castro, 326 páx.
  • Terra extrema de radiación amorosa (2011), BVG.
  • O cuarto bretón / La pièce bretonne (2014), A tola soñando, en edición bilingüe galego-francés con tradución de Marianne Equy.
  • Revolución rosaliana en Nova York / Rosalía’s Revolution in New York (2014), A tola soñando, en edición bilingüe galego-inglés con tradución de Kathleen March.
  • Icebergs (Micropoemas reunidos) (2015), Centro de Arte Moderna, en edición bilingüe galego-castelán con tradución de Tera Blanco de Saracho.
  • Ansia das alas / L'ansia di avere le ali (2015), A tola soñando, en edición bilingüe galego-italiano de Christine Stufferin.
  • Amores sen morte / Deathless Loves (2015), Edicións Follas Novas, en edición bilingüe galego-inglés de Diana Conchado.
  • A cabeleira (Poema en 35 idiomas) (2015), A tola soñando.
  • A cabeleira (Poema en 60 idiomas) (2016), A tola soñando.
  • Os amores profundos / Les amours profonds (2016), Edicións Follas Novas, en edición bilingüe galego-francés de María Lopo.
  • Anarquista o nada (Poemas de la memoria libertaria) (2016), Amargord, con tradución de Olga Novo e Tera Blanco de Saracho.
  • A cabeleira multilingüe (Poema en 65 idiomas) (2017), A tola soñando.
  • Pai meu (Amén, camarada) (Poema en 8 idiomas) (2017), A tola soñando.
  • Limiares sen límites / Πύλες απειράριθμες (2017), A tola soñando, en edición bilingüe galego-grego de Theodora Grigoriadou.
  • A muller sinfonía (Cancioneiro vital) (2018), Ouvirmos.
  • Corpoética (catálogo de exposición) (2018), Fundación Granell, con textos de Lily Litvak, Olga Novo, Manuel Fernández Rodríguez e Antonio Gamoneda e deseño de Cristina Fiaño.
  • Criptografías (2018), Del Centro Editore), con prefacio de Antonio Gamoneda.
  • Diálogos imposibles / Dialogues impossibles (2018), A tola soñando, en edición bilingüe galego-francés con tradución de Mariane Equy e María Lopo.
  • Máis alá do bosque / Dincolo de pădure (2018), A tola soñando, en edición bilingüe galego-romanés con tradución de Ion Deaconescu, Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu.
  • Beleza ou barbarie / Bellesa o barbàrie (2019), A tola soñando, en edición bilingüe galego-catalá con tradución de Marta Pessarrodona, María Mercè López Casas, Mathias Ledroit e Dolors Perarnau.

Narrativa[editar | editar a fonte]

Estudo e ensaio[editar | editar a fonte]

  • A Galicia misteriosa de Ánxel Fole (1981), Ediciós do Castro.
  • Antonio Machado e Galicia (1989), Ediciós do Castro.
  • Poesía galega (1989), Xerais.
  • Arte literaria (1991), Xerais.
  • José Ángel Valente (1992), Taurus, Madrid.
  • A literatura galega durante a guerra civil (1994), Xerais.
  • Material Valente (1994)
  • Acometida atlántica. Por un comparatismo integral (1996), Ediciós do Castro.
  • Ánxel Fole. Unha fotobiografía (1997), Xerais.
  • Ánxel Fole. Vida e obra (1997), Xerais.
  • Guía de investigación literaria (1998), Júcar, Gíjón.
  • Borges dende o labirinto galego (2008), Xunta de Galicia.
  • Valente: el fulgor y las tinieblas (2008), Axac, Lugo.
  • Meus amores celtas (2010), Edicións do Castro.
  • Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford) (2012), Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Borges y todo (Escepticismo y otros laberintos) (2013), Del Centro Editores.
  • Valente vital (Ginebra, Saboya, París) (2014), Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Valente vital (Magreb, Israel, Almería) (2017), Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Valente infinito (Libertad creativa y conexiones interculturales) (2018), Cátedra Valente, Universidade de Santiago de Compostela.

Edición e introdución[editar | editar a fonte]

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Claudio Rodríguez Fer". bvg.udc. Consultado o 21/12/2018. 
  2. "Claudio Rodríguez Fer". Galicia Dixital. Consultado o 20/12/2018. 
  3. "Horario do profesor para o curso académico 2018/2019. Profesor: RODRIGUEZ FERNANDEZ, CLAUDIO". usc.es. Consultado o 20/12/2018. 
  4. "Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética". usc.es. Consultado o 20/12/2018. 
  5. "Moenia". usc.es. Consultado o 20/12/2018. 
  6. "O poeta e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer ofrece dous relatorios nas universidades de Alta Bretaña e París". Xornal da USC. 22/03/2017. Consultado o 21/12/2018. 
  7. "A literatura galega en Galicia durante a guerra civil". minerva.usc.es. Consultado o 27/01/2019. 
  8. Unión libre. Cadernos de vida e culturas
  9. "Asociación para a Dignificación das Vítimas do fascismo". Nome e Voces. Consultado o 21/12/2018. 
  10. crtvg.es (11/11/12). Claudio Rodríguez Fer presenta a reedición bilingüe do poemario “Tigres de ternura” (crtvg). 
  11. Axeitos, Xosé Luís (1, 1990). "O Poema "Cebra" de Claudio Rodríguez Fer : o erotismo como forma de coñecemento". Boletín Galego de Literatura. 
  12. "Claudio Rodríguez Fer. Corpoética". laventanadelarte.es. Consultado o 21/12/2018. 
  13. "«Ámote vermella», crítica en «Nós»". blog.xerais. Consultado o 21/12/2018. 
  14. "Ficha do autor". xerais.gal. Consultado o 21/12/2018. 
  15. Nicolás, Ramón. "Amores e clamores, de Claudio Rodríguez Fer". cadernodacritica. Consultado o 21/12/2018. 
  16. Nicolás, Ramón. "Contos e descontos, de Claudio Rodríguez Fer". cadernodacritica. Consultado o 21/12/2018. 
  17. Nicolás, Ramón. "Os paraísos eróticos, de Claudio Rodríguez Fer". cadernodacritica. Consultado o 21/12/2018. 
  18. "Presentación do libro bilingüe Tigres de Ternura / Tender Tigers de Claudio Rodríguez Fer". usc.es. 27/11/2012. Consultado o 21/12/2018. 
  19. "O Padroado da Cultura Galega de Montevideo dedica o Día da Poesía Galega ao autor lugués Claudio Rodríguez Fer". Xornal da USC. 17/11/2016. Consultado o 21/12/2018. 
  20. 20,020,1 Cristina Fiaño, «Claudio Rodríguez Fer, doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña: "A interculturalidade forma parte esencial do meu pensamento e da miña obra"» (entrevista), "Xornal da USC", 15-5-2012.
  21. "O autor". acabeleira.com. Consultado o 21/12/2018. 
  22. Novo, Olga (1999). O lume vital de Claudio Rodríguez Fer. L. Follas Novas. ISBN 84-85385-33-0. 
  23. Barrera, F., ed. (2002). "Rodríguez Fer, Claudio". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). El Correo Gallego. p. 501. ISBN 84-8064-113-4. 
  24. "CLAUDIO RODRÍGUEZ FER E CARMEN BLANCO RECIBEN O ‘GALICIA MÁRTIR’ POLO SEU TRABALLO A PROL DA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA". fceer.org. 01/09/2014. Consultado o 21/12/2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Claudio_Rodríguez_Fer&oldid=5217285"