Concha Castroviejo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Concha Castroviejo
Nacemento 1913
  Santiago de Compostela
Falecemento 9 de decembro de 1995
  Madrid
Nacionalidade España
Educada en Universidade de Santiago de Compostela
Ocupación xornalista
editar datos en Wikidata ]

Concepción Castroviejo Blanco-Cicerón, nada en Santiago de Compostela en 1913 e finada en Madrid o 9 de decembro de 1995[1], foi unha xornalista e escritora galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Amando Castroviejo Nobajas, catedrático de Economía Política e Facenda Pública na USC, irmá de Xosé María Castroviejo e neta de Ricardo Blanco-Cicerón. Estudou no colexio de freiras de Praceres (Marín) e, cando morreu o seu pai, fixo o bacharelato en dous anos e rematou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Na Universidade integrouse nos círculos republicanos e coñeceu a Francisco Comesaña Rendo, Borobó e Joaquín Seijo Alonso, con quen tiña previsto casar o 25 de xullo de 1936.

Testificou no xuízo sumarísimo de Francisco Comesaña en Compostela o 23 de decembro de 1936, o que a colocou nunha posición difícil. A principios de 1937 aproveitou unha viaxe de Gaspar Massó e marchou a Bordeos. Despois reuniuse con Joaquín Seijo en Valencia, onde casaron. Pasou a residir en Barcelona até a derrota de febreiro de 1939, cando tivo que fuxir a Francia. Conseguiu chegar a Bordeos e viviu alí até marchar para México, vía Nova York, no vapor Normandía[2]. No exilio mexicano traballou en San Francisco de Campeche, Tijuana e, sobre todo, en Cidade de México.

En decembro de 1949 retornou a Galicia, chegando ao porto da Coruña coa súa filla. Traballou en La Noche de 1951 a 1953. Ao mesmo tempo fixo os cursos para obter o carné de xornalista en Madrid. En setembro de 1953 marchou a Madrid a traballar en Informaciones. Membro da Asociación Internacional de Críticos Literarios, formou parte do xurado dos Premios da Crítica. Escribiu en Ínsula, La Estafeta Literaria, Cuadernos de Occidente, Cuadernos Hispanoamericanos, Blanco y Negro e Grial.

Despois dunha enfermidade vascular e dexenerativa que a afastou da vida pública durante dez anos, morreu na súa casa de Ribera del Manzanares en decembro de 1995.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Los que se fueron, 1957.
  • Víspera del odio, 1959.
  • El jardín de las siete puertas.
  • Los días de Lina.
  • En las praderas del Gran Manitú (inédito).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Concha_Castroviejo&oldid=4702962"