Cova Céltica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Murguía en 1900.

A Cova Céltica é o nome que recibía o faladoiro que mantiñan desde 1893[1] un grupo de intelectuais galegos de ideoloxía rexionalista, quen se reunían na librería de Uxío Carré Aldao na Coruña a fin de debateren sobre temas relacionados con Galiza.

Historia[editar | editar a fonte]

Pondal en 1874.

O local en cuestión, a librería Rexional, era o mesmo que utilizara no seu día Andrés Martínez Salazar como editorial, e que estaba situada (tal e como informa Ricardo Carballo Calero) primeiro na rúa Rego de Auga, logo no número 30 da rúa Real da Coruña, e despois novamente na rúa Rego de Auga da mesma cidade.

O nome da Cova Céltica ten a súa orixe nun acto de sarcasmo. No século XIX, Manuel Murguía difundira a idea de que o fondo étnico do pobo galego debía buscarse entre os celtas. Esta corrente difundida polo arteixán recibe o nome de celtismo, e sobre ela fúndase toda a poesía de Eduardo Pondal.

Pola contra, o pontevedrés Celso García de la Riega, defendía que eran os gregos os que desenvolveran o papel atribuído por Murguía aos celtas. Por este motivo, cualificou a este grupo de eruditos como La Cueva Céltica. Mais os contertulios apoderáronse deste nome e traducírono ao galego, para pasar a denominarse, desde aquel momento, A Cova Céltica, nome co que pasou á historia.

O órgano de difusión deste grupo foi a Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas. Algúns dos integrantes da Cova Céltica foron: Uxío Carré Aldao, Manuel Murguía, Andrés Martínez Salazar, José Pérez Ballesteros, Evaristo Martelo Paumán, Francisco Tettamancy, Salvador Golpe, Florencio Vaamonde, Eladio Rodríguez González, Manuel Lugrís Freire, Eduardo Pondal, Manuel Lugrís Freire, Galo Salinas ou Xosé Baldomir. A Cova Céltica estivo intimamente ligada á constitución da Academia Galega, tanto é así que varios dos seus integrantes serían nomeados académicos.

"A tertulia cotidiana formábana Murguía, Pondal...". F. Tettamancy Gastón (1917): Víctor Said Armesto.
A tertulia cotidiana formábana Murguía, Pondal, Martínez Salazar, Saralegui y Medina, Álvarez Insua, López Seoane, Martelo Paumán, Bernárdez o abade da Colexiata, Victorino Novo, Barbeito Hermosilla, Vicente Carnota, Salvador Golpe, Lugris Freire, Núñez González, Pérez Ballesteros, Ribalta, Rodríguez González (Eladio), Salinas, Varela Lenzano, Vaamonde (Florencio e César), Ramón de Arana, Vicente Díaz, Vega Blanco, Villaamil y Castro, Balsa de la Vega, Julio Dávila, Román Navarro, Castro Chané, Juan Montes, Pascual Veiga, José Baldomir, Alguero Penedo, Daniel Álvarez, Banet Fontenla, Angel del Castillo, Marcial de la Iglesia, Lumbreras, Martínez Esparis (Ramón), Núñez Sarmiento, Paz Nóvoa, Marcelo Macias, Fernández Alonso, Moreno Barcia, Maciñeira, Leandro Pita, Salgado Rosende, Bernardo Barreiro de W., Balás, Barreiro Costoya, Luis Rodríguez Seoane, Augusto Santiago Gadea, Sors (Marcelino); algúns máis que inda ausentes viñan de cote á esta vila como Armada Teixeiro, Amor Meilán, Justo E. Areal, Barreiro Meiro, Barcia Caballero, Cabeza León, Lisardo Barreiro, Alfredo Brañas, Curros Enríquez, Garcia Ferreiro, Urbano González, Labarta Posse, Lois (Rogelio), Lois Vázquez, López Pelaez e Lago González (actuales arcebispo de Tarragona e bispo de Tuy); Nan de Allariz, Aureliano J. Pereira, Pérez Placer, Portela Pérez, Fort Roldán, Leite de Vasconcellos, Euxenio de Castro, Carlos Luis Bratli, Dodson, Castro López, Pérez Costanti, e moitos mais, uns xa finados e outros que para satisfacción e gloria das letras gallegas inde viven; cantas persoas de algunha significación na literatura e arte pasaban pol-a Cruña, ali iban para teren unhas horas de intima complacencia entromedias de verdadeiros irmans. Deixamos para o derradeiro, que os últimos serán os primeiros, os nomes das mulleres distinguidas de Galicia que nesa tertulia foron gala e ornato moitísimas veces, recordando entre elas á Filomena Dato Muruais, e Sofía Casanova

Tettamancy, Francisco, (1917). Víctor Said Armesto Imprenta Obreira, A Cruña.

A Cova Céltica promoveu a creación da Liga Gallega (1897), Escola Rexional de Declamación (1903), a Real Academia Galega e a primeira época da revista A Nosa Terra.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Llano López, P. e Naya Pérez, J. (1981): “Una existencia ejemplar al servicio de Galicia. Vida y Obra de Martínez Salazar (Estudio Bibliográfico)”, in Andrés Martínez Salazar Algunos temas gallegos, Vol 2. Gráficas do Castro:A Coruña
  2. Xosé Carlos López Bernárdez et al. (2001) Literatura galega século XX A Nosa Terra: Vigo, páx. 11

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Cova_Céltica&oldid=4779062"