Cruz Gallástegui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Cruz Gallástegui
Cruz Gallástequi Unamuno 1932.jpg
Nacemento5 de maio de 1891
 Bergara
Falecemento7 de maio de 1960
 Pontevedra
NacionalidadeEspaña
Educado enUniversidade Harvard
Ocupaciónveterinario
editar datos en Wikidata ]

Cruz Angel Gallástegui Unamuno, nacido en Bergara (Guipúscoa) o 5 de maio de 1891 e falecido en Pontevedra o 7 de maio de 1960, foi un enxeñeiro agrónomo e veterinario. Foi pioneiro en Europa en experimentar cos híbridos do millo e grande impulsor da mellora e da modernización da agricultura galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Logo de facer estudos agropecuarios en Limoges onde obtén a Diplomatura en Xardinería e Arboricultura froiteira, trasládase a Alemaña, onde cursa estudos de enxeñería superior agrícola, que finaliza en 1914. A finais de 1917 trasládase a Nova York, onde continúa os seus estudos. En 1920 marcha a México, onde pon en práctica os seus coñecementos ata febreiro de 1921.

En marzo de 1921, logo do doutoramento polas universidades de Harvard e Cornell, desembarca na Coruña e xunto co seu amigo Juan López Suárez convencen á Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas para que se cre a Misión Biolóxica de Galicia, un centro de bioloxía aplicada á agricultura. Nese ano o laboratorio instálase en dous locais da Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela, contando tamén cunha horta nunha parcela de media hectárea.

En 1925 participa en Lugo no I Congreso de Economía Galega e en 1926 no III Congreso Agrario Rexional en Pontevedra, pronunciando unha conferencia sobre gandería galega. En 1927 asiste ao V Congreso Internacional de Xenética, celebrado en Berlín, e en 1934 asiste ao X Congreso Mundial de Lechería, en Roma e en Milán, representando ao Ministerio de Agricultura español.

Despois dunha pequena crise a Misión Biolóxica trasládase a Pontevedra en 1927, onde se instala de forma provisional na Deputación. En 1928 trasládanse ao Pazo da Carballeira de Gandarón, de 10 hectáreas de extensión, e queda instalada definitivamente a Misión no Pazo de Salcedo, co apoio económico das deputacións de Pontevedra e Ourense.

Rúa de Cruz Gallástegui en Pontevedra.

En xaneiro de 1931, noméase un novo Padroado no que participan o profesor Juan Rof Codina, Inspector de Hixiene e Sanidade Pecuarias da Coruña, Juan López Suárez, médico e agricultor e Álvaro Gil Varela en representación da Deputación de Lugo. Atendendo a solicitude do Concello de Vigo, o Padroado crea, en 1931, unha sucursal en Vigo, na leira de Miraflores, de 7 hectáreas de extensión, ata 1933.

A pesar das incertezas que provocou a guerra civil, en 1939 a Misión Biolóxica pasa a depender do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, sucedáneo da Xunta para Ampliación de Estudos, baixo a xestión dun Padroado no que participaban as catro deputacións galegas e os ministerios de Agricultura e Educación.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Portela Vázquez, Alberto Manuel (2016). Misión Gallástegui. La mejora genética agropecuaria. Vigo: Autor-editor. ISBN 978-84-608-6298-7. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Cruz_Gallástegui&oldid=4986484"