Danake

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
A cabeza de gorgona é unha icona numismática de presenza frecuente no danake

O danake (grego: δανάκη, danáke; persa antigo: dânake) era unha pequena moeda de prata do Imperio Aqueménida de valor equivalente ao do óbolo grego, de circulación entre os gregos orientais.[1][2][3][4]

O termo foi utilizado polos arqueólogos dun xeito impreciso. En xeral, referíronse con el ás moedas tanto de ouro como de prata soterradas cos mortos, presumíndose que se tratarían dunha sorte de óbolos de Caronte. Tamén se ten considerado entre os numismáticos o danake como calquera moeda sen referencias á autoridade emisora utilizada polos gregos e con orixe estranxeira.[5]

No entanto, en Persia, o danake fora xa orixinalmente unha unidade de peso para a prata a granel, que representaba a oitava parte dun siclo (1,05 g), aínda que o uso deste termo quedou obsoleto. No período helenístico e máis adiante utilizouse para designar o óbolo de prata da Ática, que orixinariamente representaba a sexta parte dun dracma.[6]

Uso ritual en contexto funerario[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Óbolo de Caronte.
Caronte recibe unha moeda para a pasaxe dunha alma guiada por Hermes como psicopompo

O danake foi unha das moedas que se utilizaron como "óbolo de Caronte", que se colocaba na boca dos defuntos para o pagamento do barqueiro que levaría as súas almas a través do río que dividía o mundo do vivindo do dos mortos.[1] O lexicógrafo da era cristiá Hesiquio de Alexandría dálle á palabra δανάκη o significado de "óbolo para os mortos", e o Suda, a gran enciclopedia bizantina do século X sobre o mundo antigo define tamén o danake exclusivamente neste sentido ritual.[7][8] Múltiples fontes literarias, a pequenez do valor desta denominación monetaria foi tomada como un recordatorio de que a morte iguala os ricos cos pobres.[9]

Malia relacionarse habitualmente o óbolo de Caronte co Helenismo, a arqueoloxía indica que o rito de colocar dunha moeda na boca dos defuntos se practicaba tamén durante os imperios Parta e Sasánida, na rexión do actual Irán, aínda que a moeda utilizada adoitaba ser un dracma.[10]

No interior de tumbas aparecen tamén adoito danakes de ouro. Nun soterramento de Tesalia de arredor do século IV a. de C., achouse unha destas pezas áureas, caracterizada pola figura da cabeza dunha gorgona, colocada nos beizos dunha muller, presumiblemente como parte do seu aparato relixioso por profesar o orfismo ou cultos mistéricos dionisíacos.[11]

Outros Danakes en contextos mortuorios, en diversos metais, foron atopados a partir da década de 1990 en escavacións arqueolóxicas en lugares como Lemnos, Macedonia central, Eubea ou en Epiro.[12][13][14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 Frey, A. R. (1917). Páxina 60.
  2. Bivar, A. D. H. (1985). Páxina 635.
  3. "Danake". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
  4. "Danake". En Ocampo, E. Diccionario de términos artísticos y arqueológicos. Icaria. Barcelona, 1992. ISBN 84-7426-191-0
  5. "Danaké". En Babelon, E. (1901). Páxinas 514-518
  6. Bivar, A. D. H. (1985). Páxina 622.
  7. "δανάκη". En Hesiquio. Lexicon.
  8. "δανάκη" En Suda. Lexicon. Citado por Grabka, G. "Christian Viaticum". En Traditio 9. 1953. Páxina 8.
  9. Stevens, S. T. "Charon's Obol and Other Coins in Ancient Funerary Practice". En Phoenix 45 (1991). Páxinas 217, 219-220.
  10. Bivar, A. D. H. (1985). Páxinas 622-623.
  11. Tasntsanoglou, K.; Parássoglou, G. M. "Two Gold Lamellae from Thessaly". En Hellenica 38 (1987) 3-16.
  12. Blackman, D. "Archaeology in Greece 1999-2000". En Archaeological Reports 46 (1999-2000). Páxina 67.
  13. Blackman, D. "Archaeology in Greece 2001-2002". En Archaeological Reports 48 (2001-2002). Páxina 91.
  14. Whitley, J. "Archaeology in Greece 2004-2005". En Archaeological Reports 46 (2004-2005). Páxina 37, 49, 64.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Danake&oldid=5274993"