Demostrativo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O demostrativo é unha subclase semántica inserida na clase de palabra dos determinantes e que se caracteriza por integrar aqueles vocábulos que actúan como sinaladores ou mostradores, é dicir, vocábulos que serven para sinalar ou mostrar seres e entes, sen amentalos, situándoos no eixo espacial e/ou temporal.

A función principal do demostrativo no discurso é a deíxe.

Orixe[editar | editar a fonte]

O paradigma do demostrativo latino, orixe do presente nas linguas romances, era máis amplo có das destas. Á parte dun sistema de tres elementos (HIC, HAEC, HOC / ĬSTE, ĬSTA, ĬSTUD / ĬLLE, ĬLLA, ĬLLUD), existía un demostrativo de identidade (IDEM, EADEM, IDEM), outro de identidade adversativa (IPSE, IPSA, IPSUD) e un anafórico (IS, EA, ID).

A mesma potencialidade expresiva e o moito uso dos demostrativos provocou a súa rápida evolución e a transformación do seu paradigma. O primeiro que se perdeu, xa no período posclásico, foi IS, substituído por HIC. Inmediatamente, o mínimo corpo fónico e a desvalorización semántica provocan a desaparición de HIC, do cal só quedan pegadas en vocábulos lexicalizados como HAC HORA > agora, HOC ANNO > hogano, PER HOC > pero.

Iniciada xa a reestruturación do sistema latino, ĬLLE tomou o valor anafórico de IS e HIC especializándose en dúas funcións, o pronome persoal de terceira persoa e o artigo.

No latín falado existía a tendencia a reforza-los demostrativos mediante IPSE ou antepondo a partícula ECCE. Así, xunto a ĬSTE, existía ECCISTE e, xunto a ĬLLE, ECCILLE. ECCILLE (> aquel) quedou como única forma deíctica ante o anafórico ĬLLE.

A desaparición de HIC fai que ĬSTE ocupe o primeiro chanzo da deíxe, dando lugar a un paradigma deíctico bimembre: ĬSTE (> este) / *ACCUĬLLE (> aquel). Esta é a realidade que aínda se mantén nalgunhas linguas romances.

Noutras linguas, IPSE pasa a se-lo 2º chanzo deíctico, perdendo a posibilidade de expresa-la identidade, a cal se expresará grazas a reforzos como o a partícula MET: METIPSI(SSI)MUM > *medipsimu > medesmo > meesmo > mesmo.

Evolución[editar | editar a fonte]

A tripla diferenciación do sistema latino mantívose nas linguas iberorromances: en portugués (este / esse / aquel), asturiano (esti / esi / aquel[1]) e castelán (este / ese / aquel), mentres que non o fai completamente no ámbito catalán (aquest / aquell), que só conserva os tres graos en casos máis restrinxidos: nos pronomes mantense no catalán xeral (açò / això / allò), mentres que nos demostrativos o valenciano presenta a inclusión dun termo intermedio (aqueix, eixe, este)[2]. No resto das linguas europeas, unha tripla distinción baseada na distancia só se dá tamén en éuscaro (hau / hori / hura), irlandés (seo / sin / siúd) e grego (αυτός / τούτος / εκείνος; autós / toútos / ekeínos) [3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. este Arquivado 04 de febreiro de 2017 en Wayback Machine., ese Arquivado 04 de febreiro de 2017 en Wayback Machine., aquel Arquivado 04 de febreiro de 2017 en Wayback Machine.
  2. [1]
  3. WALS

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Demostrativo&oldid=4914052"