Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Diccionario Bio-bibliográfico de escritores
Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores.jpg
Os tres tomos da obra
Autor/a Antonio Couceiro Freijomil
Orixe Galiza
Lingua Castelán
Colección Enciclopedia Gallega
Tema(s) Literatura
Xénero(s) Enciclopedia
Editorial Editorial de los Bibliófilos Gallegos
Data de pub. 1951-1954
Formato Tapa dura. 18 x 24 cm
Páxinas 1472 (3 tomos)

O Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores é unha obra enciclopédica de Antonio Couceiro Freijomil en lingua castelá. Trátase dunha referencia biobibliográfica de diferentes autores literarios que publicaron en Galiza. Foi editada de 1951 a 1954 en Santiago de Compostela pola Editorial de los Bibliófilos Gallegos, dentro da colección Enciclopedia Gallega. Inclúe 4169 entradas.

Características[editar | editar a fonte]

A obra é moi completa e abrangue desde autores medievais como Mendiño até autores contemporáneos como Xesús Ferro Couselo, Ramón Cabanillas ou Gonzalo Torrente Ballester. Conta cun prólogo de Francisco Javier Sánchez Cantón,[1] presidente do consello da editorial e compañeiro de Couceiro Freijomil no Instituto Padre Sarmiento. Amais, Couceiro Freijomil preparou un prólogo para ser publicado en Faro de Vigo no centenario do xornal, mais permanece inédito.

A obra está estruturada en tres volumes por orde alfabética:

Estaba prevista a publicación de forma periódica de varios apéndices coas oportunas adicións; porén, o autor faleceu pouco despois da publicación do terceiro tomo.

Se ben a obra foi escrita e publicada durante o franquismo, época na que existía a censura, é relevante a desviación na escolla dos autores e autoras, así como das obras mencionadas. Cid Fernández entende que Couceiro Freijomil tiña unha postura controvertida respecto ao nacionalismo galego, negando as contribucións políticas e limitándoo á corrente cultural do rexionalismo, cunha visión idealizada dos sentimentos de "amor á terra"[2] Segundo Miguélez Carballeira, o propósito do Diccionario Bio-bibliográfico de escritores era "restaurar durante a ditadura fascista os discursos coloniais de pré-guerra sobre a Galiza"[3], "os valores da identidade galega, mansa e sentimental, do velho regionalismo"[4]. Xa na súa obra El idioma gallego (1935) Couceiro Freijomil amósase contrario a mencionar os poetas de vangarda galegos, sinalando un cisma entre "la Galicia saudosa" e "la de los vates rebeldes"[5]

Omítense obras de Castelao como Sempre en Galiza, e cualifícase como defecto o anticlericalismo de Curros Enríquez na obra O divino sainete. De Darío Álvarez Limeses, Alexandre Bóveda, Roberto Blanco Torres, Johán Carballeira ou Manuel Lustres Rivas entre outros dise que morreron por consecuencia de los sucesos nacionales. De autores que tiveron que exiliarse como Basilio Álvarez ou Gerardo Álvarez Gallego dise que emigraron.

Non obstante, inclúese autores que deixaron escritos non só de carácter literario, senón de calquera outro tipo, xa for sobre teoloxía, xurisdición, ou medicina. Inclúense personalidades relixiosas -especialmente da Orde franciscana- que non chegaron a escribir ren, como Sancho de Figueroa Andrade ou García Blanes. Mesmo aparece incluído o propio Francisco Franco, destacando a súa carreira militar e política.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Prólogo inédito, por Antonio Couceiro Freijomil en Galiciana
  2. Cid Fernández, X. M. (1982): "Postura controvertida de A. Couceiro Freijomil ante o rexurdimento e extensión da conciencia nacionalista (1916-1936)", en Boletín Auriense nº 12, páx. 275-297.
  3. Miguélez Carballeira, H. (2014): Galiza, um povo sentimental?. Santiago de Compostela, AGAL. Páx. 49.
  4. Miguélez Carballeira, H. (2014): Galiza, um povo sentimental?. Santiago de Compostela, AGAL. Páx. 152.
  5. Couceiro Freijomil, A. (1935): El idioma gallego. Páx. 441.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Diccionario_Bio-bibliográfico_de_Escritores&oldid=4677445"