Diego Juan de Ulloa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Diego Juan de Ulloa
 San Vitoiro de Ribas de Miño
Falecemento29 de novembro de 1764
 San Vitoiro de Ribas de Miño
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Boloña
Ocupaciónrelixioso
editar datos en Wikidata ]

Diego Juan de Ulloa, nado en Noceda (San Vitoiro de Ribas de Miño, O Saviñao) e finado na mesma aldea o 29 de novembro de 1764[1], foi un eclesiástico ilustrado de familia fidalga.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ulloa estudou Dereito na Universidade de Boloña, viviu varios anos en Roma, viaxou por Italia e, segundo parece, por Francia, e das súas viaxes trouxo a Galicia obras de arte e varios lotes de libros coidadosamente anotados. A súa ampla cultura (foi un dos eclesiásticos de orixe galega que máis destacaron no plano cultural na Galicia do segundo cuarto do século XVIII)[2] serviulle para destacar rapidamente en Santiago.

O papa Clemente XII nomeouno mestrescola da Catedral de Santiago de Compostela, posto do que tomou posesión o 13 de xuño de 1733. Converteuse en promotor artístico do barroco. Foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1751 e 1752[3] e un dos catro benfeitores da Universidade, cuxas estatuas figuran enriba do pórtico de columnas da Facultade de Xeografía e Historia. Diego Juan de Ulloa, á súa morte, no testamento, legou a súa importante biblioteca ao cabido catedralicio.[4]

O goberno do rei Carlos III encargoulle facer unha experiencia piloto da reforma da ensinanza universitaria.[4] Se ben en 1716, o claustro universitario formulara a necesidade de construír «un cuarto para libros» aproveitando o espazo «que promedia a torre do Colexio de Santiago Alfeo e o de San Xerome», Ulloa solicitou a Carlos III permiso para construír un novo edificio dedicado exclusivamente á Universidade e aos colexiais. O rei non concedeu dito permiso, se ben a expulsión dos xesuítas en 1767 implicou que ficase baleiro o seu convento (colexio e noviciado).[5] O 9 de agosto de 1769 o rei expediu unha Real Cédula pola que determina o traslado da Universidade e do Colexio de San Xerome ao convento-colexio dos xesuítas. O colexio da Compañía ocupaba un amplo espazo intramuros entre a porta de Mazarelos e o torreón de San Fiz de Solovio, soar onde se construíu a Universidade. E foi así como, en palabras de Bonet, a Universidade de Santiago foi «o último grande edificio construído a finais do Antigo Réxime dentro do casco antigo da cidade».[6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Diego_Juan_de_Ulloa&oldid=4827577"