Diego Sarmiento de Acuña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Diego Sarmiento de Acuña
Conde de gondomar.jpg
Nacemento1 de novembro de 1567
 Astorga
Falecemento2 de outubro de 1626
 Haro
NacionalidadeEspaña
Ocupacióndiplomático
editar datos en Wikidata ]

Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, nado en Astorga o 1 de novembro de 1567 e finado en Haro, Logroño, o 2 de outubro de 1626, foi un nobre galego coñecido como o "Maquiavelo español".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estatua en Gondomar, coa lenda:
"Don Diego
Sarmiento
de Acuña
1er Conde de
Gondomar
Diplomático
Defensor
das letras
e Amante
de Galicia."
.

Era fillo de García de Sarmiento. Foi gobernador da fortaleza de Baiona en 1595, correxedor de Toro e Valladolid e notario maior de Toledo.

Trato coa coroa española[editar | editar a fonte]

Entre 1613 e 1618, e entre 1620 e 1622, foi embaixador de Filipe III (e trala súa morte, do seu fillo Filipe IV) en Inglaterra. Neste labor gañou a amizade do rei Xacobe I, propiciando para a Coroa española importantes acordos e estables equilibrios internacionais.

En 1616 defendeu o Val Miñor dos ataques do corsario Francis Drake, polo cal foi nomeado conde de Gondomar polo rei Filipe III o 12 de xuño de 1617, co respaldo do Consello de Estado.

Posicionamentos verbo do Reino de Galicia[editar | editar a fonte]

Foi membro deste consello dende 1623. Foi nomeado Gobernador-Capitán Xeneral de Galicia en 1625 mais non chegou a tomar posesión.[1]

Defendeu para o Reino de Galicia o voto nas Cortes de Castela. Esta reclamación conseguiuse en 1622 grazas ao seu labor persuasivo ante Filipe IV. Deseñou políticas de defensa militar fronte aos ataques que sufría o litoral galego. Os proxectos tiñan unha dobre vertente: fortificación de determinados puntos e construción dunha escuadra pola Xunta do Reino de Galicia. Os cen mil ducados que se dedicaron a pagar a devolución do voto en Cortes investíronse nesta frota. Deixou especial pegada en Baiona.

Galego de dimensión internacional, sempre arelou manter os seus vencellos con Galicia; nunha carta de 1622 escribe: no ay jardines ni florestas en Inglaterra, como los robles y castaños de Gondomar.

As cartas[editar | editar a fonte]

Del consérvanse máis de 15.000 cartas, que nos permiten coñecer os recunchos da diplomacia e as relacións políticas e sociais da época. Tamén se conservan dirixidas a el en galego, porque os destinatarios sabían que o conde tiña en estima esta lingua. En total, foron publicadas dez cartas en galego no proxecto Gondomar,[2] dos seguintes remitentes (ordenadas cronoloxicamente):

  • Pedro Obeso de Oriona 1596
  • Lope Gallo de Avellaneda 1596
  • Juan de Lanzós y de Andrade 1598
  • María Moscoso y Sotomayor 1604
  • Sanjuan de Amorín 1605
  • Diego Sarmiento de Sotomayor 1605, 1605
  • Beatriz da Serra 1603 1603
  • Rodrigo Moscoso y Sandoval 1619
De enpregarme en causas de seu serviço con muyta certeça que ninguen con tanta vontade como eu aservirá, que en miña conciança que, quando eu non tibera a obrigaçon que o mundo save pola nobreça que en Vmd ("vosa mercede") coñeço o fijera A esos meus señores seus fillos de Vmd e primos meus ueyjo infinitas ueçes as mans e deus os faga en todo seus fillos de Vmd e de miña senara Dona Costança. A quens garde noso señor como eu seu criado desejo. Çamora, oje, sabado. Seu sobriño de Vmd. Don Juan de Lanços y de Andrade'
— Ano 1598. Carta en galego remitida a Diego Sarmiento de Acuña

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 31 de decembro de 2014. 
  2. "Rosario Álvarez / Ernesto González Seoane (eds.) (2017), Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega". 
  3. No libro "Retratos de Españoles ilustres, con un epítome de sus vidas, en la Imprenta Real de Madrid, siendo su regente D. Lázaro Gayguer, 1791."

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Maseda Maseda, Francisco Fidel, Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, 2011, Biblos, ISBN 978-84-15-08613-0.
  • Álvarez Blanco, Rosario; Rodríguez Montederramo, Xosé Luís: "Escrita epistolar en galego: a correspondencia de Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar (1567-1626)", Boletín da Real Academia Galega  365, 2004:253-291 (I); 366, 2005:225-303 (II).
  • Manso Porto, Carmen. Artigo: "GONDOMAR, Conde de" da Gran Enciclopedia Galega.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Diego_Sarmiento_de_Acuña&oldid=5153105"