Diocese católica latina de Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Diocese de Lugo
Lucensis in Hispania
Datos xerais
Sufragánea deSantiago de Compostela
Información
IgrexaIgrexa católica
RitosRito romano
Xerarquía
PapaFrancisco
Outros datos
Dioceses con nome Lugo.PNG

A diocese de Lugo (en latín: Dioecesis Lucensis in Hispania) é unha sé territorial galega da Igrexa católica latina sufragánea da arquidiocese de Santiago de Compostela. No ano 2004 contaba con 296.389 bautizados sobre 296.961 habitantes. Actualmente está presidida polo bispo Alfonso Carrasco Rouco.

Territorio[editar | editar a fonte]

A diocese comprende a parte meridional da provincia de Lugo, e inclúe ademais parroquias pertencentes ás provincias da Coruña e Pontevedra[1]. A sede episcopal é a cidade de Lugo, na que se acha a catedral de Santa María de Lugo.

O seu territorio abrangue uns 7.780 km² e está subdividido en 1.138 parroquias, agrupadas en 28 arciprestados. Lugo é a diocese con maior número de parroquias de toda España.

Historia[editar | editar a fonte]

Mapa do bispado de Lugo de 1768.

A diocese de Lugo foi creada en época antiga. Segundo tradición, infundada historicamente, o país galaico foi evanxelizado polo apóstolo Santiago, mais o primeiro bispo, Capitón, é de fins do século V. Inicialmente a diocese comprendía cerca da metade da Gallaecia.

A primeira catedral era moi antiga. No 832 era descrita como un edificio de extraordinaria beleza, constituíndo o modelo para a catedral de Oviedo.

A mediados do século VI cedeu unha porción do seu territorio setentrional para a creación da diocese de Bretoña (actual diocese de Mondoñedo-Ferrol). Apenas refundada, a fins do século XI a diocese de Lugo cedeu á diocese de Mondoñedo outra vez unha parte do seu territorio setentrional.

No 560 a diocese foi elevada ao rango de arquidiocese metropolitana, tendo como sufragáneas as dioceses de Tui, de Iria, de Bretoña, de Ourense e mais de Astorga. Lugo foi conquistada polos árabes en 713 e, reconquistada polos cristiáns, de modo que no ano 745 foi restabelecida coa súa dignidade metropolitana.

En 832 fóronlle asignadas á arquidiocese de Lugo as cidades de Braga e Ourense, coa condición de desprenderse delas cando houbese unha futura restauración das respectivas sedes. Os bispos residentes en Lugo usaron en tanto o dobre título de arcebispos de Braga e de Lugo. A primeira destas sedes que foi refundada foi a diocese de Ourense, no ano 886, segundo os seus supostos antigos límites, aínda que unha disputa territorial sobre deles chegaría a prorrogarse até a intervención do papa Lucio III no ano 1185.

A arquidiocese de Braga foi restabelecida no ano 1071 e, ao que parece, Lugo debía recibir nesta ocasión unha compensación territorial por parte da diocese de Oviedo. Con todo, as disputas con Braga non foron resoltas de todo ate o século XIV. No mesmo ano 1071 a diocese de Lugo perdeu o rango de arquidiocese metropolitana e pasou a ser sufragánea da arquidiocese de Braga, mais o 27 de febreiro de 1120 pasou a formar parte da provincia eclesiástica da arquidiocese de Santiago de Compostela.

No ano 1129 decidiuse a construción dunha nova catedral, que non sería rematada até 1880. En consecuencia, a catedral actual presenta unha estratificación de diversos estilos: románico, gótico, barroco e neoclásico.

O 13 de xuño de 1599 foi instituído o seminario diocesano, aínda que non iniciaría as actividades até 1624, probablemente debido a problemas económicos. Orixinariamente, cada arciprestado dirixiría un certo número de vacantes do seminario, determinado segundo a contribución económica do mesmo.

En 1645 a diocese estaba subdividida en 39 arciprestados, mentres dun mapa do ano 1768 colíxese unha subdivisión en 35 parroquias e tres priorados beneditinos, estes gobernados polo abade de Samos e que conformaban unha prelatura territorial (hoxe se define como abadía nullius). Esta prelatura territorial foi suprimida no século XIX, como consecuencia da exclaustración e a desamortización de Mendizábal. O 9 de agosto de 1890 aprobouse unha nova subdivisión parroquial, pero que sufriría numerosas reformas ao longo do século XX: 31 de decembro de 1934, 9 de xuño de 1942, 15 de setembro de 1955, 14 de agosto de 1964, 23 de xullo de 1970, 14 de xuño de 1985 e 28 de setembro de 1995.

O 17 de outubro de 1954, consonte o Concordato de 1953, foron modificados os confíns diocesanos, presuntamente para adaptalos aos das provincias civís.[2] En particular foron cedidas algunhas parroquias de fóra da provincia civil á diocese de Astorga, Mondoñedo e Ourense e foron agregadas á diocese outras parroquias que as dioceses de Ourense e Astorga e máis a diocese de Oviedo posuían na provincia de Lugo[3].

Bispos da diocese de Lugo[editar | editar a fonte]

España Sagrada. Tomo XLI. De la Santa Iglesia de Lugo, continuación de su historia desde el siglo XII hasta fines del XVIII.
  • San Capitón
  • Agrestio (ca 433).
  • Nitixio, Nitixis, Nitixisio ou Nitixesio (ca. 570-ca. 585).
  • Becila (ca. 589).
  • Vasconio (ca. 633 a 646).
  • Hermenfredo/Hermenexildo (desde 653 a 656).
  • Rectóxenes (ca. 657).
  • Eufrasio (ca. 681 até 688).
  • Potencio (ca. 695).
  • Odoario (bispo) (ca. 750 - ca. 780).
  • Adulfo (ca. 832).
  • Gladilano (842/850- ca. 861).
  • San Froilán (ca. 875-883).
  • Flaviano ou Flaiano (883 - ca. 885).
  • Recaredo (ca. 885-923/4).
  • Ero (924-941).
  • Gonzalo/Gudesteo (942-950).
  • Hermenexildo II. (950-985).
  • Paio (985- ca. 1000).
  • Diego (ca. 1017).
  • Suario (ca. 1022).
  • Pedro I (ca. 1022-1058).
  • Maurelo (1058-1060).
  • Vistrario (1060-1086).
  • Amor (1088-1096).
  • Pedro II. (1098-1113).
  • Pedro III. (1114-1133).
  • Guido (1134-1152).
  • Xoán (1152-1181).
  • Rodrigo I Menéndez (1181-1182).
  • Rodrigo II Fernández (1182-1218).
  • Ordoño (1218-1226).
  • Miguel (1226-1270).
  • Fernando Arias (1270-1276).
  • Juan Martínez (1277-1281).
  • Alonso Yáñez (1281-1284).
  • Arias Soga (1284-1286).
  • Fernando Pérez de Páramo (1286-1294).
  • Arias de Medín (1294-1300).
  • Rodrigo Martínez (1300-1306).
  • Juan Hernández (1307-1318).
  • Rodrigo Ibáñez (1319-1327).
  • Juan Martínez (1327-1348/9).
  • Pedro López de Aguiar (1349-1390), tamén bispo de Tui.
  • Lope de Salcedo (1390-1403).
  • Juan de Freijo (1403-1409).
  • Juan Enríquez (1409-1417).
  • Fernando de Palacios (1418-1434).
  • Álvaro Pérez de Osorio (1434-1440).
  • García Martínez de Bahamonde (1440-1445, 1ª vez), tamén bispo de Tui e Ourense.
  • Pedro Silva e Tenorio (1445-1447).
  • García Martínez de Bahamonde (1447-1475, 2ª vez).
  • Alonso Enríquez de Lemos (1476-1494/5).
  • Alonso Suárez de la Fuente del Sauce (1495-1500).
  • Diego Ramírez de Guzmán (7-II-1500 - 26-VI-1500, tamén bispo de Catania).
  • Pedro Ribera (1500-1530).
  • Martín Tristán Calvete (1534-1539, tamén bispo de Oviedo).
  • Juan Suárez Carvajal (1539-1561).
  • Francisco Delgado López (1561-1566, de Pun, terra de Santo Domingo de la Calzada, colexial de San Bartolomé, despois bispo de Xaén, morto en 1576).
  • Fernando Vellosillo Barrio (1567-1587).
  • Juan Ruíz de Villarán (1587-1591).
  • Lorenzo Asensio Otaduy Avendaño (1591-1599, tamén bispo de Ávila).
  • Pedro Castro Nero (1599-1603, tamén bispo de Segovia).
  • Juan García de Valdemora (1603-1612, tamén bispo de Tui).
  • Alfonso López Gallo (1612-1624, tamén bispo de Valladolid).
  • Diego Vela Becerril (1624-1632, tamén bispo de Tui).
  • Juan del Águila, nomeado en 1632, non chegou a tomar pose, por falecemento.
  • Diego Castejón Fonseca (1634-1636).
  • Juan Vélez de Valdivielso (1636-1641, tamén bispo de Ávila).
  • Pedro Rosales Encio (1641-1642).
  • Juan de la Serena Sánchez Alonso de Guevara (1643-1646).
  • Juan del Pozo Horta, O.P. (1646-1650, tamén bispo de León).
  • Francisco de Torres Sánchez de Roa (1650-1651).
  • Juan Bravo Lasprilla (1652-1660).
  • Andrés Girón (1660-1664).
  • Matías Moratinos Santos (1664-1669).
  • Juan Asensio (1669-1673, tamén bispo de Ávila).
  • Juan Aparicio Navarro (1673-1680, tamén bispo de León).
  • Antonio Medina Cachón y Ponce de León (1680-1685, tamén bispo de Cartagena).
  • Miguel de Fuentes y Altossano (1685-1699).
  • Lucas Bustos de la Torre (1700-1710).
  • Andrés Capero Agramunt, O. Carm. (1713-1719).
  • Manuel Santa Maria Salazar (1720-1734).
  • Cayetano Gil Taboada (1735-1745, tamén arcebispo de Santiago de Compostela).
  • Juan Bautista Ferrer y Castro (1745-1748).
  • Francisco Izquierdo y Tavira, O.P. (1748-1762).
  • Juan Sáenz de Buruaga (1762-1768, tamén arcebispo de Zaragoza).
  • Francisco Armañá Font, O.S.A. (1768-1785, tamén bispo de Tarragona).
  • Antonio Páramo Somoza (1785-1786).
  • Felipe Peláez Caunedo (1786-1811).
  • José Antonio de Azpeitia y Sáenz de Santa María (1814-1824, tamén bispo de Cartagena).
  • Hipólito Antonio Sánchez Rangel de Fayas, O.F.M. (1824-1839).
  • Santiago Rodríguez Gil, O.P. (1847-1857).
  • José de los Ríos Lamadrid (1857-1884).
  • Gregorio María Aguirre García, O.F.M. (1885-1894, tamén bispo de Burgos e Toledo).
  • Benito Murúa y López (1894-1909, tamén bispo de Burgos).
  • Manuel Basulto Jiménez (1909-1919, tamén bispo de Xaén).
  • Plácido Ángel Rey Lemos, O.F.M. (1919-1927).
  • Rafael Balanzá y Navarro (1928-1960).
  • Antonio Ona de Echave (1961-1979).
  • Xosé Gómez González (1980-2007).
  • Alfonso Carrasco Rouco (dende 2007).

Publicacións[editar | editar a fonte]

O seminario edita a revista semestral Lvcensia (subtitulada "Miscelánea de cultura e investigación"), que en 2014 ía polo volume XXIV, números 48 e 49[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diocese de Lugo
  2. Iso é o que ampara o concordato, pero na práctica non foi así en xeral, así Lugo mantén parroquias nas provincias da Coruña e Pontevedra, e a diocese de Astorga mantén aínda territorios na provincia de Ourense, por outra banda Mondoñedo está na provincia de Lugo porque esta foi ampliada con parte do seu territorio até a costa cantábrica
  3. En concreto Astorga cedeu o arciprestado de Quiroga e, en troca, recibiu varias parroquias da comarca do Valcarce, no Bierzo; o que ficou delimitado destes arranxo é que, practicamente, toda parroquia civilmente non galega, pero si culturalmente, pasase a mans dun bispado que asegurase formación castelanizante total dos cregos, claro que a adscrición a unha diocese galega tampouco garante párrocos galeguizados, por contra a historia recente mostra o contrario.
  4. Revista Lvcensia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Diocese_católica_latina_de_Lugo&oldid=5051057"