Edificio da Equitativa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Edificio da Equitativa
Vigo - Edificio da Equitativa 4.JPG
Edificio
Nome inicialLa Equitativa
Tipoedificio comercial e de vivendas
Estiloacademicista monumentalista, con toques clasicistas
LocalizaciónRúa Marqués de Valladares 21, Vigo, Galicia, España
Remate1948
Equipo
Arquitecto(s)Manuel Cabanyens Mata

O Edificio da Equitativa (La Equitativa) é un inmoble senlleiro que se atopa no chafrán das rúas Marqués de Valladares e Reconquista, no centro da cidade de Vigo. O edificio proxectouno en 1948 o arquitecto asturiano Manuel Cabanyes Mata nun estilo academicista monumentalista, con toques clasicistas, mantendo unha linguaxe característica desta etapa de posguerra con ornamentación que lembra o eclecticismo. O edificio foi deseñado para acoller a sede dunha compañía aseguradora (hoxe integrada en AXA[1]) e vivendas.

Detalle da deusa da xustiza, figura feminina que representa a compañía aseguradora.

La Equitativa era unha filial española da compañía de seguros estadounidense The Equitable Life Assurance Society of the United States. No século XIX a compañía coñecíase en España co nome La Equitativa de los Estados Unidos, porén o nome veuse acurtado a La Equitativa logo de que en 1898 o pobo arrincase o escudo dos EUA que decoraba o pazo madrileño da empresa por mor da guerra de Cuba[2].

Trátase dun edificio simétrico no cruzamento das rúas Marqués de Valladares e Reconquista, que forman un chafrán arredondado, onde o edificio ten a súa entrada principal. A fachada é de cantaría de granito galego, e conta con soto na baixada da rúa, planta terrea, un elevado entresollado, cinco andares e un andar adicional no chafrán a xeito de corpo torreado de decoración clasicista e rematado cun pavillón circular con columnas toscanas pareadas e unha fornela da deusa da xustiza, coa balanza na man e a verba Equitas gravada na peaña, símbolo da compañía aseguradora. Cómpre salientar as cornixas sobrevoadas,a primeira separa o entresollado do resto dos andares e a segunda rematando os andares antes de se elevar a torre. O segundo andar do chafrán ten un balcón corrido sustentado sobre canzorros[3]. O entresollado ten unhas pilastras decorativas e grandes columnas par da porta principal que resaltan o uso comercial desta parte do edificio[4].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Edificio_da_Equitativa&oldid=4539018"