Editorial Citania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Editorial Citania foi unha editorial galega creada no exilio, en Buenos Aires (Arxentina) fundada en 1957 polo artista gráfico e escritor galego Luís Seoane e por Diego Díaz Dorado (Centro Lucense). Uníronse a eles Antonio Baltar (membro de AGUEA), Manuel María Varela e Perfecto López, quen presidiría a editorial. No ano 1959, a actividade de Citania cesou, mais a pesar da súa brevidade tivo importancia na época polo seu esforzo no desenvolvemento e no coñecemento do acervo artístico-cultural de Galiza[Cómpre referencia]. O nome fai referencia a un tipo de poboado fortificado castrexo (aínda que esta denominación está obsoleta), e o emblema é un tríscele celta. O finda editorial era a publicación de obras de escritores censurados e exiliados e a achega de solucións para a situación socio-política, ecónomica e cultural de Galiza. Alén diso, Citania derivou do labor de compromiso coa realidade galega e co galeguismo, coa reapropiación da memoria histórica e a rexeneración cultural e artística de Galiza.[1]

A fiestra valdeira

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A Editorial Citania fundouse en 1957, coincidindo coa fin do labor de Luís Seoane en Ediciones Galicia e nunha situación de afianzamento económico do artista. Nunha carta a Francisco Fernández del Riego, Seoane explicaba que abundaban entre os accionistas xente pobre e que, ademais de traballar gratis, el mesmo invertera parte dos seus aforros. O certo é que a editorial non fóra creada con fins económicos máis lonxe de aumentar o capital inicial para garantir a súa supervivencia.[2] Na presentación de Citania no programa radiofónico Galicia Emigrante, Seoane falaba das subscricións como principal modo de venda, aínda que o número de subscritos alcanzado será mínimo.

O proxecto da Editorial Citania, aínda que naceu sen un programa definifido, tivo como propósito promover os autores galegos censurados no país e os exiliados en América. En plena posguerra, a editorial era unha  continuación do traballo de artistas, escritores e demais personaxes galegos que perseguían a rexeneración e desenvolvemento da cultura e arte da Galiza tras a Guerra civil española mediante editoriais (Nova, Emecé, Alborada), programas de radio (Galicia Emigrante, A hora Iberoamericana), traballos xornalísticos etc. Tal e como o dicía Seoane, esta era unha obra "de divulgación cultural (...) para engrandecer o nome de Galicia nas repúblicas americanas." "Non se trata dunha empresa interesada en favorecer a este ou a outro núcleo partidista da colectivididade, a un ou a outro ideal. Trátase dunha empresa que non ten máis programa que o de facer coñecer entre propios e estranos o espíritu de Galicia". [3]

Como moitas das editoriais galegas no exilio[Cómpre referencia], Citania viu o seu fin en 1959 (nun contexto, ademais, de declive do ámbito editorial) debido as escasas vendas das súas publicacións de literatura galega, sen fixar un mercado autóctono americano ou inmigrante. Seoane dirixíase así a Díaz Dorado: “languidece, a pesar de nuestros esfuerzos” [4].

Hoxe en día, con mesmo nome e similar obxectivo (a difusión da cultura e arte galegas en distintos ámbitos), a editorial lucense Citania Publicacións[5] publica e difunde libros e demais materiais gráficos en lingua galega.

Coleccións e publicacións[editar | editar a fonte]

En Citania foron publicadas un total de 17 obras, oito en galego e once en castelán, as cales foron publicadas en cinco coleccións a excepción de Poemas para mi retorno, de Víctor Luis Molinari e Figurando recuerdos, de Luis Seoane. A colección “Martín Sarmiento” foi focada a cuestións económicas e xurídicas da Galiza; “Idacio”, ensaio; na colección “Mestre Mateo”, publicáronse obras de narrativa e teatro; “O Dolmen de Dombate” estaba destinada á temática cultural do país; a colección “Herba de Namorar” recollía a lírica.

Nas catro coleccións pódense recoñecer características do proxecto do Centro Lucense, ideado en 1950 por Díaz Dorado e Seoane e rexeitado (Axeitos y Seoane 1994: 21-22). Deste modo reaparecen as coleccións “Idacio”, “Mestre Mateo”, e “Herba de namorar”. Tamén cabe salientar a exclusividade do galego nas dúas últimas coleccións mencionadas, que en 1950 Seoane e Díaz Dorado consideraran para a editorial do Centro. Así mesmo, contemplábase a posibilidade de publicar reedicións, que será o caso de A fiestra valdeira de Rafael Dieste. Por último, o método de venda co que a editorial pretendía era mediante subscrición (“un mínimo de mil subscritores”, Seoane 1989: 427), de igual modo que no centro.

Algunhas publicación que cabe resaltar son, ademais da reedición de A fiestra valdeira, A esmorga de Eduardo Blanco Amor e Non agardei por ninguén de Ramón de Venezuela Otero, na que se relata a vida do guerrilleiro Gonzalo Ozores e que constitúe a primeira novela en galego sobre a Guerra civil española[Cómpre referencia]; e Figurando recuerdos, de Luís Seoane, unha edición limitada con 24 ilustracións de Seoane para as portadas da revista Galicia Emigrante.

Colección Martín Sarmiento
Colección Idacio
Colección Mestre Mateo
Colección O dolmen de Dombate
Colección Herba de namorar
Fora de colección

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Editorial_Citania&oldid=4962386"