El Catón Compostelano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
El Catón Compostelano, na exposición Galicia 100.

El Catón Compostelano foi o primeiro periódico de Galicia. O primeiro número apareceu o 1 de maio de 1800 na cidade de Santiago de Compostela.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

El Catón Compostelano, que Eugenio Carré Aldao alcumou como “primeiro xornal galego”, veu a luz en Santiago de Compostela no ano 1800. Trátase dunha publicación semanal na que se tocaban temas de corte erudito e polémico, dende a necesidade da educación das mulleres ata a orixe das linguas de España; da paz, a liberdade ou o tempo, á necesidade dunha Historia Natural de Galicia ou a descrición dunha “embarcación que poida navegar polo ayre”. Este xornal tivo unha curta existencia de menos de seis meses. Cada entrega era presentada como un Discurso e todo apunta a que era Francisco del Valle-Inclán -catedrático, bibliotecario e reitor da Escola de San Clemente de Santiago de Compostela- o factótum da publicación.

No ano 2000 o Consello da Cultura Galega celebrou o bicentenario da súa aparición editando un facsímile, xunto cun volume de Estudos. O exemplar escolleito para a realización desta reprodución foi o adquirido polo CCG ós herdeiros de Ramón Vázquez Salgado. Componse esta colección de vinte e un discursos, o mesmo número de entregas que ten a serie que atesoura a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre da Coruña.

O único exemplar completo consérvase na Biblioteca do Seminario Maior de Ourense, que procede da biblioteca que en testamento doou o cóengo arquiveiro e bibliófilo ourensán Emilio Duro Peña. Consta de vinte e dous encadernados en pergamiño.

A reprodución de El Catón Compostelano ofrécea en formato PDF o Consello da Cultura Galega na súa páxina web, ata o Discurso XXI e o Discurso XXII -que completa o Discurso XXI, e que falta no facsímile-[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pódese descargar, no mesmo formato, na páxina Web da Biblioteca do Seminario Maior de Ourense

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=El_Catón_Compostelano&oldid=4085748"