Enrique Vidal Abascal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Enrique Vidal Abascal
Medalla Castelao Galiza Spain.png
Nacemento 12 de outubro de 1908
Lugar Oviedo, Asturias Asturias
Falecemento 31 de outubro de 1994 (86 anos)
Lugar Santiago de Compostela, Galicia Galicia
Nacionalidade España
Obras e premios
Premios Medalla Castelao

Enrique Vidal Abascal, nado en Oviedo o 12 de outubro de 1908 e finado en Santiago de Compostela o 31 de outubro de 1994, foi un matemático, astrónomo e pintor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Doutor en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Madrid (1944), presentando unha tese, dirixida por Ramón María Aller Ulloa, que trataba sobre as órbitas de estrelas duplas [1].

Exerceu a docencia en Galicia, onde residiu desde a súa nenez, primeiro como catedrático de Instituto e, desde 1955, como catedrático de Xeometría Diferencial da Universidade de Santiago de Compostela sendo, desde a súa creación en 1968, decano da Facultade de Ciencias Matemáticas de dita universidade, até a súa xubilación.

Está considerado pioneiro no aperturismo matemático internacional da posguerra española, organizando o primeiro Coloquio Internacional de Matemáticas celebrado en España (1963)

Foi promotor da Real Academia Galega de Ciencias, da que foi o seu primeiro presidente, sendo designado posteriormente presidente de honra, e director do Seminario de Estudos Matemáticos de Santiago de Compostela entre 1967 e 1978.

O labor investigador de Vidal Abascal versou sobre Xeometría Diferencial e Integral (curvas e superficies) e, en astronomía, no cáculo de órbitas de estrelas duplas.

Introduciu en España o estudo de Foliacións, así como a noción de métrica case fibrada; Vidal e o profesor Hervella encontaron dúas novas xeometrías pseudokahlerianas, que denominaron G1 G2 (Galegas 1ª e 2ª).

Inventou un aparello, o orbígrafo (construído en Zürich) para o cálculo das órbitas de estrelas duplas, que aínda segue a usarse no Observatorio Astronómico de Santiago. Ao respecto do seu labor investigador sobre estas estrelas, o Observatorio Astronómico de París, escribía en 1979:

"...o conxunto das súas investigacións (...) constitúe sen dúbida ningunha (...) a maior e máis importante contribución dos nosos tempos ao estudo das estrelas duplas. Por outro lado, Vidal non só se limita á teoría, senón tamén á aplicación práctica dos seus métodos, inventando e facendo construír (...) o seu enxeñoso aparello orbígrafo, que (...) é usado por numerosos investigadores."

Entre 1972 e 1977 ditou relatorios e cursos na École Polytechnique de Lausana e na Universidade VI de París.

Pertenceu á Sociedade Americana de Matemática (American Mathematical Society), ao Círculo Matemático de Palermo (Círcolo Matemático di Palermo) é a Sociedad Matemática Española. Así mesmo, foi membro da Real Academia Galega, na que ingresou o 27 de marzo de 1971.

Obras[editar | editar a fonte]

Quizais as súas máis salientábeis publicacións sexan

  • Geometría integral sobre las superficies curvas
  • Fundamentos de la Geometría Integral, e
  • Introducción a la Geometría Diferencial (1956).

Ademais destas obras publicou:

  • Curso de matemáticas (1957)
  • Libro de problemas de Matemáticas (1961)
  • La nueva matemática (1961)
  • Cálculo de órbitas de estrellas dobles vusuales (1963).

A súa produción complétase cuns cen artigos, algúns deles aparecidos en revistas como:

  • Astronomical Journal (Yale)
  • Journal of Differential Geometry (Leigh University)
  • Proceedings of the American Mathematical Society (EE.UU.)
  • Bulletin of the American Mathematical Society (EE.UU.)
  • Annales de l’Institut Fourier (Grenoble, Francia)
  • Comptes Rendus de l’Académie des Sciences (París)
  • Rendiconti dei Círcolo Matemático di Palermo (Palermo) ou
  • Tensor N.S. (Xapón).

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • Premio Alfonso X El Sabio, outorgado polo CSIC en 1949, polo seu traballo Geometría Integral sobre las Superficies Curvas.
  • Premio da Real Academia de Ciencias, en 1953, por Fundamentos de la Geometría Integral.
  • Prize of the Royal Academy of Exact, Physical and Natural Sciences, en 1953, por Generalización de los Invariantes Integrales, e en 1959 por Equivalencia entre algunos problemas del Cálculo de Variaciones, la Teoría de los Invariantes Integrales Generalizados y la Geometría Integral.
  • Officier dans l' Ordre des Palmes Académiques, condecoración concedida polo goberno francés, en 1974, polas súas relacións científicas con Francia.

Os espazos case-foliados (almost-foliated manifolds) son coñecidos coma espazos de Vidal na súa honra, e as estruturas case hermíticas coma G1-G2, por Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Enrique_Vidal_Abascal&oldid=4513896"