Estación de Vigo-Urzáiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Coordenadas: 42°14′05″N 8°42′46″O / 42.23472, -8.71278

Vigo-Urzáiz
Adif Alta Velocidad Vigo-Urzáiz.JPG
Estación de Vigo-Urzáiz
Situación Praza da estación, Vigo
Servizos Cafetaría, aparcamento
Liñas
Media distancia MD, Rexional
Intermodalidade
Aiga taxi.svg
Taxi
Si

A estación de Vigo-Urzáiz é unha estación de ferrocarril de Adif na cidade de Vigo, pertencente ao Eixe atlántico de alta velocidade. A edificación actual inaugurouse oficialmente o 16 de abril de 2015[1] e, dous días máis tarde, abriuse ao público.[2]

Está situada na Praza da Estación, no céntrico barrio de Casablanca da cidade viguesa, próxima á rúa Urzáiz. Está no mesmo lugar onde se atopaba a antiga estación de Vigo, que foi demolida en 2011 e substituída provisionalmente pola estación de Vigo-Guixar.[3] Actualmente esta última concentra os servizos de longa e media distancia, mentres que a de Urzáiz presta servizos de alta velocidade.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeira estación de Vigo, no século XIX.

Primeira estación (1878)[editar | editar a fonte]

A estación de tren de Vigo foi proxecto do ano 1860 do enxeñeiro Francisco Javier Boquerín. As obras concluíron en 1878, tres anos antes da finalización da liña Ourense-Vigo, o primeiro servizo ferroviario partiu dela o 18 de xuño de 1881. En 1923 construíuse unha nova planta nas ás laterais, quedando á mesma altura da parte central do edificio.[4]

No ano 1981 concluíron as obras de electrificación da liña Monforte-Ourense-Vigo, permitindo así a chegada dos primeiros servizos con trens eléctricos, sendo as UT 440 as encargadas de inaugurar devandita electrificación, e permitindo posteriormente a chegada de trens máis rápidos e máis potentes a Vigo, como as UT 444 ou as locomotoras 251 ou 252, sendo tamén locomotoras habituais por esta zona ata a súa baixa as locomotoras 277. A electrificación é desde a súa orixe a estándar de Renfe a 3 kV CC.

O edificio da antiga estación está protexido como Ben de Interese Cultural por Resolución do 6 de outubro de 1990 da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental, DOG nº 231 do 23 de novembro de 1990.[5]

Segunda estación.

Segunda estación (1987)[editar | editar a fonte]

No ano 1987 construíuse o segundo edificio da estación, que foi inaugurado o 28 de setembro de 1987, substituíndo á antiga estación orixinal. Ambas as estacións conviviron ata finais da década de 1990, á espera de que se decidise cal ía ser o uso do edificio da antiga estación, expondo entre outras posibilidades a instalación do Conservatorio Profesional de música de Vigo, non chegando a materializarse este proxecto e sendo finalmente a primeira estación desmantelada, e as súas pedras almacenadas na parcela de Mantemento de Infraestruturas de Adif na estación de Redondela.

Acceso á nova Estación Vigo-Urzáiz.

Terceira estación (2015)[editar | editar a fonte]

En xaneiro 2011 o Ministerio de Fomento adxudicou á UTE formada polas empresas FCC Construcción e Acciona Infraestructuras as obras de nova estación de Vigo-Urzáiz, cabeceira do Eixe atlántico de alta velocidade. O orzamento da adxudicación ascendeu a 68,4 millóns de euros.[3]

O proxecto consiste na execución da obra civil a nivel de praia de vías (nivel de plataformas) da nova estación de Vigo-Urzáiz, a cal se sitúa no mesmo lugar que a estación de 1987, pero a unha cota 15 m inferior, como consecuencia do trazado adoptado para o acceso a Vigo da nova liña ferroviaria do Eixe atlántico, e cuxo acceso se realiza, desde Redondela, a través dun túnel de 8 km de lonxitude, o túnel das Maceiras.[3]

Superficie.

A nova estación, que será intermodal proxectouse cun total de seis vías, con catro plataformas de 400 m de lonxitude e de entre 10 e 12,7 m de anchura, situados de forma que todas as vías sexan operativas para o tránsito de viaxeiros.[3]

O 27 de agosto de 2011 pechouse temporalmente a estación de Vigo, procedendo á demolición de todas as instalacións incluíndo as naves de mantemento para proceder á construción dunha estación subterránea a 15 metros por debaixo da cota orixinal. Os servizos ferroviarios desviáronse á ata entón estación de mercancías de Vigo-Guixar ata a reapertura da estación en 2015 en que se producirá unha repartición de servizos, os servizos de alta velocidade faranse dende Vigo-Urzáiz e os servizos convencionais e o enlace internacional con Portugal continuaran na estación de Vigo-Guixar. Os talleres de mantemento foron trasladados definitivamente á estación de Redondela en xullo de 2012.

Escaleiras mecánicas desde a plataforma da estación ao nivel da rúa.

A continuación iniciáronse as obras da infraestrutura ferroviaria que finalizaron en marzo de 2015. Inicialmente íase construír un centro comercial Vialia enriba do caixón ferroviario pero a falta de interese dos promotores privados fixo aprazar a obra, tendo as estruturas preparadas para a súa futura construción. Debido a iso tívose que construír un edificio provisional fóra da parcela para poder dar servizos ferroviarios, preparado para compatibilizar coas futuras obras do Vialia.

O 6 de marzo de 2015 entrou o primeiro tren, serie 121 de Renfe, á nova estación en probas.[6]

O 16 de abril de 2015, 14 nos despois de que se asinara o convenio para actualizar o trazado ferroviario que vertebra Galicia, realizouse a viaxe inaugural, coa presenza da ministra de Fomento Ana Pastor e o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, desde a estación da Coruña, inaugurando así esta a nova terminal Vigo-Urzáiz deseñada por Tom Mayne.[1]

Finalmente, o sábado 18 de abril de 2015 entrou en servizo comercial a liña de alta velocidade Vigo-Coruña e viceversa, cunha oferta de dez frecuencias diarias por sentido que unirán ambas as cidades nun tempo de viaxe de 83 minutos, o que representa unha diminución de 47 minutos respecto á anterior.[2]

Servizos ferroviarios[editar | editar a fonte]

Media distancia[editar | editar a fonte]

Actualizados a 10 de xuño de 2016.

Liña Trens Orixe/Destino <> Destino/Orixe
1 MD A Coruña
Santiago de Compostela
Pontevedra
Vigo-Urzáiz

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Imaxes da segunda estación (1987)
2º edificio (1987). Foi demolido para facer a estación actual. 
Interior. 
Trenhotel na estación. 
Imaxes da terceira estación (2015)
Obras da nova estación da AVE, en 2012. 
Vista xeral da nova estación, en obras. 
Acceso, en obras. 
Plataformas, en obras. 

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Estación_de_Vigo-Urzáiz&oldid=4671806"