Exilio galego de 1936

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Exilio galego de 1936 está formado polo conxunto de cidadáns galegos que tiveron que abandonar o país no período comprendido entre o inicio da guerra civil española (1936-1939) e a inmediata posguerra, ante o perigo de represalias pola súa significación política na II República, especialmente en movementos de esquerdas ou galeguista. Ata o 2001 había censados 2.141[1] exiliados galegos.

Tipoloxía do exilio[2][editar | editar a fonte]

A maioría dos exiliados procedían do territorio republicano, xa que a situación xeográfica no momento de Galiza, limitando ao norte e oeste co Océano Atlántico, ao sur co Portugal Salazarista e ao leste temporalmente con territorio leal á II República, antes do avance das tropas nacionais en Asturias, dificultaba a fuxida.

En canto á cronoloxía, pódese distinguir as seguintes fases:

  1. Xullo-agosto de 1936
  2. Setembro-abril de 1939
  3. Período posterior á guerra civil:
    1. Década dos 40: fuxidos e guerrilleiros que foxen de Galiza vía Portugal, polo mar ou atravesando a península até Francia.
    2. Década dos 50: nesta década prodúcese unha diminución de exiliados e polo xeral trátase de persoas que conseguen abandonar Galiza legalmente, aínda que por motivacións políticas.
    3. Anos 60-73: persoas dunha nova xeración que se ven obrigadas a deixaren o país pola súa significación política.
    4. 72-75: provocado polas folgas de Ferrol e Vigo de marzo do 72 e polo aumento da axitación política.

Dentro desta cronoloxía poden superporse os seguintes itinerarios:

  • Os fuxidos dos primeiros meses: trátase do exiliado que se converte en fuxido nos primeiros meses. Politicamente comprometido, trasládase por vía marítima, por Portugal ou polo monte a territorio republicano. Tras a caída de Cataluña, segue o mesmo destino que o exilio republicano.
  • O fuxido: non puido fuxir nos primeiros momentos nin a territorio republicano nin a América.
    • A fuxida por mar: protagonizada principalmente por mariñeiros e residentes das vilas costeiras: Nos primeiros días da guerra saíron de Galiza varios barcos e bous que recalaron en portos do mar Cantábrico, Francia ou Inglaterra. Malia o perigo de seren detidos pola policía portuguesa, algúns barcos recalaron na costa de Portugal. Segundo distintos cálculos foron 40[3] barcos os que saíron de portos como A Coruña, Muros, Noia, A Pobra do Caramiñal, Malpica, Cariño, Ferrol e Ares.
    • Fuxida cara a Portugal por vía terrestre: O perigo de fuxir a Portugal viña dado pola Garda de Fronteiras e PVDE, que procedían á súa expulsión. A integridade dos fuxidos dependía en boa parte dos contactos que tivesen ao norte do Miño. Estas redes transfonteirizas podían ser de parentesco ou o contacto con opositores ao salazarismo, aínda que moitos labregos trasmontanos e do Minho albergaban fuxidos na súa casa a cambio de que colaborasen nas tarefas agrícolas. Por último aínda hai que ter en conta a existencia de contrabandistas que facilitaban a fuxida ou mesmo documentación aos fuxidos a cambio de diñeiro. Unha vez chegados a Portugal, o máis frecuente era o embarque ilegal cara a América e Francia.
    • Alistamento no exército franquista: co fin de protexer a vida e coa esperanza de pasarse ao bando republicano. Moitos conseguiron cambiar de bando, aínda que moitos tiveron que loitar até o final da guerra no bando nacional.
  • O exiliado por azar xeográfico: galegos que no momento da sublevación estaban en territorio leal á república. Inclúense aquí políticos, estudantes na universidade de Madrid, mais tamén emigrantes estacionais, como xornaleiros, ou permanentes. Neste caso a súa sorte posterior sería a mesma que a do exilio republicano. Tras a caída de Cataluña, serían internados en campos de concentración franceses, desde onde procurarían traballo en Francia ou o embarque cara a América. Os que non conseguiron embarcarse, tiveron que soportar a ocupación nazi e os menos afortunados foron dar a campos de concentración nazis.
  • O fuxido ou guerrilleiro de Posguerra: os que se evadiron do cárcere despois do 39 ou se viron obrigados a escapar polas denuncias ou persecucións políticas.
  • O legalmente emigrante a partir de marzo do 46: moitos deles obedecen ao reagrupamento familiar ou polas causas sinaladas no punto anterior.

Os destinos do exilio galego[editar | editar a fonte]

A subida ao poder nos 30 dos nazis ao goberno alemán e a guerra civil española fixo que os distintos estados repensasen a súa política inmigratoria no referido a perseguidos por razóns relixiosas, políticas ou étnicas. A partir do 1936 EEUU e países de América Latina mostran a súa hostilidade cara a esa categoría de inmigrantes.

O exilio galego dirixiuse principalmente cara a América. O destino dependía da situación de política en que se achaba cada estado e da actitude cara aos exiliados, que podía ir da política de portas abertas á máis restritiva. Así o triunfo de políticas autoritarias na época en países como Guatemala, Nicaragua, Honduras ou El Salvador supuxera xa a ruptura de contactos co goberno da II República e en consecuencia unha actitude belixerante cara aos exiliados. No outro extremo temos a política de México, destino maioritario do exilio republicano dada a actitude do seu presidente de Lázaro Cárdenas. Para a entrada de refuxiados noutros países xogou un papel moi importante a presenza de emigrantes radicados con anterioridade á guerra civil, que por medio de trámites específicos puideron reclamar parentes e amigos.

A axuda aos refuxiados canalizábase primeiramente por medio do SERE, Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles e, posteriormente, a través do JARE, Junta de Ayuda de Refugiados Españoles.

Francia[editar | editar a fonte]

Francia foi nun principio o escenario dun dos movementos de poboación máis importantes do século XX. Conducidos nun principio a un campo de concentración en circunstancias pouco favorábeis, os refuxiados agardaban atopar praza nun barco con destino México ou Chile. Os que non puideron embarcarse e ficaron definitivamente en Francia compoñen un grupo cunhas características que os afastan dos exiliados noutros países. Así, a maioría deles pertencen a unha extracción social media ou baixa e moitos militan no anarquismo ou socialismo.

Unión Soviética[editar | editar a fonte]

A Unión Soviética foi un destino moi minoritario, principalmente de militares membros do Partido Comunista de España. O caso máis coñecido é o de Enrique Líster. Un grupo de exiliados republicanos constituíano aviadores, que completaban nese país a súa formación e mariñeiros enrolados no “Cabo de San Agustín”, na súa maioría galegos. Ao rematar a guerra ofrecéuselles a posibilidade ou ben de retornar a España ou ficar na URSS, mais non ir a terceiros países como era o desexo dos propios refuxiados. Os que non quixeron o regreso foron recluídos na rexión siberiana de Yakutia. Morreron nesta reclusión o pobrense Ricardo Pérez Fernández e o vivariense Francisco Ruíz García. Algúns puideron retornar tras a morte de Stalin en 1954.

México[editar | editar a fonte]

Carlos Velo, cineasta galego, exiliouse en México.

México foi o destino maioritario do exilio galego, representado nun 43%[1] do exilio total. Isto foi debido á posición institucional de Lázaro Cárdenas. O apoio do presidente á república débese en parte a razóns de política interna, xa que pretendía contrarrestar as posicións máis reaccionarias na esquerda mexicana. Deste xeito, demostrou o apoio á república no envío de armas e na chegada dos primeiros refuxiados, os nenos de Morelia en 1937. Creou a Casa de España, posteriormente Colegio de México, para a actividade de intelectuais españois. As expedicións máis importantes foron as do Sinaia, Ipanema e Méxique chegados a Veracruz a mediados de 1939. O perfil destes refuxiados é xeralmente o de intelectuais e traballadores altamente cualificados. As súas relacións coa sociedade mexicana ou coa colectividade española radicada no país varían dun sector a outro. Así, contaron coa simpatía do sector gobernamental e dos intelectuais, mais desconfianza desde a dereita e mesmo etnofobia desde os sectores nacionalistas radicais. Canto á relación coa colectividade española, foi polo xeral de desconfianza ou mesmo desprezo.[Cómpre referencia]

Cuba[editar | editar a fonte]

Ao estalar a guerra, o goberno da illa mantivo unha actitude encamiñada ao recoñecemento do goberno de Burgos. Porén, cara a finais de 1937, Fulgencio Batista, nun intento de achegamento ao Partido Comunista Cubano, modificou en certa medida a actitude cara á república, favorecida polo apoio á causa republicana da sociedade cubana e de boa parte da colectividade española radicada na illa. As axudas á república canalizáronse por medio da Casa de la Cultura y la Asistencia Social, do Partido Comunista cubano e de asociacións masónicas. Neste contexto realiza Castelao a súa viaxe. A finais de 1938 e principios de 1939, percorre a illa, participando en numerosos actos para a recollida de axudas. Ao mesmo tempo, participa de maneira activa nas eleccións para a dirección do Centro Gallego de La Habana, apoiando a candidatura de esquerdas, Hermandad Gallega, presidida polo exiliado pontevedrés, Gerardo Álvarez Gallego. Malia o apoio de Castelao, imponse a candidatura de dereitas, Afirmación Gallega. Este triunfo supuxo a saída de asociacións do Centro Gallego. Estas asociacións serán posteriormente determinantes no apoio aos refuxiados.

Polo xeral, Cuba foi un destino indirecto, ao que chegaban persoas de terceiros países, e de tránsito, xa que moitos se instalaban no país, mais con planos de iren a outros. Porén, foi tamén un destino directo, principalmente para exiliados que tiñan vínculos familiares. A reinserción laboral dos exiliados non foi doado, debido á existencia dunha única universidade na illa e ás trabas para exerceren a docencia nela. No entanto, moitos traballaron na prensa escrita e en institucións culturais como a Institución Hispanocubana de cultura ou o Lyceum da Habana. Ademais, un conxunto de exiliados en colaboración con cidadáns cubanos fundaron en 1939 a Escuela Libre de La Habana, inspirada na Institución Libre de Enseñanza. Nesta escola, tiveron un papel destacado os exiliados galegos Pedro Riveiro, Lois Tobío Fernández, Xoán López Dura e José Rubia Barcia.

República Dominicana[editar | editar a fonte]

Malia as simpatías de Leónidas Trujillo por Francisco Franco, o ditador dominicano si permitiu a entrada de exiliados. As razóns serían o desexo de limpar a imaxe do seu goberno, moi deteriorada internacionalmente despois da matanza de 15.000 haitianos e un plan de branquear a illa, así como o plan de creación de colonias agrícolas. Como resultado das negociacións con distintos organismos republicanos, chegaron ao país distintas expedicións entre 1939 e 1940. O plan de creación de colonias agrícolas non deu os resultados agardados debido a que apenas había agricultores entre os exiliados. Ademais, a República Dominicana foi un destino de tránsito e dun total de 3.132[4] exiliados, unicamente un terzo ficou no país. A colonia española estaba composta por 1500 persoas, dedicadas maioritariamente ao comercio minorista e importación e constituían un grupo económico poderoso. En defensa dos seus intereses económicos, apoiaron o bando franquista. Este sería o caso da reducida colonia galega, procedente na maioría da Guarda. A pesar disto, parece que na súa relación cos exiliados primou a solidariedade étnica. Canto á relación coa sociedade dominicana, a influencia do exilio español foi decisivo no movemento obreiro e nos núcleos comunistas.

Colombia[editar | editar a fonte]

Malia o apoio á república do presidente radical Afonso López Pumarejo (1934-1938), isto non levou á aceptación de exiliados. Porén, o seu sucesor Eduardo Santos (1938-1942) permitiu a entrada de 200 refuxiados españois, relacionados coa medicina e química. Este foi o caso do reducido número de exiliados galegos neste país.

Venezuela[editar | editar a fonte]

No caso venezolano o exilio aparece estreitamente vinculado á inmigración económica. Na década dos 30, despois da morte do ditador Juan Vicente Gómez en 1935, iníciase un proceso de modernización que requiría man de obra. En 1945, coincidindo a fin da segunda guerra mundial, o recoñecemento do goberno republicano do exilio por parte da Junta Revolucionario de Gobierno, cuxo Cónsul Xeral e Delegado de Negocios era o exiliado galego Jesús Vázquez Gayoso, abriulles a porta a exiliados procedentes de Francia, España ou outros países americanos. O Lar gallego, constituído en 1945 en Caracas e presidido por Xosé Velo Mosquera desde 1956, nucleou as actividades políticas e culturais dos exiliados galegos.

Brasil[editar | editar a fonte]

O Brasil foi un destino minoritario. No caso dos galegos, só recalaron neste país algúns fuxidos desde Portugal ou persoas que tiñan alí un vínculo de parentesco.

Perú[editar | editar a fonte]

A actitude do goberno peruano de Óscar Benavides optou pola política de prescindencia, aínda que simpatizaba con Franco. Así, expulsou ao agregado cultura da embaixada española, Vicente Gómez Paracha, leal á república, acusado de comunista. A oposición da Igrexa e as divisións internas da esquerda, imposibilitaron actuacións en favor dos refuxiados republicanos. Ao contrario doutros países americanos, non acolleron intelectuais. Todos estes elementos, sumados ao feito de que Perú non foi xeralmente un destino da emigración galega, explica a escasa afluencia de exiliados galegos ao país andino. Unha das excepcións constituírona un grupo de mariñeiros de Malpica que tiveron este país como destino indirecto. Este grupo de mariñeiros, tras unha tempada no campo de Argeles Sur Mer (Francia), embarcaran cara ao norte de Chile no Winnipeg en setembro de 1939. A súa segunda emigración a Perú débese á acción de Benigno Lago Estévez, natural de Corcubión, que tras emigrar en 1920 á localidade arxentina de Río Gallegos, onde fixera unha notábel fortuna, trasládase a Perú en 1931. Neste país funda varias empresas galegas. Despois de saber da presenza de coterráneos no norte de Chile, contrátaos para traballar nas súas empresas dos portos de Ilo e Chimbote. Moitos deles fóronse desligando posteriormente ás empresas de Lago Estévez para montaren as súas propias empresas ou mercaren barcos.

Chile[editar | editar a fonte]

Chile, baixo a presidencia da Frente Popular, foi xunto con México o país que amosou unha política máis aberta cos refuxiados dos campos de concentración franceses. En 1939 Pablo Neruda, daquela cónsul en Francia, fretaba o Winnipeg en colaboración co SERE. O Winnipeg sae de Bordeos con 2.200 refuxiados, entre eles os 12 mariñeiros de Malpica que logo pasarían a Perú e os mariñeiros de Cariño, Manuel Docal Breivo e os irmán Pita Armada, vinculados ao Sindicato de Pescadores de Cariño, entre outros. Para a axuda aos refuxiados españois foi decisivo o papel do SERE, FORAE e do Comité Chileno de Ayuda a los Refugiados, CChARE. As relacións cos residentes españois non foron boas, a excepción dos centros republicanos de Santiago e Valparaíso e os Centros Vasco e Catalán.

Uruguai[editar | editar a fonte]

A recepción de refuxiados no Uruguai dependeu do clima político. O goberno conservador de Gabriel Terra, emanado dun golpe de estado en 1933, cesa as relacións co goberno republicano tras a detención e asasinato de dúas cidadás uruguaias en Madrid, irmás do vicecónsul. Acto seguido, retira o corpo diplomático de Madrid. En menos dun mes, promulga dúas leis que endurecen a política de recepción de inmigración. Pásase a exixir a posesión dun certificado consular, no que se garantise a non implicación en organismos políticos. A sucesión de Terra, supuxo unha democratización do país. O novo presidente Alfredo Baldomir inicia unha reapertura cara aos refuxiados. En 1940 autorizou a entrada de entre 400 e 500 refuxiados. Con todo, este cambio non se reflectiu nun cambio na lexislación que seguía obstaculizando a entrada de refuxiados. A entrada ao país realizábase de maneira ilegal, como tripulantes ou polisóns de barcos ou atravesando a fronteira por puntos non autorizados, como o caso de Pablo Barreiro e Manuel Veiga, que atravesaron en 1944 o río Uruguai a nado.

Destaca para a saída de Galiza a acción dos cónsules uruguaios José María Perello e Edmundo Nóvoa. José María Perelló, cónsul en Vigo axudou a saír do país a persoas nadas no Uruguai ou con parentes nese país. A súa acción solidaria serviulle para ser homenaxeado polo Gupo de Exiliados Vigueses ao seu retorno a Uruguai. Pola súa banda, Edmundo Nóvoa, cónsul en Vilagarcía, de ideas republicanas e amigo persoal de Castelao tivo un comportamente análogo ao do seu colega en Vigo. A súa actuación provocou a reprobación do goberno de Burgos, sendo trasladado ao consulado de Porto. Afincado en Portugal, seguiu viaxando semanalmente a Vilagarcía e trasladando fuxidos no seu coche. Unha nova chamada de atención valeulle o traslado definitivo a Uruguai.

No Uruguai ás distintas asociacións contituídas por inmigrantes con anterioridade á guerra civil, sumáronselle asociacións específicas de exiliados. En 1939 constitúese o Círculo Republicano Español e o Centro de Exiliados de España e con carácter máis local o Grupo de Exiliados Vigueses, activo até 1945. Da reinserción dos exiliados do país encarregábanse estas asociacións. En xuño de 1938 créase a Organización Regional Gallega Pro Ayuda al Pueblo de España Leal, ORGAPE, dentro do Comité Central de Españoles. O ORGAPE tiña unha audición radiofónica, Hora Radial Gallega, en que se recaudaban fondos para a asistencia de refuxiados. Tamén procuraban familiares no Uuruguai de refuxiados nos campos franceses, para que os puidesen reclamar. Esta procura facíase por medio de seccións específicas na prensa republicana. Máis tarde, a Sección Gallega de Casa de España toma o relevo da ORGAPE. Da inserción na sociedade uruguaia dos exiliados encarregábase a “Comisión de Asistencia Social” do “Centro Republicano Español”. A comisión encarregábase da creación de bolsas de traballo, asistencia médica a feridos de guerra, pago dos gastos iniciais de aloxamento e axudas económicas extraordinarias.

A partir da década do 40, Uruguai converteuse nun destino máis atractivo, en parte debido ás trabas que atopaban os exiliados republicanos na veciña Arxentina. Foi por iso que Montevideo se converte no escenario de actos republicanos como a constitución do Consello de Galiza en 1944.

Estados Unidos de América[editar | editar a fonte]

Os Estados Unidos de América foron un destino minoritario do exilio galego, salientando os profesores, que exerceron a súa profesión en diversas universidades estadounidenses. Pódese destacar entre eles a Ernesto Guerra da Cal, Xosé Rubia Barcia, Ramón Martínez López, Leonardo Santamarina e Emilio González López.

Desde as cátedras de Historia, Lingua ou Literatura centran o esforzo no estudo do totum hispánico; sexa cultura galega, portuguesa, española ou hispanoamericana. Lonxe do oficialismo imperante, e cos envidiábeis medios das universidades e bibliotecas dos The United States, elaboran unha obra crítica moi importante.
Xosé Manuel Maceira Fernández[5].

Arxentina[editar | editar a fonte]

Dieste exiliouse na Arxentina

Arxentina, especialmente Buenos Aires, foi un dos grandes capítulos na historia do pensamento e do discurso literario galegos. Alí encóntranse seis grupos de intelectuais que converten a capital arxentina no ámbito galeguista máis valioso:

De 1936 a 1962 (cando se publica a Historia de Galiza de Otero Pedrayo), en Buenos Aires editáronse e reeditáronse obras que non permitiría a censura do franquismo, como Sempre en Galiza, A esmorga ou as revistas Eufonía e Galicia Emigrante. Luís Seoane viu con claridade que a lingua galega en Galiza non tiña dimensión literaria, polo que, consciente de que os grandes títulos do século XIX non se reeditan, publicou os tres clásicos da nosa poesía. Nos primeiros anos dos 50 Seoane non deixa de publicar libros galegos, agora xa como complemento á editorial Galaxia.

En novembro de 1954 publicouse en Buenos Aires o opúsculo Denuncia diante a UNESCO da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol. O escrito de 32 páxinas foi redactado por Ramón Piñeiro e presentado á UNESCO en edición trilingüe na VIII Conferencia da UNESCO en Montevideo, na cal se ía tramitar a admisión de España, representada daquela por Manuel Fraga[6].

Política no exilio[editar | editar a fonte]

A política no exilio estivo marcada polas divisións entre as distintas frontes políticas, presente na dificultosa labor de reconstrución dos partidos políticos e nas institucións republicanas. Esta división afectou tamén ao galeguismo e á reivindicación do Estatuto de Autonomía. Polo xeral, podemos dicir que a excepción da fronte galeguista, os exiliados galegos mostran un comportamento semellante ao do conxunto do exiliado republicano español, aínda que se chegaron a crear asociacións especificamente galegas dentro dos grupos comunistas como a Comisión Galega do Partido Comunista de España en México, onde Luís Soto tería un importante papel. A comisión aínda que contaba con poucos membros, editaba o seu propio boletín "Loita", e a anarquista Confederación Rexional Galaica seguiu actuando, clandestinamente no interior, e publicamente no exilio.

Castelao foi un dos exiliados galegos de máis sona.

Canto á formación de organismos unitarios, créase a Alianza Nazonal Galega o 6 de decembro en México, integrada por representantes da UXT e CNT, republicanos, galeguistas e socialistas. A Alianza defendía a restauración republicana e o estatuto de autonomía. Porén, a división entre as distintas faccións era patente e foi agravada coa constitución do Consello de Galiza en 1944. Tanto a ANG como a CRG de México rexeitaban a constitución do Consello e do pacto de Galeuzca, ao mesmo tempo que non recoñecían a representatividade de Castelao, Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde e Ramón Suárez Picallo.

Ao mesmo tempo constituíse en Madrid a Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas (ANFD), integrada por centistas, socialistas e republicanos en 1944. Ese mesmo ano constitúese en Santiago a Xunta Galega da Alianza Democrática, cun pacto asinado polo Partido Galeguista, CNT, PSOE, UGT e Federación Agraria. O pacto evidenciaba as boas relacións entre galeguistas e libertarios.

O Goberno no exilio[editar | editar a fonte]

A constitución do goberno no exilio foi motivo de división desde un principio. Na reunión de Cortes celebrada o 17 de agosto de 1945 en México, noméase Diego Martínez Barrio. O presidente encarga a José Giral a formación no novo goberno, que presidiría o primeiro gabinete en agosto de 1945, onde estarían ausentes galeguistas e comunistas. Os comunistas, que se negaran a acceder a este goberno, replantéxanse a súa postura de alianzas, tras o fracaso da acción armada no val de Arán e pretenden integrarse no goberno republicano. Con este obxectivo, o pleno do PCE de 1945, disolve a Unión Nacional Española, UNE, e a Frente Libertador Gallego, dentro da UNE, para constituír o Bloque Repubricán Nazonal Galego (BRNG), onde tería un importante papel Enrique Líster e presidido por Manuel Portela Valladares, a quen postularían como ministro do goberno de Giral. Fronte a isto, a Xunta Galega de Alianza Democrática e os galeguistas de América postulaban a Castelao como ministro. A XGAD envía a Ramón Piñeiro a Francia para negociar a carteira galega cos comunistas. Tras negociar con Líster e Xoán Xosé Plá, chegase a un acordo e Giral anuncia a entrada de Castelao, co apoio da CNT, Cataluña e Euskadi.

Cultura no exilio[editar | editar a fonte]

Literatura galega do exilio[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Literatura galega do exilio.
Luís Seoane, escritor, xornalista, gravador, editor e pintor galego.

Un dos problemas que os exiliados tiveron que afrontar foi o da lingua que non coincidía coa das sociedades de acollida e mesmo cos emigrantes galegos de segunda xeración, instalados maioritariamente no castelán. Estes factores explican á praxe lingüística dos exiliados. Así, Luís Seoane non reedita unicamente a escritores en galego, senón tamén a Concepción Arenal ou o Padre Feijoo.

A pesar das dificultades, no exilio e moi especialmente en Bos Aires editáronse libros en galego de imposíbel publicación en Galiza como Sempre en Galiza e A esmorga. Tamén destaca a organización de eventos como a “Mostra dos libros galegos” de Bos Aires (1948) e a creación de distintas compañías teatrais.

Poesía[editar | editar a fonte]

Dentro da literatura galega do exilio destaca a produción poética, principalmente a de exiliados en Bos Aires como Luís Seoane, Emilio Pita ou Lorenzo Varela

  • Luís Seoane (Bos Aires, 1910 - A Coruña 1979). Escribiu catro libros de poesía: Fardel de Eisilado (1952), Na brétema de Santiago (1956), As cicatrices (1952) A maior abondamento (1972). A súa poesía aproxímase á corrente socialrealista.
  • Lorenzo Varela (A Habana, 1916 - Madrid, 1978). Comeza a súa actividade literaria en castelán e ao chegar á Arxentina, tras unha estadía en México, incorpórase ao grupo de Luis Seoane e Arturo Cuadrado. A súa obra poética en galego está composta por Catro poemas para catro gravados (1944), ilustrado por Luís Seoane, composto por catro poemas centrados en diferentes figuras da historia de Galiza María Pita, María Balteira, Roi Xordo e o bispo Ataúlfo II. O seu seguinte poemario será Lonxe (1954), cuxos núcleos temáticos son o exilio e as saudades que provoca e, por outra banda, a guerra civil e as súas consecuencias.
  • Emilio Pita (A Coruña, 1909 - Bos Aires, 1981). A súa obra poética componse de Jacobusland (1942), Cantigas de nenos (1944), Os relembros. As cantigas (1959), O ronsel verdegal (1964) e Serán (1974).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 Repertorio biobibliográfico do exilio galego: unha primeira achega. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2001.
  2. Núñez Seixas, "Itinerarios do desterro: sobre a especificidade do exilio galego de 1936" en O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios.
  3. García Durán, J. (2001): Pola liberdade. A loita antifranquista de Luís Costa, Vigo, A Nosa Terra.
  4. Rubio, José (1977): La emigración de la Guerra Civil española de 1936-1939. Madrid.
  5. Xosé Manuel Maceira Fernández, A literatura galega no exilio (1995), pp. 237-238.
  6. Iglesias, Oscar: "Os antepasados de Franco en Montevideo" El País. 27/1/2012 (en galego).
    Comentarios ó libro por parte de Alonso MonteroLa Voz de Galicia (en galego), arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2016.
    "A "persecución" do galego volverá á Unesco 60 anos despois" Praza Pública. 27/3/2014 (en galego).
    Artigo de Freixanes Arquivado 15/08/2016, en Wayback Machine. La Voz de Galicia (en galego).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • VV.AA. (2001): Literatura Galega. Século XX. A Nosa Terra. Vigo.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Exilio_galego_de_1936&oldid=4853815"