Facultade de Dereito de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°52′24.3″N 8°33′16.5″O / 42.873417, -8.554583

A Facultade de Dereito de Santiago de Compostela é o edificio da Universidade de Santiago de Compostela no que se imparten os estudos de Dereito. Desde mediados do século XX está situada no Campus Sur, na avenida do Doutor Ángel Jorge Echeverri. Anteriormente ocupaba o andar inferior da actual Facultade de Xeografía e Historia.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

As orixes da Universidade de Santiago remóntanse a finais do século XV, cando o notario e rexedor compostelán Lopo Gómez de Marzoa promoveu a creación en Santiago de Compostela do Colexio de Estudantes Pobres.[1] O 17 de xullo de 1501 de novo Lopo Gómez de Marzoa xunto con Diego de Muros II, bispo de Canarias, e Diego de Muros III, deán de Santiago, fixeron unha segunda fundación, na que configuraron un Estudo Xeral coa súa propia normativa e a súa sede nunha casa da Rúa Nova onde se impartiron clases de Gramática e unha cátedra de Canons. No ano 1504 unha bula do papa Xulio II confirma a fundación do devandito estudo. Este estudo foi absorbido polo Colexio de Santiago Alfeo no ano 1542, tras o pasamento do seu único catedrático Pedro de Victoria, considerado primeiro reitor da Universidade de Santiago[2]

Pero a verdadeira fundación da Universidade foi obra do arcebispo Alonso III de Fonseca que, no ano 1522 comezou a xestionar a creación dun Colexio Novo, ao que denominaría Colexio de Santiago Alfeo, que foi aprobado por unha bula do papa Clemente VII o 15 de marzo de 1526 outorgándolle os mesmos privilexios que o colexio fundado polo cardeal Cisneros en Alcalá de Henares. Fixou o proxecto no seu testamento de 1531, incluíndo a dotación aos executores e ao proxecto de construción, pero á súa morte no ano 1534 aínda non se puxera en marcha. Nos anos 1551 e 1552 algúns testamenteiros reuníronse co patrón do colexio, o conde de Monterrei, co obxecto de poñer en marcha o colexio. O edificio xa estaba feito pero carecían da normativa organizativa, polo que chegaron a valorar a entrega da institución aos xesuítas para que fosen eles os que a organizasen. Finalmente, o 25 de outubro de 1553 promulgaron as primeiras ordenanzas, pero estas non chegaron a aplicarse. Xa había tempo que o Colexio de Santiago Alfeo estaba construído nos terreos doados polo propio Fonseca do solar familiar na Rúa do Franco.

As liortas entre os partidarios de entregar a institución aos xesuítas, principalmente o arcebispo Xoán Álvarez de Toledo, e os testamenteiros, fixo que o cabido recorrese á arbitraxe de Filipe II. Este, por medio da provisión real do 26 de xuño de 1555, encomendoulle ao doutor Andrés Cuesta o estudo e reorganización do colexio. Seguindo a encomenda organizou o Colexio de Santiago Alfeo diferenciándoo da propia Universidade. Só os colexiais do devandito colexio podían obter os graos académicos tendo que esperar á consolidación definitiva até o 10 de decembro de 1567, cando o Consello Real estableceu as gradacións da Universidade de Santiago de Compostela. A Coroa foi desde entón o principal patrón da institución. No ano 1577 solicitouse de novo a intervención da Coroa para reformar os estatutos da universidade. A consecuencia foi a visita de Pedro Portocarrero e a posterior aprobación da súa reforma en outubro de 1588. Nela especificábanse mais polo miúdo as competencias e funcións dos diferentes órganos e establecíase a residencia para teólogos e xuristas no colexio maior de Santiago Alfeo e a dos artistas no de San Xerome, deixándolle a ensinanza da Gramática á Compañía de Xesús. Ao longo do século XVI chegaron durante varios cursos aos 3.000 estudantes, que procedían principalmente de Galicia e Asturias.

No século XVII consolidouse coa incorporación das facultades de Leis e Medicina ás xa existentes de Artes, Teoloxía e Canons, e contou con até cinco colexios: o de Santiago Alfeo, o de San Xerome, o de San Clemente, o de San Patricio dos Irlandeses e o efémero de San Salvador. A Facultade de Dereito data, popr tanto, desta época.

Século XIX e primeira metade do XX[editar | editar a fonte]

Durante o século XIX e a primeira metade do XX, a Facultade de Dereito estivo situada no novo edificio chamado da Universidade Central de Santiago.

Tras a expulsión dos xesuítas en 1767 o rei Carlos III concedeulle á Universidade os terreos e edificios que esta orde relixiosa posuía en Santiago, comezando en 1769 a construción do novo edificio da Universidade, que foi inaugurado en 1805. Coa chegada do século XX rexístrase un aumento no número de alumnos, así como da oferta académica, coa conseguinte dotación de infraestruturas. Remátase en 1901 a ampliación do edificio central da Universidade, e constrúense os edificios da Facultade de Medicina (que, xunto coa de Farmacia, ocupaba o Pazo de Fonseca) co apoio de Eugenio Montero Ríos, a Facultade de Veterinaria (actual sede do Parlamento de Galicia) e o Colexio de Xordomudos (actual sede administrativa da Xunta de Galicia, en San Caetano).[3]

Edifico da Universidade Central de Santiago.

O edificio da Universidade Central estivo ocupado nesta época polas Facultades de Dereito, Filosofía e Letras e Ciencias. O edificio, rematado polas estatuas dos catro benfeitores da Universidade (Lopo Gómez de Marzoa,[4]Diego Juan de Ulloa,[5]Álvaro de Cadaval, que entre 1542 e 1545 ocupou o cargo de primeiro catedrático de gramática da Universidade,[6] e o III conde de Monterrei, Alonso de Zúñiga e Acevedo Fonseca, que foi padrón do Colexio de Santiago Alfeo, ou de Fonseca, que fundara seu tío Alonso de Fonseca e Ulloa.[3] Sobre o muro, no centro, instalouse un panel en relevo que representa á alegoría da sabedoría coroando con follas de loureiro á mocidade estudantil. A un lado e outro deste relevo locen senllos medallóns cos retratos dos fundadores da Universidade, Diego de Muros III, e Alonso III de Fonseca. Coroando a cornixa superior, dúas figuras femininas sosteñen un escudo coas armas abreviadas da coroa española.[7] e, enriba de todo, a escultura de Minerva e as Ciencias, grupo escultórico tallado polo noiés Xosé Ferreiro (1738-1830), que se retirou para ser instalado, en 1962, no novo edificio da Facultade de Ciencias no Campus Sur,[8] daquela coñecido como A Residencia.

Departamentos[editar | editar a fonte]

Os Departamentos da USC que imparten docencia neste centro son:[9]

  • Ciencia Política e Socioloxía
  • Ciencias da Comunicación
  • Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia e Pediatría
  • Departamento externo vinculado ás titulacións
  • Dereito Común
  • Dereito Público e Teoría do Estado
  • Dereito Público Especial e da Empresa
  • Economía Aplicada
  • Economía Financeira e Contabilidade
  • Electrónica e Computación
  • Estatística, Análise Matemática e Optimización
  • Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana
  • Filoloxía Inglesa e Alemá
  • Fundamentos da Análise Económica
  • Historia
  • Organización de Empresas e Comercialización
  • Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía

Titulacións[editar | editar a fonte]

Na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela impártense na actualidade as seguintes titulacións:[10]

  • Curso Ponte do Grao en Criminoloxía
  • Dobre Grao en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos
  • Dobre Grao en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos - 2ª edición
  • Grao en Criminoloxía
  • Grao en Dereito
  • Máster Universitario en Avogacía (Lugo)
  • Máster Universitario en Avogacía (Santiago)
  • Máster Universitario en Estudos Internacionais
  • Máster Universitario en Fiscalidade Internacional e Comunitaria
  • Máster Universitario en Fiscalidade Internacional e Comunitaria (ed. virtual)

Equipo decanal[editar | editar a fonte]

O equipo de goberno da Facultade está formado por:[11]

  • Decano: Gumersindo Guinarte Cabada
  • Vicedecana: Ana María Gude Fernández
  • Vicedecana: Marta Otero Crespo
  • Secretaria: Sonia Esperanza Rodríguez Boente

Notas[editar | editar a fonte]

  1. USC, ed. (1995). Gallaecia Fulget: cinco séculos de historia universitaria. Catálogo da exposición do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela. pp. 102–104. ISBN 84-8121-304-7. Consultado o 6 de maio de 2018. 
  2. USC, ed. (1995). Gallaecia Fulget: cinco séculos de historia universitaria. Catálogo da exposición do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela. p. 100. ISBN 84-8121-304-7. Consultado o 10 de decembro de 2012. .
  3. 3,03,1 "Historia da USC". Universidade de Santiago de Compostela. Consultado o 23 de abril de 2018. 
  4. Amparo Rubio Martínez & Miguel García Fernández (2016): Las últimas voluntades de Lope Gómez de Marzoa: un ome poderoso y muy emparentado en la cibdad de Santiago. Cuadernos de Estudios Gallegos LXIII Núm. 129, pp. 243-286.
  5. VV. AA. 1995, p. 100.
  6. Díaz y Díaz, Manuel Cecilio (1996): "Álvaro de Cadaval, primer latinista de la Universidade de Santiago: unas notas". Cuadernos de estudios Gallegos, Tomo XLIII, Nº 1808, pp. 346-347.
  7. Franjo Padín Casas: Facultade de Xeografía e Historia en Patrimonio Galego.
  8. Grupo escultórico de Minerva y los geniecillos de las Ciencias en Memorias de Compostela.
  9. USC. Facultade de Dereito. Departamentos.
  10. USC. Facultade de Dereito. Titulacións.
  11. USC. Facultade de Dereito. Goberno,

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Facultade_de_Dereito_de_Santiago_de_Compostela&oldid=4826201"