Fariña (serie de televisión)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Fariña
FARIÑA logo.png
XéneroThriller
Escrito porRamón Campos
Gema R. Neira
Cristóbal Garrido
Diego Sotelo[1]
Dirixido porCarlos Sedes
Jorge Torregrossa[1]
Intérpretesvéxase a sección de seu
Tema de apertura"O que teño que facer para non ter que ir ó mar" de Iván Ferreiro[2]
Lingua(s)castelán
Temporadas1
Episodios10 (Lista de episodios)
Produción
Produtor(es)
executivo(s)
Ramón Campos, Teresa Fernández-Valdés e Carlos Sedes
Produtor(es)Bambú Producciones
Localización(s)Varias en Galicia e Madrid.
Duraciónata 70 min. por episodio
DistribuidorAtresmedia
Emisión orixinal
Canle de orixeAntena 3
Primeira emisión28 de febreiro de 2018
Ligazóns externas
Páxina web
Ficha na IMDb

Fariña é unha serie de televisión inspirada en feitos reais, emitida pola canle de televisión española Antena 3, entre o 28 de febreiro e o 9 de maio de 2018. Está baseada no libro homónimo Fariña, do xornalista coruñés Nacho Carretero, e versa sobre o narcotráfico en Galicia e Sito Miñanco, un histórico traficante de drogas galego.[3]

Foi producida por Atresmedia Televisión en colaboración con Bambú Producciones e nela participaron un gran número de actores galegos como Javier Rey, Celso Bugallo, Marta Larralde, Patricia Vázquez e Antonio Durán "Morris", entre moitos outros.[4]

A súa estrea foi adiantada debido ao secuestro cautelar xudicial do libro no que está baseado, levado a cabo o 5 de marzo de 2018.[5]

Trama[editar | editar a fonte]

O Pazo Baión, propiedade emblemática do narcotraficante Laureano Oubiña.

Ambientado na Galicia dos anos 80, moitos pescadores galegos atópanse cheos de débedas e sen un posto de traballo. Sito Miñanco é un pescador con habelencia manexando a lancha que comeza no contrabando de tabaco da man de Terito (Vicente Otero Pérez), o xefe dos clans da ría de Arousa. Despois, estabelécese pola súa conta con outros compañeiros. Porén, a escaseza económica fará que aqueles que traficaban con tabaco aproveiten para intentar expandir o seu negocio a un máis perigoso: as drogas.

Entre os diferentes clans de contrabando coméntase a posibilidade de empezar co tráfico de haxix, droga que o fillo de Manuel Bustelo xa distribúe pola zona. Laureano Oubiña e outros clans son partidarios, mais Terito oponse. Máis tarde, nunha viaxe a Panamá para blanquear cartos, Sito Miñanco contacta con traficantes de cocaína para desembarcala en Galicia. Deste xeito, pasará ao negocio do narcotráfico na costa galega, onde os que se encargan do tráfico na zona, contactarán cos líderes dos carteles colombianos.[6] Coa expansión do negocio, o 80% da droga europea desembarcará nas praias galegas.

Pola súa parte, os fillos de Manuel Charlín van tras Cándido Silva para reclamarlle os cartos roubados. Para atrapalo contan coa axuda do garda civil Montáñez e de Pilar Charlín. Silva recibe unha malleira, pero logra escapar e entrégase ó sarxento Darío Castro para denunciar ós Charlín.

A historia conclúe coa Operación Nécora, un operativo policial sen precedentes na historia do narcotráfico, cun continxente de centenares de policías desprazados de Madrid, e a primeira das redadas contra o narcotráfico galego da década dos 90.

Personaxes e elenco[editar | editar a fonte]

Agás no caso dos líderes da organización, os nomes das personaxes na ficción difiren dos nomes das persoas nas que están inspirados. A maioría dos máis de 120 actores e actrices que os interpretan son galegos,[7] participando, entre outros, os seguintes:[8][9]

Elenco principal[editar | editar a fonte]

Javier Rey é Sito Miñanco.
Tristán Ulloa é Darío Castro, sarxento da Garda Civil.
Actor Personaxe Inspirado en
Javier Rey Sito Miñanco el mesmo
Tristán Ulloa Sarxento Darío Castro Enrique León Calviño [10]
Antonio Durán "Morris" Manuel Charlín el mesmo
Carlos Blanco Laureano Oubiña el mesmo
Manuel Lourenzo Vicente Otero Pérez "Terito" el mesmo
Xosé Antonio Touriñán Francisco "Paquito" Charlín Pomares el mesmo
Isabel Naveira Pilar Charlín
Xulio Abonjo Ramón "Moncho" Charlín Pomares
Tamar Novas Roque Ramiro Martínez Señoráns
Eva Fernández Esther Lago ela mesma
Fran Lareu Oli Olegario Falcón Piñeiro
Monti Castiñeiras Luis Colón "Colombo" Luís Falcón "Falconetti"
Alfonso Agra Manuel Bustelo Manuel Baúlo
Carlos Sante Varela Modesto Loval
Miquel Fernández García Xuíz Baltasar Garzón el mesmo

Colaboradores especiais[editar | editar a fonte]

Marta Larralde é Nieves.
Celso Bugallo interpreta o pai de Sito Miñanco.
Actor Personaxe Inspirado en
Jana Pérez Camila Reyes Odalys Rivera
Celso Bugallo Pai de Sito
Juan Pablo Shuk José Nelson Matta Ballesteros el mesmo
Marta Larralde Nieves Rosa Pouso
(primeira muller de Sito Miñanco)
Nancho Novo Xuíz

Personaxes recorrentes[editar | editar a fonte]

Mario Bolaños é Elde El Pelao.
Actor Personaxe Inspirado en
Mela Casal Nai de Sito Miñanco
Patricia Vázquez Ana María Rosa María Carro Otero
(primeira muller de Oubiña)
Luísa Merelas Amalia Josefa Pomares Martínez
(muller de Manuel Charlín)
Cristina Iglesias  Leticia Charlín
Pepo Suevos Di Stéfano Manuel Durán Somoza, «Kubala»
Adrián Ríos Miguel Abad "Petete" Manuel Abal Feijóo, «Patoco»
Chechu Salgado Javi Bustelo Daniel Baúlo
Mariana Carballal Muller de Terito
Antonio Mourelos  Xuíz Beigbeder José Luis Seoane Spiegelberg
Jesús Noguero Fiscal Javier Zaragoza Aguado el mesmo
Tito Asorey Avogado Pedro Ventura Pablo Vioque
Milo Taboada  José Luis Montáñez (Garda Civil) José Luis Orbáiz Picos
Machi Salgado Figueroa (Garda Civil)
Ricardo de Barreiro Montilla (Garda Civil)
Miguel Borines  Axente da GC de Tráfico
Javier Varela  Aldán
Iván Marcos Braulio Montes
María Vázquez  Maruxa (muller de Braulio)
Christian Escuredo Tati
Nacho Castaño Ricardo Portabales el mesmo
Alberte Montes Manuel Fernández Padín el mesmo
Xosé Manuel Esperante Cándido Silva Celestino Suances
Susana Dans Nai de Silva
Miro Magariños Nino Balbín (alcalde de Ribadumia) Nené Barral
Evaristo Calvo Ministro Miguel Boyer
Ernesto Chao Presidente da Xunta de Galicia Xerardo Fernández Albor
Harlys Becerra  Jorge Luis Ochoa el mesmo
Mario Bolaños Elde El Pelao
Jason Trigueros  Gilberto Rodríguez Orejuela el mesmo
Iolanda Muíños Carmen Avendaño ela mesma
Xoel Fernández Xulio Braña
Mara Sánchez Couto Fina
Víctor Mosqueira Director de banco
Salvador del Río Cabo da Mariña
Brais Yanek Chino
Suso Pando  Aurelio
Marcos Viéitez Cura de Cambados
Cristina Fuentes Directora de residencia
Antón Coucheiro Bébedo

Episodios[editar | editar a fonte]

N.º
(serie)
N.º
(temp.)
Título Director(es) Guionista(s) Data de estrea Audiencia[11]
11 "1981" Carlos SedesRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo28 de febreiro de 20183,4 millóns[13]
43,7 % (Audiencia en Galicia)

Sito Miñanco, un pescador con destreza manexando a lancha, iníciase no contrabando do tabaco da man de Terito (Vicente Otero Pérez), o xefe dos clans da ría de Arousa. Despois establécese pola súa conta xunto con dous amigos. Para sortear a vixilancia aduaneira, subornan unha patrulla con varias caixas de Winston.[12] Entre os diferentes clans do contrabando coméntase a posibilidade de comezar co tráfico de haxix, droga que o fillo de Manuel Bustelo xa distribúe pola zona. Laureano Oubiña e outros clans son partidarios, pero Terito oponse. Máis tarde, nunha viaxe a Panamá para branquear cartos, Miñanco contacta con traficantes de cocaína para desembarcala en Galicia.[12] Pola súa banda, os fillos de Manuel Charlín van tras Cándido Silva para reclamarlle cartos que lles roubou. Para atopalo contan coa axuda do garda civil Montáñez e de Pilar Charlín, a irmá da familia que dirixe a conserveira. Silva recibe unha malleira, mais logra escapar e entrégase ao sarxento Darío Castro para denunciar os Charlíns.[12] 

21 "1982" Carlos SedesRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo7 de marzo de 20183,4 millóns[15]
51,2 % (Audiencia en Galicia)

Para que o resto dos clans non saiban que vai descargar cocaína, Sito Miñanco leva nos barcos caixas baleiras de tabaco para disfrazar os paquetes. Porén, o mal tempo fai que teña que adiar a descarga, o que leva a que desde Panamá ameacen con matar o seu amigo Roque.[14] Os Charlíns matan o can de Silva, como ameaza para que non se atreva a denuncialos ante a garda civil. O sarxento Castro fala co xuíz Beigbeder, e asumen que varios dos axentes do seu cuartel están en nómina dos contrabandistas. Doutra banda, os Charlíns enfádanse cos Bustelo porque unha sobriña do patriarca é moza de Javi Bustelo.[14] Sito Miñanco vai á igrexa parroquial, e pídelle ao cura que atrase un día a procesión da Virxe do Carme. Este acepta, pois Sito lle ofrece cartos para retellar o templo. Aproveitando a procesión, Miñanco introduce no peirao os 1000 quilos de cocaína. Ao descargala nos camións de Laureano Oubiña, Esther Lago decátase de que non é tabaco.[14] 

31 "1983" Carlos SedesRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo14 de marzo de 20182,7 millóns[17]
43,3 % (Audiencia en Galicia)

Despois da primeira descarga de cocaína, Roque e Oli dinlle a Sito Miñanco que non queren seguir co negocio e que prefiren volver ao tabaco, a pesar de que chega a Galicia Camila, a muller que coñecera en Panamá e que o puxera en contacto cos cárteles. O goberno de Felipe González aproba unha lei contra o narcotráfico e o contrabando, o que pon en garda ao resto de clans.[16] Laureano Oubiña, logo de que Esther Lago descubrise que Sito Miñanco trouxera cocaína, pídelle a este o contacto de Colombia para meterse el tamén no negocio da droga. O xuíz Beigbeder autoriza escoitas nos teléfonos das casas dos clans, e asigna ao posto da garda civil tres homes de fóra para asegurarse de que non están subornados polos contrabandistas.[16] A garda civil intercepta unha chamada na que se fala dunha descarga, pero un artigo na prensa pon en cautela a Sito Miñanco. Os clans, reunidos co alcalde de Ribadumia, cancelan as descargas. Laureano Oubiña e Esther Lago celebran a súa voda preto do Pazo Baión, e Castro vai sacar fotos das persoas que asisten ao evento.[16] Pese a que o seu pai lle advertiu de que deixase as descargas, o fillo de Bustelo organiza unha descarga de haxix. Os fillos de Charlín alíanse con el, cobrando parte dos cartos desa descarga a cambio de permitir que Bustelo saia coa curmá dos Charlín. No banquete, en presenza de todos os convidados, Castro leva ao garda civil Montáñez -que colabora cos Charlín- a declarar ante o xuíz.[16] Bustelo sabe que os Charlín van participar nunha descarga, sen saber que están de acordo co seu fillo, e fala con Silva para que dea o chivatazo á garda civil. Porén, decátase a tempo de que o seu fillo vai participar na descarga e logra desmantelala antes de que o haxix toque terra. Frustrado, o sarxento Castro entra no restaurante de Terito sen orde xudicial á procura do libro de contabilidade dos clans, e tíralle unhas fotografías.[16] 

41 "1984" Carlos SedesRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo21 de marzo de 20182,8 millóns[19]
44,1 % (Audiencia en Galicia)

Preséntase o Club Juventud Cambados, do que é presidente Sito Miñanco, co resto de contrabandistas no campo. Sito xa non está con Nieves, que marchou coas súas fillas, senón con Camila, a moza que coñecera en Panamá, e van vivir a unha casa que está a nome dela. O capitán do equipo pídelle a Sito dous millóns de pesetas para levar a súa nai aos Estados Unidos a curar un cancro. O avogado Pedro Ventura ofrécese a Terito para traballar con el, pero Terito rexeita a oferta.[18] Hassan, o narcotraficante que organizara a descarga de haxix co fillo de Bustelo, reclámalle aos fillos de Charlín 30 millóns de pesetas. Unha muller denuncia ante a garda civil que houbo movementos estraños na súa conta do Banco Hispano Americano. O sarxento Castro comeza a investigar, e o director da sucursal bancaria explícalle como fan os contrabandistas para mover os cartos a contas de Suíza.[18] A garda civil preséntase na toma de posesión de Nino Balbín como alcalde de Ribadumia para deter os contrabandistas. Todos eles foxen a Portugal, agás Sito Miñanco, que se esconde no piso do capitán do equipo de fútbol. Roque e Oli levan cartos a Suíza, e esconden o tabaco na casa de Camila.[18] Pilar Charlín logra in extremis os cartos para saldar a débeda dos seus irmáns con Hassan. Como os contrabandistas están en Portugal, as mulleres reúnense e deciden se levar as rendas do negocio. Pilar Charlín e Esther Lago son partidarias de seguir coas descargas, e Esther preséntalles o avogado Pedro Ventura. Castro descobre que un garda civil colabora con Sito, e obrígao a que descubra onde se esconde. Logo dunha persecución, logran detelo. No cárcere de Carabanchel contacta con membros dos cárteles de Cali e Medellín que queren traballar con el.[18] 

51 "1985" Carlos SedesRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo4 de abril de 20182,6 millóns[21]
46,7 % (Audiencia en Galicia)

Na noitevella os contrabandistas -agás Sito Miñanco, que está no cárcere- están en Portugal, e comentan que o ingreso de España na Comunidade Económica Europea en 1986 lles virá mal, pois a pesar dos investimentos en infraestruturas que permitirán unha mellor distribución dos alixos, haberá acordos xudiciais entre países que permitirán as extradicións. As mulleres seguen organizando descargas e negocian novos prezos, se ben Camila se mantén á marxe ao non querer pagar a súa parte de cartos para participar da cooperativa.[20] Esther Lago é detida logo de que Castro intercepte un alixo de tabaco. O avogado Pedro Ventura organiza un encontro en Portugal entre os contrabandistas e o presidente da Xunta de Galicia. Chegan a un acordo co novo xuíz, pois Beigbeder é trasladado a Cantabria, para que se entreguen e os liberen baixo fianza.[20] Sito Miñanco rompe cos seus amigos Roque e Oliverio, que non queren pasarse ao tráfico de cocaína. Pídelle a Braulio que traballe para el, e este cóntallo a Terito. Os clans dinlle a este que queren pasarse ao narcotráfico. Braulio, ademais, dille ao sarxento Castro onde vai ser a descarga de cocaína. Sito Miñanco sábeo, e pídelle aos colombianos que lle deixen a el xestionar a traizón de Braulio, mais este aparece morto coa garabata colombiana, método usado para acabar cos delatores.[20] 

61 "1986" Jorge TorregrossaRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo11 de abril de 20182,4 millóns[23]
38,9 % (Audiencia en Galicia)

A droga flúe polas rúas das vilas das Rías Baixas. Sito Miñanco gaña grandes cantidades de cartos, e Castro vai onde o Presidente da Xunta para informalo de que os clans se pasaron ao tráfico de cocaína e haxix, e para pedirlle colaboración na loita contra o narcotráfico.[22] Nunha reunión dos xefes dos clans co avogado Pedro Ventura, que traballa para a Cámara de Comercio de Vilagarcía e milita en Alianza Popular, dilles que precisa cartos para botar a Mariano Rajoy da provincia, algo que apoia o propio presidente do partido. Colombo suborna un técnico de urbanismo (logo de ameazalo) para que lle concedan licenza para construír un casino. Sito Miñanco descobre que Camila se deitou co capitán do equipo de fútbol, e fai que este deixe de xogar.[22] Os xefes dos clans asisten ao enterro de Braulio, e a muller bótaos de alí ao consideralos culpables. Sito Miñanco dille a Colombo que contrate a muller de Braulio para traballar no seu casino, logo de que quedase viúva. A cambio, dálle o contacto dos clans colombianos para que el tamén trafique con cocaína. A muller de Braulio dille ao sarxento Castro onde vai facer Colombo a descarga.[22] Charlín permite que os seus fillos volvan ao negocio do tráfico de haxix, logo de pasar un ano traballando na conserveira como castigo. Castro fai que se pinchen de novo os teléfonos para interceptar as comunicacións dos clans. Un dos seus homes, a soldo de Sito Miñanco, case é descuberto ao intentar ocultar unha conversa entre Charlín e un dos marroquís. Gardan a droga nunha granxa, e un porco morre ao morder un fardo de haxix. Pola noite Paquito sofre un accidente de tráfico mentres conducía bebido e drogado. No accidente Paquito case bate contra un autobús no que veñen prostitutas de Portugal. Castro sabe entón que a descarga de Colombo vai ser esa noite. Logo dunha persecución por parte da garda civil, a planadora bate contra unha batea e o piloto morre. Despois, Colombo é detido.[22] 

71 "1987" Jorge TorregrossaRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo18 de abril de 20182,2 millóns[25]
37,2 % (Audiencia en Galicia)

Nunha persecución dunha descarga organizada por Sito Miñanco, un home que acompaña a Petete na planadora cega cun foco o buque do Servizo de Vixilancia Aduaneira que vai tras deles, e tras bater contra unha batea, o piloto morre. Sito Miñanco dixéralles que en caso de persecución tirasen a mercadoría pola borda, pero o home desobedeceuno por medo e como vinganza porque na morte do piloto de Colombo tamén o cegaran cun foco. Finalmente a garda civil detén varios braceiros, entre eles Ricardo Portabales.[24] Colombo segue no cárcere da Parda, e como o avogado non o dá sacado, ameaza con chegar a un acordo da fiscalía. Os clans propoñen matalo, pero Sito Miñanco manda prenderlle lume á casa del como aviso, o que xorde efecto. Paquito recupérase do accidente, pero ten danada a medula. O seu irmán, co que Manolo Charlín está decepcionado, bate nos homes que o acompañaban no coche e o deixaron tirado. Pilar Charlín dille ao pai que lle deixe organizar unha descarga. A súa curmá Leticia e o mozo desta, Javi Bustelo, regresan de Madrid. Este pídelle traballo aos Charlíns, e o clan envíao cos colombianos como garantía durante unha descarga.[24] Logo de que o seu fillo sufrise unha sobredose de cocaína, Carme Avendaño pídelle ao sarxento Castro que acabe co narcotráfico, e comeza reunións co resto de nais para facerse oír. Castro vai onde o presidente da Xunta, no medio dunha manifestación na praza do Obradoiro polo repartimento da cota do peixe, para recriminarlle que se reunise cos contrabandistas.[24] Os clans comezan a recibir notas de ameazas como vinganza pola morte do garda civil. Laureano Oubiña sofre un atraco, mais logran desfacerse dos tres asaltantes. Oubiña é levado a prisión por agredir un garda civil durante a liberdade baixo fianza.[24] A descarga dos Charlíns sae mal e perden a metade da carga. Vioque recoméndalle ao pai que lle diga aos colombianos que perderon todo no accidente. Vende o resto en Valencia, pero os colombianos descobren o truco. Disparan na casa dos Charlíns, e avisan de que van matar a Javi Bustelo. Bustelo pai pídelle axuda a Sito Miñanco, e este á súa vez pídelle a Camila que chame a Ballesteros para salvarlle a vida ao rapaz, ademais de prestarlle a Bustelo e Charlín os 500 millóns de pesetas que pedían os colombianos pola droga.[24] 

81 "1988" Jorge TorregrossaRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo25 de abril de 20182 millóns[27]
40,8 % (Audiencia en Galicia)

Logo de que o seu compañeiro de cela faleza dunha sobredose de heroína, Ricardo Portabales comeza a escribir un caderno para colaborar coa xustiza. Oubiña e Colombo descobren o caderno e danlle unha malleira, pero Portabales dille á súa parella que lle faga chegar a información a un xuíz de fóra de Galicia.[26] Despois de asistir ao enterro do rapaz que morreu de sobredose, Carmen Avendaño discute co seu fillo. Este cóllelle cartos do bolso, e vai a un bar a mercar heroína. A nai ségueo, e pouco despois improvisa canda a outras nais unha manifestación diante do bar para denunciar que alí se leva a cabo tráfico de drogas. O sarxento Castro aparece e a garda civil entra no bar, pero non logran descubrir nada.[26] Manolo Charlín liquida a débeda que tiña con Sito Miñanco polo rescate do fillo de Bustelo. Este contacta con Ballesteros para que acaben cos Charlíns, pero a garda civil intervén a chamada telefónica e comeza a investigar os colombianos. Esther Lago faise cargo dos negocios de Sito Miñanco, a pesar das reticencias dos outros clans porque é unha muller. Oubiña e Lago mandan os fillos a internados de Portugal ante o medo polas ameazas.[26] Padín reclámalle aos Charlíns os cartos que estes lle deben. Como non llos dan, Padín ponse en contacto cun xornalista do Diario de Pontevedra que fora entrevistar a Carmen Avendaño, e despois aparece na Televisión de Galicia coa voz modificada e sen que se lle vexa o rostro. Os Charlíns identifícano, e téndenlle unha trampa para que a garda civil o deteña con cocaína.[26] Carmen Avendaño convoca unha rolda de prensa, na que di os nomes dos narcotraficantes. Alí asiste Sito Miñanco cos seus homes, que a comezan a insultar cando menciona o nome do seu xefe. Para gañar de novo o respecto social, Miñanco logra que o nomeen fillo predilecto do concello de Cambados. Ao acto acode un sicario para matar a Manolo Charlín, pero non o logra ao apareceren as nais contra a droga. Despois intenta matar o seu fillo Paquito, pero tampouco o logra pola aparición do garda civil Montilla, a pesar de que este se manifestara a favor de non entremeterse nas guerras entre clans e deixar que acabasen entre eles. Antes Manolo Charlín decide ir pedir perdón aos colombianos por enganalos, e Ballesteros pídelle axuda para branquear cartos.[26] O sarxento Castro recibe unha chamada do xuíz Baltasar Garzón, a quen chegara a información de Ricardo Portabales, e o garda civil vai a Madrid xunto con Carmen Avendaño.[26] 

91 "1989/1990" Jorge TorregrossaRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo2 de maio de 20182,15 millóns[29]
39,7 % (Audiencia en Galicia)

Padín e Portabales, os arrepentidos, chegan a un acordo co xuíz Baltasar Garzón e co fiscal Javier Zaragoza para que declaren contra os clans. Explícanlles como funciona o narcotráfico, e axudan a Castro a recoller probas.[28] Ramón Sebastián Granados, o sicario colombiano que intentara matar a Paquito Charlín, quedara en coma despois de que lle disparase Montilla. Castro esperaba a que saíse do coma para que dixese para quen traballaba, pero morre no hospital. A garda civil fai correr o rumor de que saíu do coma e vai declarar, e outro sicario vai ao hospital para matalo. Este segundo sicario é detido, e explica que traballa para Elder "El Pelao", e que foi este quen ordenara a morte de Braulio Montes.[28] Maruxa, a muller de Braulio, deixa de traballar no casino ao saber que xa se sabe quen matou o seu home. Por outra banda, os Charlíns compran uns décimos de lotería premiados para branquear cartos, pero Leticia, a sobriña, róubaos para marchar con Javi Bustelo.[28] O sicario detido dille a Castro que un dos seus homes, Carlos Romero Bueno, está ás ordes de Sito Miñanco. Castro descobre quen é o garda civil que traballa para Sito Miñanco. O garda avisa a Sito de que se prepara unha gran operación para detelos a todos, e Sito logra escapar a Suíza con Camila, que está embarazada. Amais Sito avisa a Terito da operación en agradecemento por axudalo nos seus comezos.[28] Laureano Oubiña sae do cárcere ao prescribir os delitos por contrabando de tabaco. Ao chegar ao Pazo Baión son recibidos con insultos polas nais da asociación Érguete. Días despois Carme Avendaño e o seu home teñen un accidente co seu coche, logo de que nunha sabotaxe alguén lle cortase os cables dos freos.[28] Como o garda civil corrupto avisara a Miñanco do operativo, Baltasar Garzón decide adiantar a operación. Son detidas 51 persoas, entre elas Manolo, Paquito e Moncho Charlín, Laureano Oubiña e Esther Lago, Manuel Bustelo e Petete.[28] 

101 "1990" Carlos SedesRamón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo9 de maio de 20182 millóns[31]
36,8 % (Audiencia en Galicia)

Sito Miñanco e Camila falan con Ballesteros para organizaren unha descarga de fariña, a cambio de que os colombianos lle leven os cartos que sacaron de Suíza a Panamá. Miñanco fala con El Chino e con Di Stéfano, e coordinará a descarga desde o seu chalé de Pozuelo de Alarcón. Miñanco e Camila cruzan a fronteira sen problema, pero El Chino é interceptado, e a garda civil retén todos os aforros de Sito Miñanco, que ían na furgoneta en lingotes de ouro.[30] O xuíz Garzón ordena que os presos da operación Nécora sexan illados. Non obstante, coa connivencia do director do cárcere, o avogado Ventura logra poñerse en contacto con eles de cara a preparar as súas declaracións. Pola súa banda, Terito vai onde o comisario Castro, e logra que a orde de detención quede anulada por un defecto de forma. Portabales e Padín preparan tamén as súas declaracións xunto con Garzón e Zaragoza.[30] Castro pídelle a El Chino que contacte con Sito Miñanco a través dun teléfono portátil para saber onde se esconde. Falando en clave, Miñanco sabe que El Chino foi detido. Camila, embarazada, marcha a Panamá mentres Sito prepara a descarga. Miñanco pídelle axuda a Oli e Roque, pero estes só se prestan a avisar a Di Stéfano.[30] O macroxuízo comeza na Casa de Campo de Madrid. Oubiña e Charlín van con roupa vella, e Oubiña mesmo con zocas, para pasaren por labregos incapaces de manexar grandes conglomerados. Portabales recoñece que traballaba para Miñanco e que nunca viu aos presentes no xuízo traficando con substancias ilegais. Ventura dille ao tribunal que Portabales e Charlín son uns drogadictos que só pretenden facer acusacións falsas para reducir a súa condena.[30] Segue a tensión entre os Charlíns e os Bustelo polo roubo dos cartos da lotaría. Darío Castro convence a Manuel Bustelo para que declare a cambio de protección para a súa familia, e o fillo e a súa moza Leticia marchan de Galicia. A pesar de que pon unha patrulla diante da casa, dous homes armados entran na vivenda e disparan a Bustelo e á súa muller.[30] Laureano Oubiña e Esther Lago son condenados a 12 anos de cárcere. O resto dos xefes dos clans son declarados absoltos.[30] A descarga vai adiante. Di Stéfano leva a droga a Madrid para lla entregar aos colombianos, pero é seguido pola garda civil desde Galicia. Finalmente, Miñanco é detido.[30] O capítulo e a tempada rematan cunha prolepse sobre o devir dos acontecementos: Sito Miñanco, Charlín e Oubiña en prisión, Esther Lago finada en accidente, a inhabilitación do xuíz Garzón, o secuestro do libro Fariña e mesmo feitos acontecidos en abril de 2018.[30] 

Produción[editar | editar a fonte]

Rodouse entre maio e novembro de 2017 en exteriores e localizacións reais en Noia (igrexa de San Martiño, Liceo de Noia), Abruñeiras (estaleiro), Outes, Santiago de Compostela (pazo de Raxoi), Porto do Son (praia das Furnas), Pontevedra (Casa Consistorial, IES Valle Inclán), A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, O Porto de Meloxo, Illa da Toxa (Casino A Toxa) e Madrid (escenas da Hacienda Panamá e do cárcere da Parda). Un dos atractivos da serie son as persecucións gravadas de noite. O primeiro capítulo comeza en 1981 e o último remata coa operación Nécora.

Banda sonora[editar | editar a fonte]

Iván Ferreiro, intérprete da canción de apertura.

Con música orixinal de Federico Jusid, compoñen a banda sonora, entre outros temas, os seguintes:[32]

  • Canción de apertura: "O que teño que facer para non ter que ir ó mar", de Iván Ferreiro.[33]
  • "Non che teño medo" de Heredeiros da Crus, incluído no disco Jard rock con fe (2013).
  • "Algún día caeré" de Los Cafres, incluído no disco S.F. 13 Tractor Cerebral (1988).
  • "No volveré" de Kokoshca, incluído no disco Hay una luz (2013).
  • "Galicia caníbal" do grupo Os Resentidos, incluído no disco Fai un sol de carallo (1986).
  • "Desorden en la ría" do grupo Korosi Dansas, incluído no disco Cordura (1995).
  • "Miña terra galega" do grupo Siniestro Total, incluído no disco Menos mal que nos queda Portugal (1984).
  • "Mi consentido" do grupo Kokoshca, incluído no disco Algo real (2016)
  • "Galicia, sitio distinto" do grupo Os Resentidos, incluído no disco Fai un sol de carallo (1986).
  • "Ciudades y cicatrices", do grupo Mujeres, incluído no disco Un sentimiento importante (2017).
  • "En Verano, Ornitofilia", do grupo Carolina Durante, incluído no disco Necromántico (2017).
  • "España se droga", do grupo Siniestro Total, incluído no disco Policlínico miserable (1995).
  • "Siempre eterno", do grupo Mujeres, incluído no disco Un sentimiento importante (2017).
  • "Un atasco", do grupo La Plata, incluído no disco Un atasco (2017).
  • "Marte", do grupo Tigres Leones, incluído no disco La Catastrofía (2015).
  • "No sé ligar", do grupo Aerolíneas Federales, incluído no disco Aerolíneas Federales (1986).
  • "No mires atrás", do grupo Kokoshca, incluído no disco Algo real (2016).
  • "El año de la victoria", do grupo Tigres Leones, incluído no disco El año de la victoria (2017).
  • "Ainhoa", do grupo Juventud Juché, incluído no disco Juventud Juché (2012).
  • "Non chas quero", do grupo Os Diplomáticos de Monte-Alto, incluído no disco Arroutada Pangalaica (1991).
  • "Me voy", do grupo La Plata, incluído no disco Desorden (2018).
  • "De hoy no pasa", do grupo Siniestro Total, incluído no disco De hoy no pasa (1987).
  • "La noche criminal", do grupo Sierra, incluído no disco A ninguna parte (2017).
  • "Amiga extraña", do grupo Sierra, incluído no disco A ninguna parte (2017).
  • "Muiñeira de Chantada", do grupo Son Lalín, incluído no disco Muiñeira de Chantada (1978).

Estrea e reaccións[editar | editar a fonte]

Estaba previsto que se estrease en abril de 2018, mais Antena 3 adiantou a estrea debido ao secuestro cautelar do libro ordenado por parte da xuíz de Collado Villalba Alejandra Fontana logo da denuncia do ex alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar.[34][35] Amais, Sito Miñanco, a persoa na que se basea a personaxe protagonista, fora detido en Alxeciras o 5 de febreiro, tres semanas antes, nunha operación contra o narcotráfico.[36] Co primeiro capítulo acadou un 21,5% de audiencia, con 3,4 millóns de espectadores.[37]

Tras a estrea, Laureano Oubiña ameazou con accións legais contra a produtora por unha das escenas iniciais, na que o personaxe baseado nel, interpretado por Carlos Blanco, ten sexo co personaxe que representa a Esther Lago, a que era a súa muller.[38] O día 19 de abril de 2018 quedaron citadas a produtora da serie e Oubiña para un acto de conciliación. Oubiña esixiu que se emitise unha rectificación pública pola escena que entendeu atenta contra o seu honor e intimidade.[39]

O crítico César Lorenzo Gil louvou a adaptación da serie comparándoa con Narcos, e indicou que había un bo tratamento do uso da lingua galega.[40] A asesoría lingüística da serie estivo a cargo de Rosa Moledo.[41] Pola súa banda o xuíz José Antonio Vázquez Taín valorou a serie nunha entrevista no xornal El Progreso afirmando: "Fariña quédase moi curta. É coma se fas unha serie da mafia e pos os personaxes a roubar nun supermercado".[42]

Premios[editar | editar a fonte]

Nos Premios Ondas de 2018 gañou o galardón á mellor serie española.[43]

Nos XX Premios Iris (2018) déronlle o "Premio á mellor ficción"; o "Premio ao mellor actor" a Javier Rey; o "Premio ao mellor guión" a Ramón Campos, Teresa Fernández-Valdés, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido, Diego Sotelo e David Moreno e o "Premio á mellor dirección de ficción Antonio Mercero" e o "Premio Iris do xurado" a Carlos Sedes e Jorge Torregrossa.[44]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 Fariña (serie de TV, 2018) en FilmAffinity.
  2. "Iván Ferreiro pone voz a la cabecera de Fariña". Faro de Vigo (en castelán). 27/2/2018. 
  3. La Vanguardia, ed. (28 de febreiro de 2018). "Fariña: Todo lo que necesitas saber de la serie de Antena 3" (en castelán). 
  4. Antena 3 decide dejar en emisión 'Fariña': la serie continuará en el prime time de los miércoles
  5. "La juez ejecuta el secuestro de ‘Fariña’, el libro sobre los ‘narcos’ gallegos", El País, 5 de marzo de 2018 (en castelán).
  6. The Independent (ed.). "Cocaine fleets bring wealth and death to the end of the earth". Consultado o 26 de decembro de 2014. 
  7. "'Fariña': actores gallegos para dar vida en la tele a la historia del narcotráfico en Galicia". La Opinión (A Coruña) (en castelán). 13/6/2017. 
  8. Antena3.com. Descubre al elenco de Farina (en castelán).
  9. "Estas son las personas reales detrás de los personajes de 'Fariña'". El Mundo (en castelán). 28/2/2018. 
  10. "Enrique León con Darío Castro: Una dosis de realidad para Fariña", Diario de Arousa, 30 de abril de 2018 (en castelán).
  11. "O éxito de 'Fariña', desacougo polo regreso do pasado incómodo de Galicia", artigo de David Lombao en Praza Pública, 13 de maio de 2018.
  12. 12,012,112,2 "1981", na páxina web de Atres Player.
  13. "'Fariña' estrena su primer capítulo con un 21,5%, muy cerca de 'Got Talent' y su 20,8%", Fórmula TV, 1 de marzo de 2018 (en castelán).
  14. 14,014,114,2 "1982", na páxina web de Atres Player.
  15. "'Fariña' se mantiene en un fantástico 21,3% y 'Got Talent' baja pero marca un gran 17% en su segunda semifinal", Fórmula TV, 8 de marzo de 2018 (en castelán).
  16. 16,016,116,216,316,4 "1983", na páxina web de Atres Player.
  17. "'Got Talent' crece a un estupendo 18,8% y 'Fariña' baja, pero anota un gran 17,4%", Fórmula TV, 15 de marzo de 2018 (en castelán).
  18. 18,018,118,218,3 "1984", na páxina web de Atres Player.
  19. "'Fariña' lidera por cuarta semana con un 17,7% frente al 18,6% de 'Got Talent'", Ver Tele, 22 de marzo de 2018 (en castelán).
  20. 20,020,120,2 "1985", na páxina web de Atres Player.
  21. "Buen estreno de 'Viajeros Cuatro' (6,6%) frente a 'Fariña' (16,3%) y 'Got Talent' (17,5%)", Fórmula TV, 5 de abril de 2018 (en castelán).
  22. 22,022,122,222,3 "1986", na páxina web de Atres Player.
  23. "'Got Talent' cierra su tercera edición liderando con un estupendo 19,7% frente al buen 14,5% de 'Fariña'", Fórmula TV, 12 de abril de 2018 (en castelán).
  24. 24,024,124,224,324,4 "1987", na páxina web de Atres Player.
  25. "'OT El concierto' marca un 9,1% en La 1, 'Factor X' baja a un gran 16% y 'Fariña' (13,8%) es lo más visto", Fórmula TV, 19 de abril de 2018 (en castelán).
  26. 26,026,126,226,326,426,5 "1988", na páxina web de Atres Player.
  27. "Discreto estreno de 'La otra mirada' (9,6%) frente a 'Factor X', que se mantiene líder con un buen 15,7%", Fórmula TV, 26 de abril de 2018 (en castelán).
  28. 28,028,128,228,328,428,5 "1989/1990", na páxina web de Atres Player.
  29. "'Factor X' se mantiene en un buen 15,6% pero 'Fariña' (13,5%) es lo más visto y 'La otra mirada' (10,1%) sube", Fórmula TV, 3 de maio de 2018 (en castelán).
  30. 30,030,130,230,330,430,530,630,7 "1990", na páxina web de Atres Player.
  31. "'Factor X' (16,5%) sube, 'Fariña' se despide con un 13,3% y 'Pesadilla en la cocina' (8,7%) llega fuerte", Fórmula TV, 10 de maio de 2018 (en castelán).
  32. "Las canciones de 'Fariña', la serie que ha conquistado al público" (en castelán). Antena 3. 8/3/2018. 
  33. "Iván Ferreiro: "La gente quiere que cante en gallego pero se me tienen que ocurrir cosas"". Faro de Vigo (en castelán). 1/3/2018. 
  34. "Fariña, narcotraficantes de pantalón de pana y dominó". El País (en castelán). 28/2/2018. 
  35. "A-3 se apresura a estrenar 'Fariña' para aprovechar el secuestro del libro". El Periódico de Catalunya (en castelán). 27/2/2018. 
  36. "Detenido Sito Miñanco en una gran operación antidroga". El País (en castelán). 28/2/2018. 
  37. "Fariña: de libro prohibido a éxito televisivo incontestable". Vanity Fair (en castelán). 1/3/2018. 
  38. "Laureano Oubiña amenaza con acciones legales a la serie Fariña por la escena de sexo con su mujer". eldiario.es (en castelán). 2/3/2018. 
  39. "Oubiña y la productora de 'Fariña' celebrarán el 19 de abril un acto de conciliación por la escena de sexo". 20 minutos (en castelán). 26/3/2018. 
  40. Lorenzo Gil, César (1/3/2018). "‘Fariña’ e o acento galego en Madrid"". Biosbardia. 
  41. "Púxose máis esforzo en coidar a lingua de ‘Fariña’ do que se ve en moitos produtos actuais da TVG", entrevista de María Yáñez a Rosa Moledo en Praza Pública, 2 de abril de 2018.
  42. "Vázquez Taín: "Cualquier juez hubiera condenado a Jesús; es impepinable"". El Progreso (en castelán). 24/5/2018. 
  43. "Premios Ondas 2018 para ‘Operación Triunfo’, ‘Fariña’ y ‘La vida moderna’". El País (en castelán). 17 de outubro de 2018. Consultado o 17 de outubro de 2018. 
  44. "XX Premios Iris: “Sigamos fortaleciendo con unidad esta Academia…" 24/10/2018 (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Fariña_(serie_de_televisión)&oldid=4961810"