1000 12/16

Federico García Lorca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Para o aeroporto Federico García Lorca Granada-Xaén véxase: Aeroporto de Granada.
Federico García Lorca
Federico García Lorca. Huerta de San Vicente, Granada.jpg
Nome completoFederico del Sagrado Corazón de Jesús García Lorca
Nacemento5 de xuño de 1898
 Fuente Vaqueros
Falecemento18 de agosto de 1936
 Granada
CausaFusilamento
NacionalidadeEspaña
Alma máterFacultad de Filosofía y Letras (Universidad de Granada) e Columbia University School of Engineering
Ocupacióndirector teatral, letrista, autor, dramaturgo, poeta, músico e pintor
IrmánsFrancisco García Lorca, Isabel García Lorca e Concepción García Lorca
Coñecido/a porBodas de sangre, Yerma, Libro de poemas, Poeta en Nueva York, Poema del cante jondo, Así que pasen cinco años, El público, Diván del Tamarit, Doña Rosita la soltera o el lenguaje de las flores, La casa de Bernarda Alba, Romancero gitano e Seis poemas galegos
Federico García Lorca signature.svg
editar datos en Wikidata ]

Federico García Lorca, nado en Fuente Vaqueros (Provincia de Granada) o 5 de xuño de 1898 e falecido en Víznar (Provincia de Granada) o 18 de agosto de 1936, foi un poeta e dramaturgo andaluz, membro da Xeración do 27 e autor en lingua galega de Seis poemas galegos (1935), o poeta español máis lido de tódolos tempos.[1] Morreu fusilado polas autoridades franquistas un mes despois do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu pé ao inicio da Guerra civil española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun propietario andaluz, Federico García Rodríguez (1859-1945), e dunha mestra de escola, Vicenta Lorca Romero (1870-1959), que deixou o seu traballo para dedicarse á educación do seu fillo, e que lle transmitiu o amor pola música, Lorca foi un neno precoz que lía a Victor Hugo e Miguel de Cervantes, aínda que non destacou na escola. En 1909 a familia trasladouse á cidade de Granada: alí Lorca entrou nos círculos culturais locais e coñeceu a Fernando de los Ríos, Melchor Fernández Almagro e Manuel de Falla.

Comezou estudando na Universidade de Granada en 1914 e publicou o seu primeiro libro en 1918, Impresiones y paisajes, nado dunha viaxe de estudos que organizara un dos seus profesores: visitou daquela Madrid, O Escorial, Ávila, Medina del Campo, Salamanca, Zamora, Astorga, Ourense, Redondela, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, León, Sahagún, Venta de Baños, Burgos e Segovia.[2] En 1919 instalouse na Residencia de Estudiantes de Madrid e fixo amizade con Luis Buñuel e Salvador Dalí, e grazas á súa amizade co director do Teatro Eslava, Gregorio Martínez Sierra, escribiu, en verso, a súa primeira obra teatral, El maleficio de la mariposa, estreada en marzo de 1920 no Teatro Eslava, que tan só se mantivo en cartel catro días. Lorca non volveu estrear outra obra ata 1927, con Mariana Pineda, que si foi un éxito, pero seguiu a publicar poemarios como El libro de poemas (1921), Canciones (1927).

En 1928 publicou Romancero gitano que foi outro éxito, pero que non evitou que Lorca caera nunha fonda depresión causada pola incomprensión da familia da súa homosexualidade, e mesmo veu o filme feito polos seus amigos Dalí e Buñuel Un chien andalou (1929) como un ataque persoal, ao tempo que a súa relación co escultor Emilio Aladrén, apaixonada pero non recíproca, deteriórase. Todo iso provocou a súa volta a Granada para rematar a carreira de Dereito.

En 1929 coa axuda dunha bolsa de estudos emprendeu unha xira polos Estados Unidos de América, cunha estadía específica en Nova York, que lle inspirou o poemario Poeta en Nueva York (publicado en 1940 e onde explora a súa alienación e illamento con novas técnicas poéticas). Máis tarde publicaría dúas obras teatrais (Así que pasen cinco años e El público) que escribe na súa estadía en Cuba (marzo-xuño 1930).

Segunda República[editar | editar a fonte]

Coa chegada da Segunda República e o nomeamento do seu mentor Fernando de los Ríos como Ministro de Instrución Pública, Lorca faise cargo do grupo teatral ambulante La Barraca (1932), percorrendo a España rural e achegando o teatro clásico ó mundo popular, e que lle permite visitar Galicia (A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Baiona e Ribadeo)[3] e entrar en contacto cos intelectuais galegos. Nesa época escribe a coñecida como triloxía rural: Bodas de sangre (1933), Yerma (1934) e La casa de Bernarda Alba (1936). En 1933 realizou unha xira pola Arxentina. Á morte do seu amigo toureiro Ignacio Sánchez Mejías o 11 de agosto de 1934, o poeta dedícalle o seu Llanto por Ignacio Sánchez Mejías.

Guerra civil e asasinato[editar | editar a fonte]

Lorca deixou Madrid camiño de Granada antes do estoupido da Guerra civil española. Arrestado, foi fusilado o 18 de agosto de 1936 en Fuente Grande, xunto a tres persoas máis. O autor material dos feitos foi o terratenente falanxista Juan Luis Trescastro Medina, quen diría máis tarde:

Acabamos de matar a Federico García Lorca. Yo le metí dos tiros en el culo por maricón.[4]

Seis poemas galegos[editar | editar a fonte]

Seis poemas galegos, con prólogo, en castelán, de E. B. A., Nós, 1935.[3]
Artigo principal: Seis poemas galegos.

García Lorca visitou pola primeira vez Galicia en 1916 na viaxe de estudos. Xa na Residencia de Estudantes en Madrid coñeceu ao musicólogo galego Jesús Bal y Gay, co que ensaiou cántigas do folclore musical galego, ao tempo que lía apaixonadamente os cancioneiros galego-portugueses e a autores galegos como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Luís Amado Carballo ou Manuel Antonio.

En 1931 coñeceu a Ernesto Guerra da Cal, nacionalista galego que residía en Madrid dende a infancia, e entrou en contacto co ambiente galeguista de Madrid, onde ía ós faladoiros que mantiñan os entón deputados Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo na capital de España.

En maio de 1932 realizou a súa segunda viaxe a Galicia para dar unha serie de conferencias. En Santiago de Compostela fixo amizade con Carlos Martínez-Barbeito, que se afianza ao ir este a estudar a Madrid ese mesmo ano.

En agosto de 1932 está en Galicia por terceira vez, á fronte de "La Barraca", coa que actuou en varias cidades e vilas galegas, e en novembro dita unha serie de conferencias na compaña de Xosé Filgueira Valverde, e estrea na revista Yunque de Lugo o primeiro dos seus poemas galegos: Madrigal â cibdá de Santiago, escrito co asesoramento de Francisco Lamas e Luís Manteiga.

Ernesto Guerra da Cal e Lorca en Madrid en 1934.[5]

En 1933 Eduardo Blanco Amor, entón correspondente do xornal arxentino La Nación, coñece a Lorca e dáo a coñecer na Arxentina, polo que, cando Lorca viaxou logo á Arxentina, recibiu unha calorosa acollida por parte dos arxentinos e en especial pola colonia galega. En agradecemento, Lorca escribe Cántiga do neno da tenda, e xa de volta en España desenvolve unha intensa relación de amizade con Blanco Amor, que mesmo pasará algunhas temporadas na casa dos pais de Lorca en Fuente Vaqueros. Debido á petición de Blanco Amor, Federico García Lorca accede a publicar os seus poemas galegos no libro Seis poemas galegos en 1935 co selo da Editorial Nós:[3] os poemas son composicións naturais e espontáneas, que lembran os poemas publicados en Canciones (1927), pero ó mesmo tempo insírense na tradición literaria galega. Eduardo Blanco Amor escribiu o limiar (en castelán) e sempre mantivo que os poemas eran fundamentalmente unha creación de Lorca (tanto dende o punto de vista lingüístico como de estilo), mentres Ernesto Guerra da Cal, nos últimos anos da súa vida afirmaba que fora el quen os puxera en galego: está visión apoiouna Xosé Luís Franco Grande, pero o resto dos investigadores deron a razón a Blanco Amor.

Obra[editar | editar a fonte]

Prosa[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Libro de poemas (1921)
  • Oda a Salvador Dalí (1926)
  • Canciones (1927)
  • Romancero gitano (1928)
  • Poema del cante jondo (1931, [1921])
  • Llanto por Ignacio Sánchez Mejías (1935)
  • Seis poemas galegos (1935), Santiago de Compostela, Nós.[7]
  • Diván del Tamarit (1936)
  • Sonetos del amor oscuro (1936)
  • Poeta en Nueva York (1940, [1929])

Teatro[editar | editar a fonte]

Lorca, Pura Maórtua e Valle-Inclán na preestrea de Yerma, Madrid, 1934.[8]
Placa na praza de Sta María de Lugo.
  • El maleficio de la mariposa [1920], en verso.[9]
  • Mariana Pineda (1927)
  • La zapatera prodigiosa (1930)
  • Retablillo de Don Cristóbal (1930)
  • El público (1930)
  • Así que pasen cinco años (1931).[10]
  • Amor de don Perlimplín con Belisa en su jardín (1933)
  • Bodas de sangre (1933)
  • Yerma (1934)
  • Doña Rosita la soltera o el lenguaje de las flores (1935)
  • La casa de Bernarda Alba (1936)
  • Comedia sin título (inacabada) (1936)[11][12][13][14]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Levan o seu nome rúas, avenidas, prazas, parques, centros culturais, auditorios, un buque da navieira Baleària e o aeroporto F.G.L. Granada-Jaén.[15]

En 2018 dedicóuselle o Día do Orgullo Galego.[16] En 2019 o concello de Redondela solicitou á Real Academia Galega que considerase dedicarlle a Lorca un Día das Letras Galegas.[17]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Retrato de Salvador Dalí, Federico García Lorca (1927). 
Autorretrato de Lorca para Poeta en Nueva York, 1929-30. 
Lorca cun cartel de La Barraca, 1932.[18] 
Cuns amigos en Betanzos, en 1932.[19] 
Carta de Lorca a Xavier Bóveda, 13/11/1933. 
Monumento a Lorca en Oleiros

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Federico García Lorca. Biografía" (en castelán). Instituto Cervantes. 
  2. Mariscal, Luis (2018). Alvarellos, H., ed. El gran viaje de estudios de García Lorca (en castelán). Alvarellos Editora. ISBN 978-84-16460-35-9. 
  3. 3,03,13,2 Iglesias López, Francisco Xabier (14/11/2014). "Seis poemas galegos". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com. 
  4. Preston 2011.
  5. Pérez Rodríguez 2011.
  6. Impresiones y paisajes Biblioteca Digital Hispánica.
  7. Alvarellos, H., ed. (2018). Seis poemas galegos (facsímile) (en castelán). Alvarellos Editora. ISBN 978-84-16460-53-3. 
  8. Alvarellos, Quique (4/11/2018). "García Lorca recita, en galego, en Torrejón". La Voz de Galicia. 
  9. García Lorca, Federico (1999). Menarini, Piero, ed. El maleficio de la mariposa. Ediciones Cátedra. ISBN 978-84-376-1706-0. 
  10. Estreada en galego por Sarabela Teatro en 2003 (Así que pasen cinco anos).
  11. "El Aula de Teatro de la UA estrena la obra inacabada de Lorca “Comedia sin título”". Alicantehoy (en castelán). 18/5/2017. 
  12. "Lluis Pasqual destroza el escenario en 'Comedia sin título'". El País (en castelán). 24/5/1989. 
  13. "Una 'Comedia sin título'" (en castelán). Consultado o 19/6/2017. 
  14. Mantilla, Jesús Ruiz (16/12/2016). "La inacabada ‘Comedia sin título’ de Lorca ya tiene final". El País (en castelán). 
  15. Aeropuerto F.G.L. Granada-Jaén Aena.
  16. "O Día do Orgullo Galego estará dedicado este ano a Lorca, cunha edición inédita dos 'Seis Poemas'". Praza Pública. 18/6/2018. Consultado o 19/6/2018. 
  17. Leis, Iván (9/2/2019). "Redondela propondrá a la RAG que dedique un Día das Letras Galegas a Federico García Lorca". Faro de Vigo (en castelán). 
  18. Huerta de San Vicente, Granada Museo Raíña Sofía.
  19. Pérez Rodríguez 2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Multimedia externa
Gravacións de son
"Alberti recita poemas de Lorca". UNLP. 1961. 
Vídeos
"Para todos la 2" (en castelán). La 2. 2011. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Federico_García_Lorca&oldid=5159106"