Fernando Álvarez de Sotomayor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fernando Álvarez de Sotomayor
Fernando Alvarez de Sotomayor.jpg
Nome completo Fernando‏ Álvarez de Sotomayor y Zaragoza
Nacemento 25 de setembro de 1875
  Ferrol
Falecemento 17 de marzo de 1960
  Madrid
Soterrado Cemitério de San Isidro
Nacionalidade España
Ocupación pintor
Premios Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica, Gran Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio e sen etiquetar
editar datos en Wikidata ]

Fernando Álvarez de Sotomayor Zaragoza, nado en Ferrol o 25 de setembro de 1875 e finado en Madrid o 17 de marzo de 1960, foi un pintor académico galego. Boa parte da súa obra destaca por reflectir diversos aspectos da vida de Galicia con luminosidade e colorido.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha familia burguesa ferrolá, o seu pai morreu cando Fernando era un rapaz. A familia trasladou a súa residencia a Toledo, e nesta cidade desenvolveu a súa vocación ao carón do profesor de debuxo José Gutiérrez e do paisaxista José Vera. En 1893 iniciou en Madrid os seus estudos universitarios; alí coñeceu ao pintor Manuel Domínguez, quen o orientou definitivamente cara a pintura. Estudou o bacharelato en Madrid. Intentou seguir varias carreiras, adicándose finalmente por completo á pintura.

Tras a súa aprendizaxe do obradoiro de Manuel Domínguez, en 1899 gañou unha pensión da Escola de San Fernando para a Academia de Belas Artes de Roma. Dende a cidade italiana viaxou a París, Países Baixos e Bélxica. Iso permitiulle coñecer aos impresionistas franceses e á pintura flamenga e holandesa, que tiveron unha gran influencia na súa obra. Tras retornar a Madrid en 1904, logra a primeira medalla da Exposición Nacional de Belas Artes. Con posterioridade obtén outros recoñecementos como o primeiro premio na Exposición Internacional de Barcelona ou a medalla de ouro da Exposición Internacional de Múnic. En 1905 volveu a Galicia, onde foi seducido polo ambiente sinxelo da vida aldeá e preparou a súa serie de temas galaicos. Nesta etapa figuran obras como O segador, Saíndo de misa no pazo de Mende e Comida de voda en Bergantiños.

En 1908 instalouse en Santiago de Chile, de cuxa Escola Superior de Belas Artes foi director ata o seu regreso a España en 1915. En Chile a súa influencia foi fundamental, aínda que só viviu seis anos nese país. Coas súas clases primeiro e despois como director da Escola de Belas Artes, deixou unha pegada orixinal favorecendo os temas populares e a impronta peninsular na primeira xeración de artistas chilenos coñecida como a "Xeración do 13". Tras a súa volta, en España desenvolveu unha importante carreira artística que o converteu nun dos máis importantes e influentes personaxes do medio artístico oficial. Pódeselle considerar o pintor da Corte de Afonso XIII, e chegou a dirixir o Museo do Prado en diversos períodos (entre 1922 e 1931, e trala guerra civil española, de 1939 ata a súa morte no ano 1960) e a Academia de Belas Artes de San Fernando a partir do ano 1953.

En 1938 foi designado alcalde da Coruña[1] e, máis adiante, procurador nas Cortes españolas.

Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo Rubio, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, a Pardo Bazán e Picadillo.

Temática e estilisticamente, a súa obra enlaza coa de pintores como Rosales, Pradilla ou Muñoz Degrain. Mediante o emprego de cores puras e luminosas e unha temática campesiña ou folclóric,a persigue a exaltación da intrahistoria. No seu catálogo abundan os retratos de personaxes da vida política e económica do país. En 1922, cando foi nomeado director do Museo do Prado, a súa evolución artística abriuse a unha nova etapa, caracterizada polos retratos con paisaxes velazqueños, como o de Afonso XIII e a Duquesa de Santoña. Algúns cadros mitolóxicos, como Leda ou Sátiro e ninfas, pertencen tamén a este momento.

Coa caída da monarquía, estableceuse en Inglaterra e non regresou a España ata finalizada a Guerra Civil. As exposicións de pintura española realizadas en Xenebra e Buenos Aires aumentaron o carácter tradicional da súa pintura, como o demostran os retratos da Duquesa de Alba e do Duque de Híjar. Nos últimos doce anos da súa vida produciu obras de ampla factura como Ceres, San Agustín, San Vicente Ferrer ou O infortunio.

Unha boa parte da súa obra atópase en América, aínda que tamén é considerable o numero de óleos, acuarelas e debuxos reunidos pola Fundación Caixa Galicia.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Álvarez de Sotomayor no seu estudio, 1921. 
Sotomayor visto por Ramon Casas (MNAC). 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [1], Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, Fernando na Enciclopedia online do Museo do Prado

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Juan González Regueral
 Escudo de A Coruña.svg
Alcalde da Coruña
 
1939
Sucesor:
José Pérez-Ardá
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Fernando_Álvarez_de_Sotomayor&oldid=4834435"